Entidade: Radio Nacional de España

Entidade: Radio Nacional de España [20]

Data Material Ver
Data Material Ver
1987-03-27
ENTREVISTA A FERNANDO ALONSO AMAT A RAIZ DE LA CONCESION DE LA MEDALLA DE ORO DE LA CIUDAD DE VIGO
1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 32: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 32: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿De que xeito todas as vivencias de Colombia afectan á túa poesía?
—Eu sempre tiven a poesía un pouco á marxe do que é o desenvolvemento natural da vida. A poesía sempre foi para min unha especie de refuxio onde, despois de todos estes avatares que se poden relatar, e que forman parte xa máis ben dun pasado que dun presente, tiña ese recuncho da poesía, espiritual, se se quere, para poder zafarme un pouco do andar aqueloutrado do que era en certo modo sobrevivir. Entón, pois non sei, algo se pode transvasar á poesía porque a vida á fin e ao cabo dalgunha maneira é un espello no que a poesía se reflicte ou viceversa. Pero non é precisamente toda esta cousa que se dixo antes, unha fonte esencial da poesía. A poesía é algo máis fonda, algo máis profunda, é ir desvelando o misterio das cousas. Se ten algo que ver algunha vivencia, algún xesto ou algunha cousa que a un lle queda, no fondo é máis ben ese refuxio que un busca.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 33: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 33: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Despois de pasar tanto tempo por terras colombianas e de integrarte na súa comunidade ¿como viviches o reencontro coa terra, posiblemente idealizada na distancia?
—A terra sempre se idealiza e, sobre todo, hai un problema grave, que se vai dividindo a mente en compartimentos e, cando te vas, levas unha imaxe da terra que queda fixa na memoria, unha especie de postal, que, cando chegas de novo, está destruída dalgún xeito porque
todo avanza, todo vai para diante e todo iso vaise consumindo e destruíndo co tempo. Entón levas, cando chegas, un pouco a desilusión de non atopar as cousas no seu sitio, polo menos certas cousas no seu sitio. Porque un coñece as árbores e as pedras por onde andou e, cando chega, non as atopa realmente no mesmo sitio. Non atopas realmente a xente no mesmo sitio, e ti sempre a estás vendo na memoria máis ou menos
apousentada no sitio en que a deixaches e entón hai unha certa desilusión e un certo enfrontamento contigo mesmo porque sabes que hai algo xa irrecuperable para sempre.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 34: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 34: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Que é máis importante a natureza e o ambiente de Galicia ou a xente?
—Sempre é máis importante a xente, loxicamente. A natureza á fin e ao cabo é un escenario onde se move a xente e nós somos parte da xente. Entón a xente é o que che dá ese espírito de ir entendendo a natureza. Vanse compenetrando. Loxicamente ti sabes que hai unha teoría, que parece que descubriu don Ramón Otero Pedrayo: que a xente e a paisaxe, dalgunha maneira, se van entendendo e vanse compenetrando de tal xeito que chegan a ser a mesma cousa. Pero indubidablemente sempre é a xente, o espírito da xente, que incluso hai a teoría de que non morre senón que vai facendo sedimento da patria, que dalgunha maneira vai facendo ese fluír eterno que nos fai os xestos e que nos fai a palabra e que nos fai a maneira de ser. Entón a xente sempre é máis importante indubidablemente cá natureza.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 35: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 35: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿En que medida os Cantos caucanos son o tributo ou a débeda que tiñas contraída con Colombia?
—Non é ningunha débeda, porque eu formo parte de Colombia como formo parte de Galicia. Iso parece unha cousa rara pero é así. Eu pasei vinte anos en Colombia, vinte anos que foron quizais a mellor parte da miña vida porque pasei dos vintecinco aos corenta e cinco anos e entón a vivencia é forte. Máis ca unha débeda é unha especie de psicanálise para ir entrando outra vez na miña terra e botando fóra a presencia sempre viva e quente do que son aquelas terras e aquelas xentes. Entón, dalgún xeito, para ir penetrando outra vez, ir achegándome á miña propia terra un pouco limpo de todo o que puidera haber detrás. Ese libro é iso.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 36: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 36: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Como atopas a terra hoxe?
—A terra sempre a atopo ben. Pode haber certos problemas, certos encontros ás veces non axeitados, e certa loita cun mesmo para estar no momento actual porque, cando estás tanto tempo fóra, queres integrarte moi pronto e non é fácil porque loxicamente estás un pouco desfasado. Agora xa pasou tempo desque eu cheguei e xa estou máis ou menos ao tanto de todo, pero ao principio foi moi duro.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 37: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 37: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Como ves a situación politica e cultural?
—Eu vexo, se son sincero, moito egoísmo, moito individualismo e moita desunión, moito problema de ferirse uns aos outros. É difícil pero supoño que é transitorio. Chega un momento en que despois dunha loita permanente, agre, difícil, hai un desgaste e calquera cousa nos fire. Estamos todos un pouco queimados; entón calquera cousa que se nos di, aínda dun xeito máis ou menos non intencionado, ás veces fírenos demasiado e estamos todos un pouco en carne viva. Entón iso é perigoso pero eu creo que foi necesario, e dalgún xeito vaise superar.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 38: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 38: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿E máis facil ser galego fóra de Galicia que dentro?
—Ser galego é unha cousa esencial con un e un ten que ser galego a pesar de todo. Agora ben, ser galego fóra de Galicia é unha especie de cruz que un leva encima porque non te podes liberar nunca nin podes ser feliz nunca. Eu convivía con outras comunidades de todas as partes do mundo –porque vós sabedes que América é unha especie de crisol onde se reúne toda a xente do mundo–, e víaos moitas veces en cantidade de festas e de concursos, todos moi felices; e nós sempre estamos un pouco arrastrando ás costas a nosa terra. Iso é unha chaga permanente, algo que non podemos superar; a min iso entristecíame moito porque ás veces quería liberarme pero non puiden liberarme nunca. Quizais ese sentimento de estar fóra é unha cruz que ningún galego pode salvar e que eu sinto aínda agora –porque un queda coa mente dividida– en que tamén teño saudades daquelas terras. É unha saudade doutro tipo, en que un incluso sente alegría de escoitar a música daquelas terras e ao escoitar ás veces a xente de alá que te vén visitar. Cando estaba alá era todo o contrario, había unha especie de sufrimento. Ese desvencello de estar fóra da terra é terrible.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 39: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 39: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Case como un sentimento da emigración continuo?
—E sen embargo eu loitei moitísimo en contra do que era a saudade, a morriña e todas esas historias. Tampouco aínda que teñas esa dor e esteas prendido nela dalgún xeito tes que estar loitando permanentemente contra ela e, entón, eu procurei sempre non ser nin saudoso, nin morriñento nin nada diso. Pero si hai un chamamento atávico da terra que non podes superar nunca.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 40: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 40: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—Ti definícheste como home do pobo. Nun momento en que é tan difícil non integrarse nas institucions ¿como fas para ser coherente con esa afirmación?
—Eu son un home do pobo, entón case non teño que facer nada; ou sexa, que non me custa moito traballo. Primeiro, non teño ningunha disciplina académica, non teño ningunha disciplina de ningunha clase. Son un indisciplinado. E entón tamén sempre por iso teño oficios que non teñen moito que ver con nada institucional, polo tanto síntome fóra sempre.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 41: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 41: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Como ves a poesía galega hoxe?
—Estamos vivindo un momento especial da poesía con todo o que se diga –e vós sabedes que se din moitas cousas de séculos de ouro e cousas desas, que todo, en certo modo, son palabras feitas–. Pero o certo é que se está vivindo un momento intenso da poesía en Galicia, porque hai unha verdadeira…, pois non sei cómo dicir, pero si hai un interese grande pola poesía, polo menos nalgúns círculos, e hai cantidade de xente preocupada por iso. Vese, por exemplo, en que a min cóntame Basilio Losada, nunha carta que me escribe agora, que en Barcelona están un pouco sorprendidos de que unha colección de poesía teña vinte libros publicados en dous anos ou tres e que teña para publicar dous anos máis. Entón os cataláns están un pouco sorprendidos de que se escriba, de que se faga tanto, e ademais libros de calidade. Non é que sexa o século de ouro pero estase facendo unha calidade poética de altura e interesante. Entón o poeta está tamén tendo unha incidencia na vida social da nosa terra como non tivo antes. Primeiro porque os medios de comunicación son outros; está máis presente neles, porque anda no medio da xente, vive no medio da xente e acabouse un pouco a figura do poeta romántico, do poeta soñador, do poeta vestido de negro e de capa e toda esa historia, e o poeta é un traballador máis que traballa nun eido en que as cousas son moi esenciais, e que está mesmo case traballando na raíz do que é o noso ser e a nosa terra.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 42: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 42: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿En que medida o poeta e a poesía ten que incidir e modificar o contorno en que vive?
—O noso país haino que facer, haino que construír ou reconstruír, desde moitas bandas, e o poeta ten que participar indubidablemente na reconstrucción do que é a identidade e no que é a reconstrucción do país galego. Entón non se pode ser neste momento un poeta de torre de marfil; ou sexa, subir o poeta á súa torre, agacharse un pouco de todo o que o rodea e escribir a súa obra perfecta e toda esa historia. O poeta ten que integrarse na loita común de todo o pobo galego porque o poeta tamén é unha especie de profeta, e unha especie de loitador que ten moito máis claras as esencias da patria do que as ten a xente común. Polo tanto, nun país que se está a refacer, a reconstruír, ou buscando, como se di agora, a súa propia identidade, o poeta ten que ser unha peza esencial desa loita de reconstrucción. Non pode esquivar esa loita nunca.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 43: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 43: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Nestes tempos hai espacio para a bohemia?
—Home, é unha bohemia dun tipo moi diferente ao que era a bohemia do meu tempo. Eu quizais fun o último bohemio, daquela bohemia en que eu participaba con Urbano Lugrís nos anos cincuenta; xa nos dicían daquela que eramos os últimos, os derradeiros bohemios. E entón non sei, o que pasa e que agora é unha bohemia moito más viva e algo máis farturenta, porque a nosa era de verdadeira fame e necesidade. Hoxe hai a bohemia da movida en que moita xente se perde e ao mellor pasa un mes perdido nunha noite case eterna en que a movida o absorbe dalgún xeito; e é un xeito de ser bohemio. Pero supoño que esa época romántica da bohemia, como se concibía, acabouse; non hai tempo. Co tempo agora ti ves que en todas as partes hai unha certa agresividade, hai unha certa competencia, hai que andar correndo e senón píllante os coches. Tes que moverte.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 44: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 44: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Nunca se encontrou o home tan de fronte coa súa perennidade, nunca se sentiu o home con tan pouca vida como agora?
—Metéronnos nun barullo de vida que é case invivible. Toda esta que lle chaman a sociedade de consumo e todo isto de que un ten que andar correndo dun lado para outro. É unha vida un pouco desaxeitada e unha vida en que non che dá tempo ás veces nin para pensar.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 45: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 45: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Incluso en Noia, de onde ti es?
—Nas vilas vívese un pouco máis tranquilo. De todos os xeitos un está involuído na acción ambiente. Chega un pouco a todas as partes, é un pouco o que che meten polos ollos. Hai que ter en conta que agora hai unha pantalla en todas as casas que, dalgunha maneira, tamén distribúe os teus comportamentos, ou polo menos remárcaos ou diche o que tes que facer case durante o día porque che impón unha serie de condicións e un xeito de vida. O que pasa é que nas vilas, se non andas ao ritmo que che marcan desde fóra, sénteste como un pouco perdido tamén, e entón andas a correr sen saber por qué.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 46: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 46: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—O teu libro O Tempo no espello comeza coa cita “Quen vive mais dunha vida mais dunha vez ten que morrer”. ¿É xusto ter que morrer para vivir?
—Hai unha serie de cousas que vas perdendo, que son diferentes mortes a través da vida. Un pouco os paraísos perdidos, vas perdendo certos paraísos. Perdes o paraíso da infancia, perdes o paraíso da terra cando te tes que ir, perdes o paraíso que deixaches alá cando regresas. Todas esas son un pouco mortes de cada quen, algo que vas deixando para sempre. Un pouco a loita contra o tempo, a de non ter a ubicuidade, non poder estar en dúas partes ao mesmo tempo. Entón sempre hai algo que botas de menos, sempre hai algo que está morrendo dentro de ti. Iso é así e non hai… e todas esas mortes lévaas un dentro, loxicamente.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 47: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 47: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—Pero parece que ti te resistes a todas esas mortes.
—Si, si, eu resístome sempre, e pelexo –eu estou falando quizais unha linguaxe un pouco poética neste caso–; pero o certo é que eu sempre me repoño a toda esa historia, sigo para diante tan campante e comezo outra vez de novo, non soamente na vida poética senón na vida real. Eu comezo as veces que sexa necesario. Tanto é así que eu pasei da xeración á que pertenzo á xeración Dorna tranquilamente; ou sexa, que non teño problema. Comezo sempre e parto outra vez de onde teña que partir.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 48: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 48: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—Concelleiro de Cultura no Concello de Noia. ¿Con que obxectivos?
—Eu metinme a concelleiro de Cultura en Noia –á parte das cousas políticas, que importan menos aquí– máis que nada porque había que facer unha infraestructura cultural que non hai. Non hai unha casa da cultura, non hai un sitio para poder dar un recital ou facer unha exposición; non hai unha infraestructura cultural apropiada para desenvolver a cultura. Porque a cultura non se fai desde ningunha consellería nin desde ningunha concellería. E entón o que hai é que facer as estructuras para que a cultura do pobo teña onde expresarse; non é máis ca iso. E ese foi o meu compromiso e o compromiso que quero levar a cabo, e dalgunha maneira estouno levando porque se vai comezar a facer a casa da cultura en quince días máis ou menos. Xa hai unha subvencións aí. E non soamente a casa da cultura de Noia senón que hai unhas escolas unitarias nas parroquias onde se van facer uns centros de cultura tamén. Ese é o meu compromiso e metinme aí por iso, e non por outra cousa, á parte do meu compromiso moral, loxicamente, con todo o que sexa traballar por Galicia dignamente.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 49: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 49: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—¿Cales son os maiores problemas coas que se atopa un escritor nestes tempos e neste país?
—Non teño nunca o sosego necesario para poder escribir. Vós sabedes que eu escribo nunha taberna chea de barullo e con música de rock de fondo, permanente ademais. Nunha taberna en que estou desde as dez da mañá ata as dúas da mañá todos os días, e todo o que eu podo
ir escribindo téñoo que escribir aí. Xa superei pois o problema, porque me illo totalmente cando teño que escribir e entón non hai problema ningún, non escoito nada. Aínda así interrómpenme a cada momento polo meu traballo de taberneiro pero eu creo que precisamente todos estamos a vivir así dese xeito, en que nos interrompen frecuentemente para outras cousas que non nos interesan pero que nos serven para ir sobrevivindo. Son traballos de sobrevivir, mentres que o traballo literario sempre, como eu dicía antes, serve de refuxio para poder chegar e meterse nel tranquilamente e apartarse un pouco do mundanal ruído, que diría o vello poeta castelán.


1988-00-00
Homenaxe a Avilés de Taramancos 50: Entrevista en RNE
Ver Fragmento de entrevista radiofónica posteriormente dixitalizada

Transcripción da Homenaxe a Avilés de Taramancos 50: Entrevista en RNE en 00/00/1988

—Esta a piques de saír o teu novo libro As torres no ar, ¿que é este libro?
As torres no ar. Eu quería tamén unha especie de reencontro coa propia terra. Non soamente coa terra aberta do suco senón coa terra telúrica; e ao mesmo tempo é unha loita tamén contra o tempo que pasa, o tempo que nos vai desgastando permanentemente. Entón de aí ese
libro, que comeza cunha frase de miña nai que me dixo algún día e non hai moito; dixo “meu fillo, ti sempre estás a facer torres no ar”. Entón
decidinme a facer Torres no ar e a que quedara reflectida dalgunha maneira. Iso é o libro; está dividido en tres partes, unha parte que son
“Cantos a carón da terra”, que é achegarme á terra, precisamente, á terra de labranza e á terra como patria; despois está “O cántico das naves, elexías do mar”, porque eu sempre estou vendo pasar os veleiros na miña memoria; e hai unha última parte que é “A torre secreta”; todos os castelos teñen unha torre secreta, que son os sonetos amorosos, eróticos. Entón todo ese complexo forma ese libro que se chama As torres no ar, que podía levar cantidade de cousas porque un castelo ten cantidade de compartimentos e incluso sotos.


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Avilés de Taramancos, AntónLombao, CristinaGonzález Herrán, José ManuelRubia Barcia, JoséDíaz, AvelinoAller, Ramón M.Otero Pedrayo, RamónCastelao, Alonso Amat, FernandoAlonso Ríos, AntónUnamuno, Miguel deLugrís, UrbanoGarcía-Sabell, DomingoSeárez, José Antonio deFranco, FranciscoCabanillas, RamónSalvat i Ferré, RicardPorteiro García, María XoséXoana I “a Tola”, García Lorca, FedericoPiñeiro, RamónPrada, RodolfoFernández Osorio-Tafall, BibianoLago Pita, PabloPuente, ManuelCrestar, AntónGonzález López, EmilioBlanco Amor, EduardoFerreiro, Celso EmilioPrisciliano, Castro, Rosalía deSeoane, LuísPerozo, Xosé AntonioFerrer, San VicenteMeilán Martínez, Manuel Temáticas: entrevistaliteraturapoesíauniversidadeguerradocenciaemigraciónteatroGalegovídeoProxectorSecundarioUniversitariosaudademigraciónsretornointegración socialsociedadeidentidaderadioLingua. Literaturaconferenciaspatrimonio culturallinguafamiliaestudosembaixadasexiliointelectuaislibroshistoriaHistoria. XeografíaArtes plásticas, deseño, música, danza e deportehistoria da arte e estéticafísicaCiencia. Tecnoloxíaastronomía e astrofísicaÁlbum de Galiciamemoriasculturapolíticamorriñacomunicaciónhomenaxeslingua galegaobra literariaObra poética [libro de Seoane]formaciónGuerra Civil española (1936-1939)ideoloxía

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0