Xustiza social e cultura da paz. Ciencia e educación ao servizo do entendemento

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas instaurou en 1981 o Día Internacional da Paz e designou o 21 de setembro (día de apertura da propia Asemblea) como data conmemorativa, ao considerar que non había mellor forma de comezar que reivindicando a paz. Neste ano 2025, baixo o lema «Actúa agora por un mundo pacífico», a ONU convídanos a «erguer a voz contra a violencia, o odio, a discriminación e a desigualdade», practicando o respecto e abrazando a diversidade do noso mundo.

Nestes tempos de incertezas e tensións xeopolíticas e sociais, a nós tampouco se nos ocorre mellor forma de iniciar o novo curso escolar que poñendo a cultura e o coñecemento ao servizo da paz e o entendemento. E desde o convencemento de que a xustiza social é unha vía imprescindible para o mantemento da cultura da paz, neste especial ofrecémosche unha pequena selección de recursos que nos axudan a achegarnos a ambos os dous conceptos desde múltiples perspectivas: a socioloxía, a educación, a filosofía ou a xeopolítica.

Obxectivos de desenvolvemento sostible

Vídeo didáctico (2´ 48´´) no que o alumnado de 3º da ESO do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) nos ofrece unha breve introdución sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobados pola ONU en 2015 no marco da Axenda 2030. Trátase de 17 obxectivos, relacionados entre si, que buscan un futuro sostible para todos e todas, achegando as liñas mestras para encarar desafíos globais coma a pobreza, a desigualdade, o clima, a degradación ambiental, a prosperidade, a paz e a xustiza.

ODS 16: Paz, xustiza e institucións sólidas

O alumnado de ESO do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño) explícanos neste vídeo divulgativo (2´ 28´´) en que consiste o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 16, que fala da necesidade de promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas.

Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), aprobados pola ONU en 2015 no marco da Axenda 2030, conforman un plan de acción dirixido a erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade.

Xustiza social

Carmen Verde, coordinadora do Grupo de Estudos en Traballo Social-Investigación e Transferencia (GETS-IT) da Universidade de Vigo, explícanos neste vídeo (5´ 25´´) o significado de conceptos como “xustiza social”, “igualdade” ou “equidade”.

Trátase da primeira entrega da serie de vídeos divulgativos “Unha cuestión de xustiza social”, producida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, coa colaboración da comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela).

Xenofobia

Tanto a xenofobia coma o racismo son formas de discriminación que van en contra da xustiza social. Neste vídeo didáctico (3´ 03´´) a investigadora Iria Vázquez explícanos o significado de ambos os dous conceptos e os matices que os diferencian.

A peza forma parte da serie de vídeos divulgativos “Unha cuestión de xustiza social”, producida pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, coa colaboración da comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela).

Grupo ECOSOT (Economía, Sociedade e Territorio)

A segregación é un dos principais mecanismos xeradores de desigualdades sociais. Coral del Río, Amaia Palencia e Olga Alonso, investigadoras do grupo ECOSOT da Universidade de Vigo, explícannos neste vídeo divulgativo (3´ 08´´) cales son as liñas de traballo que están a desenvolver na actualidade para estudar a secregación ocupacional da poboación inmigrante e lánzannos a seguinte mensaxe: para acadar sociedades pacíficas e xustas é imprescindible loitar contra as forzas que impiden a integración en igualdade dos diferentes colectivos que as conforman.

Dicionarios audiovisuais de ida e volta

Neste vinculo externo poderas ver
Dicionarios audiovisuais de ida e volta

Proxecto audiovisual conformado por 10 pílulas de entre 3-4 minutos de duración deseñadas como recursos didácticos para reflexionar sobre o proceso migratorio e poñer en valor a diversidade e a importancia do diálogo intercultural nas relacións Norte-Sur, reducindo os estigmas asociados á migración, a través do poder integrador das linguas. O proxecto foi realizado pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

Material complementario:
-Unidade didáctica.

Hannah

Vídeo didáctico (4´ 46´´) coa quinta entrega da serie web de ficción Sophias. Neste capítulo poderás introducirte no pensamento de Hannah Arendt, filósofa do século XX que reflexionou sobre a deriva social cara aos totalitarismos.

A serie web Sohpias está elaborada polo Consello da Cultura Galega co obxectivo de crear recursos audiovisuais que axuden a divulgar no ámbito do ensino as ideas das mulleres filósofas.

Investigamos na xeopolítica

A xeopolítica é unha disciplina científica que estuda a incidencia da xeografía humana e a xeografía física nas relacións de poder, nas relacións políticas e nas relacións internacionais. Neste vídeo divulgativo (4´ 19´´) José Julio Fernández, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e director do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), fálanos da importancia da investigación xeopolítica para a difusión e fomento da cultura da seguridade e da paz.

Seminario Galego de Educación para a Paz 1985-2005

Neste vinculo externo poderas ver
Seminario Galego de Educación para a Paz 1985-2005

O Seminario Galego de Educación para a Paz creouse en 1985 promovido por un grupo de profesionais dos distintos niveis do ensino sensibilizados pola ausencia de materiais didácticos e reflexións teóricas sobre a educación para a paz en xeral e especificamente sobre os dereitos humanos, a tolerancia, a solidariedade, o ecopacifismo, a solución pacífica de conflitos, a interculturalidade ou a cultura de paz.

Neste documental (28´ 08´´), realizado en 2005 para conmemorar o seu vixésimo aniversario, poderás achegarte á historia desta entidade, á metodoloxía didáctica que promoveu e á actividade desenvolvida no período 1985-2005.

Espazos de memoria, xénero e investigación

Aldara Cidrás Fuentes, doutora en Historia Contemporánea pola USC, fálanos nesta entrevista (19´ 37´´) das violencias femininas durante a guerra civil española, das fontes documentais para a investigación sobre o xénero, do uso dos espazos da memoria e da carreira investigadora das mulleres.

A peza, elaborada por Mazarelos Coop, forma parte do ciclo de entrevistas divulgativas Baixa á praza, onde diferentes expertas reflexionan desde distintas prazas de Santiago de Compostela sobre elementos da historia e a memoria de Galicia.

De como as mulleres traerán a liberdade, a xustiza e a paz

Ellen Johnson Sirleaf foi a primeira muller presidenta dunha nación africana e en 2011 recibiu o Premio Nobel da Paz. Nesta inspiradora charla de TED (14´ 11´´) cóntanos como as mulleres de Liberia axudaron a reconstruír o país despois de anos de guerra civil, e afirma que a equidade de xénero é un elemento esencial para a paz e a prosperidade. O seu plan é apoderar toda unha xeración de mulleres preparadas para que tomen o liderado e se convertan en catalizadoras dun cambio social a nivel mundial que nos permita vivir en sociedades libres, xustas e pacíficas.

Tradución ao galego de Alba Gil Vicente.

Que pasaría se detonásemos todas as bombas nucleares ao mesmo tempo?

Neste momento hai 15.000 bombas nucleares na Terra (14.000 en mans de Estados Unidos e mais de Rusia), pero sabemos cal é exactamente o seu poder destrutivo? Neste vídeo divulgativo (7´ 05´´), apoiándose na opinión de científicos expertos na materia, amósannos unha estimación de cal podería ser o grao de destrución para o planeta se todas esas bombas nucleares se detonasen ao mesmo tempo.