Pensar, escoitar, aprender, ensinar, mudar, enredar. Moitos son os verbos dos que tirar para presentar unha muller de acción como María Xosé Agra, a súa obra e a súa produción nun quefacer diario, incansable.
Unha muller galega, por nacemento e compromiso, que, desde mediados do século pasado, se fai camiñando e participando nos e dos m...
Pensar, escoitar, aprender, ensinar, mudar, enredar. Moitos son os verbos dos que tirar para presentar unha muller de acción como María Xosé Agra, a súa obra e a súa produción nun quefacer diario, incansable.
Unha muller galega, por nacemento e compromiso, que, desde mediados do século pasado, se fai camiñando e participando nos e dos mundos da filosofía política feminista. Abrindo fendas nas “verdades” asumidas polo canon, nas verdades “por natureza”. Ocupando espazos internacionais e intercomunitarios. Comprometida e activa contra o patriarcado, o androcentrismo, o sexismo e toda estrutura que non só exclúe ás mulleres, ao feminino e á feminidade, senón que tamén contribúen a asentar prexuízos e falsas crenzas, con frecuencia inxustas e discriminatorias, dentro e fóra das academias.
Compostelá de nacemento, vida e sentimento, atende e explora a relación da cidadanía e o mundo globalizado. Na procura dunha construción máis xusta e igualitaria da realidade, comprométese na loita sindical, política, académica, feminista, cultural e cotiá. Con feministas militantes percorreu e percorre as rúas do país, sempre que ten ocasión, tecendo redes de cultura e acción.
Xa desde a Escola de Dona Isaura, onde inicia os seus estudos, ata a universidade, onde forma parte da primeira promoción de Filosofía e das andanzas da facultade ata que se xubila por decisión propia, amósase incómoda coas normas e coas formas de goberno e desgoberno. Pula por mover os marcos. Xoga ao fútbol, revoluciona desde o teatro ou en activismos clandestinos de outrora e feminismos contemporáneos. Con este espírito transformador por bandeira, non pode estrañar que chegase á filosofía política e que, sen perder de vista a noción e o valor da xustiza, confronte o esquecemento secular das mulleres e das súas producións, e participe activamente na recuperación de referentes e referencias que lles devolvan o seu lugar.
Foi quen de incluír o feminismo nunha área de coñecemento habitada fundamentalmente por homes e que muda aos poucos, co andar do tempo, así como de incorporar achegas de pensadoras ou debates como o ecofeminismo, a vulnerabilidade, o coidado, a violencia contra as mulleres e as mulleres violentas. Motor de proxectos de investigación en corpo de muller e obxectivos anovadores para a academia, nunca descoidou o ensino medio nin as asociacións de mulleres de base. Grazas á súa capacidade para afondar na filosofía e pensar o presente, incorpora, en Galicia e alén, o pensamento de Rawls, Hobbes, Pateman, Arendt ou Nussbaum, entre outros e outras. É, ademais, unha das pensadoras feministas máis prolíficas á hora de recensionar, sintetizar e, polo tanto, achegar debates que atravesan as últimas catro décadas dos feminismos en movemento, en especial as relacións co marxismo ou co liberalismo ou as alianzas e disentimentos entre feminismos da igualdade e da diferenza.
Alí onde se implica, loita incansablemente pola inclusión das achegas das mulleres e das perspectivas feministas. Isto, no Consello da Cultura Galega, na Facultade de Filosofía e, en xeral, na Universidade de Santiago de Compostela, tradúcese na creación de unidades de xénero, igualdade e feminismos. Sabedora de que o esquecemento é o maior dos silencios e a vitoria do patriarcado, a súa constante teima pola documentación e pola memoria, necesaria para entender e explicar o ordenamento da sociedade e da cultura de forma axustada, lévaa a promover a creación de arquivos e unidades especializadas en igualdade, mulleres e feminismos nos centros da memoria.
Cabe destacar que coordina as primeiras andanzas do CDIF, que a homenaxea nesta cartografía. Un espazo no que se dá conta dunha vida chea de escritos, libros, amigas e amigos, familia, alumnado, soños, premios, recoñecementos e traballo, moito traballo e tamén moita sabedoría. Rigorosidade e compromiso son as dúas palabras que, a modo de marcas topográficas, mellor sintetizan este percorrido que vos convidamos a gozar transitando entre imaxes, artigos, libros, prensa, vídeos ou audios. Indo e vindo como mellor preste.
Ver biografía no Álbum de Galicia