A investigación química aplicada ao desenvolvemento industrial

Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 – Barcelona, 1988) é o científico homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia 2025. Nesta escolla a Real Academia Galega de Ciencias tivo en conta o seu brillante perfil académico e investigador como “introdutor da bioquímica moderna en España, modernizador da química orgánica en Galicia e iniciador da investigación química na Universidade de Santiago nos anos 30 do pasado século”.

Fernando Calvet foi tamén pioneiro na aplicación da investigación química ao desenvolvemento industrial e é xustamente nesta vertente científica onde imos poñer o foco neste novo especial de Proxector. Nel ofrecémosche unha pequena selección de recursos que che permitirán achegarte á biografía deste científico pioneiro, así como descubrir como a química moderna está a contribuír na actualidade ao desenvolvemento de diferentes sectores económicos e empresariais.

[Imaxe da portada: Pan:Ergot elaborado polo Instituto Bioquímico Miguel Servet de Vigo para a industria farmacéutica. Fonte: Gciencia]

Fernando Calvet i Prats, Científico Galego do Ano 2025

A Real Academia Galega de Ciencias elixiu a Fernando Calvet como "Científico Galego do Ano 2025". Nesta breve reportaxe da TVG (2´ 08´´) poderás achegarte á biografía deste científico pioneiro, considerado introdutor da bioquímica moderna en España, modernizador da química orgánica en Galicia e iniciador da investigación química na USC, xa nos anos 30 do pasado século.

Material complementario:
-Filme Os fillos do sol (Ramón Costafreda, Kiko Ruíz Claverol, 2016).

Un novo material de posibilidades infinitas

Os investigadores/as do CiQUS - Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC deseñaron un grafeno poroso capaz de filtrar moléculas á carta. O investigador Diego Peña fálanos neste vídeo divulgativo (2´ 17´´) das súas potenciais aplicacións: potabilización de auga, separación de gases de efecto invernadoiro, a secuenciación de ADN ou a diálise de ril.

Esta peza audiovisual foi elaborada no marco da xornada virtual Ciencia Singular 2020, organizada pola USC.

A biotecnoloxía no rural galego

A biotecnoloxía é o conxunto de técnicas que utilizan sistemas biolóxicos e organismos vivos, ou os seus derivados, para a creación ou modificación de produtos ou procesos. Neste vídeo divulgativo (5´) Daniel Abella López e Adrián López Teijeiro, biotecnólogos e investigadores predoutorais na USC, amósannos exemplos prácticos do emprego da biotecnoloxía no ámbito rural.

Este traballo recibiu o segundo premio do certame “Vémolo Nós” (na categoría “Divulgación do coñecemento”), organizado pola USC en 2024.

Reactores químicos

Vídeo divulgativo (2´ 59´´) no que Rubén González Sanmartín, alumno de Enxeñaría Química na USC, nos explica que é un reactor químico e cales son os diferentes tipos de reactores que existen segundo o seu funcionamento, centrándose especificamente nos reactores catalíticos, os máis empregados na industria.

Esta peza foi premiada cun accésit no I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química, organizado en 2022 pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

Coches de hidróxeno

Un dos obxectivos da enxeñaría química é o desenvolvemento de novos materiais ou tecnoloxías, unha liña de traballo de gran relevancia para o ámbito medioambiental. Neste vídeo divulgativo (3´ 17´´) Iván Rego Camiño, Antón Vázquez Seoane e Samuel Santiago Pose explícannos como o uso do hidróxeno como fonte de alimentación nos vehículos modernos podería axudar a combater o principal problema ambiental que temos na actualidade: o quecemento global.

Esta foi unha das pezas gañadoras do I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química, organizado en 2022 pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

Materiais celulósicos para a eliminación de contaminantes en augas

Vídeo de divulgación científica (2´ 33´´) no que Ángela Arnosa Prieto nos presenta o traballo que está a desenvolver o grupo NANOMAG da Universidade de Santiago de Compostela para obter materiais celulósicos a partir dos residuos da industria madeireira. Os materiais celulósicos son unha nova achega da química sostible para reducir a contaminación por substancias nocivas nas augas.

Esta peza obtivo o primeiro premio do "I Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible", organizado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC.

Investigamos nos bioplásticos sustentables

Os plásticos son materiais poliméricos moi empregados polas súas extraordinarias propiedades, pero a incorrecta xestión dos plásticos convencionais, os derivados do petróleo, convérteos nun serio problema medioambiental. Neste vídeo divulgativo (3´ 39´´) Anuska Mosquera, catedrática da USC e investigadora do CRETUS, explícanos en que consiste o proxecto de investigación no que participa, onde a partir da tecnoloxía PRETENACC están a crear plásticos biodegradables a partir de aceites de cociña usados.

Preparando un fertilizante

Vídeo (5’ 15’’) dunha práctica de laboratorio no que se amosa a preparación dunha disolución de fertilizante a partir de nitrato potásico e dihidróxeno fosfato amónico, disoltos en auga destilada. Deste xeito obtense unha disolución concentrada de fertilizante, que contén nitróxeno, fósforo e potasio, e se pode utilizar disolta en auga para fertilizar plantas ornamentais. O vídeo está asociado ao proxecto funil.gal, unha iniciativa do Grupo de Innovación Docente Ciencianosa.

Determinación de ferro en viño por espectroscopia de absorción atómica con chama

Vídeo didáctico (5´ 18´´) no que María Carmen Barciela, profesora do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, nos explica que o ferro é un micronutrinte esencial para as plantas, xa que desempeña funcións claves na síntese da clorofila, mantén a estrutura dos cloroplastos e a actividade encimática. Cando o ferro se atopa en altas concentracións nas uvas, pode producir problemas no proceso de elaboración do viño. A profesora Barciela explícanos como se emprega a técnica da espectroscopia de absorción atómica con chama para a determinación de ferro no viño.
A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.

Química biolóxica ao rescate

Vídeo divulgativo (2´ 47´´) no que se explica que son os plásticos, cales son as características que os fan tan versátiles para múltiples usos da nosa vida cotiá, que inconvenientes teñen desde o punto de vista medioambiental e cales son os métodos alternativos verdes para lograr que a súa degradación sexa sostible e respectuosa co medio.
Esta peza acadou o terceiro premio no II Concurso de vídeos divulgativos en galego de química sostible, un certame promovido pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Química da USC co apoio do Servizo de Normalización Lingüística.

Fotosíntese artificial: unha solución á problemática enerxética actual

Vídeo divulgativo (1´ 12´´) no que María Moreno Pérez nos explica o concepto de "fotosíntese artificial", un proceso de xeración de hidróxeno a partir de fontes renovables e sostibles.

Este foi un dos traballos finalistas da primeira edición do concurso "Petiscos de ciencia" (2022), organizado pola Facultade de Ciencias e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.

A economía circular e a bioeconomía

Vídeo didáctico (30´ 40´´) no que o enxeñeiro químico Luis Díaz Allegue nos fala de economía circular e bioeconomía, dous campos de estudo nos que está especializado como investigador académico e tamén como participante en proxector europeos centrados nestas materias.
A charla está dividida en dúas partes: na primeira o profesor Díaz Allegue explica brevemente en que consiste a economía circular e na segunda fálanos máis detidamente da bioeconomía (a parte da economía circular centrada na materia orgánica), así como dos diferentes procesos de tratamento dos residuos urbanos. Unha vez rematada a explicación teórica, o relator contesta as preguntas e dúbidas formuladas polo público, que podes ver a partir do minuto 36.

A charla está dirixida a alumnado de secundaria e foi organizada por Igaciencia en novembro de 2021, con motivo da celebración do XII Día da Ciencia en Galego.