Cen especialistas inscribíronse nos XV Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 18 e 19 de abril organizados polo Consello da Cultura Galega a través do seu Centro para a Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG). O programa analizará as luces e as sombras do traballo desenvolvido na normalización e promoción do galego durante as tres últimas décadas, logo da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983). Considerarase tamén a situación do galego no ensino e na comunidade educativa, o traballo colaborativo e diferentes propostas aplicables na actualidade. Os Encontros, coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e as Coordinadoras de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua e dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Serán inaugurados o xoves día 18 ás 10 horas no Consello da Cultura Galega.
Ler máis
Amosando noticias 2661 a 2680 de 3707


