Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 541 a 560 de 3724

O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de José María Arias Mosquera

Na súa vivenda de Madrid finou este luns José María Arias Mosquera (Santiago de Compostela, 1953 - Madrid, 2023), presidente da Fundación Barrié e figura convencida do papel fundamental da educación, así como impulsor de destacados programas para a catalogación e recuperación do noso patrimonio. O Consello da Cultura Galega (CCG) lamenta o pasamento de quen foi membro do seu Plenario entre 2007 e 2020, representando á Fundación Barrié.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do fotógrafo e debuxante José Veiga Roel

José Veiga Roel (Betanzos, 1894–1976) cultivou a súa faceta artística nos campos do debuxo e das miniaturas de caligrafía, mais foi a fotografía a disciplina coa que acadou maior difusión e recoñecemento. Concibiu a cámara como unha “ferramenta capaz de traducir pensamentos a imaxes” e a fotografía como unha arte coa que revelar “a realidade oculta”. Así o subliña Vítor Vaqueiro na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.

Ler máis

A última Conxuntura do Observatorio da Cultura Galega indica un cambio de tendencia no sector

"O conxunto de indicadores manexados no presente documento dan conta dunha situación claramente positiva para o ámbito da cultura, pero con algún datos que poderían estar anunciando un cambio de tendencia", conclúe a sétima Conxuntura estatística do ámbito cultural, documento de traballo que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Aínda que en liñas xerais a situación é positiva, no emprego, na exportación e no consumo cultural hai indicadores que amosan unha moderación. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web do CCG.

Ler máis

Melide acolle unha xornada sobre a función das cercas na época medieval

Reflexionar sobre o papel que tiveron as cercas na conformación urbanística do medievo é o obxectivo da xornada “Nas vilas cercadas da Idade Media: protección, control e poder”. A cita, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Museo Terra de Melide, este luns, 4 de decembro (16:00 horas), no Centro Sociocultural Mingos de Pita (Melide). Na súa inauguración participará Rosario Álvarez, presidenta do CCG, xunto con Xosé Manuel Broz e Cristina Vázquez Neira, do Museo da Terra de Melide. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do Consello da Cultura Galega.

Ler máis

O que pode a danza amosa o poder transformador social das artes do movemento

O que pode a danza é o novo produto audiovisual co que o Consello da Cultura Galega (CCG) se achega ao sector das artes do movemento. Trátase de oito pezas audiovisuais que nos achegan outras tantas experiencias singulares que amosan as conexións do mundo da danza coa sustentabilidade, co territorio ou coa empresa. Natalia Balseiro é a comisaria deste proxecto, que se acaba de presentar na Casa Vella de Amiadoso, en Ourense, e na Culturgal. A serie está dispoñible desde hoxe no web e nas redes sociais da institución.

Ler máis

Xa está dispoñible na rede unha parte do fondo Miguel Gutiérrez

O 4 de decembro de 1977 tivo lugar en Vigo unha das maiores concentracións políticas daqueles anos. Foi un chamamento á mobilización contra o modelo autonómico proposto pola UCD cunha fonda repercusión. O cartel daquela mobilización é un dos materiais recollidos no Fondo Miguel Gutiérrez e que xa se poden consultar na rede. O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de dispoñibilizar unha parte do fondo galego que está a ser catalogado polo Grupo de Investigación HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Ler máis

Preséntanse no Culturgal os últimos produtos audiovisuais da institución

O Consello da Cultura Galega (CCG) acode á 16ª edición da Culturgal, que se desenvolve ata o domingo 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con dúas actividades para presentar os traballos audiovisuais producidos pola institución nos últimos meses ao redor de diferentes disciplinas artísticas contemporáneas. A presidenta, Rosario Álvarez, e mais os responsables da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, do Arquivo Sonoro de Galicia e da Comisión Técnica de Relacións Institucionais e Acción Exterior, Cristina Domínguez, Alejo Amoedo e Xavier Queipo, respectivamente, acompañados de diferentes profesionais que participan nestes proxectos, asistirán ás dúas presentacións, que terán lugar mañá domingo (12:00 e 17:00 horas).

Ler máis

O especial Historias de ida e volta documenta o labor educativo da emigración galega en América

A colectividade galega emigrada alén mar impulsou centos de iniciativas para promover a construción de escolas nos seus lugares de orixe, pero tamén nos países de acollida. En Cuba, A Arxentina, O Uruguai, O Brasil, México e Venezuela creáronse academias e centros educativos para atesourar os vínculos das novas xeracións coa lingua e cultura galegas. A nova entrega de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos algúns dos proxectos educativos desenvolvidos pola emigración galega en América.

Ler máis

Unha xornada en Lourenzá pecha os actos en homenaxe a Fernández del Riego

O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha un ano de actividade arredor da figura de Francisco Fernández del Riego, cunha xornada no seu Lourenzá natal. Diferentes especialistas afondarán nas relacións do homenaxeado no Día das Letras Galegas desta edición coa emigración e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América. A alcaldesa do concello de Lourenzá, Rocío López García, e o vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, inauguran este venres, 1 de decembro (19:00 horas), a cita titulada “Fernández del Riego: de Lourenzá a América”.

Ler máis

Unha xornada sobre cultura e autonomía pecha as actividades conmemorativas do 40º aniversario

Cultura e autonomía é o título da xornada con que o Consello da Cultura Galega (CCG) pon o ramo ás actividades deseñadas para celebrar o 40º aniversario da súa creación. A cita, que se desenvolve este xoves 30 de novembro (10:00 horas), pretende analizar as relacións entre o proceso de creación da autonomía e a institucionalización da cultura. Pablo González Mariñas ou Víctor Vázquez Portomeñe son algúns dos participantes nesta xornada, que se poderá seguir en directo dende o web e as redes sociais da institución.

Ler máis

A biografía da escritora Elena Quiroga entra no Álbum de Galicia

Elena Quiroga (Santander, 1921 – A Coruña, 1995) foi unha escritora independente e innovadora. Sobresaíu cunha extensa obra narrativa, coa que contribuíu ao auxe da novela española nos anos cincuenta e sesenta do século XX. Galardoada co Premio Nadal en 1950 pola súa novela Viento del Norte, foi designada académica numeraria da Real Academia Española “polo valor da súa obra literaria, pola súa orixinalidade e polo dominio da arte de novelar”. Así o explica Xosé Ramón Fandiño na entrada que asina para o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Diferentes expertas e investigadoras reflexionan sobre o acoso sexual nunha xornada

O acoso sexual é unha realidade que está presente en moitos ámbitos da vida das mulleres desde a súa infancia. Co fin de afondar na súa concepción e nas diversas formas en que este se manifesta, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais da institución, organiza mañá martes (28 de novembro, 10:00 horas) a xornada Que é “si”? Sobre o acoso sexual. Na inauguración intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a coordinadora do CDIF, Carme Adán, e a da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Cristina Domínguez. A xornada é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Ler máis

O ciclo Revisando a nosa arte analiza en Vigo a obra artística de Rafael Baixeras

Rafael Baixeras consolidouse como un dos pintores máis respectados polos artistas do grupo Atlántica. Cando se fan 34 anos do seu pasamento, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) analiza a súa traxectoria artística nunha nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte. A cita, coordinada por Miguel Fernández-Cid, terá lugar mañá, 27 de novembro (17:00 horas), no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega celebra o seu 40º aniversario coa estrea de Terra, de Juan Durán, a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia

O Palacio da Ópera da Coruña acolle este venres 24 de novembro (20:00 horas) un concerto conmemorativo polo 40º aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), dirixida por Víctor Pablo Pérez, interpretará un programa no que destaca a estrea da cantata Terra, do compositor Juan Durán. O concerto será gravado para a súa futura edición.

Ler máis

A Orquestra Sinfónica de Galicia estrea Terra, de Juan Durán, no concerto conmemorativo da institución

O Palacio da Ópera da Coruña acolle este venres 24 de novembro (20:00 horas) un concerto conmemorativo polo 40º aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG). A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), dirixida por Víctor Pablo Pérez, interpretará un programa no que destaca a estrea da cantata Terra, do compositor Juan Durán. O concerto será gravado para a súa futura edición.

Ler máis

Sarah Babiker analiza no ciclo Pensarmos a influencia dos alicerces materiais na democracia

A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 23 de novembro (18:00 horas), unha nova sesión do ciclo Pensarmos. Nesta ocasión, a convidada é a xornalista Sarah Babiker, quen falará dos fundamentos materiais que son necesarios para garantir a existencia dunha democracia efectiva e real. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

Ler máis

O Álbum de Galicia suma a biografía de Xoán González-Millán

O docente e investigador Xoán González-Millán (O Grove, 1951 – Nova York, 2002) centrou a súa liña de traballo na narrativa galega contemporánea, un ámbito en que destacou por renovar substancialmente os estudos literarios galegos no posfranquismo. A súa traxectoria profesional desenvolveuse na cidade de Nova York, desde onde articulou a Galicia da diáspora. “O seu compromiso coa difusión da cultura galega nos ámbitos académicos internacionais foi incansable”, subliñan Dolores Vilavedra e Alejandro Alonso Nogueira. Eles son os autores da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Lembranza do Seminario de Estudos Galegos recupera do fondo de Lois Tobío dous textos fundamentais

Lembranza do Seminario de Estudos Galegos é a nova publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) que rescata do fondo de Lois Tobío dous textos que dan conta de acontecementos importantes para a historia do país, como o nacemento do Seminario e as circunstancias da redacción do Estatuto de Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a filla de Lois Tobío, Constanza Tobío; e o editor e principal da publicación, Ramón Villares, presentan esta publicación coa que a institución pon o ramo á conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG). O libro xa está dispoñible para descarga no web do CCG.

Ler máis

As xeracións do Montserrat achégase á emigración galega ao Reino Unido

<em>As xeracións do Montserrat</em> achégase á emigración galega ao Reino Unido

Pilar, Mary, Andrés e Tito son algúns dos protagonistas do fluxo migratorio que levou máis de douscentos mil galegos e galegas cara ao Reino Unido entre 1960 e 1974. As súas historias, narradas a través de documentos, fotografías e outros obxectos desa diáspora, poden verse na mostra As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a importancia de coñecer o fenómeno migratorio para comprender a Galicia contemporánea e concretamente no período que conta a exposición “na segunda metade do século XX cando o fluxo virou cara a Europa (neste caso ao Reino Unido), e que de aí viñeron outros aires de frescura, outras novidades, outras tendencias de cambio”. Canda a ela o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, puxo de relevo a importancia da conservación do patrimonio vivo “as imaxes e relatos son fundamentais para comprender a historia da nosa terra”. Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, incidiu en que “non son só unha colección de imaxes e obxectos, senón un testemuño do sacrificio, da valentía e da esperanza dos emigrantes galegos que deixaron Galicia en busca dun futuro mellor”. O vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé M. Núñez Seixas situou a exposición no marco da área de traballo da institución do estudo e difusión do fenómeno migratorio. O escritor e xornalista Xesús Fraga é o comisario deste proxecto, que se pode ver no Kiosko Alfonso ata o día 14 de xaneiro.

Ler máis

Paula Carballeira e Sofia Santos Silva protagonizan a sexta edición do ciclo Dramaturxias itinerantes

O Consello da Cultura Galega (CCG), a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, en colaboración co Camões-Centro Cultural Português de Vigo, presentan unha nova edición de Dramaturxias itinerantes. O ciclo, que busca promover un maior coñecemento sobre a escrita teatral feminina máis contemporánea de Galicia e Portugal, xunta nesta edición ás creadoras Paula Carballeira e Sofia Santos Silva. A cita arrinca hoxe (18:00 horas), no Teatro Helena Sá e Costa (Porto), e repite mañá, mércores 22 (17:30 horas) na ESAD de Vigo.

Ler máis