O reputado arquitecto británico, David Chipperfield, participou na xornada “A cultura do mecenado” que se desenvolveu no Consello da Cultura Galega (CCG) en febreiro de 2020. Nela abordou un relatorio no que afondou na “complexa relación público privado” en calidade de presidente fundador da Fundación RIA. É unha das intervencións que destacamos no marco do proxecto que visibiliza 12 intervencións destes 40 anos da institución.
13/11/2023
13/11/2023
O Teatro Municipal de Tui acolle este martes a xornada “Francisco Sánchez no IV centenario da súa morte”, unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Tui co obxectivo de visibilizar e dar a coñecer a figura de Francisco Sánchez, auténtico prototipo do home do Renacemento que deixou unha obra predecesora da revolución filosófica dos séculos XVII e XVIII.
10/11/2023
“As fallas de Valencia son o máis antieconómico que un pode imaxinar. Todo un ano traballando para queimalo nunha noite. Pero é o froito dunha historia, ten un vector identitario e ideosincrásico que poucos poñerían en cuestión” afirmou Luis Cesar Herrero, Universidad de Valladolid, presidente da Association for Cultural Economics International no marco do foro “Modelos para unha economía da cultura”. A cita coordinada por Xosé Carlos Arias puxo sobre a mesa que a cultura é medible e reivindicaron o seu papel máis alá do puramente económico. “O mundo que coñecemos será radicalmente diferente dentro de dez anos e con xornadas como esta axudamos a situar a cultura nese novo escenario” apuntou Arias na inauguración. Canda a el estaba Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinador do foro Pensar o mundo dende Galicia no que se insire esta cita e co que a institución celebra o seu corenta aniversario. Núñez Seixas anunciou que haberá unha última xornada (o 30 de novembro) ”que situará a cultura e a propia institución dentro do contexto autonómico, que está coordinada por Ramón Villares e onde intervirán algúns dos seus protagonistas”.
09/11/2023
A pandemia da COVID-19 e o confinamento ocasionaron importantes transformacións sociais que repercutiron tamén no modo en que a cidadanía accede e se relaciona cos museos. Profundar neses cambios e analizar os desafíos actuais que deben afrontar as entidades museísticas son os obxectivos da xornada Museos pospandemia. Para que(n)? A actividade levarase a cabo mañá, 10 de novembro (10:00 horas), na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Na súa inauguración participarán Dolores Vilavedra, membro do plenario do CCG; Ángeles Penas Truque, membro do plenario do CCG en representación do Consello Galego de Museos, e Esperanza Gigirey Liste, presidenta do Consello Galego de Museos. A xornada é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do web e das redes sociais corporativas.
09/11/2023
Afonso X e Galicia, o proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e Lugo, continúa a súa itinerancia polo Brasil. Nesta ocasión chega ao Río de Xaneiro, onde foi inaugurado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o decano do Centro de Letras e Artes, Afranio Gonçalves Barbosa; a vicerreitora da Universidade Federal do Rio de Janeiro (UFRJ), Cássia Turci; o director da Escola de Música da UFRJ, Ronal Silveira, e o vicedirector da Escola de Música da UFRJ, Marcelo Jardim. Coa apertura da mostra comeza un programa cultural no que participan expertos vinculados ás universidades públicas das cidades do Río de Xaneiro e de Niterói, así como outros convidados á instancia destes colaboradores.
08/11/2023
A última sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o seu corenta aniversario, reflexionará sobre a relación entre a economía e a cultura. “Modelos para unha economía da cultura” é o título desta xornada, que está coordinada por Xosé Carlos Arias e na que participan, entre outros, Josep Ramoneda e Luis César Herrero. O coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, mais o coordinador da xornada inauguran a actividade, que se pode seguir en directo dende o web e as redes sociais do CCG.
08/11/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, visitou o arquivo do escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai (1907-1992), no inicio da súa viaxe institucional a Río de Xaneiro (Brasil). Alí foi recibida pola súa viúva, Nora Tausz, e a súa filla, Laura Rónai, que acordaron conceder permiso para dixitalizar as cartas do epistolario do pai que recibiu de Valentín Paz Andrade. Esta visita abre a axenda institucional na que destaca a inauguración, hoxe mércores, da mostra Afonso X e Galicia na Universidade Federal do Río de Xaneiro (UFRJ).
08/11/2023
A vida de Eduardo Ramón Rodríguez-Losada (A Coruña, 1886–1973) centrouse en dous ámbitos: a arquitectura e a composición musical. No eido arquitectónico, foi considerado como un dos máis importantes arquitectos rexionalistas galegos. No campo musical, compuxo máis de setenta obras de diferentes xéneros, aínda que foi recoñecido principalmente polas súas óperas. Nelly Iglesias é a autora da entrada que sumamos hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
26/10/2023
A colectividade galega emigrada alén mar desenvolveu un importante labor a prol da preservación da identidade cultural galega e da defensa dunha nacionalidade propia. En Cuba e Bos Aires constituíronse durante as primeiras décadas do século XX diferentes asociacións cun marcado carácter galeguista. Ademais de organizar actos para recadar fondos que enviar a Galicia, estas institucións puxeron en marcha diferentes xornais étnicos nos que divulgaban a súa ideoloxía. O especial Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes e documentos algunhas destas publicacións, así como os mitins e outras actividades organizados para defender a causa galeguista.
24/10/2023
Con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas, o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada da bibliotecaria e arquiveira Isabel Martínez-Barbeito (A Coruña, 1918-2007). Intelectual comprometida coa preservación e difusión do patrimonio cultural, amosou ao longo de toda a súa vida unha preocupación constante por “contribuír ao acceso á cultura”, sobre todo “á relacionada coa promoción e a historia da Coruña”. Así o subliña a autora da súa biografía, Susana Guitar Novo.
24/10/2023
A música de raíz galega está a traspasar fronteiras e a vivir un momento dourado sobre o que o Consello da Cultura Galega (CCG) profunda nun novo proxecto audiovisual. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o coordinador do proxecto, Manuel Gago, presentaron en rolda de prensa Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras, tres pezas audiovisuais subtituladas en inglés que, da man de creadores como Mercedes Peón, Baiuca (Alejandro Guillán) e Uxía Senlle, entre outros, mais os expertos Óscar Losada e Marina Fernández, percorren a evolución, as especificidades e as claves do éxito da música de raíz.
23/10/2023
O Seminario de Estudos Galegos e as institucións de alta cultura do seu tempo é o título da xornada que terá lugar mañá, 24 de outubro, ás 10:00 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Coordinada por Ramón Villares, a cita ten como obxectivo analizar a relevancia que tivo o Seminario de Estudos Galegos (SEG) en comparación con outras institucións de alta cultura da Península Ibérica, como o Institut d’Estudis Catalans (Barcelona, 1907), a Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudios Vascos (San Sebastián, 1918), o Centro de Estudios Históricos (Madrid, 1910) ou a Sociedade Martins Sarmento (Guimarães, 1881). A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.
19/10/2023
“Cómpre abrir o debate da ordenación do territorio, e facelo desde unha perspectiva social, cultural e tamén ambiental” apuntou a arquitecta Teresa Táboas no marco da xornada “Territorio, patrimonio e identidade”, a sétima sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha idea na que afondou o arqueólogo Agustín Azkárate, que engadiu que “non se pode recuperar un espazo sen documentalo e comprendelo”. A cita foi gravada e os vídeos pódense consultar no sitio web da institución. Ademais, abriuse a inscrición para a ultima sesión deste foro co que o CCG celebra o seu 40º aniversario. Titúlase “Modelos para unha economía da cultura” está coordinada por Xosé Carlos Arias e terá lugar o vindeiro 9 de novembro.
18/10/2023
Manuel Soto Freire (Lugo, 1826 – Goián, Ferreira de Pantón, Lugo, 1897) foi un impresor de gran sona da cidade lucense. No seu negocio tipográfico publicáronse algunhas obras de Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Juan Antonio Saco Arce, así como o calendario agrícola Gaiteiro de Lugo e os populares Almanaques. Con Soto Freire, Lugo inaugurou “o seu máis estreito vencello co Rexurdimento das letras galegas”, afirma Xurxo Martínez González. El é o autor da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
18/10/2023
O arqueólogo Agustín Azkarate e a arquitecta Teresa Táboas participan este xoves na xornada “Territorio, patrimonio e identidade”, a sétima sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o seu 40º aniversario. Rebeca Blanco-Rotea é a coordinadora desta cita, que pretende afondar dende unha perspectiva teórica e práctica en como se establece a relación entre unha sociedade o espazo que habita, unha reflexión pertinente no contexto actual no que se están a producir conflitos entre a protección das paisaxes culturais e a forma de implantar enerxías renovables. Xosé Manoel Núñez Seixas, coordinador do foro, e Rebeca Blanco-Rotea inauguran esta xornada, que se pode seguir en directo dende o web e as redes sociais do CCG.
17/10/2023
"O máis coherente para unha empresa que nace en Galicia, formada por galegos, con capital galego e cun Consello de Administración que fala galego é que a súa comunicación, as súas relacións internas e externas sexan nesta lingua", afirmou Pedro González, avogado e directivo de Leite Noso. Pero non todas as empresas teñen a mesma posición coa lingua, tal e como foron debullando responsables de diferentes empresas e entidades que participaron nos XXV Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacaron na inauguración a importancia deste foro, que este ano pon o foco no ámbito socioeconómico, un eido no que, pese as medidas adoptadas, se reduce o uso da lingua. Segundo as cifras achegadas polo investigador da Universidade de Santiago (USC) Miguel Guisantes entre 2003 e 2018 descendeu un 17% o número de persoas que falaban sempre en galego cos compañeiros e un 12,3% coa clientela.
16/10/2023
Os Encontros para a Normalización Lingüística cumpren 25 anos cunha reflexión sobre vender en galego
“Economía, lingua e sustentabilidade” é o título da vixésimo quinta edición dos Encontros para a normalización lingüística que organiza este martes, 17 de outubro (9:45 horas), o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inauguran esta cita que pretende reflexionar sobre o papel do idioma no ámbito socioeconómico. Responsables de empresas e entidades como Daveiga, Espiga, Fegatur Vegalsa-Eroski, Deleite Cooperativa 57 ou Caixa Rural Galega, entre outros, achegarán as súas experiencias neste encontro presencial que tamén se pode seguir en directo a través do web e as redes sociais da institución.
13/10/2023
“Que as túas opinións sexan xuízos” ou “Non finxas ser o que non es, nin queiras semellas máis do que es” son algúns dos consellos que figuran en Formula vitae honestae. Un compendio de ética natural que o monxe Martiño, bispo de Dumio, escribiu a petición do rei Miro cara o ano 570 e que o Consello da Cultura Galega (CCG) traduciu ao galego o pasado mes de marzo. Este éxito da Europa medieval do momento preséntase este venres en Braga nun acto en colaboración coa Universidade do Minho que inclúe dúas visitas comentadas polos escenarios biográficos e históricos ligados a el e o seu contexto cultural: Núcleo Museológico de São Martinho de Dume e São Frutuoso de Montélios.
11/10/2023
A Marcial Valladares Núñez (Vilancosta, Berres, A Estrada, 1821-1903) “o nome viñéralle dado en lembranza da batalla de San Marcial contra os franceses en que saíra vitorioso o pai, o avogado don José Dionisio Valladares, que desenvolveu unha intensa vida militar e política”. Así o Xosé A. Fernández Salgado, autor da entrada que hoxe se incorpora no Álbum de Galicia, colección de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
10/10/2023
“O Seminario de Estudos Galegos (SEG) inaugurou unha nova forma de saber, ao introducir unha metodoloxía e un maior coñecemento global atendendo ao rigor científico” apuntou Francisco Díaz Fierros, coordinador do congreso Saber de Nós, na inauguración desta cita que convoca a destacados especialistas para ofrecer un balance do que significou este movemento no centenario da súa creación. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, destacou tamén a relevancia histórica desde grupo que mudou o coñecemento do país. A cita remata mércores cunha revisión as áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. Sobre o SEG afonda tamén a nova entrega de Proxector, iniciativa que o CCG coa Universidade de Santiago de Compostela que nesta ocasión escolma doce vídeos vencellados ao movemento e os seus membros. A revisión do Seminario compleméntase o vindeiro 24 de outubro con outra xornada que ofrece unha análise en comparación con outros centros análogos no contexto hispánico.
06/10/2023
O valor económico do galego é un documento pioneiro que achega, por primeira vez, o coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares; Melchor Fernández e Diana Fernández, profesores da USC e investigadores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) presentaron esta mañá os resultados deste informe que cuantifica en 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB) e 27.702 postos de traballo o impacto directo que o galego supón ao conxunto da economía de Galicia. O documento xa está dispoñible para descarga.
04/10/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, acompañada de Carlo Pulsoni e Marco Paone, codirectores do centro de estudos galegos da Universidade de Perugia;. Roberto Rettori, delegado de orientación, titoría e divulgación científica da mesma universidade; Ignacio Peyró, director do Instituto Cervantes de Roma e Leonardo Varasano, asesor de cultura da Comuna de Perugia, inauguraron esta mañá no reitorado da universidade a mostra Afonso X e Galicia. O proxecto expositivo poderá verse na cidade italiana ata o 13 decembro.
04/10/2023
Unha xornada científica e un concerto son as dúas actividades coas que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Redondela celebran este xoves, 5 de outubro, unha nova edición do ciclo “Seíam'eu... en San Simón”. O programa busca profundar na figura de Martín Codax, figura homenaxeada este ano co Día das Artes Galegas. A xornada terá lugar de mañá (a partir das 10:30 horas) na illa de San Simón, e contará con destacados especialistas para falar das voces e da arpa na música medieval. Titúlase “Ecos medievais: A voz e a arpa, testemuñas e transmisores da alma musical do pasado”, non se retransmite en directo, pero será gravada para logo subirase á rede no web do CCG. Pola tarde (19:30 horas), no auditorio a Xunqueira de Redondela, haberá un concerto no que terá lugar a estrea absoluta da reinterpretación das cantigas de Martín Codax feita por catro compositores galegos actuais.
04/10/2023
Editor, arquiveiro e historiador, Andrés Martínez Salazar (Astorga,1846 - A Coruña, 1923) foi unha das principais figuras do rexionalismo galego, sobre todo no campo da cultura e como impulsor do rexurdimento literario do país. A súa entrada, que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG), foi elaborada por Alfonso Mato.
03/10/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a directora da biblioteca central de Brastislava, Silvia Stasselova; e a embaixadora de España en Eslovaquia, Lorea Arribalzaga, inauguraron este luns a mostra Afonso X e Galicia. Un proxecto expositivo que afonda na conexión do rei Sabio con Galicia.
02/10/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá coa embaixadora de España en Eslovaquia, Lorea Arribalzaga Ceballos. Na xuntanza estableceron contacto para futuras vías de colaboración en iniciativas de ámbito cultural que se concretará en proxectos expositivos e outras actividades.
29/09/2023
De Rosalía de Castro ata Emma Pedreira, pasando por Luis Pimentel, Claudio Rodríguez Fer ou Luisa Villalta. Todos eles están en Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos, un espazo web que nace para ofrecer unha selección decantada que percorre a historia da literatura galega. Nesta seara, presentada na véspera do Día Internacional da Tradución que se celebra cada 30 de setembro, os textos dos creadores galegos estarán na versión orixinal, pero tamén na súa tradución ao inglés. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a coordinadora técnica do proxecto, a profesora e tradutora estadounidense Kathleen Nora March, presentaron en rolda de prensa este espazo que amosa textos inéditos canda outros máis coñecidos, algúns deles tamén recitados para, en palabras da presidenta, “amadores e amadoras das linguas e da literatura, desde calquera lugar e cultura”.
27/09/2023
María del Pilar Pereira Carballo (Santiago, 1937-2020) foi unha actriz de teatro e locutora radiofónica pioneira, aínda que tamén foi autora e directora escénica e traballou como actriz de cinema e televisión. Foi “un referente e posúe unha dilatada, destacada e versátil carreira” asegura Ana Abad de Larriba, que asina a entrada que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG).
27/09/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugurou esta mañá o XX Simposio “O Libro e a lectura” que organiza anualmente a Asociación Galega de Editoras. Na súa intervención destacou o salto “cuantitativo e cualitativo que o sector de unos últimos corenta anos” e lembrou o reto da internacionalización e a dixitalización. Ademais, destacou que ambas institución cumpren neste 2023 corenta anos e que “estamos xuntas no mesmo barco”.
27/09/2023
O ciclo Pensarmos, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Celia Pereira Porto, regresa este xoves (18:00 horas) cunha nova cita sobre a calidade da democracia. Nesta ocasión, Xosé Ramón Veiga reflexiona sobre o tema a partir da análise dun período concreto da historia. A xornada leva por título “O máis difícil é aceptar a derrota: Pluralismo político, participación e democracia no século XIX”. A sesión é presencial e pode seguirse en directo desde o sitio web e as redes sociais da institución.


