| 1960-09-13 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a García Sabell. 1960 en 13/09/1960
Buenos Aires, 13 de setiembre de 1960
Sr. D.
Domingo García Sabell
Santiago de Compostela
Querido amigo:
Recibín onte o número de Insula co teu traballo sobre o Dr. Marañón, que me pareceu dende logo moi atinado e bon, coma todo o número en xeral. Nun artigo pubricado fai algús anos escribín verbas parescidas as túas con que comezas o teu traballo, con motivo dos mortos en España, e felicítome dista coincidencia. Tiña de haber escrito antes, mais foron pasando os días e xa os meses na volta ás miñas cousas, preparando obra pra unha exposición que tiña que facer en Lima en Outubro e que, na derradeira hora, decidín deixar pra os comezos do ano que ben (sic). Queríamos Maruja e eu agradecervos a Elena e a tí as vosas atenciós nos poucos días que estivemos en isa. Igoal agradecimento teño de eispresar a Piñeiro e á sua dona, pero vou a escribirlles aparte. Hoxe soio quero acusarche recibo do número de Insula e felicitarte pol-o teu traballo. Pasar por Galicia, aínda que fose por poucos días, mais ben fíxome daño. Aínda non podo eisplicarme por qué, e isto non quere decir que non pense en voltar en calquer oportunidade. Dende logo estou moi contento de ter estado cos meus familiares e amigos mais queridos ainda que fose por pouco tempo.
Recibide Elena e tí unha aperta de Maruja e miña, e unha mais estreita pra ti de:
Seoane.
|
| 1961-09-04 |
|
Ver [Carta manuscrita]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1961 en 04/09/1961
Compostela, 4-IX-61
Querido Luis:
Chegamos hai dous dias de Asturias, pois Isabel é de Xixón e sempre pasamos alí parte das vacacións. O mes de agosto repartímolo entre Coruxo, Láncara, Xixón e Castropol. Por eso non puiden recibir e atender o teu amigo Jacobo Kogan, que veu a Compostela coincidindo coa nosa ausencia. Pasou igual con Canito, o direitor de Ínsula, e con un profesor brasileiro. Sinto de veras non lle ter podido amostrar Compostela ó profesor Kogan. Tódolos anos nos ocurre o mesmo, por ser o mes de Agosto de moita afluencia de forasteiros.
O de Aquilino foi abraiante. Il sentíase algo froxo de saúde, pro era debido á sua vella e descoidada diabetes. Aquiles dias andivo normalmente con uns i outros. O mesmo dia que morreu fixo vida normal e tiña un taxi agardando pra saír de viaxe cando se sentíu mal. Un súpeto infarto de miocardio estranguloulle o folgo en poucos minutos. Eiquí tivo resoanza a sua morte e veu xente de toda Galicia ó enterro. Eu estaba en Vigo e viñen co Cunqueiro, o Paco, o Ferreiro e mailo Alvarez Blázquez. Pouquiños dias antes estiveramos falando longamente no Instituto P. Sarmiento do seu Diccionario e dos problemas ortográficos do galego. Tamén falamos da sua saúde, pro non lle notei desalento. Pola contra, mostrábase disposto a se someter a un tratamento serio. E faloume dunha idea que íl tiña pra facéremos unha escursión de varios dias por Galicia. Foi unha pena que morrese tan prematuramente. Aínda tiña moito que facer na nosa cultura.
Dixéronme que estivo eiquí Rafael Dieste e que marchou a Extremadura e Madrid. Tamén lín nun xornal atrasado que se puxera A Fiestra valdeira en Rianxo. Eiquí, na Coruña e mais en Vilagarcía púxose Os vellos non deben de namorarse. Acudíu moita xente nos tres sitios.
Moitos saúdos nosos a Maruja e de Isabel pra tí. Unha aperta moi forte do teu amigo
Ramón
|
| 1962-08-12 |
|
Ver [Carta manuscrita]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1962 en 12/08/1962
Compostela, 12-VIII-62
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires
Benquerido e lembrado Luis:
Hai dias, o matrimonio Diaz pasou pola miña casa e deixou, da tua parte, unha fermosísima xoia bibliográfica: Del diario poético de Miguel Unamuno. Sintín ben non estar na casa cando viñeron, que foi un dia que eu andaba acompañando a Prada. Como estaban de paso, non cheguei a velos. E non che escribín antes porque alguén me dixo que te cambiaras de casa –coido que foi o Dieste– e tiven que percurar as novas señas.
Con todo o rarecho i o egotista que era o gran don Miguel, estou certo que se quedaría admirado, si a vise, da espléndida edición que lle fixéstedes ós seus poemas. E, dende logo, non é pra menos, porque o libro é moi fermoso. Figúrome que nunca soñou con ver os seus poemas editados tan maravillosamente.
Ben se pode decir, meu querido Seoane, que eres tí un dos que máis teñen contribuído á diñificación –á categorización– estética do libro hispánico no século xx. A tua aitividade artística é moi amplia e diversa, pro unha das facetas dela que non deberán esquencerse é mesmamente a da renovación e valorización estética do libro.
Moito che agradezo que me teñas enviado un exemplar adicado. Tanto a Isabel como a min producíunos gran emoción. Os dous lembramos con frecuencia e sempre con agrado as horas fugaces que pasamos xuntos e que pra nós son inesquecentes.
Pasou por eiquí Francisco Romero, que é, por certo, gran amigo e admirador teu. Acompañámolo unha tarde polas Rías Baixas. Ademáis do seu interés inteleitual, que eu xa conocía a través da súa aitividade filosófica, ten tamén un gran interés humán.
Díxome o Dieste que andabas matinando en vir a Galicia. Ben sabes cánto me alegraría. Quen veu, como sabes, foi Arturo Souto. Aínda non o vín.
Ahí en B. Aires editaron os rapaces unha tradución castelán dos dous ensaios que eu escribín encol da Saudade. Acabo de recibir uns cantos exemplares. Inda que tí os conoces na súa versión orixinal, mándoche un exemplar.
Moitos saúdos nosos a Maruxa e de Isabel pra tí. Unha forte e cordial aperta do teu amigo certo
Ramón Piñeiro
|
| 1965-09-20 |
|
Ver [Carta mecanografada con firma autógrafa]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1965 en 20/09/1965
Compostela, 20-IX-65
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires
Benquerido Seoane:
Hoxe recibín de Galaxia a monografía dos teus grabados e pasei un par de horas felices ollando as láminas e léndo o espléndido prólogo que lles puxo Domingo. Quedoume o esprito invadido dun estrano e delicioso pracer, talmente como si tivera batido súpetamente con un requintado i escintilante tesouro. Por eso, sinto a íntima tentación de che escribir unhas liñas de cordial felicitación i ó mesmo tempo de sincera gratitude, porque o tesouro, obra do teu traballo creador, é pra todos nós e pra todolos que veñan detrás de nós. O prólogo de Domingo é un breve, agudo e certeiro ensaio que servirá de pauta interpretativa da tua persoalidade e da tua obra, poisque os seus criterios de valoración son atinados e lúcidos.
Xa sei que estás novamente ao fronte da revista do Centro Gallego. Alégrome pola revista e polo prestixio que eso lle dá ao Centro. Figúrome que pra tí, no orde persoal, non deixará de ser unha carga de traballo.
Eiquí en Compostela, tivemos –e aínda temos– un ano de moito rebumbio coas romaxes xacobeas. Confiamos en que tamén vós aparezades calquera dia por estas ruas.
Moitos saúdos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo
Ramón Piñeiro
|
| 1966-11-25 |
|
Ver [Carta manuscrita]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1966 en 25/11/1966
Compostela, 25-XI-66
Benquerido Luis:
Recibín as duas monografías sobre o teu arte. Foi unha leda, emocionante sorpresa, despois de varios meses de incomunicación. De vez en cando, chegábame o rumor de que ibas vir e afincar en Sada. Despois dixéronme que pasaríades por eiquí agora a fin de ano. E, nesta agarda un tanto imprecisa, chegaron as duas fermosas monografías que, certamente, fan enormemente viva a tua presencia. Unha presencia que xa ten o valor indiscutíbel da perennidade a través da obra.
Pola nota que figura na monografía de Ediciones Esquema XX, vexo que tiñas preparada unha xeira polos EE. UU. e que se interrumpíu. Síntoo, porque estou seguro de que chamaría a atención e interesaría alí a tua obra. Eu estiven por alá dous meses e medio e, polo que vin, coido que lles interesaría o teu arte. Fun dar un curso sobre Ortega e máis asistir ó vi Coloquio Internacional de Estudos Luso-Brasileiros. Con tal motivo, estiven en varios sitios e sempre percibín unha gran curiosidade polo arte moderno e mesmo polas formas máis vangardistas.
A monografía de Bonino é interesantísima polo seu caráiter antolóxico de cáseque 20 anos de labor. Algunhas das láminas en color –por exemplo a nº V, ou a nº VI– engaiolan pola súa serena armonía. Verdadeiramente, eiquí en Santiago debería de haber unha gran sala adicada á tua pintura. É unha pena que haxa tanta obra tua polo mundo adiante e tan pouca en Galicia. Está ben, moi ben, que a haxa polo mundo adiante, pro está mal que o país non se ocupe de conservar pra sí parte desa obra.
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo certo
Ramón Piñeiro
|
| 1968-02-20 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1968 en 20/02/1968
Buenos Aires, 20 de Febreiro de 1968
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago
Meu querido amigo:
Déboche carta dende fai un mes aproximadamente. Fun deixándoa dun día pra outro obrigado polo traballo. Dende que cheguei non fixen outra cousa que traballar. Teño en Xulio unha grande eisposición eiquí dunhas cen obras, retrospeitiva, que abarca 20 anos de miña pintura y (sic) en setembro teño que ir a Lima invitado pola Universidade pra facer outra eisposición. Denantes, o catro do mes que ven, inaugúrase no Museo de Bonn unha mostra con 60 grabados, todo esto con outros traballos que agardaban o meu regreso. Voltarei a Galicia en outubro.
Recibín e lín o teu espléndido traballo de ingreso na Academia, e penso que é do millor, senón o millor, o máis fondo, que se fixo deica hoxe, o menos dos que eu coñezo. Mañífico, así mesmo, e xusto, o discurso de García Sabell. Supoño que sería un día, o da vosa leitura, memorábel na Academia. Agradézoche o envío. Felicitaciós moi sinceras. Paseino a algús rapaces deiquí pra que o lean.
Unha fonda aperta pra Isabel e pra tí de Maruja e miña:
Seoane
|
| 1972-01-17 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1972 en 17/01/1972
Buenos Aires, 17 de Xaneiro de 1972
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago
Meu querido amigo:
Recibín as tuas duas cartas e coa derradeira o recorte da entrevista a López Garabal encol do acordo dos albaceas sobor o destino da obra de Maside. Cando os albaceas se xuntaron en Santiago non eisistía, que eu sepa, nesta cidade museo algún de pintura e cando dispoñan de ditas obras facíano, polo menos eu, pensando en que Galicia enteira é unha cidade e que as obras dun artista o mesmo dá que estén en calisquera das suas poboaciós, Vigo, A Cruña, Santiago, etc. Cando Isaac e mais eu matinamos no Museo Carlos Maside decidímonos a facelo no Castro percisamente con ese criterio moi dacordo coas aspiraciós urbanísticas do noso tempo. Dentro de 20 ou 30 anos mais as distancias serán menores e mais a descentralización urbana. A mín danme ganas de rir cando os cruñeses queren sacarlle o que poidan á Universidade de Santiago, ou os vigueses ós cruñeses calquer industria ou escola téinica. O señor López Garabal debe entendere que o Museo de Santiago non eisiste aínda. Que si nunha época o aúntamento de Santiago fíxolle encárregos a Maside, logo do fallecimento déste con motivo da sua eisposición nesa cidade o aúntamento negóuse a pagar o catálogo, o úneco de Galicia. Pero o máis importante é que o Museo de Santiago non eisiste y (sic) eu pola miña parte estaría cecáis en contra da sua fundación. Abondan cos que hai en Galicia. Non se dixo en ningún intre polos albaceas que Santiago tivese sido allea á tendencia renovadora do pintor. Os que estimulábamos a Maside ou éramos de Santiago ou vivíamos alí. O que se dixo sí, é que pra vender ou traballar como artista gráfico tivo que vivir en Vigo. Non pretenderá ninguén que dous ou tres encárregos polo aúntamento poden xustificar nada.
Non sei por que escribo todo esto. Cecáis porque penso que todo o mal noso reside nas pequenas diferencias, nos resentimentos producidos por cousas miudas. Por esas “rencillas parroquiales de nuestros aldeanos” coma dí moi inxustamente López Garabal atribuíndolle ós aldeáns un xeito de aituar distinto ós cidadáns galegos, e sin matinar que en Galicia todos somos aldeáns.
Participéille os teus saúdos a Varela que chos agradeceu moito. Sempre se lembra de tí, de Fole, de Lois, e de outros amigos de Lugo. Non anda ben de saúde.
Unha grande aperta de Maruja e miña pra Isabel e pra tí:
Seoane.
|
| 1972-02-21 |
|
Ver [Carta manuscrita]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1972 en 21/02/1972
Compostela, 21-II-72
Querido Luis:
Hoxe póñoche dúas liñas apresuradas para informarte de unha boa noticia: xa temos catedrático titular de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Compostela. Na semana pasada celebráronse en Madrid as oposicións, que Ricardo Carballo Calero ganou brillantemente. Eu asistín aos exercicios –e moitos amigos– e resultaba emocionante. Tres dos exercicios foron en galego. O tribunal estaba formado por Moralejo, Moreno Báez, Zamora Vicente, Alarcos e Filgueira como presidente (por renuncia de Dámaso Alonso).
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel para os dous. Unha forte e cordial aperta do teu amigo
Ramón
Como o Carballo é amigo teu, por si lle queres escribir, mándoche o enderezo:
Carrera del Conde 4, 1º
Santiago de Compostela
|
| 1972-12-12 |
|
Ver [Carta manuscrita]
Transcripción da Carta de Piñeiro a Seoane. 1972 en 12/12/1972
Compostela, 12-XII-72
Benquerido Luis:
Onte chegounos, coma un paxaro latexante que viña de cruzar o Atlántico, o teu A maior abondamento. Estivémolo lendo pola noite. Hai dous poemas que me gustaron especialmente, O home que marcha, e mais Verdadeiro sucedido nun Nadal. Certamente, gustáronme todos, mais eses dous impresionáronme fondamente. Desde logo tamén ten forza sarcástica o poema satírico Terceiros, alcaiotes, primeira parte de Outro canto ós emigrantes.
Moitas gracias por este libriño tan xentil, portador dun vibrante mensaxe poético e plástico. Graciñas tamén pola xentil adicatoria.
Dixéronnos que viredes a Galicia no xaneiro. Alégranos moito.
Que teñades un feliz Nadal.
Apertas nosas para os dous.
Ramón
Isabel
|
| 1974-01-15 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1974 en 15/01/1974
Buenos Aires, 15 de Xaneiro de 1974
Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela
Meu querido amigo:
Recibín a separata da tua resposta a Rodrigues Lapa que me parecéu moi boa e que suscribo íntegramente. Non me explico como Rodrigues Lapa poido manter esa posición coñecendo, como él evidentemente coñece, os esforzos galegos encol do idioma e as difrenzas xa fondas entre o galego e o portugués, moi similares por outra parte ás que van distanciando o brasileiro do idioma de Portugal, moito mais importantes das que poden separar o castelán dos países latinoamericanos do castelán. Engadindo que no caso brasileiro media a influencia do castelán, aínda que nunha provincia arxentina, Misiones, se incorpore o portugués, brasileiro pódese decir, á enseñanza por se extender este idioma ó territorio arxentino. Mais eu desto sei moi pouco. Paréceme moi craro o teu traballo, e non soio provisto de unha grande lóxica senón moi atinado con respecto á realidade galega.
Agradézovos moito as vosas condolencias polo pasamento da miña nai. Nos lamentámonos ter saído desa moi poucos días de que ocurrise, deixámola ben e non podíamos prevelo. Mais non podemos deixar de pensar nelo. Temos tamén que agradecérevos as vosas atenciós no tempo que estivemos en Galicia que foron moitas.
Unha grande aperta de Maruja e miña pra Isabel e pra tí de:
Seoane
|
| 1976-05-07 |
|
Ver [Carta mecanografada]
Transcripción da Carta de Seoane a Piñeiro. 1976 en 07/05/1976
Buenos Aires, 7 de Maio de 1976
A Ramón Piñeiro
Compostela
Querido Ramón:
Recibín a tua carta do 26/IV/76 e casi simultanemente a tua conferencia Lembrando a Castelao que me parece un dos aportes mais importantes feitos arredor desta gran persoalidade nosa e que axuda a aclarar moitas confusións a xente máis moza, o que non quere decir que non as aclare tamén a xentes da miña edade. Agradézoche a adicatoria polo que ten de fondamente amiga, incluso na sua esaxeración.
Nos aquí estamos vivindo un período de silencio arredor de calquer suceso interno i eu traballo todo o que podo, que cada dia vai sendo menos. Teño catro exposicións neste ano.
Non sei si terás visto a Varela. Matinaba atoparte en Santiago, mais tampouco sei si salíu de Madrid, pois denantes trataba de arranxar a sua situación.
Apertas de Maruxa e miñas para Isabel, Sara e para tí:
Seoane.
|