“A medicina cura o home; a medicina veterinaria cura a humanidade”. A célebre cita atribúeselle ao químico e microbiólogo francés do século XIX Louis Pasteur, e fai alusión á importancia que ten o traballo veterinario para a saúde global da humanidade, nomeadamente no que respecta ao control das zoonoses e á seguridade alimentaria. Este acertado enfoque continúa vixente hoxe baixo o concepto “Unha saúde única” (One Health, en inglés), acuñado recentemente por varias organizacións internacionais para defender a necesidade de tratar de forma conxunta e complementaria a saúde dos humanos, a dos animais e a do medio ambiente.
Tirando do fío da actualidade e da preocupación xerada pola aparición de diversas epidemias animais, neste especial de Proxector quixemos achegarnos ao tema das zoonoses: as enfermidades ou infeccións transmisibles de maneira natural entre os animais e as persoas, directa ou indirectamente. Atoparás información sobre algunhas das doenzas zoonóticas máis coñecidas (rabia, malaria, enfermidade de Lyme, infección por E. coli...), así como consellos de utilidade para evitar a súa expansión.
Que é unha zoonose?
Os expertos teñen claro desde hai máis dun século que a saúde dos animais, a das persoas e a do medio están estreitamente relacionadas. Neste vídeo divulgativo (5´ 07´´) o veterinario Guillermo Campos fálanos das zoonoses, as enfermidades que se transmiten de maneira natural entre os animais e as persoas.
Como pasan os virus dos animais para os humanos?
Vídeo de TED (4´ 48´´) no que Ben Longdon explica o proceso mediante o cal un patóxeno dunha especie pode infectar outra. Os virus son un tipo de parasito orgánico que infecta case calquera forma de vida. Neste vídeo descubrirás cales son as principais etapas que deben superar para sobrevivir e reproducirse, e como un virus adaptado a outro mamífero pode chegar a infectar un humano tan só con desenvolver unhas poucas mutacións afortunadas.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez.
Malaria
Vídeo divulgativo (1´ 47´´) sobre a malaria, unha enfermidade parasitaria letal, propia de zonas tropicais, que tamén se coñece co nome de paludismo. Que animal causa a malaria? Houbo esta enfermidade en Galicia? Déborah Vukusic cóntacho todo en menos de dous minutos.
A peza pertence ao "Dicionario da ciencia" e na súa realización participaron Emilio Rodríguez (realización), Nelson Ribeiro (cámara), Déborah Vukusic (presentadora), Eduard Rolland (guión) e Paula Lago (deseño gráfico).
Aos gatos nin tocalos
Probablemente terás escoitado nalgunha ocasión que os médicos lles recomendan ás embarazadas manterse afastadas dos gatos e mais dos embutidos. Eva Cabanelas Dopazo, doutora en veterinaria e docente no ensino medio, explícanos neste vídeo (9´ 38´´) cal é o motivo desta recomendación: o parasito Toxoplasma gondii. Que risco supón para os humanos entrar en contacto con este parasito? Son os gatos realmente os responsables da infección de Toxoplasma en humanos? Eva Cabanelas dános todas as respostas.
A charla tivo lugar o 12 de febreiro de 2023 no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do programa de divulgación científica "A foto 51", organizado polo Concello de Pontevedra, en colaboración co xornal GCiencia e o programa Efervesciencia (Radio Galega).
Febre hemorráxica Crimea Congo
A febre hemorráxica Crimea Congo é unha enfermidade vírica transmitida por carrachos duros (Ixodidae), principalmente do xénero Hyalomma. Neste vídeo divulgativo (5´ 11´´) o veterinario Guillermo Campos explícanos a orixe desta enfermidade e fálanos das medidas de prevención que cómpre tomar para que os nosos animais de compañía non se convertan en focos de atracción deste tipo de carrachos porque, de seren portadores do virus, a súa picadura podería supor un risco mortal para os humanos.
Que nos pode ensinar a vacinación de morcegos vampiros sobre as pandemias
Vídeo de TED (15´ 40´´) no que o ecoloxista Daniel Streicker nos fala da súa experiencia traballando en programas de erradicación da transmisión do virus da rabia a persoas, causada pola mordedura de morcegos vampiros. Daniel Streicker considera que estudar os padróns de comportamento de todos aqueles virus que se transmiten entre animais e persoas (independentemente de que consideremos que son susceptibles de ocasionar unha pandemia) podería axudarnos a estar mellor preparados ante futuras emerxencias. Nesa charla descubrirás que aprendizaxes podemos aproveitar no futuro a partir dos resultados obtidos no estudo dos brotes da rabia.
Tradución ao galego de Noelia Correa.
Prións: vacas tolas, cervos zombis e moito máis
Os científicos Jesús R. Requena, Yaiza Bugallo e Nuria López fálannos neste vídeo divulgativo (6´ 51´´) do traballo que se desenvolve no Prionlab do CiMUS, un laboratorio no que trantan de entender cómo se propagan os prións, uns enigmáticos axentes infecciosos que carecen de ácidos nucleicos e parecen desafiar as leis básicas da Bioloxía.
Unha arma secreta contra o Zika e outras enfermidades transmitidas por mosquitos
De onde vén o Zika e que podemos facer contra el? Neste vídeo de TED (15' 10'') a bióloga molecular Nina Fedoroff lévanos arredor do mundo para comprender as orixes do Zika e como se expandiu, ao tempo que propón un controvertido modo de parar o virus --e outras enfermidades mortais-- evitando que os mosquitos portadores se multipliquen.
Tradución ao galego de Susana Arrizado Gago para #TEDSAÚDE USC.
Gripe aviaria
A gripe aviaria é unha enfermidade vírica que afecta de xeito severo ás aves, tanto ás silvestres coma ás domésticas, pero tamén pode provocar problemas de saúde noutras especies. Neste vídeo divulgativo (5´ 35´´) o veterinario Guillermo Campos fálanos desta doenza e explícanos en que medida pode supor un importante risco para os nosos gatos.
O raposo e a enfermidade de Lyme
A enfermidade de Lyme é unha doenza zoonótica causada por bacterias do complexo Borrelia burgdorferi sensu lato, que se transmite a humanos e animais a través da picadura de carrachas duras infectadas do xénero Ixodes. Neste vídeo divulgativo (51´) Francisco Javier Lema Fuentes fálanos dos riscos desta enfermidade, do papel que xogan os ratos na súa transmisión e de como as mudanzas no número de raposos pode ter efectos directos na incidencia de enfermidades transmitidas por carrachas.
Resistencia á colistina en cepas de E. coli de orixe porcina
A resistencia a antibióticos é un dos meirandes problemas de saúde pública, xa que moitas das cepas multirresistentes íllanse en animais de produción e poden transmitirse ó ser humano a través da cadea alimentaria.
Nesta charla do DivulgaTerra 2017 (9´ 53´´) Isidro García Meniño explícanos como en 2016 se descubriu que algúns tipos de E. coli posúen un xene (mcr-1) que lles confire resistencia á colistina (un dos antibióticos que se empregan en medicina humana para tratar infeccións complicadas con cepas multirresistentes, e tamén é moi usado en produción porcina). A súa investigación consistiu en testar a prevalencia dese xene nun grupo de cepas de E. coli de orixe porcina.
As epidemias que case sucederon
Vídeo de TED (6´ 25´´) no que George Zaidan nos fala de catro experiencias nas que se conseguiu atallar a tempo a expansión de enfermidades, evitando deste xeito a aparición de epidemias. Concretamente, descubrirás cales foron as estratexias desenvolvidas para atallar un gromo de évola en Guinea; un gromo de febre amarela en Brasil; un gromo de cólera en Burkina Faso ou unha potencial transmisión de enfermidades entre animais e humanos en Tailandia.
Tradución ao galego de Ángela Novoa para TedSaúde 2023.

