Entidade: Concello de Cambados [6]
| Data | Material | Ver |
|---|---|---|
| Data | Material | Ver |
| 1945-03-19 | Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945 Galeguismo Literatura Poesía ViaxeRamón CabanillasRosalía de CastroFrancisco Fernández ReiXosé Filgueira ValverdeFrei Martín SarmientoAquilino Iglesia AlvariñoRamón Otero PedrayoPaulino Pedret Casado CastelaoVictoriano Taibo GarcíaTeresa CastelaoJosefina Rodríguez CastelaoReal Academia GalegaInstituto de Estudios Gallegos Padre SarmientoSeminario de Estudos GalegosConcello de CambadosMuseo Ramón Cabanillas |
Ver [Carta manuscrita autógrafa en verso (tercetos encadeados), con posdata en prosa]
Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945 en 19/03/1945Trasalba, San Xosé do 1945 |
| 1948-08-15 | Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1948 |
Ver [Carta manuscrita autógrafa]
Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1948 en 15/08/1948Santander 15-VIII-48. |
| 1956-09-30 | Carta de Otero Pedrayo e os amigos de Galaxia a Cabanillas. 1956 Cultura galega Galeguismo Literatura EdiciónEmilio Álvarez BlázquezRamón CabanillasFrancisco Fernández del RiegoAntonio Fernández LópezFrancisco Fernández ReiFermín PenzolFermín PenzolDomingo García-SabellXohán LedoXaime Isla CoutoRamón Otero PedrayoIsidro Parga PondalRamón Piñeiro LópezElena TormoLuís PimentelBlanca Jiménez AlonsoIsabel LópezLuis Viñas CortegosoRamiro Isla CoutoRainer María RilkePilar CayónCristina Nóvoa PedreiraEditorial GalaxiaConcello de CambadosMuseo Ramón Cabanillas |
Ver [Carta manuscrita en papel co membrete do Gran Hotel de Vigo, sen data, con sinaturas autógrafas dos asistentes]
Transcripción da Carta de Otero Pedrayo e os amigos de Galaxia a Cabanillas. 1956 en 30/09/1956Vigo Gran Hotel [30/09/1956] |
| 1958-12-28 | Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1958 |
Ver [Carta manuscrita autógrafa]
Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1958 en 28/12/1958Trasalba 28 de Nadal do 1958 |
| 1959-08-24 | Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1959 |
Ver [Carta manuscrita autógrafa]
Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1959 en 24/08/1959Buenos Aires 24 do agosto 1959 |
| 2026-11-04 | Cinco cartas de Ramón Otero Pedrayo a Ramón Cabanillas conservadas no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados Literatura CorrespondenciaDante AlighieriXesús Alonso MonteroFrancisco Asorey GonzálezRamón CabanillasFrancisco Fernández del RiegoFrancisco Fernández ReiFermín PenzolDomingo García-SabellXohán LedoFrancisca Herrera GarridoAquilino Iglesia AlvariñoXaime Isla CoutoXosé Luís Méndez FerrínRamón Otero PedrayoIsidro Parga Pondal Teixeira de PascoaesRamón Piñeiro LópezAgustín Portela PazManuel Rodrigues Lapa CastelaoAntón SantamarinaLuís PimentelMalores VillanuevaVictoriano Taibo GarcíaP. Mauro Gómez PereiraLuis Viñas CortegosoMaría Josefa “Fita” BustamenteLuís Rei NúñezReal Academia GalegaDeputación de PontevedraInstituto da Lingua GalegaInstituto de Estudios Gallegos Padre SarmientoSeminario de Estudos GalegosEditorial GalaxiaConcello de CambadosCentro Galego. Bos AiresReal Academia EspañolaDeputación de OurenseMosteiro de SamosMuseo Ramón Cabanillas |
Ver Texto nativo dixital
Transcripción da Cinco cartas de Ramón Otero Pedrayo a Ramón Cabanillas conservadas no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados en 04/11/2026Non hai en Cabanillas nin nos seus compañeiros de idade ningún tipo de conciencia xeracional, que si existe nos membros do grupo Nós. Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976), Vicente Risco, Alfonso Daniel R. Castelao, Florentino Cuevillas e Antón Losada Diéguez pertencen á Xeración Nós. Todos eles son xente culta que quere dotar Galicia dunha conciencia nacional, para o que participan colectivamente creando revistas, institucións culturais e editoriais como Nós. Estou, tamén esto é confidencial, que boto lume. Fun o único de todos vós feramente perseguido: o único que por repubricano naquel tempo (agora non o son máis que a medias, pois xa o repubricanismo me parece máis vello e máis francamente estúpido que Renovación Española) e, sobor de todo, por anticaciquil, tiven que andar batendo o zoco por terras do trópico; fun, sin que nesto haxa gabanza (e no que teña delo que o demo sexa xordo), un dos que puxo máis carne do corazón na espeteira para erguer o esprito cidadán da miña terra, sin unha liña de adulación en toda a miña obra ós poderes entón tidos por legales; fun perseguido, procesado e aferrollado por unha ditadura1 que, a verdade, hoxe non atopo tan odiosa como a atopaba entón… E, agora, neste novo réxime, atópome con que son un monte de esterco. O primeiro auto dos amigos de Castelao en Pontevedra foi o arrincarme as 3.000 pesetas que me concedera a Diputación. A eles sigueunos a Diputación de Ourense. Craro é que a miña silandeira contesta foi queimar as dez mil papeletas que sobor do léxico dos poetas galegos me ocuparan dous anos, perdidos, da miña vida. (Alonso Montero 1988: 5-6) Cando o 24 de outubro do 1943 morreu Eudosia Álvarez Otero, a muller que criara case en solitario os oito fillos que tivera con Cabanillas mentres este vivía os seus “desterros”, o poeta escríbelle a Otero Pedrayo para lle contar as súas penas e convidalo a que veña a Cambados para acompañalo. Como indica Luís Rei (2009: 439), polo escritor de Trasalba e pola memoria dalgúns familiares sábese que a morte de Eudosia significou un punto e á parte na traxectoria vital do cambadés. A súa soidade non era só anímica, xa que o poeta vai quedar na casa familiar da rúa Real de Fefiñáns a soas coa súa filla maior, María Luísa, que permanecera nela para atender a nai, pero que axiña vai marchar. Na primavera do 1945 (3 de marzo), desde a súa soidade cambadesa, confésalle a Otero Pedrayo o desasosego e a desesperanza en que vive: Non fago nada: espero. A vida é agre. Nesta cerrazón eu non vexo nada. Esta tráxica falta de luz, nos que estamos tan preto de pechar os ollos dunha vez para sempre, é unha anguria doente. (Alonso Montero 1988: 6) 2. AS CARTAS DE OTERO PEDRAYO DO LEGADO DA FAMILIA CABANILLAS Boa proba da amizade duradeira entre Otero Pedrayo e o autor de Vento mareiro pode apreciarse nas cinco cartas manuscritas da posguerra que conservou Aurora Vidal Cabanillas “Pitusa”, neta e afillada, que forman parte do legado da Familia Cabanillas do Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados. O Arquivo está na casa natal do poeta, na rúa Novidades de Fefiñáns, mentres que o Museo se localiza na Casa da Calzada, no paseo do mesmo nome que une as antigas vilas de Fefiñáns e Cambados, a carón do monumento a Cabanillas deseñado por Francisco Asorey. 2.1. A primeira é unha carta en verso, desde Trasalba (19/03/1945), en resposta a outra do cambadés, datada ese mesmo mes, desde Caticovas (Meis). Nela Cabanillas refírelle asuntos cotiáns: que estivera en Pontevedra, que fora a Betanzos visitar o seu fillo Manuel, que estivera enfermo… O feito de escribirlle desde a aldea do interior do Salnés onde o xenro Carmelo Vidal e a filla Aurora tiñan un casal, e o estar de viaxe todo o tempo, “dá a impresión de que fuxía Ramón da soidade da súa baleira casa cambadesa” (Rei 2009: 563). Otero Pedrayo faille a crónica “dunha leda pelerinaxe” de Trasalba á Coruña “pra recibire á leda primadeira”, que pensa que pode ser a derradeira. En Ourense comeu boa lamprea, en Pontevedra ollou o “insomne relox da Peregrina” e, en Compostela, non lle xurdía Cabanillas “cand’a noite estrelecía / para falar de fúlxidas Antillas / e dos amigos idos!” e, no outro día, rezou diante da raíña Berenguela na catedral. En Rianxo foi consolar as irmás de Castelao —a súa casa era unha triste choza tras a morte da “doce naiciña”— e despois achegouse ata o Padrón rosaliano. Na Coruña asistiu á sesión da Real Academia Galega (RAG), onde votou por Cabanillas a Aquilino Iglesia e a Victoriano Taibo2; e por Vigo volveu co sentimento de non falar co cambadés “adispaciño”. Na carta considera que hai “podremia” de máis na Academia, á vez que non lle manifesta a Cabanillas simpatía polo Instituto Padre Sarmiento (“Respeitando a grandeza de Sarmento / non son dise Instituto. /Ao Seminario gardo fieldá, e ao rexo xuramento”)3. Como afirma Luís Rei (2009: 455), igual que Cabanillas, Otero Pedrayo vivía nun “exilio interior” cheo de miserias e contradicións. No relativo á métrica, a carta está composta por unha serie de tercetos encadeados ou “terza rima”, poema estrófico creado por Dante Aligheiri n’A divina comedia, utilizado moi frecuentemente nas epístolas. Os tercetos encadeados axústanse ó seguinte esquema: 11A 11B 11A, 11B 11C 11B, 11C 11D 11C, 11D 11E 11D etc. Entre os versos 28 e 31 intercálase un serventesio: semellaba fadal ermo ventoso! 11A Fun con Pedret ás beiras do Sarela, 11B probei un ledo ullán, labio escumoso 11A e recei diant´a raíña Berenguela. 11B Seguen outros tercetos encadeados para rematar nun serventesio, tal como se aprecia na carta, para evitar que quede solto o verso intermedio do terceto: de fábulas antergas, Teu souril 11A falar, meu caro amigo, sería maio 11B na miña soedade. Legrías mil 11A pide a Deus para ti o teu tocaio. 11B Na carta figura un P.S. en prosa no que o polígrafo de Trasalba lle pide perdón polo desafogo, fálalle de procurar verse no verán e deséxalle que a familia estea ben. Remata confesándolle que, como vive illado, “é unha leda pelerinaxe unha volta por Galicia. Mais faltaches ti, e volvín tristeiro!”. 2.2. Na segunda carta, desde Santander (15/08/1948), dálle azos a un Cabanillas que se decataba “das grandezas e dos perigos da vellez” e que debía estar “sofrindo da soedade, do primeiro embate”. Considera que a súa “laboura de arestora” debe ser a creación poética (“Algún espazado poema”), pero tamén a tradución (“Pra ti fermosa angueira o poeta que máis ames”), porque a lingua galega precisa dunha boa escola de tradutores4. Ademais, suxírelle escribir un libro de prosas galegas sobre as súas soidades, as viaxes, os amigos, o Salnés, os claustros de San Martiño, os xogos e as vougas esperanzas de neno e lémbralle a súa “fermosa ilusión: Samos”. Cabanillas entraría no mosteiro de Samos o 24 de agosto do 1948. Despois de anos dun longo e triste camiño, o seu ánimo iluminouse cando encontrou na abadía samonense a paz, a soidade e o silencio por el tan arelados, o que lle permitiu crear nova obra poética e reeditar outra que recompilou. Días antes, anticipáralle ese retiro a Otero Pedrayo nunha carta desde Cambados (18/08/1948): Mándoche con esta uns sáficos que fixen estes derradeiros días: deben de ser dos poucos tecidos en galego: eu non conezo ningún. En Samos, Dios por diante, arrematarei o ‘Alaudo e Antífona da Copra’5, pequeno ensaio que me impuxo o medo á radio, ó gramófono e ó ‘maldito tango’ que están faguendo estragos en vilas e aldeias: é unha prosa lírica, sen pretensións, que non sei como sairá. (Alonso Montero 1988: 8) 2.3. A terceira carta, sen data, con encabezamento do Gran Hotel de Vigo, é unha manifestación de agarimo do polígrafo de Trasalba e da xente de Galaxia o día da recepción simbólica, “ás beiras das ‘ondas do mar’ de Vigo”, do patrimonio bibliográfico e documental de Fermín Penzol. O acto tivo lugar o 30 de setembro do 1956 e actuou como receptor o presidente da editorial, Ramón Otero Pedrayo, e nel interviñeron varios membros do Consello de Administración. Entre os asinantes figuran, ademais de Otero Pedrayo e de Fermín Penzol, fundadores da editorial como Ramón Piñeiro, Francisco F. del Riego, Xaime Isla, Domingo García Sabell, Rufo Pérez ou Luís Viñas Cortegoso; o poeta Luís Pimentel, o xeólogo Isidro Parga Pondal, o deseñador das cubertas e das coleccións de Galaxia Xohán Ledo (pseudónimo de Ricardo García Suárez) e outros galeguistas. Tamén as esposas dalgúns dos asistentes: Elena Tormo de García Sabell, Isabel L[ópez] de Piñeiro, Cristina Nóvoa de [Xaime] Isla, María del Carmen de G[arcía] Suárez, María Pilar Cayón de Pimentel, Mª Blanca Jiménez de Penzol e Carmen Díaz de P[érez] Prieto. Cabanillas non puidera asistir: estaba vivindo en Barakaldo, na casa da filla María Luísa e do xenro Marcos Caamaño Bournacell, o derradeiro “desterro” do seu camiño longo do que regresaría a Cambados en novembro do 1957, porque quería morrer na Terra. Marchara a esa cidade vasca na primavera do 1955. Cando en setembro do 1957 empeorou da doenza que sufría e chegou a temerse pola súa vida, Otero Pedrayo foi desde Santander a Barakaldo para visitalo; e de forma tan fermosa así o contou: No setembro do 57, estando eu en Santander soupen por xornais e cartas de Galicia da perigosa doenza de Cabanillas, parando cunha das súas boísimas fillas en Baracaldo, e aló fun a velo. Xa se atopaba millor. Aos dous vellos amigos facheounos o sol na faciana ao nos atopar naquela grande e griseira cidade. En poucas horas falamos ferrados de amigo, de paisaxes, ideais políticos e sociais. Voltamos a pasear noites enteiras nosas de Pontevedra cando na maxia da evocación por igual alumeaba lembranzas o luar no espello do Lérez, e a esfera do relox da Peregrina; e de Santiago chegando despois de falar e calar dediante rúas, craustros, quintás, horto, a noite calaba en agarda do nacer, da fonte sonora do toque de alba cantado por Rosalía. A sociedade do poeta en Barakaldo [sic], cidade de obreiros e capataces de industria, eran as velliñas vascas, o agardar e saír das novenas, o solpor. Velahí impresionante e fermosa a soedade do poeta atlántico, franqueado o mundo en lingua galega e as velliñas raíces da xente vasca e a sua fala vella como os montes, un e outras na soleira da Morte e da inmortalidade. (Rei 2009: 532-533) 2.4. Na cuarta carta, desde Trasalba (28/12/1958), deséxalle un novo ano “ben asoallado de paz e lembranzas” e dálle conta da súa alegría polo seu libro Samos (“Ó chegar a Trasalba na noite de Nadal a casa soia e xiada estaba para min alumiada polo teu poema Samos”), á vez que gaba a calidade da súa poesía, onde se acaba “descobrindo ó estilo da música de Bach o eterno en cada latexar do curazón”. Espera ir velo cando o tempo se poña menos bravo, “cos días crecedeiros” para abrazalo e escoitalo. Cabanillas ideou e escribiu o longo poema no que versifica a historia do mosteiro bieito e glosa a vida monacal nas estadías de verán en Samos, entre 1948 e 1951, ano en que houbo o incendio que o destruíu6. O proceso para a súa edición foi longo e retorto, ata que, finalmente, Galaxia publicou o que sería o seu derradeiro poemario (a data do colofón é 10 de novembro do 1958), con fermosas ilustracións de Agustín Portela Paz; pero, por mor das reticencias da editorial ó dedicarlle o libro a un abade franquista (Mauro Gómez Pereira), Cabanillas tivo que retirar a dedicatoria “e o nobre mitrado de Samos abade” do verso final do soneto 2º de Samos polo verso “tronco, honor e luz de Cristiandade”. 2.5. Na quinta carta, desde Buenos Aires (24/08/1959), deséxalle un ditoso día de San Ramón. Coméntalle brevemente a boa receptividade da súa obra na emigración galega (“Non sabes que groria de aprausos cando soa teu nome ou o de algunha das túas creaciós”), entre a que estivo “sementando a paz ás mancheas”. Era a segunda visita de Otero Pedrayo á Arxentina, convidado de honra das Xornadas Galegas do Centro Galego de Buenos Aires. En xullo do 1947 visitara por primeira vez a capital arxentina para participar nos actos do 25 de Xullo e impartir un ciclo de conferencias, tamén invitado polo Centro Galego. O 23 de agosto fundiuse nun abrazo con Castelao, a quen non vía desde o comezo da Guerra Civil no 1936, momento que o propio Otero Pedrayo evocaría como o de dous nenos “no colo amoroso da Nosa Terra Nai”. Cando o polígrafo de Trasalba lle comunicou a Cabanillas a súa marcha a América, este escribiulle una emotiva carta desde Cambados (22/06/1947) manifestándolle a dor que lle producía a súa ausencia: Recibo, agora, as túas emocionadas e garimosas letras de despedida que me encheron os ollos de bágoas. Tres meses non é nada, e, con todo, non sabes o que me doi a túa ausenza. Co pouco que nos vemos, saberte na Terra é unha tranquilidade e un consolo. Paréceme que a Galicia, sin ti, fáltalle o corazón. Dille que vai pasar o verán en Cambados, desde onde “na dozura das noites á beira do mar, seguireite cos ollos da alma nesa tua pelegrinaxe misioneira de portador de sagras inquedades, de dores infindos, de espranzas inmorredoiras”; e pídelle que abrace a Castelao: Dálle unha forte apreta ó Castelao e a todos eses irmáns que padecen pola xusticia e viven sedentos de bicar as paredes da chouza en que naceron. Con eles en corpo e alma, como eles vivo tamén axoellado ós pés de Nosa Señora da Espranza. (Alonso Montero 1988: 6) 3. A EDICIÓN DAS CARTAS Publícanse as cartas manuscritas e tamén as súas transcricións. Fixéronse as seguintes modificacións gráficas consonte a normativa vixente: a) Cambiouse v por b en “Baleira” (I) e b por v en “vogando” (V), e y por i en “lira” (I), “raiolar” (I) e “maio” (I); e suprimiuse o h en “Maía” (I), “Astra” (II) e “irmás” (III)7. b) Eliminouse o acento gráfico en formas como “embrulloume” (I), “ti” (I, II, III), “femia” (I), “podia” (II), “tes” (II), “eu8” (II, IV, V), “bruidar” (III), “voa” (V) etc.; e acentuouse “roínas” (I), “máis puro” (I), “túa” (I, II), “país” (II), “vén” (II), “dúas” (IV), “deténdose” (IV) etc. c) Cambiouse o acento circunflexo por agudo en “Quintá” (I) e “ás irmás” (I) e borrouse en “tebra” (I). d) Eliminouse o apóstrofo no encontro das preposicións de, en e por con artigo e pronome: “dise” (I), “na” (I), “nun” (II), “nisa” (I), “nelas” (II) e “polos” (I); e mantívose nos demais casos: “diant’os ouros qu’alumea” (I), “n’Academia” (I), “com’o liño” (I), “n’hai” (II), “c’axuda” (II) etc. Por outra parte, en contra da normativa vixente, déixanse formas en que se mantén a preposición: “de un novo” (IV), “de un auditorio” (V), “de isto” (II), “de outros” (IV) e “de algunha” (V). e) Elimináronse do comezo da frase os signos de interrogación e de exclamación: “—pensando: será a miña derradeira?” (I); “Sempre Cabanillas, mastro egueito da nosa nau!” (III). f) Cambiouse a maiúscula inicial por minúscula en “maio” (I), “setembre” (II) e “primadeira” (I) e noutros termos como “ría” (I) e “relox” (I). Deixouse o uso do guión na forma “Sant-Iago” (I, II) e nos casos da conxunción “e” asilábica, como “i-o brial” (I), “i-a cidá” (I), “i-a preguiza” etc.; por outra parte, os títulos de obras, que aparecen en redonda entrecomiñada, puxéronse en itálica: Samos (IV), Vento mareiro (V) etc. No demais, respectouse a lingua oteriana das cartas, inzadas de hiperenxebrismos léxicos, como “hourizonte” (I, II), “outos” (I), “aspeitos” (II), “craustros” (II), “craras” (V), “groria” (V), “aprausos” (V), “consoo” (V), “regoados” (IV), “brilo” (I), “lumioso” (I), “montanas” (IV) etc. e otras creacións como “fieldá9” (I). Deixáronse diferencialismos da fala popular como catredal (I), “unidá” (II), “esprito” (II, IV) ou “espranza” (II, IV) e outros como “ademirado” (II, IV) no encabezamento das cartas, con moita tradición no galego literario desde Lamas Carvajal, e “ademirador” (II, IV), na despedida, con moito menos emprego na historia do galego escrito. Tamén se respectaron castelanismos léxicos como “archipiélago”(II) e os escasos castelanismos morfosintácticos: “teus xogos” (II), sen artigo; teísmo en “facerte ben” (II) e “faríate moito ben” (II); preposición “a” co complemento directo en “recibire á leda primadeira” (I) e “consoar ás irmás” (I). Con todo, fixéronse algunhas correccións por considerarmos que se debe tratar de lapsus cálami do autor: o sintagma “as beiras” das frases “Fun con Pedret as beiras do Sarela” (I) e “axuntados […] as beiras das ‘ondas do mar’ de Vigo” (III), na transcrición aparece como “ás beiras”; e “as mancheas” (V) cambiouse a “ás mancheas”, pois nos textos literarios de Otero Pedrayo rexístrase a expresión coa forma contracta. En “sentas á mesa” (IV) corrixiuse “a mesa” por considerar que tamén debeu ser outro lapsus cálami, pois neste caso en galego e en castelán emprégase a preposición “a” con artigo. Nunca lera páxinas manuscritas de D. Ramón Otero Pedrayo polo que, de entrada, pensei que me resultaría máis laborioso o traballo de transcrición das cartas. Así e todo, acudín a Antón Santamarina, bo coñecedor da lingua literaria oteriana, para resolver algunhas dúbidas; e, no caso das sinaturas da carta III, foime de moita axuda Malores Villanueva para descifrar unhas cantas. A Antón e a Malores o meu agradecemento. REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS Alonso Montero, Xesús [1988]: “Don Ramón Cabanillas confésase con don Ramón Otero Pedrayo”, en Ramón Cabanillas camiño adiante. Extra de A Nosa Terra. Vigo, 4-10. Notas 1 Sobre estas palabras Alonso Montero (1988: 5) di: “Nada refiren as páxinas biográficas coñecidas”. 2 A sesión da RAG que tivo lugar o 4 de marzo do 1945 e para a que Otero Pedrayo levaba o voto delegado de Cabanillas. Elixiuse como académico numerario a Juan Rodríguez Cabrero (15 votos), e non a Victoriano Taibo (8 votos); e como académica numeraria a Francisca Herrera Garrido (19 votos), e non a Aquilino Iglesia Alvariño (4 votos). Este entraría na Academia o 16 de abril do 1949, con discurso de resposta de Otero Pedrayo, que xa respondera o de Taibo o 15 outubro do 1948. Na mesma sesión do 4 de marzo do 1945 nomeáronse, entre outros, os seguintes correspondentes: Manuel Rodrigues Lapa, de Lisboa; Julio Sigüenza, de Vigo; Dionisio Gamallo Fierros, de Madrid; Teixeira de Pascoaes, de Amarante; Enrique Chao Espiña, de Viveiro; e Manuel Chamoso Lamas, de Madrid. 3 O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, adscrito ó CSIC, creouse en Santiago de Compostela no 1944, e viña substituír o Seminario de Estudos Galegos (SEG), creado tamén en Compostela no 1923. Otero Pedrayo, que fora elixido presidente do SEG o 30 de maio do 1936, non foi dos fundadores do Instituto Padre Sarmiento, pero incorporouse máis tarde, igual que Risco e Cuevillas, e nese Instituto dirixiu a sección de Xeografía, da área de Xeografía e Historia. 4 Cabanillas publicaría Versos de alleas terras e de tempos idos (1955). Son paráfrases dos seus poetas: Anacreonte, Marcial, Ovidio, Goethe, Baudelaire, Heine, Tennyson, Christina Rossetti etc. Levaba moito tempo con este libro, “posibelmente desde os comezos da posguerra e con seguridade desde mediados dos anos corenta, cando Ramón acompañaba nestes quefaceres a tarefa literaria de amigos como Crecente Vega e Aquilino Iglesia Alvariño” (Rei 2009: 513). 5 Publicada no 1951 por Galaxia co título Antífona da cantiga, foi a obra inaugural desta editorial. 6 O incendio produciuse o 24 de setembro do 1951 por un accidente na destilaría de licor. Cabanillas deixara a abadía a semana anterior. 7 O número romano fai sempre referencia a unha das cinco cartas. 8 Escribe “eú”. 9 No TILG só hai tres ocorrencias deste termo, as tres en obras do século XIX. Non se rexistra na obra literaria e ensaística de Otero Pedrayo do século XX. |


