Noticias

Arquivo da Emigración Galega (CCG). Rexistros1 a 30 de 198
26/12/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Carballiño y su partido

Un grupo de emigrantes procedentes da comarca ourensá do Carballiño e residentes en Cuba crearon na Habana, en 1922, a sociedade Carballino y su Partido. Varios libros de actas que recollen a memoria desta entidade xa están a disposición da cidadanía no marco do Proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que promove o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).
18/12/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora novos números de El Despertar Gallego

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), pecha este ano coa posta en rede dun novo lote de exemplares do xornal El Despertar Gallego, Órgano oficial de la Federación de Sociedades Gallegas en la República Argentina. Nesta ocasión súbense 46 números que do período comprendido entre 1929 e decembro de 1930 en que a cabeceira cambia de nome.
28/11/2025

Presentadas as novas edicións de Flores de Sombra e A orillas del Pilcomayo

Con motivo do centenario da publicación de Flores de Sombra (1925) e da reedición de A orillas del Pilcomayo (1937) de Federico Mediante, a editorial independente EOditorial, presenta dúas novas edicións que buscan recuperar e poñer en valor a figura dun dos autores máis singulares do xornalismo e da literatura de aventuras do século XX. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o editor, Antonio Andina; máis Ana Martínez Loredo, neta de Federico Mediante Noceda, presentaron esta mañá na sede da institución ambos traballos.
27/11/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade lucense da Liga Santaballesa

Un grupo de emigrantes naturais da comarca lucense da Terra Chá, naturais dos concellos de Vilalba, Trasparga, Xermade, Muras, Cospeito e Abadín crearon o 7 de outubro de 1907 na Habana a "Liga Santaballesa de Educación e Instrucción", que aínda segue activa. Libros de actas, de rexistro de socios, documentación sobre xuntas xerais, entre outros materiais, súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que promove o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Parte do material dixitalizado foi cedido pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, herdeira da antiga delegación desta entidade na parroquia de San Pedro de Santabaia en Vilalba (Lugo).
16/10/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon en rede os primeiros número do xornal España libre

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de poñer a disposición da cidadanía a dixitalización dos primeiros 165 números do xornal España Libre. Órgano de las Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos de América, publicación editada en Nova York entre 1939 e 1977. Nesta primeira fase, difúndense os exemplares correspondentes ao período 1939–1942, que se poden consultar en liña a través do fondo hemerográfico do CCG
10/10/2025

Conclúe en Alemaña a 35ª edición da reunión de AEMI

O Consello da Cultura Galega (CCG) participa na 35ª edición da AEMI Conference, organizada pola Asociación de Entidades de Migración e Interculturalidade (AEMI) e o Ruhr Museum, que remata hoxe na cidade alemá de Essen. O encontro leva por título “Migration, Gender and Generation: New Perspectives on Migration” e reúne a especialistas, investigadores e profesionais de museos europeos para debater sobre as novas dimensións culturais, interxeracionais e de xénero da migración.v
18/09/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora a cabeceira Lugo

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de setembro un lote de números do xornal Lugo: Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Nesta ocasión súbense noventa exemplares que se corresponden co período comprendido entre maio de 1943 e decembro de 1950.
26/06/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade “El Valle del Oro”

A construción da casa escola da parroquia de Santa María de Vilacampa (no Valadouro), a de Bacoi máis a de Adelán así como numerosas achegas para o funcionamento de escolas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz son algunhas das contribucións que realizou en Galicia a sociedade "EL Valle de Oro, Sociedad de instrucción, protección y recreo" constituída en 1907 en Cuba por un grupo de emigrantes naturais dos concellos lucense de O Valadouro e Alfoz. Libros de actas, estatutos, a contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación desta sociedade que aínda está activa e que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
19/06/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora o boletín da segunda etapa do Consello de Galiza

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de maio do boletín oficial informativo do Consello de Galiza. Son cinco números que van de 1963 a 1967, que se corresponden co intento de refundación da entidade orixinal que fora creada en 1944 en Montevideo por Castelao.
30/05/2025

Unha mesa redonda aborda o teatro galego na diáspora arxentina

O teatro, tanto en galego como en castelán, ocupou unha parte importante do lecer da colectividade galega emigrada en Arxentina a principios do século XX. A mesa redonda “O teatro galego na diáspora: o caso da Arxentina (1900-2025)” que organiza o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) o vindeiro luns, 2 de xuño (18:00 horas), reflexiona desde diferentes ámbitos sobre un dos fenómenos máis rechamantes da cultura galega na diáspora. A xornada presencial, pode seguirse en directo a través do web do CCG e as redes sociais.
29/05/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do “Centro Gallego do Rio de Janeiro”

En 1899 un grupo de galegos emigrados ao Río de Xaneiro decidiu unirse coa intención de crear unha sociedade que servise de referente para a colectividade galega residente no Brasil. Constituíronse un ano máis tarde baixo o nome “Centro Gallego do Rio de Janeiro”. Libros de actas, estatutos, a contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación desta sociedade que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
15/05/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación Orientación Gallega

O Repertorio da prensa da emigración galega proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de maio trinta números do xornal Orientación Gallega de Bos Aires.
24/04/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos de “Xuventude de Galicia. Centro Galego de Lisboa”

Libros de presenzas, actas, estatutos, libros coa contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación da sociedade “Xuventude de Galicia. Centro Gallego de Lisboa” que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
16/04/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega inclúe varias publicacións do Centro Galego de Lisboa

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de abril varios números de tres publicacións editadas polo Centro Galego de Lisboa en distintas etapas: Juventud de Galicia, O Galego e Galicia ó lonxe.
27/03/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Hijos de la Estrada

Varios libros de actas, os estatutos iniciais e o proxecto de reforma dos mesmos, así como varias memorias... son algúns dos documentos da sociedadad Centro Benéfico e Social Hijos de la Estrada que este xoves se soben á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Esta iniciativa do Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), permite visibilizar fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
20/03/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega amplíase coa publicación Adiante

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de marzo cinco números de Adiante, publicación oficial das Mocedades Galeguistas, filial da sociedade arxentina Irmandade Galega.
27/02/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación “Calo y Viduido”

En agosto de 1920 un grupo de emigrantes en Cuba procedentes das parroquias veciñas de San Xoán de Calo (Teo) e de Santa María de Biduído (Ames), deciden crear unha sociedade para, entre outros fins sociais, financiar a construción de escolas na súa terra natal. Documentación desta sociedade chamada "Calo y Viduido. Sociedad de instrucción, recreo y socorros mutuos" forma parte da nova entrega do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, co que o Arquivo da Emigración Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), visibiliza fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
13/02/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega amplíase coa revista Vivero en Cuba

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de febreiro novos números de Vivero en Cuba, publicación oficial da Sociedade de instrución "Vivero y su comarca". Sociedade que naceu coa vontade, segundo os seus Estatutos, de “construir edificios para escuelas en todas las parroquias de los Ayuntamientos de Vivero, Orol, Muras, Riobarba, Jove y Cervo, y crear una escuela de Artes y Oficios”.
21/01/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación Hijos del Ayuntamiento de Boiro

Un grupo de emigrantes de Boiro, comandados por Benigno del Río, funda en Bos Aires en 1931 a entidade “Sociedad Hijos de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Boiro” co obxectivo de crear unha escola e unha biblioteca circulante para achegar a lectura a todos os veciños da súa terra natal. Documentación desta sociedade, hoxe activa baixo o nome “Hijos del Ayuntamiento de Boiro”, conforma a nova entrega do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, co que o Arquivo da Emigración Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), visibiliza fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
20/01/2025

Documentación inédita da primeira homenaxe a Castelao abre un espazo web específico

A finais de setembro de 1975, Rianxo converteuse no epicentro dun acto histórico: a homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 25º aniversario do seu pasamento. Este evento non só foi un pioneiro recoñecemento ao legado dun dos maiores símbolos da identidade galega, senón tamén unha demostración de resiliencia fronte aos obstáculos impostos polo réxime franquista. A través de documentación exhaustiva preservada, o Consello da Cultura Galega (CCG) dá a coñecer o complexo proceso de organización que implicou colaboración transatlántica, negociacións con autoridades e unha paixón compartida por honrar a memoria de Castelao. Con este especial o CCG abre o apartado específico no seu web no que concentrará materiais sobre o intelectual.
16/01/2025

Repertorio da prensa da emigración galega inclúe un número especial da sociedade venezolana Hijos de la Estrada

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de xaneiro un número especial da publicación da sociedade Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada, creada en Caracas en 1959. Trátase dun número conmemorativo que permite coñecer a historia da sociedade e inclúe creacións de distintos xéneros entre as que destaca a partitura do pasodobre “Estrada-Caracas” composta para a ocasión polo entón director da Banda da Estrada, Eulogio López Masid.
19/12/2024

O Repertorio de Prensa da Emigración suma 157 novos números do xornal anarquista Cultura Proletaria

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de subir ao Repertorio de prensa da emigración 157 números do xornal anarquista Cultura Proletaria. Periódico de Ideas, Doctrina y Combate. É un dos xornais anarquistas de maior difusión, comezou a editarse en marzo de 1927 e estivo operativo ata 1953.
16/12/2024

Unha xornada analiza a Transición en Galicia

O final do franquismo (1973-1977) é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o grupo de investigación da Universidade de Santiago (USC), HISPONA, abordan este martes (a partir das 9:30 horas) os diversos aspectos históricos e sociais que marcaron a Transición en Galicia e no conxunto do Estado. Emilio Grandío coordina esta cita na que investigadores como Manuel Ortiz Heras, Ana Cabana ou Luis Velasco achegarán múltiples perspectivas e reflexións críticas sobre este período histórico. A xornada, que se emite en directo polo web e as redes sociais da institución, pon o ramo ao convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades
28/11/2024

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación bonaerense Casa de Galicia

Libros de actas, estatutos e varios folletos de actividade é o material pertencente á Asociación Casa de Galicia de Bos Aires que o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Uns documentos que permiten achegarse ao coñecemento desta sociedade asentada na capital arxentina que continúa a organizar actividades culturais, recreativas e de apoio á colectividade.
21/11/2024

A revista de xadrez Jaque xa se pode consultar no Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio de prensa da emigración galega, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) para a dixitalización e difusión de medios impresos promovidos pola diáspora, vén de incorporar a revista Jaque. Trátase dunha publicación editada pola "Peña de Ajedrez Alexandre Bóveda", fundada no Lar Gallego de Caracas en 1955. Esta revista, que viu a luz en xaneiro de 1960, tiña como obxectivo manter informados aos seus lectores sobre o "mundillo do xadrez” e divulgar esta práctica tanto dentro como fóra da Peña. Nesta entrega incorpóranse 19 números, do ano 1960 ao 1961. Xa se poden consultar dende o web corporativo do Consello da Cultura Galega (CCG).
24/10/2024

Caligrafías musicais céntrase na figura de José Arriola no seu 70 cabodano

O 24 de outubro de 1954 morre José Arriola (Betanzos, 1895-Barcelona, 1954), pianista prodixio do primeiro terzo do século XX. Con motivo do seu septuaxésimo cabodano, o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede a conferencia de Luis Mera Naveiras que ofrece unha panorámica da vida musical e familiar deste intérprete e compositor. É unha nova entrega do proxecto Caligrafías musicais, co que o CCG recupera conferencias de especialistas sobre figuras musicais destacadas do noso patrimonio sonoro.
24/10/2024

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do Lar Gallego de Caracas

O Arquivo da Emigración Gallega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar ao proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega os fondos dispoñibles desta asociación da diáspora creada no ano 1945 e que perdurou ata 1960. O Lar Gallego foi unha institución pioneira dentro da colectividade galega no país, con eventos políticos e culturais. O CCG pon a disposición do público os libros de actas dende a súa fundación ata 1959, así como as actas das xuntas xerais de socias e un informe da Xunta Directiva. Toda a información está accesible no web corporativo da institución.
17/10/2024

O xornal estradense El emigrado incorpóranse ao Repertorio da prensa da emigración galega

O xornal El emigrado, editado pola Sociedad Hijos del Ayuntamiento de la Estrada en Cuba, xa forma parte do Repertorio da prensa da emigración galega, unha iniciativa do Arquivo da Emigración Galega (AEG) dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión súbense 57 exemplares editados entre 1923 e 1924. Nas súas páxinas colaboraron persoeiros como Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Villar Ponte, Antón Losada Diéguez, Basilio Álvarez ou Enrique Labarta Pose.
10/10/2024

Expertos destacan as dificultades dos emigrantes que retornan

"Os números de migrantes non palían o envellecemento da poboación nin tampouco axudan a reverter o despoboamento do rural", afirmou Antía Pérez Caramés, unha das tres coordinadoras do seminario celebrado hoxe, baixo o título Os retornos da emigración galega: unha ollada multidisciplinar. Organizado polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), profesionais da historia, demografía e socioloxía analizaron as características, perfís e o impacto social e económico das persoas emigrantes que regresan a Galicia. Na inauguración, o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, destacou o traballo que a institución leva realizando na análise deste fenómeno desde hai un cuarto de século. Xunto con el, Begoña Solís Domínguez, subdirectora xeral de Retorno da Xunta de Galicia, salientou que "o retorno é unha oportunidade para Galicia, porque incorpora redes de contactos que poden xogar un papel clave". Os relatorios foron gravados e pódense consultar no web corporativo e na canle de YouTube.
09/10/2024

Un seminario analiza o retorno da emigración galega

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro documental do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza este xoves 10 de outubro (9:30 horas) o seminario “Os retornos da emigración galega: unha ollada multidisciplinaria”, no que se abordan as características, perfís e impacto social e económico das persoas emigrantes que regresan a Galicia. A xornada, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, pretende poñer o foco nas condicións de retorno dos emigrantes á luz dos resultados de investigacións recentes cun panel de expertos que abordará as diferentes caras do fenómeno. O vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, e a subdirectora xeral do Retorno, María Begoña Solís Domínguez, inauguran esta actividade coordinada por Belén Fernández Suárez, Antía Pérez Caramés e Raúl Soutelo. O seminario pódese seguir en directo dende o web corporativo e as redes sociais do CCG