Na véspera do Día Mundial do Patrimonio que se celebra cada 16 de novembro, a sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) dedica este xoves (sede da institución, 9:30 horas) unha xornada analizar a situación e a protección do patrimonio vivo. “A salvagarda do patrimonio cultural inmaterial de Galicia” é o título desta sesión que pon o ramo a un ano de traballo no que se analizaron diferentes casos e se pon sobre a mesa un informe sobre a preservación destes bens inmateriais. Teresa Nieto, responsable da sección de Patrimonio do CCG, e Ana Estévez Lavandeira coordinan esta cita que tamén se pode seguir en directo desde o web da institución.
12/11/2025
11/11/2025
“Castelao foi artista, intelectual e político, e esa tripla mirada dálle unha capacidade rara de xuntar emoción cívica, criterio moral e deseño institucional” afirmou Paulo Carlos López, coordinador da xornada “Castelao: democracia e paz” que o Consello da Cultura Galega (CCG) organizou na mañá deste martes xunto co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela. A vicepresidenta do CCG, Dolores Vilavedra, inaugurou a sesión que puxo en diálogo os textos do intelectual coas intervencións de Serxio María Rodríguez, Tamara Andrés Padín e Iria Friné Rivera que conectaron o seu pensamento co contexto internacional actual.
11/11/2025
Portugal celebra o 500 aniversario do nacemento dunha das figuras máis sobranceiras da cultura portuguesa: Luís Vaz de Camões. O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) máis a Cátedra de Estudos Galegos da Facultade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL), organizan varias actividades en Lisboa encamiñadas a estreitar as relacións entre a cultura galega e portuguesa no marco dos actos conmemorativos. Unha delas é a exposición “Sob o signo de Camões. Exposição do livro galego da FLUL” que a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta tarde. Outra é encontro-diálogo “Vidas paralelas” que terá lugar mañá mércores no que participan Hélio Alves e Xosé Manuel Dasilva e que afonda na pegada e no impacto creativo da obra camoniana nos autores máis importantes da literatura galega.
11/11/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Equipo de Investigacións Políticas da Universidade de Santiago de Compostela, organiza este martes (facultade de Ciencias Políticas e Sociais, 12:00 horas) a actividade “Castelao: democracia e paz”, un encontro dedicado a examinar a visión que Afonso Daniel Rodríguez Castelao formulou sobre a democracia e a paz no mundo. O acto pretende poñer en diálogo os textos do intelectual rianxeiro cunha pluralidade de voces contemporáneas —especialmente novas— que contribúan a conectar o seu pensamento co contexto internacional actual.
11/11/2025
A nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), leva por título “Física cuántica: o enigmático mundo do pequeno” e conmemora dúas efemérides: o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica e o XVI Día da Ciencia en Galego. Unha ducia de vídeos ofrecen unha viaxe divulgativa polo universo das partículas subatómicas e as tecnoloxías de vangarda que delas se derivan.
09/11/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, o Camões-Centro Cultural Português de Vigo máis o Centro de Cultura Politécnico do Porto, presentan a oitava edición de "Dramaturxias Itinerantes". Un ciclo que pon en diálogo a dramaturxia contemporánea de autoría feminina en Galicia e Portugal. Esta edición, que terá lugar este luns 10 de novembro (16:00 horas) no Centro de Cultura Politécnico do Porto e martes 11 na ESAD de Vigo (17:00 horas), contará coa participación das dramaturgas Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman (que conforman a compañía A Panadaría) e a portuguesa Inês Filipe, que presentarán as obras As que limpan e A morte da sereia, respectivamente. Ambas representacións contarán cun coloquio posterior coas autoras.
06/11/2025
O control económico, a explotación financeira e a sabotaxe laboral son algunhas prácticas analizadas hoxe por profesionais do dereito, da investigación e do ámbito laboral na xornada “A violencia económica”, organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración co Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). As presidentas de ambas entidades, Rosario Álvarez e Antía Domínguez, salientaron na inauguración a relevancia desta primeira colaboración conxunta, “especialmente pola reflexión colectiva necesaria para erradicar a violencia e a discriminación contra as mulleres”. Ademais, Carme Adán, coordinadora da xornada e directora do CDIF, subliñou que a violencia económica é unha das formas de violencia máis naturalizadas e invisibilizadas, e lembrou que afecta a máis do 90 % das mulleres que sofren control psicolóxico.
04/11/2025
“A violencia económica” é o título da xornada coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Consello Galego de Relacións Laborais, se achega a unha reivindicación histórica do feminismo e da loita das mulleres como é a independencia económica. Profesionais do ámbito da maxistratura, da avogacía, da inspección de traballo e dos sindicatos laborais achegarán o seu punto de vista sobre ese asunto na sesión deste mércores 5 de novembro (9:45 horas). Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Antía Sández Callejo, presidenta do Consello Galego de Relación Laborais, inauguran esta xornada presencial que se pode seguir en directo desde o web e a Canle de YouTube da institución.
03/11/2025
A sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes (4 de novembro, 10:15 horas), a xornada “Sen Ítaca, con esperanza: O legado de Juan Ramón Capella Hernández. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e busca poñer o foco na dimensión filosófica e o seu compromiso coa transformación social. A xornada desenvólvese en dous espazos: pola mañá na sede do CCG e pola tarde na na Facultade de Filosofía.
03/11/2025
Desde como se expresan as ideoloxías lingüísticas nas interaccións das redes do “Dígocho eu” e a plataforma @emgalego, ata as motivacións dos neofalantes da provincia de Ourense, pasando polos procesos de tradución que os fillos dos migrantes fan ao seus pais... son moitas e moi variadas as casuísticas que se analizan no libro “Identidades e ideoloxías perante a diversidade lingüística” que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto de Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaban de sacar do prelo. A directora do ILG, Elisa Fernández Rei, Estela Fidalgo Garra e Miguel Guisantes Alonso, máis Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG, xunto con diferentes autores do libro presentaron a publicación na mañá deste luns no salón de graos de Filoloxía. O volume xa se pode descargar desde o web do CCG.
30/10/2025
“Este presente de hoxe hai vinte anos sería distópico e se seguimos neste ritmo de cambio social dentro de dez anos será unha distopía moito maior” afirmou María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) na entrevista que a xornalista Sonia Vizoso lle fixo no marco da xornada homenaxe “María Xosé Porteiro: activista das palabras” que organizou o Consello da Culutra Galega (CCG). Unha sesión na que recoñecidos profesionais do ámbito da política, cultural, igualdade e a comunicación destacaron a súa traxectoria. Na inauguración, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que “é unha muller con moitas facetas, nas que podemos salientar o traballo dedicado á institución durante no tempo en que formou parte do Plenario”.
30/10/2025
O proxecto DJEHUTY é o nome da misión arqueolóxica española que traballa na necrópole de Dra Abu el-Naga en Luxor (Exipto). A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, abrirá o acto de presentación dos vinte e cinco anos de escavacións arqueolóxicas que serán explicados polo seu director, o exiptólogo José Manuel Galán, xunto co especialista en Sistemas de Información Xeográfica (SIX) do CESGA, Emilio Ángel Abad Vida. A cita terá lugar este venres 31 de outubro ás 18:00 horas na sede da institución.
29/10/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu na tarde deste mércores na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de lei de orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3.337.636 euros, un 1,34%máis que en 2025. Álvarez detallou que neste ano en curso, o CCG realizará 105 actividades, 13 publicacións, 35 informes (entre informes de impacto ambiental, informes para a declaración de Ben de Interese Cultural e documentos de traballo) e porá en rede máis de 100 fondos documentais relativos ás súas áreas de traballo. Ao tempo, avanzou que para o vindeiro ano a institución estatutaria atenderá ás transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios, afondará na historia e actualidade dos medios de comunicación en galego e reforzará a súa acción exterior. Os voceiros dos grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.
29/10/2025
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) pon o foco na traxectoria da política, activista, escritora e feminista María Xosé Porteiro (Madrid, 1952) coa xornada “María Xosé Porteiro: activista das palabras”, dentro do ciclo “De pioneiras e andainas”. Será este xoves 30 de outubro (9:45 horas) e nela revisarase a súa traxectoria vital e profesional, desde os seus inicios nos medios de comunicación ata a súa contribución á política de igualdade e á promoción das mulleres en Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da xornada e do CDIF, Carme Adán, inaugurarán esta cita na que participa a propia María Xosé Porteiro, así como a xornalista Sonia Vizoso, Víctor Freixanes, Susana López Abella, e Ana Miranda, entre outros relatores. A xornada é presencial, pero tamén pode seguirse en directo a través do sitio web e das redes da institución.
28/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle unha nova xornada do ciclo “A arte en tempo real”, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, centrada na evolución das bolsas de creación e das residencias artísticas en Galicia. O encontro pretende revisar a súa traxectoria histórica e avaliar a súa relevancia actual como motor de impulso e sostemento dun sector creativo que, malia a súa precariedade, continúa a demostrar unha notable vitalidade e capacidade de innovación. Paula Cabaleiro e Silvia García coordinan esta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web e a canle de YouTube do CCG.
28/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle este mércores, 29 de outubro (10:30 horas), o encontro Cultura na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, que conmemora a institucionalización do Día da Eurorrexión, que se celebra cada 31 de outubro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; o presidente da CCDR-Norte, António Cunha; e o director territorial da Coruña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia abrirán este encontro que pon o acento no papel da cultura na cooperación e no que se entregará o premio literario Nortear 2024-2025.
27/10/2025
“Fernando Calvet i Prats: Pioneiro da biotecnoloxía en Galicia” é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) se achega este martes (16:15 horas) ao contexto no que viviu este científico ao que lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. A cita serve tamén para ver a súa influencia e a situación actual do sector biotecnolóxico no noso país. A xoranda, coordinada por Elena Vázquez Cendón e Pedro Merino, conta coa presenza de figuras destacadas como Jose Manuel López Vilariño, presidente do Clúster Tecnolóxico e Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), que abordará a situación actual e os retos de futuro do sector biotecnolóxico galego. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e canle de YouTube do CCG.
27/10/2025
“A propósito de Anna” é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxea á fotoxornalista catalá Anna Turbau este luns (27 de outubro, 16:15 horas). Margarita Ledo coordina esa sesión que achega a mirada crítica e comprometida de Turbau e a súa influencia nas xeracións posteriores. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.
24/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou unha sesión plenaria no serán deste xoves na que acordou a concesión das súas medallas á filóloga estadounidense Kathleen March e ao edafólogo Francisco Díaz-Fierros, en recoñecemento á súa contribución nas actividades da institución. Ademais, aprobou as liñas xerais de programación de actividades para 2026 en que prestará atención aos medios de comunicación en galego, en conmemoración do 150 aniversario de O Tío Marcos d´a Portela, a primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. Ademais da celebración do tradicional Concerto das Letras Galegas e do programa didáctico musical No bico un cantar, tamén organizará actividades arredor da figura de Begoña Caamaño, próxima homenaxeada no Día das Letras Galegas. As transferencias culturais derivadas dos procesos migratorios e o reforzo en acción exterior serán outras das liñas de acción prioritarias.
21/10/2025
A vaga de incendios forestais deste verán e o recente anuncio da ampliación da moratoria sobre as plantacións de eucalipto marcaron o contexto no que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou a xornada “Expansión e homoxeneización do espazo forestal: receita para un desastre?”, coordinada polo enxeñeiro de montes e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Eduardo Corbelle. O encontro reuniu expertos de distintos ámbitos —ecoloxía, ordenación territorial, economía rural e políticas europeas de prevención— que ofreceron medidas e ferramentas propostas desde os ámbitos científicos nos que traballan que coinciden na necesidade dun cambio de modelo na xestión do monte, cunha maior ordenación e planificación do territorio. Aldeas modelo, polígonos agroforestais, recuperación de zonas agrarias... son algunhas das medidas que se puxeron sobre a mesa. A secretaria do CCG, Elena Vázquez Cendón, e o coordinador da mesa inauguraron a sesión que quedou gravada e se pode consultar desde a canle de YouTube.
20/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra unha nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que este ano chegan á súa vixésimo sétima edición baixo o título “Lingua en acción: pasado, presente e futuro dos equipos e servizos de normalización lingüística”. A xornada pon o foco en dous axentes fundamentais para o avance da lingua galega: os Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), dous colectivos que contan con máis de tres décadas de traxectoria e que resultan esenciais para a revitalización e o uso social do galego. A xornada é presencial e pode seguirse en directo a través do sitio web e da canle de Youtube.
16/10/2025
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de poñer a disposición da cidadanía a dixitalización dos primeiros 165 números do xornal España Libre. Órgano de las Sociedades Hispanas Confederadas de los Estados Unidos de América, publicación editada en Nova York entre 1939 e 1977. Nesta primeira fase, difúndense os exemplares correspondentes ao período 1939–1942, que se poden consultar en liña a través do fondo hemerográfico do CCG
16/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza en Mondariz unha xornada dedicada ás danzas brancas, unha das expresións máis singulares do patrimonio inmaterial galego. O encontro terá lugar este venres, 17 de outubro (16:30 horas) no Concello de Mondariz, onde esta tradición segue viva grazas á implicación da veciñanza e dos grupos de danzantes locais. A actividade, de entrada libre, non se emite en directo pero será gravada.
16/10/2025
Alternar a lingua vehicular dalgunhas materias, fomentar a acollida lingüística para o alumnado estranxeiro, incorporar cláusulas lingüísticas na contratación pública… son algunhas das 96 medidas que se propoñen no informe Un país coa súa lingua. Foro participativo, do Consello da Cultura Galega (CCG). Un ano de traballo no que participaron preto de 2000 persoas e no que se recibiron arredor de duascentas propostas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación “o espírito construtivo deste documento que acompaña a outras iniciativas e que ofrece ideas replicables e asumibles”. Canda ela a vicepresidenta e coordinadora do foro, Dolores Vilavedra, e o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares, explicaron o documento que contén “medidas de aplicación inmediata, moitas delas sen custo económico, e estruturais que contribúen a reverter a situación do galego”. O informe xa se pode descargar desde o sitio web da institución.
11/10/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugurou esta semana na Universidade de Flensburg unha nova itinerencia da exposición Afonso X e Galicia que afonda na conexión galega do Rei Sabio. A mostra permanecerá aberta ata o 10 de novembro. Ademais, a presidenta impartiu unha conferencia no marco das actividades complementarias.
11/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará o luns, 20 de outubro, en Santiago de Compostela, a xornada titulada “Expansión e homoxeneización do espazo forestal: receita para un desastre?”, un encontro que pretende promover un debate informado sobre como romper a continuidade da biomasa, reducir o risco de incendios e recuperar o valor económico, cultural e ecolóxico das paisaxes galegas. O enxeñeiro de montes Eduardo Corbelle Rico coordina este encontro no que participan especialistas en solo, biodiversidade e xestión forestal. A inscrición está aberta a través da web do Consello da Cultura Galega.
09/10/2025
A Casa de Cultura de Antas de Ulla acolleu este xoves a xornada final do foro “Acceso á cultura en Galicia” que organiza a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Un proceso no que participaron representantes do terceiro sector, profesionais da cultura, cidadanía e responsables políticos. Entre as conclusións desta iniciativa salientouse o papel esencial dos profesionais da cultura como axentes de cambio, a necesidade de mellorar a comunicación institucional —simplificando a linguaxe burocrática e eliminando barreiras simbólicas—, e a urxencia de incorporar á cidadanía e aos colectivos vulnerables na toma de decisións lexislativas e programáticas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García, inauguraron este encontro que foi gravado e se poderá recuperar desde o web institucional.
08/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha este xoves (9 de outubro, 10:00 horas) na casa da cultura de Antas de Ulla o foro “Acceso á cultura en Galicia 2025”, unha iniciativa promovida pola súa Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais que analiza o exercicio real dos dereitos culturais da cidadanía galega. A xornada servirá para presentar os primeiros resultados das recollidas territoriais desenvolvidas no marco deste foro durante a pasada primavera, ademais de xuntar representantes do Ministerio de Cultura e da Xunta de Galicia, que exporán as principais liñas dos novos marcos lexislativos e programáticos nesta materia. A xornada non se emite en directo pero será gravada e incorporase ao web institucional.
07/10/2025
Mulleres migrantes, discapacitadas e xitanas explicaron esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG)algunhas situacións de discriminación que sofren. O seu testemuño formaba parte da xornada “Mulleres e vulnerabilidade social” que organizaron o CCG e a Valedora do Pobo. Elena Vázquez Cendón, secretaria do CCG, apuntou na inauguración da sesión a importancia deste tipo de foros. Pola súa banda, a valedora, Dolores Fernández Galiño, lembrou que “as mulleres, que son a metade da poboación, estiveron discriminadas ao longo da historia” e incidiu que “se se lle engaden variables como discapacidade, etnia ou orixe van estar aínda en peor disposición”. A sesión foi gravada e pódese ver desde a canle de YouTube da institución.
07/10/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) participa na nova edición de Kosmópolis 25, o festival internacional de literatura amplificada organizado polo Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB), cun programa que abre unha xanela á cultura galega contemporánea. Baixo o título Galicia no centro, esta proposta reúne conversas, recitais e concertos que amosan a vitalidade e a proxección internacional da creación galega actual. A programación das actividades, desenvolvidas entre o venres 24 e o domingo 26 de outubro, contou co asesoramento de Paula Cabaleiro.


