| 1969-09-01 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1969 en 01/09/1969
Buenos Aires, 1º de setembro de 1969
Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo
Querido amigo:
Recibín hoxe a súa, conxuntamente con unha de Manuel María, moi gozoso co seu libro e poñendo o defeuto do papel que nós xa conocíamos. Xa lle contestei. Tamén sabía da multa que lle puxeron en Madrid, en xaneiro. Eu estaba entón no Castro, mais díxose alí que de Buenos Aires (Valentín) tiña enviado os cartos. Polo dito por Manuel María, non parece certo. Penso que, de calquer xeito, ten de consultarse isto e facer unha tarefa conxunta coas entidades de Buenos Aires, Caracas e México, pra lle mandar os cartos si é necesario. A min, na súa carta, non me fala do embargo do departamento, senón da fianza que tan posta pra exercer a profesión de procurador. Mais é o mesmo. Eu creo, dígoo confidencialmente, que teñen de informarse ben, cecais por Carnaval si está aínda en Galicia. A xente moza dalá ten boca de frade pra pedir, e pra calquer cousa que deben facer que coste cartos pensan en América. Teñen que acostumbrarse a matinar en sacarlle cartos ás xentes de Galicia, a orgaizarse pra elo. Alí viven máis millonarios e ricos galegos que en América, mais soio pensan nos diste continente. Setenta e cinco mil pesetas pra xentes que se orgaízan non son moitas pesestas. Son 150 persoas en toda Galicia, Madrid, etc., a 500 pesetas. Eisiste alí un movimento verdadeiro, que eu penso que si, ou non esiste nada, i, niste caso, temos de matinalo todo novamente.
Alonso Montero marchou moi impresionado de vostedes e moi contento de ter ido a Montevideo. Eu estoulles moi agradecido. Recibín as fotos. Tamén escribiume Patiño moi ledo co catálogo pedindo que envíen exemprares prós artistas.
Reciban todos vostedes, os do Patronato, e as súas donas e vostede o saúdo da miña muller e meu, e vostede unha aperta de:
[Seoane]
O enderezo de Raimundo Patiño é:
Paseo de Extremadura 32, 4º D.
Madrid, 11
|
| 1971-03-04 |
|
Ver [Carta mecanografada con correccións manuscritas]
Transcripción da Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1971 en 04/03/1971
Buenos Aires, 4 de marzo de 1971
Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo
Querido amigo:
Remítolle a miña carta de agradecemento ó Presidente do Patronato D. Abelardo Cerdeira e á Xunta Direitiva, e adxúntolle a carta que fixen pública con unha resposta ós que fan A Nosa Terra.
Todo esto é moi triste. Matino que, coa laboura feita por min, boa, regular, ou mala, mais sempre adicada a eisaltar a Galicia, merezo un ataque maior, polo menos en canto a espacio nese periódico, que Fraga Iribarne, ou os moitos que se comportaron coma nemigos da terra dende fai moitos anos. Mais deixemos esto. De Méndez Ferrín sei que está facendo xestiós pra poñelo en libertade. Eu fixen no mes de decembro unha mostra de óleos e grabados na Galería que inaugurou a súa dona en Vigo. Farei nos transcurso deste mes os dibuxos e a tapa pró libro que vostedes van a editar. A min parésceme moi bon e con moito gusto colaborarei na súa edición. Eu marcharei na primeira quincena de abril pra Europa. O día 6, aínda non está confirmada a data, faise no Museo de Arte Moderno deiquí unha grande mostra retrospeitiva de douscentos grabados meus.
Neste intre recibo outra súa. 1) Non estarei en Buenos Aires en xulio, posibelmente estarei en Galicia. 2) Teño feita a miña resposta agradescendo a carta do Patronato. 3) Mais arriba escríbolle que farei os dibuxos neste mes, percisamente porque marcho. Penso que teñen de editarse.
Si podo serlles útil en Galicia, sereino con moito gusto.
Saúdos a tódolos amigos desa e ós meus, e reciba unha forte aperta:
[Seoane]
|
| 1972-07-06 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1972 en 06/07/1972
Buenos Aires, 6 de xulio de 1972
Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo
Querido amigo:
Acabo de recibir a súa carta de onte (5/VI) e confírmolle o meu fastidio por toda crase de táboas redondas. Négome decote a elas. Fago con moito gosto dibuxos ou escribo sobor determinadas cousas encol de Galicia, mais négome a falar e intervir en actos onde ten de improvisarse e as respostas son producto soio da necesidade de respostar, pra non quedar mal, e non dun análise calmo. Mais por esta úneca vez, acepto, sempre acrarando que non son orador e o digo porque é verdade que lles teño manía ós oradores. Que poña o tema Eladio Dieste. Pódese referir a arte galega si a el lle gosta o tema, ou ó arte popular, encol do ornamento en arquiteitura, etc., ou a todo esto si lles parece.
O libro de Heriberto Bens quedou bastante ben. Gostaríame ter dos ou tres exemprares máis. Estarei ahí o sábado 29. Dependo para sere máis concreto das noticias súas.
Moitos saúdos pra súa dona e vostede de Maruxa e meus, e unha aperta de:
[Seoane]
|
| 1974-02-18 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1974 en 18/02/1974
Buenos Aires, 18 de febreiro de 1974
Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo
Meu querido amigo:
Recibín a súa carta do 9 deste mes. Con moito gosto farei unha exposición de dibuxos nesa, mais terá que sere a partir do 15 de xulio e serían de vinte, non máis, pois teño que facelos e teño moito traballo por diante.
Por favor, ó Presidente Sr. Martínez dígalle, por si aínda non a ten, que a data do pasamento de Asorey foi o 2 de xulio de 1961, ás 12 da noite.
Con saúdos ós irmáns, reciba unha grande aperta de:
[Seoane]
|
| 1977-04-27 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1977 en 27/04/1977
A Coruña, 27 de abril de 1977
Sr. D. Fernando Pereira
Vigo
Querido Pereira:
Sinto moito non ter contestado denantes. Foron para min todos estes días moi axitados de traballo e viaxes. A súa carta leína unha semán despois ou algo así, de escrita por vostede, e onte matinaba remitirlle un telegrama desexándolle éxito coa librería, e lamentablemente pasoume. Fágoo hoxe pedindo perdón polo meu retraso en estar presente e solidarizarme con esta nova empresa súa.
Prégolle, Pereira, que non me fale máis da deuda. Non me debe nada. Todos, de algún xeito, somos deudores dos outros. Soupen do local para a librería por Patiño, quen me falou con agarimo de vostede. Antonte recibín unha carta do Padroado de C. G. de Montevideo pedíndome intercedese con Isaac para unha mostra de obxetos de porcelana no mes de xulio. En Vigo, vereino no primeiro viaxe que faga a esa cidade.
Reciba a nosa felicitación, o saúdo de Maruja e unha gran aperta miña.
[Seoane]
|