O Consello da Cultura Galega presentou hoxe o congreso internacional que dedicará en 2013 á figura e á obra de Rosalía de Castro (1837-1885) baixo o título “Rosalía no século XXI. Unha nova ollada”. Serán cinco xornadas que se desenvolverán entre os meses de febreiro e xuño coa participación dos máis destacados expertos nacionais e internacionais na obra rosaliana. En 2013 cumpliránse 150 aniversario da publicación en Vigo (1863-2013) de “Cantares Gallegos”, obra auroral e determinante para o Rexurdimento das letras galegas. O congreso, que se celebrará na sede da institución en Santiago de Compostela, terá unha parte presencial, cunha programación pechada de conferencias, mesas redondas e recital poético, e unha parte virtual aberta a comunicacións libres. Os traballos poderán seguirse vía streaming. Ramón Villares lembrou o congreso rosaliano celebrado en 1985, no que tamén tiña participado a institución que preside, e falou dunha liña de continuidade. “Trátase agora de mostrar a vixencia de Rosalía no século XXI”, dixo Rosario Álvarez, vicepresidenta e membro do comité organizador integrado tamén por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra e María do Cebreiro.
Ler máis
Amosando noticias 2721 a 2740 de 3724


