Na voz da obra: unha experiencia sonora dende Atalaia
No mes de xuño de 2020 cúmprense dez anos da presentación do proxecto Atalaia, Arte Contemporánea en Galicia (www.culturagalega.org/atalaia), un arquivo virtual de artistas actuais de Galicia, impulsado polo Consello da Cultura Galega desde a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas. Unha iniciativa que nacía co obxectivo de ofrecer ao público un achegamento informativo e o máis global posible do contexto das artes visuais en Galicia.
Unha década despois, esta plataforma acolle unha ampla mirada panorámica da obra de 74 artistas, cunha ampla selección de obras. Pinturas, esculturas, fotografías ou instalacións coas súas respectivas fichas técnicas, que se complementa coa información de exposicións, actividades e publicacións relacionadas de arte contemporánea, un directorio de espazos expositivos e itinerarios realizados por axentes do sector.
Coa proposta "Na voz da obra" pretendemos poñer en valor este importante arquivo visual para recoñecer a obra das e dos artistas seleccionados, desde a relectura doutra mirada allea. Cada persoa convidada escollerá unha obra da base de Atalaia e fará un comentario sobre ela dende a ollada crítica do audiovisual, a estética, a poesía, a música, a ciencia ou a filosofía. Deste xeito, a voz dialogará coa obra nun xogo de experiencia sensorial múltiple arredor dunha obra de arte da man de dous artistas de diferentes áreas.