A actividade física regular ten múltiples beneficios, tanto para a nosa saúde física como mental: fortalece os músculos, mantén as articulacións en forma, prevén enfermidades cardiovasculares, axuda a durmir mellor, mellora o humor e a memoria e protexe o cerebro contra enfermidades neurodexenerativas coma o alzhéimer. Pero o deporte é tamén unha poderosa ferramenta de transformación e inclusión social, e por iso en 2013 as Nacións Unidas proclamaron o 6 de abril como o Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz, co obxectivo de poñer o foco sobre o papel que pode xogar o deporte no eido dos dereitos humanos e do desenvolvemento económico e social.
Neste novo especial de Proxector ofrecémosche unha escolma de recursos que che permitirán profundar na historia e nas principais características dalgunhas prácticas deportivas, algunhas moi pouco coñecidas, como a esgrima histórica ou os birlos celtas. Tamén seleccionamos algunhas pezas que nos falan dos beneficios do deporte para o benestar físico e mental e, para pechar a entrega, atoparás información sobre as Ciencias do Deporte no sistema universitario galego.
Imaxe da portada: Liga Galega de Traiñeiras. IX Bandeira Feminina Concello de Oleiros, 2024.
O atletismo
Vídeo divulgativo (5´ 17´´) no que descubrirás cales son as principais características do deporte máis antigo do mundo, o atletismo, que pode practicarse en tres modalidades: carreiras, lanzamentos e saltos. Tamén poderás familiarizarte co seu léxico propio: foxo, pértega, adestrador, xavelina...
A peza forma parte da serie Adestra a túa lingua, realizada pola cooperativa Suseia ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022 para ofrecerlle á mocidade información sobre o deporte, derrubar mitos sexistas e difundir terminoloxía relacionada co ámbito deportivo.
A carreira aeoróbica
Vídeo divulgativo (3´ 21´´) no que se explica de xeito breve que é a carreira aeoróbica e cales son as principais cuestións que debes ter en conta para evitar lesións e para acadar unha técnica de carreira eficiente.
A peza forma parte da serie Sempre activos, é saúde, elaborada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para concienciar á poboación xeral dos beneficios do exercicio físico para a nosa calidade de vida.
Os birlos celtas e a esgrima histórica
Vídeo divulgativo (5´ 06´´) que che permitirá achegarte a dous deportes pouco coñecidos: os birlos celtas e a esgrima histórica. Descubrirás cal é a súa historia e características, e se cómpre algún tipo de requisito especial para practicar estes deportes tan orixinais.
A peza forma parte da serie Adestra a túa lingua, realizada pola cooperativa Suseia ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022.
Como competir en remo
Vídeo divulgativo (6´ 37´´) pertencente á serie audiovisual Adestra a túa lingua, realizada co obxectivo de ofrecerlle á mocidade información sobre o deporte, derrubar mitos sexistas e difundir terminoloxía relacionada co ámbito deportivo. Nesta peza en concreto fálannos dun deporte olímpico: o remo, e explícannos cales son as tres modalidades que teñen máis tradición nas nosas rías, segundo a embarcación empregada para a súa práctica (traiñeira, canoa e piragua ou caiac).
A serie Adestra a túa lingua foi realizada pola cooperativa Suseia ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022.
Os 20 do XX. Vinte no fútbol
Vídeo divulgativo (8´ 39´´), dirixido por Antón Varela e locutado por Lucía Aldao, centrado no fútbol masculino en Galicia nos anos vinte do século pasado. Foron os anos nos que o fútbol masculino galego se profesionaliza, se crea a primeira selección galega e xorden equipos coma o Racing de Ferrol ou o Celta de Vigo, e tamén a rivalidade entre este e o Deportivo da Coruña. Nestes anos tamén se crea a primeira selección galega. Nesta década o fútbol feminino tamén xoga os seus primeiros partidos, e nacen iniciativas pioneiras como o Irene FC da Coruña.
As fases do quecemento
Vídeo (1´ 16´´) elaborado por Xabier Villarrenaga, profesor de ensino medio, como complemento didáctico da materia de Educación Física. Nel explícase en que consisten as catro fases do quecemento deportivo: mobilidade articular, activación, ritmo e estiramentos.
Como os estiramentos cambian realmente os músculos
Normalmente os atletas estiran antes de facer exercicio para evitar lesións, como as distensións ou as esgazaduras musculares, pero moitos destes estiramentos só teñen un efecto temporal. Malachy McHugh, especialista en medicina deportiva, explícanos neste vídeo de TED (5´ 02´´) como lles afectan os estiramentos aos nosos músculos e como se pode mellorar a súa elasticidade de xeito permanente.
A tradución ao galego é de Lucía Campillo Rey e foi elaborada para o certame TEDSaúde 2023, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela.
Rompendo mitos sobre o exercicio físico
Seguramente escoitaches algunha vez afirmacións sen base científica relacionadas co deporte, como por exemplo, que correr é contraproducente porque provoca desgaste da cartilaxe dos xeonllos e diminúe a altura dos discos vertebrais. Neste vídeo divulgativo (1´ 59´´) o Colexio de Fisioterapeutas de Galicia desmonta algúns mitos relacionados co exercicio físico.
Os efectos transformadores do exercicio sobre o cerebro
Vídeo de TED (13' 02'') no que a neurocientífica Wendy Suzuki lanza unha pregunta: «Que é o máis transformador que podes facer hoxe polo teu cerebro?» A resposta é «Exercicio!». Atoparás toda a motivación que precisas para ir ao ximnasio pois, segundo a ciencia, facer exercicio mellora o humor e a memoria, ademais de protexer o cerebro contra enfermidades neurodexenerativas coma o alzhéimer.
Tradución ao galego de Alejandra Pazos para #TEDSAÚDE USC.
As maniotas melloran con auga e azucre?
Despois de facer un exercicio intenso e prolongado acostuma a aparecer unha dor nalgunhas partes do corpo que denominamos “maniotas”. Rosaura Leis, profesora e investigadora en Nutrición na USC, explícanos neste vídeo (4´ 41´´) cal é realmente a orixe das maniotas e por que carece de rigor científico pensar que a auga con azucre pode axudar a diminuír esta dor.
A peza, elaborada por María Piñeiro e Miguel Sardo, forma parte da serie #DesmontadoMitos de GCiencia.
Portas abertas á Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC
Neste vídeo divulgativo (1´ 41´´) poderás coñecer mellor a historia e as instalacións da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, así como as principais saídas profesionais dos graduados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Tania Álvarez: deportista de elite na Universidade de Vigo
Tania Álvarez Yates, estudante e docente da Universidade de Vigo, piragüista e campioa do mundo en K2 en maratón, cóntanos neste vídeo (5´) como logrou conciliar a súa formación académica nos estudos de Ciencias da Actividade Física e o Deporte cos adestramentos e as competicións deportivas.
A peza está elaborada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo.

