Institucións e entidades da sociedade civil galega están a conmemorar neste 2025 o 75º aniversario da morte de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, poñendo o foco no seu legado intelectual, artístico, literario e político, decisivo para a construción da Galicia contemporánea.
Desde Proxector queremos contribuír tamén á celebración do Ano Castelao cun pequeno feixe de recursos audiovisuais que consideramos que poden ter aproveitamento didáctico, co ánimo de axudar a divulgar entre a mocidade a memoria e o legado deste galego universal. Na selección incluímos pezas de carácter biográfico; análises do contexto histórico, social e político no que viviu Castelao e tamén algúns recursos divulgativos elaborados polo Departamento de Educación do Museo de Pontevedra que nos permiten coñecer mellor a súa faceta artística.
Ano Castelao, 75 anos dun símbolo
Co gallo da conmemoración do 75º aniversario da morte de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, Nós Televisión publicou en maio de 2025 esta reportaxe (11´) na que Henrique Monteagudo (director da Cátedra Castelao da USC) e Miguel Anxo Seixas (presidente da Fundación Castelao) reflexionan sobre este intelectual, artista, escritor e político rianxeiro que se converteu nun dos principais símbolos de Galicia.
Castelao en Lugo (Cap. 1). A I Asemblea Nacionalista Galega
Primeiro capítulo (9´ 33´´) da serie documental producida por Nós Televisión Castelao en Lugo, na que se narran diferentes feitos históricos da traxectoria política de Castelao que transcorreron na cidade das murallas. Nesta primeira entrega fálannos da súa participación na I Asemblea Nacionalista Galega, que tivo lugar os días 17 e 18 de novembro de 1918.
A serie está dirixida por Diego Frei e Rosabel Candal, con guión de Ana Viqueira e a propia Rosabel Candal.
As estampas de Castelao no Museo de Pontevedra
Castelao consideraba a paisaxe galega un símbolo da identidade nacional. En 1931 depositou no Museo de Pontevedra unha serie de once obras pictóricas que el mesmo denominou “estampas” e que constitúen unha colección que nos permite coñecer o "Castelo paisaxista" e a influencia que tivo nel a arte oriental. Neste vídeo divulgativo (5´ 48´´) Sabela Santos, do Departamento de Educación do Museo, ofrécenos a posibilidade de facer unha visita virtual á sala na que están expostas.
Material complementario:
-“Os mundos de Castelao”, caderno didáctico para educación secundaria
Teatro galego do primeiro terzo do século XX
Vídeo didáctico (9´ 21´´), elaborado por Nee Barros Fernández, sobre o teatro galego do primeiro terzo do século XX. Trátase dun resumo dun dos temas incluídos no temario de literatura galega de 2º de bacharelato, elaborado como apoio didáctico ao alumnado que ten que preparar a proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU). Neste vídeo descubrirás as principais características das obras escritas por autores adscritos ás Irmandades da Fala, á Xeración das Vangardas e á Xeración Nós. Entre eles destacan Armando Cotarelo Valledor, Xaime Quintanilla, Ramón Cabanillas, Antón Villar Ponte, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso D. Rodríguez Castelao ou Rafael Dieste.
Recreación do discurso «Alba de Gloria»
O día 25 de xullo de 1948 Castelao pronunciou o seu derradeiro gran discurso público, coñecido como "Alba de Gloria", no Teatro Argentino en Buenos Aires, no transcurso do festival organizado polo Centro Gallego para celebrar o Día de Galicia. No ano 2018, para conmemorar o 70 aniversario daquela alocución memorable, o Consello da Cultura Galega organizou unha exposición na que se ofrecía unha recreación deste discurso. Podes vela neste vídeo (15´).
Material complementario:
-Edición conmemorativa de "Alba de Gloria" editada en 2018 polo CCG
Contexto histórico e político de Castelao e «Alba de Gloria»
Neste vídeo divulgativo (2´ 56´´), o profesor da USC Xosé Manuel Núñez Seixas fálanos do contexto histórico e político no que viviu Castelao. Este recurso elaborouse no marco da exposición "Alba de Gloria. Unha experiencia", unha mostra conmemorativa organizada en 2018 polo Consello da Cultura Galega.
Virxinia Pereira, a community manager de Castelao
A traxectoria vital de Castelao non podería contarse completa omitindo o importante papel que xogou a súa dona, colaboradora e conselleira: Virxinia Pereira. Nesta breve peza divulgativa (5´) ofrécennos unha divertida recreación do papel que xogou Virxinia Pereira na proxección pública de Castelao.
A peza forma parte da serie Nosoutras da Televisión de Galicia e está dirixida por Amara Fontao e Andrés Mahía, con guión de Amara Fontao.
Castelao e a emigración, no Museo de Pontevedra
O Museo de Pontevedra custodia varias obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nas que o autor trata a problemática da emigración. Neste breve vídeo divulgativo (2´ 58´´) preséntannos algunhas das máis significativas.
Material complementario:
-“Os mundos de Castelao”, caderno didáctico para educación secundaria
Castelao, biografía dun ilustre galego
Primeira parte (39´ 28´´) dunha serie de tres vídeos que conforman o documental arxentino "Castelao, biografía dun ilustre galego", dirixido en 1980 por Jorge Prelorán con guión de Antonio Perez-Prado, no que se fai un percorrido pola biografía de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A versión da película que ofrecemos é unha restauración de Carlos Larrondo do filme orixinal, producida por Filmanova no ano 2007, con voces en galego de Luís Tosar e María Liaño.
Outros vídeos da mesma serie: capítulo 2 ; capítulo 3
Lembranzas de Castelao
Documental (24´ 17´´), dirixido e producido por Xan Leira no ano 2001, no que se fai unha reconstrución da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e dos principais feitos históricos e políticos do século XX. A obra recolle tamén as lembranzas de importantes persoeiros do ámbito cultural galego, como Xaime Illa Couto, Francisco Fernández del Riego, Antón Fraguas, Isaac Díaz Pardo ou Xosé Neira Vilas, entre outros.
Os 20 do XX. As Irmandades da Fala
Vídeo divulgativo (8´ 09´´), dirixido por Antón Varela e locutado por Lucía Aldao, pertencente á serie "Os 20 do XX". Esta segunda entrega céntrase nas Irmandades da Fala e na consolidación do nacionalismo galego. Descubrirás os debates que tiveron lugar nas sucesivas Asembleas Nacionalistas, protagonizados por Lois Peña Novo, os irmáns Vilar Ponte, Vicente Risco ou Castelao, e as diferentes posturas que mantiñan sobre cal debía ser a súa principal liña de acción, defendendo uns a participación política e outros, o activismo cultural.
O retorno de Castelao a Galicia en 1984
Xan Carballa e Xosé Enrique Acuña fálannos neste vídeo divulgativo (3´ 14´´) do contexto histórico e político no que se produciu o retorno dos restos de Castelao a Galicia en 1984.
Este recurso foi elaborado no marco da exposición Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, organizada polo Museo de Pontevedra no ano 2024, a partir dunha mostra de 52 fotografías realizadas por Xan Carballa para A Nosa Terra.

