Entidade: Museo Ramón Cabanillas

Entidade: Museo Ramón Cabanillas [6]

Data Material Ver
Data Material Ver
1945-03-19
Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945
Ver [Carta manuscrita autógrafa en verso (tercetos encadeados), con posdata en prosa]

Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1945 en 19/03/1945

Trasalba, San Xosé do 1945

Sr. D. Ramón Cabanillas

Pra recibire á leda primadeira
polos saudosos vieiros da Galiza
—pensando: será a miña derradeira? —
esparexín o mimo i-a priguiza
do lumioso hourizonte de Trasalba
qu'os ánemos e corpos enfeitiza
deixando o lar unha mañán ca ialba.
Debullei en Ourense boa lamprea
e pola noite a penedosa calva
descubriu diant'os ouros qu'alumea
o vougo Orión na ría de Pontevedra.
Humorista a romántica lúa chea
sobor das roínas elexíacas de hedra
era o insomne relox da Peregrina.
Mirei, gozoso, a fantasía de pedra
da trunfal Compostela vespertina
envexa dos piñeiros da Maía.
Lembradoiro, xentil, amante, fina
corda da lira da melanconía
foi Sant-Iago pra min. Pro Cabanillas
non xurdiu cand'a noite estrelecía
para falar de fúlxidas Antillas
e dos amigos idos! A Quintâ,
silente lago de brumosas illas,
embrulloume nos veos da señardá.
Baleira a catredal do sonoroso
coro, na hora solene da mañá
semellaba fadal ermo ventoso!
Fun con Pedret ás beiras do Sarela,
probei un ledo ullán, labio escumoso,
e recei diant'a raíña Berenguela.
Non hai máis puro lirio medieval
qu'isa mortiña de sorrir lonxao
a tal nena ca toca i-o brial!
Pisei de Rianxo o mariñán peirao
gostando d'arousán onda rial
para consoar ás irmás de Castelao.
Caieu sobr'as coitadas xiada lousa
co pasamento da doce naiciña.
Figura aquila casa triste chousa
sen o agarimo calmo da ceguiña
candea acesa de bondosa esperanza
hoxe unha cinza na nadal terriña!
Vagaba polos outos da Barbanza
a brétema doncel, a ría fulxía
ronseles inmorrentes da lembranza
e no Padrón o amor de Rosalía
agromando nos líricos salgueiros
ao dubidoso raiolar do día
espertoume a futuros ventureiros.
Mais na Cruña agardaba n'Academia
unha serán de tópicos loureiros.
Moito hai de raxetar nisa podremia!
Moi fermoso o discurso de Filgueira
i-a cidá, como sempre, aire de femia
i-engádego de tebra mariñeira.
Votei por ti ao xoven Alvariño
i-a Victoriano Taibo, o da senlleira
ispirazón petrucia com'o liño.
E por Vigo voltei co sentimento
de non falar contigo adispaciño.
Respeitando a grandeza de Sarmento
non son dise Instituto. Ao Seminario
gardo fieldá, e ao rexo xuramento.
Ben logo han de xurdir no tenebrario
os pábilos fumosos. Vén o abril.
Pra min vivo regosto maxinario
de fábulas antergas. Teu souril
falar, meu caro amigo, sería maio
na miña soedade. Legrías mil
pide a Deus para ti o teu tocaio

R. Otero Pedrayo

Querido Ramón: perdoa iste desafogo da semán de S. Xosé. Temos que trazar vernos iste vrau. Polo Apóstol estarei moi ben. Recibín con demora a túa carta. Espero que os teus xa estarán ben das súas doenzas. Fai moito non vexo a teu fillo maor, tan simpáteco e bo amigo. Pra min, que vivo illado é unha leda pelerinaxe unha volta por Galicia. Mais faltaches ti, e volvín tristeiro! Sempre teu

R. Otero Pedrayo


1948-08-15
Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1948
Ver [Carta manuscrita autógrafa]

Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1948 en 15/08/1948

Santander 15-VIII-48.

Sr. Dn. Ramón Cabanillas.

Meu querido e ademirado Cabanillas: Escribín moi de présa e axitado e inquedo a carta de fai poucos días. Hoxe, e sempre, quixera parolar contigo. Tiña de ser nas rúas de Sant-Iago, ou nun antigo e ilustre país da nosa terra. Estás cruzando unha esfera de dúbidas, de acusaciós do tempo perdido —n'hai que escoitalas, son perigosas gandideiras— de graves pensamentos. Pásanse outras na vida. Mais nelas non falla o diálogo nin a compaña. Imos sendo compañeiros na mesma travesía, e podo falarche con algunha verdade. Dende logo o se decatar das grandezas e perigos da vellez non é de todos. Ise teu esprito balborda de espranza e de sentimento do infindo. Como dinantes, cando eras mozo. E millor que dinantes. Estás no outono qu'ha madurecere o pomar da túa poesía. Tes que coidar da edizón con mimo e amor. Poucas veces se terá dado unha unidá semellante entre o home e a poesía coma en ti. Ise traballo de lembranza e fortecemento ha facerte ben en todos os aspeitos... dende longo precisa a língoa dunha boa escola de tradutores. Pra ti fermosa angueira o poeta que máis ames. Pro a túa laboura de arestora penso eu que debe ser a de sempre. Algún espazado poema —xa que gostas de enxergar a túa obra com'un fermoso archipiélago, de lonxe—, e, por que non un libro de prosas galegas? As túas soidades, os viaxes, os amigos, o Salnés, os craustros de San Martiño, teus xogos e vougas espranzas de neno. Tantas cousas que veñen a ser variación dos mesmos poucos e fondos sentimientos. Ise traballo, feito pouco a pouco, faríate moito ben. Podia que eu estexa equivocado, podia que non. Estás sofrindo da soedade, do primeiro embate, e vai fuxindo aquila doce sensualidade das horas. Isto é dooroso sobre todo na Galiza. Pro logo se decata un, c'axuda dos libros relixiosos, e co propio meditar, qu'a beleza volve a nos afalagar, afora vertida de formas superiores. Astra trocar en craustro un hourizonte aldeán, unha vila, o mesmo barullar das cidades. Tes unha fermosa ilusión: Samos. Unha tempadiña. Mais aló o inverno semella do norde de Burgos, a lus é pouca, o frío dino dos primeiros tempos da épica castelán. Unha tempadiña na reitoral dun crego amigo. E Compostela toda ela o máis harmoñoso e silente craustro, sabendo dispor as horas. Falaríamos moito de isto. Pro xa está soando no xardín perto do hoteliño en que escribo unha dura conversa cántabra. Si moi rexa e baril, pro falla eiquí aquila graza e dozura. Nos primeiros de setembre estarei, si Dios o quer en Trasalba. E no mes que vén, ou no seguinte teño de voltar a Sant-Iago. Avisarei pra botarmos unha parrafada. Mil apertas, querido tocaio. Sempre teu,

Ramón Otero Pedrayo


1956-09-30
Carta de Otero Pedrayo e os amigos de Galaxia a Cabanillas. 1956
Ver [Carta manuscrita en papel co membrete do Gran Hotel de Vigo, sen data, con sinaturas autógrafas dos asistentes]

Transcripción da Carta de Otero Pedrayo e os amigos de Galaxia a Cabanillas. 1956 en 30/09/1956

Vigo Gran Hotel [30/09/1956]

Querido Ramón Cabanillas:

Moitos "bos e xenerosos" amigos de Galiza, axuntados co gallo do xeneroso regalo de Fermín Penzol a "Galaxia", ás beiras das "ondas do mar" de Vigo, pensamos en ti, témoste presente no heroico bruidar do pinal de Tragove, no brilo da espada Escalibor, e nas roseiras dos pazos —irmás das de Rilke!—, e todos che adicamos iste derradeiro grolo de viño e de fraternidade, en lembranza dos inmorrentes amigos.

Sempre Cabanillas, mastro egueito da nosa nau!

L. Pimentel Francisco F. del Riego
Elena Tormo de García Sabell Fermín Penzol
Emilio Álvarez Blázquez
Isabel L. de Piñeiro Ramón Piñeiro
Cristina Nóvoa de Isla D. García Sabell Rufo Pérez L. Viñas
Mª del Carmen de G. Suárez R. García Suárez Xosé Meixide
[ilexible]Vega1 A. Fernández López
María Pilar Cayón de Pimentel Claudio Pérez Prieto
Mª Blanca Jiménez de Penzol
Carmen Díaz de P. Prieto Xaime Illa [ilexible]
Mario Somoza de Cobo
R. R. Somoza Ramón Otero Pedrayo Emilio Gil Varela Isidro Parga Pondal
[sinaturas na marxe esquerda]
Ramiro Isla Fausto García M. Pérez Prieto

Notas á transcrición
1 O inicio da sinatura é ilexible. Podería ser de Celestino Fernández de la Vega, un dos socios fundadores de Galaxia.


1958-12-28
Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1958
Ver [Carta manuscrita autógrafa]

Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1958 en 28/12/1958

Trasalba 28 de Nadal do 1958

Sr. Dn. Ramón Cabanillas
Cambados

Meu querido e ademirado amigo: Unha aperta ben rexa e verdadeira vai nistas letras ca espranza de un novo ano pra ti ben asoallado de paz e lembranzas. Túa dita e legría é a dos teus amigos. Ti, co teu esprito, podente e ledo como as foulas da ría, nos sostés a todos. Inda no silencio e sin falas alentamos no teu fogar e ti sen reparar nelo cando te sentas á mesa benzoas urbi et orbi os teus amigos.

Sei como ti alentas nas emozoantes festas ergueitas en pórtico da Groria dende o Nadal ós2 Reis. Quen poidera disfroitar da beleza dos teus pensamentos e arelanzas nistes días!

Estiven en Madride dúas semáns de xuís dun tribunal de oposición a cadeiras. Chovía moito e todo andaba embarullado. Soio tiven canseira un día ben cheo en Toledo na exposición de Calros V. Ó3 chegar a Trasalba na noite de Nadal a casa soia e xiada estaba para min alumiada polo teu poema Samos. Deus che pague o ben que nos fixeches a moitos leentes! Eu alentei na ilusión das mañás románicas, dos abrentes remanecendo us de outros no decorrere dos séculos, no balbordo da vida pé das illas de fondura mística e coidei raxadas para min pola primadeira da espranza nesas fermosas montanas galegas bieitas...

Na túa poesía vai rubindo o esprito os seus tempos regoados como na historia trascendente dos homes, deténdose amorosiña pra enxergar o decorrido, non4 esquecendo caridosamente ningunha frol humilde do vieiro, descobrindo ó estilo da música de Bach o eterno en cada latexar do curazón.

Cando o tempo se poña menos bravo irei, si Deus quere, cos días crecedeiros a darche un abrazo e escuitar unhas palabras túas.

Saúdos moi gasalleiros ós fillos e familiares. Lembranzas da miña esposa. Sempre teu vello ademirador e amigo

Ramón Otero Pedrayo

Notas á transcrición
2 No texto pon "dende o Nadal os Reis" e no último parágrafo "Saudos moi gasalleiros os fillos", sen a preposición "a" co artigo. Poño "ós" nos dous casos porque no parágrafo 4º aparece a forma contracta en "ó estilo".
3 No texto pon "O chegar".
4 No texto lese "nos", pero non ten sentido a frase co pronome persoal.


1959-08-24
Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1959
Ver [Carta manuscrita autógrafa]

Transcripción da Carta de Otero Pedrayo a Cabanillas. 1959 en 24/08/1959

Buenos Aires 24 do agosto 1959

Sr. Dn. Ramón Cabanillas

Querido e lembrado irmán:

Vén vogando por nubes craras do agosto o San Ramón. Eu pasareino con Fita no mar, camiño das portas do outono galego. Que disfroites dun ditoso día cos teus, cas memorias dos amigos, co agasallo das foulas e das froumas! Non sabes que groria de aprausos cando voa teu nome ou o de algunha das túas creaciós —Vento mareiro, Samos, Da Terra asoballada, A rosa de cen follas— diante de un auditorio galego...

Traballei o que puden, con fidalguía e sementando a paz ás5 mancheas. É un consoo e un premio o latexar galego eiquí.

Saúdos de Fita. Sempre teu vello ademirador, teu irmán

Ramón Otero Pedrayo

Notas á transcrición
5 Na carta lese "as mancheas". Corrixo con "ás" tal como aparece na súa obra literaria.


2026-11-04
Cinco cartas de Ramón Otero Pedrayo a Ramón Cabanillas conservadas no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados
Ver Texto nativo dixital

Transcripción da Cinco cartas de Ramón Otero Pedrayo a Ramón Cabanillas conservadas no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados en 04/11/2026

Non hai en Cabanillas nin nos seus compañeiros de idade ningún tipo de conciencia xeracional, que si existe nos membros do grupo Nós. Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976), Vicente Risco, Alfonso Daniel R. Castelao, Florentino Cuevillas e Antón Losada Diéguez pertencen á Xeración Nós. Todos eles son xente culta que quere dotar Galicia dunha conciencia nacional, para o que participan colectivamente creando revistas, institucións culturais e editoriais como Nós.

Aínda pertencendo a xeracións diferentes, existiu afinidade ideolóxica e, sobre todo, unha fonda amizade intelectual e humana entre Cabanillas e Otero Pedrayo, que durou toda a vida e mesmo se mantivo nos anos da II República nos que o poeta cambadés viviu un novo “desterro” en Madrid, afastándose da causa do galeguismo e distanciándose da maioría dos seus “irmáns” nacionalistas. O motivo decisivo debeu ser que no 1932 os “amigos de Castelao” da Deputación de Pontevedra canceláronlle a Cabanillas a bolsa que lle concederan ó ser nomeado, xunto con Cotarelo Valledor, académico da Real Academia Española en representación da lingua e literatura galegas. Esa bolsa e mais a da Deputación de Ourense, tamén cancelada, debían ser a súa principal fonte de ingresos, se non era a única.

En resposta a unha petición de recomendación de Otero Pedrayo para oposicións a profesorado cando o goberno de Lerroux nomeara a Cabanillas membro do Consejo Nacional de Cultura (órgano consultivo e asesor do Ministerio de Instrución Pública), o cambadés desafogou co polígrafo de Trasalba nunha carta do 22 de abril do 1934, desde Madrid, da que reproduzo este significativo parágrafo:

Estou, tamén esto é confidencial, que boto lume. Fun o único de todos vós feramente perseguido: o único que por repubricano naquel tempo (agora non o son máis que a medias, pois xa o repubricanismo me parece máis vello e máis francamente estúpido que Renovación Española) e, sobor de todo, por anticaciquil, tiven que andar batendo o zoco por terras do trópico; fun, sin que nesto haxa gabanza (e no que teña delo que o demo sexa xordo), un dos que puxo máis carne do corazón na espeteira para erguer o esprito cidadán da miña terra, sin unha liña de adulación en toda a miña obra ós poderes entón tidos por legales; fun perseguido, procesado e aferrollado por unha ditadura1 que, a verdade, hoxe non atopo tan odiosa como a atopaba entón… E, agora, neste novo réxime, atópome con que son un monte de esterco. O primeiro auto dos amigos de Castelao en Pontevedra foi o arrincarme as 3.000 pesetas que me concedera a Diputación. A eles sigueunos a Diputación de Ourense. Craro é que a miña silandeira contesta foi queimar as dez mil papeletas que sobor do léxico dos poetas galegos me ocuparan dous anos, perdidos, da miña vida. (Alonso Montero 1988: 5-6)


Cando o 24 de outubro do 1943 morreu Eudosia Álvarez Otero, a muller que criara case en solitario os oito fillos que tivera con Cabanillas mentres este vivía os seus “desterros”, o poeta escríbelle a Otero Pedrayo para lle contar as súas penas e convidalo a que veña a Cambados para acompañalo. Como indica Luís Rei (2009: 439), polo escritor de Trasalba e pola memoria dalgúns familiares sábese que a morte de Eudosia significou un punto e á parte na traxectoria vital do cambadés. A súa soidade non era só anímica, xa que o poeta vai quedar na casa familiar da rúa Real de Fefiñáns a soas coa súa filla maior, María Luísa, que permanecera nela para atender a nai, pero que axiña vai marchar.

Na primavera do 1945 (3 de marzo), desde a súa soidade cambadesa, confésalle a Otero Pedrayo o desasosego e a desesperanza en que vive:

Non fago nada: espero. A vida é agre. Nesta cerrazón eu non vexo nada. Esta tráxica falta de luz, nos que estamos tan preto de pechar os ollos dunha vez para sempre, é unha anguria doente. (Alonso Montero 1988: 6)


2. AS CARTAS DE OTERO PEDRAYO DO LEGADO DA FAMILIA CABANILLAS

Boa proba da amizade duradeira entre Otero Pedrayo e o autor de Vento mareiro pode apreciarse nas cinco cartas manuscritas da posguerra que conservou Aurora Vidal Cabanillas “Pitusa”, neta e afillada, que forman parte do legado da Familia Cabanillas do Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados. O Arquivo está na casa natal do poeta, na rúa Novidades de Fefiñáns, mentres que o Museo se localiza na Casa da Calzada, no paseo do mesmo nome que une as antigas vilas de Fefiñáns e Cambados, a carón do monumento a Cabanillas deseñado por Francisco Asorey.

2.1. A primeira é unha carta en verso, desde Trasalba (19/03/1945), en resposta a outra do cambadés, datada ese mesmo mes, desde Caticovas (Meis). Nela Cabanillas refírelle asuntos cotiáns: que estivera en Pontevedra, que fora a Betanzos visitar o seu fillo Manuel, que estivera enfermo… O feito de escribirlle desde a aldea do interior do Salnés onde o xenro Carmelo Vidal e a filla Aurora tiñan un casal, e o estar de viaxe todo o tempo, “dá a impresión de que fuxía Ramón da soidade da súa baleira casa cambadesa” (Rei 2009: 563).

Otero Pedrayo faille a crónica “dunha leda pelerinaxe” de Trasalba á Coruña “pra recibire á leda primadeira”, que pensa que pode ser a derradeira. En Ourense comeu boa lamprea, en Pontevedra ollou o “insomne relox da Peregrina” e, en Compostela, non lle xurdía Cabanillas “cand’a noite estrelecía / para falar de fúlxidas Antillas / e dos amigos idos!” e, no outro día, rezou diante da raíña Berenguela na catedral. En Rianxo foi consolar as irmás de Castelao —a súa casa era unha triste choza tras a morte da “doce naiciña”— e despois achegouse ata o Padrón rosaliano. Na Coruña asistiu á sesión da Real Academia Galega (RAG), onde votou por Cabanillas a Aquilino Iglesia e a Victoriano Taibo2; e por Vigo volveu co sentimento de non falar co cambadés “adispaciño”.

Na carta considera que hai “podremia” de máis na Academia, á vez que non lle manifesta a Cabanillas simpatía polo Instituto Padre Sarmiento (“Respeitando a grandeza de Sarmento / non son dise Instituto. /Ao Seminario gardo fieldá, e ao rexo xuramento”)3. Como afirma Luís Rei (2009: 455), igual que Cabanillas, Otero Pedrayo vivía nun “exilio interior” cheo de miserias e contradicións.

No relativo á métrica, a carta está composta por unha serie de tercetos encadeados ou “terza rima”, poema estrófico creado por Dante Aligheiri n’A divina comedia, utilizado moi frecuentemente nas epístolas. Os tercetos encadeados axústanse ó seguinte esquema: 11A 11B 11A, 11B 11C 11B, 11C 11D 11C, 11D 11E 11D etc.

Entre os versos 28 e 31 intercálase un serventesio:

semellaba fadal ermo ventoso!          11A


Fun con Pedret ás beiras do Sarela, 11B

probei un ledo ullán, labio escumoso 11A

e recei diant´a raíña Berenguela.        11B

Seguen outros tercetos encadeados para rematar nun serventesio, tal como se aprecia na carta, para evitar que quede solto o verso intermedio do terceto:

de fábulas antergas, Teu souril 11A

falar, meu caro amigo, sería maio 11B

na miña soedade. Legrías mil 11A

pide a Deus para ti o teu tocaio. 11B

Na carta figura un P.S. en prosa no que o polígrafo de Trasalba lle pide perdón polo desafogo, fálalle de procurar verse no verán e deséxalle que a familia estea ben. Remata confesándolle que, como vive illado, “é unha leda pelerinaxe unha volta por Galicia. Mais faltaches ti, e volvín tristeiro!”.

2.2. Na segunda carta, desde Santander (15/08/1948), dálle azos a un Cabanillas que se decataba “das grandezas e dos perigos da vellez” e que debía estar “sofrindo da soedade, do primeiro embate”. Considera que a súa “laboura de arestora” debe ser a creación poética (“Algún espazado poema”), pero tamén a tradución (“Pra ti fermosa angueira o poeta que máis ames”), porque a lingua galega precisa dunha boa escola de tradutores4. Ademais, suxírelle escribir un libro de prosas galegas sobre as súas soidades, as viaxes, os amigos, o Salnés, os claustros de San Martiño, os xogos e as vougas esperanzas de neno e lémbralle a súa “fermosa ilusión: Samos”.

Cabanillas entraría no mosteiro de Samos o 24 de agosto do 1948. Despois de anos dun longo e triste camiño, o seu ánimo iluminouse cando encontrou na abadía samonense a paz, a soidade e o silencio por el tan arelados, o que lle permitiu crear nova obra poética e reeditar outra que recompilou. Días antes, anticipáralle ese retiro a Otero Pedrayo nunha carta desde Cambados (18/08/1948):

Mándoche con esta uns sáficos que fixen estes derradeiros días: deben de ser dos poucos tecidos en galego: eu non conezo ningún. En Samos, Dios por diante, arrematarei o ‘Alaudo e Antífona da Copra’5, pequeno ensaio que me impuxo o medo á radio, ó gramófono e ó ‘maldito tango’ que están faguendo estragos en vilas e aldeias: é unha prosa lírica, sen pretensións, que non sei como sairá. (Alonso Montero 1988: 8)


2.3. A terceira carta, sen data, con encabezamento do Gran Hotel de Vigo, é unha manifestación de agarimo do polígrafo de Trasalba e da xente de Galaxia o día da recepción simbólica, “ás beiras das ‘ondas do mar’ de Vigo”, do patrimonio bibliográfico e documental de Fermín Penzol.

O acto tivo lugar o 30 de setembro do 1956 e actuou como receptor o presidente da editorial, Ramón Otero Pedrayo, e nel interviñeron varios membros do Consello de Administración. Entre os asinantes figuran, ademais de Otero Pedrayo e de Fermín Penzol, fundadores da editorial como Ramón Piñeiro, Francisco F. del Riego, Xaime Isla, Domingo García Sabell, Rufo Pérez ou Luís Viñas Cortegoso; o poeta Luís Pimentel, o xeólogo Isidro Parga Pondal, o deseñador das cubertas e das coleccións de Galaxia Xohán Ledo (pseudónimo de Ricardo García Suárez) e outros galeguistas. Tamén as esposas dalgúns dos asistentes: Elena Tormo de García Sabell, Isabel L[ópez] de Piñeiro, Cristina Nóvoa de [Xaime] Isla, María del Carmen de G[arcía] Suárez, María Pilar Cayón de Pimentel, Mª Blanca Jiménez de Penzol e Carmen Díaz de P[érez] Prieto.

Cabanillas non puidera asistir: estaba vivindo en Barakaldo, na casa da filla María Luísa e do xenro Marcos Caamaño Bournacell, o derradeiro “desterro” do seu camiño longo do que regresaría a Cambados en novembro do 1957, porque quería morrer na Terra. Marchara a esa cidade vasca na primavera do 1955. Cando en setembro do 1957 empeorou da doenza que sufría e chegou a temerse pola súa vida, Otero Pedrayo foi desde Santander a Barakaldo para visitalo; e de forma tan fermosa así o contou:

No setembro do 57, estando eu en Santander soupen por xornais e cartas de Galicia da perigosa doenza de Cabanillas, parando cunha das súas boísimas fillas en Baracaldo, e aló fun a velo. Xa se atopaba millor. Aos dous vellos amigos facheounos o sol na faciana ao nos atopar naquela grande e griseira cidade. En poucas horas falamos ferrados de amigo, de paisaxes, ideais políticos e sociais. Voltamos a pasear noites enteiras nosas de Pontevedra cando na maxia da evocación por igual alumeaba lembranzas o luar no espello do Lérez, e a esfera do relox da Peregrina; e de Santiago chegando despois de falar e calar dediante rúas, craustros, quintás, horto, a noite calaba en agarda do nacer, da fonte sonora do toque de alba cantado por Rosalía. A sociedade do poeta en Barakaldo [sic], cidade de obreiros e capataces de industria, eran as velliñas vascas, o agardar e saír das novenas, o solpor. Velahí impresionante e fermosa a soedade do poeta atlántico, franqueado o mundo en lingua galega e as velliñas raíces da xente vasca e a sua fala vella como os montes, un e outras na soleira da Morte e da inmortalidade. (Rei 2009: 532-533)


2.4. Na cuarta carta, desde Trasalba (28/12/1958), deséxalle un novo ano “ben asoallado de paz e lembranzas” e dálle conta da súa alegría polo seu libro Samos (“Ó chegar a Trasalba na noite de Nadal a casa soia e xiada estaba para min alumiada polo teu poema Samos”), á vez que gaba a calidade da súa poesía, onde se acaba “descobrindo ó estilo da música de Bach o eterno en cada latexar do curazón”. Espera ir velo cando o tempo se poña menos bravo, “cos días crecedeiros” para abrazalo e escoitalo.

Cabanillas ideou e escribiu o longo poema no que versifica a historia do mosteiro bieito e glosa a vida monacal nas estadías de verán en Samos, entre 1948 e 1951, ano en que houbo o incendio que o destruíu6. O proceso para a súa edición foi longo e retorto, ata que, finalmente, Galaxia publicou o que sería o seu derradeiro poemario (a data do colofón é 10 de novembro do 1958), con fermosas ilustracións de Agustín Portela Paz; pero, por mor das reticencias da editorial ó dedicarlle o libro a un abade franquista (Mauro Gómez Pereira), Cabanillas tivo que retirar a dedicatoria “e o nobre mitrado de Samos abade” do verso final do soneto 2º de Samos polo verso “tronco, honor e luz de Cristiandade”.

2.5. Na quinta carta, desde Buenos Aires (24/08/1959), deséxalle un ditoso día de San Ramón. Coméntalle brevemente a boa receptividade da súa obra na emigración galega (“Non sabes que groria de aprausos cando soa teu nome ou o de algunha das túas creaciós”), entre a que estivo “sementando a paz ás mancheas”. Era a segunda visita de Otero Pedrayo á Arxentina, convidado de honra das Xornadas Galegas do Centro Galego de Buenos Aires.

En xullo do 1947 visitara por primeira vez a capital arxentina para participar nos actos do 25 de Xullo e impartir un ciclo de conferencias, tamén invitado polo Centro Galego. O 23 de agosto fundiuse nun abrazo con Castelao, a quen non vía desde o comezo da Guerra Civil no 1936, momento que o propio Otero Pedrayo evocaría como o de dous nenos “no colo amoroso da Nosa Terra Nai”.

Cando o polígrafo de Trasalba lle comunicou a Cabanillas a súa marcha a América, este escribiulle una emotiva carta desde Cambados (22/06/1947) manifestándolle a dor que lle producía a súa ausencia:

Recibo, agora, as túas emocionadas e garimosas letras de despedida que me encheron os ollos de bágoas. Tres meses non é nada, e, con todo, non sabes o que me doi a túa ausenza. Co pouco que nos vemos, saberte na Terra é unha tranquilidade e un consolo. Paréceme que a Galicia, sin ti, fáltalle o corazón.


Dille que vai pasar o verán en Cambados, desde onde “na dozura das noites á beira do mar, seguireite cos ollos da alma nesa tua pelegrinaxe misioneira de portador de sagras inquedades, de dores infindos, de espranzas inmorredoiras”; e pídelle que abrace a Castelao:

Dálle unha forte apreta ó Castelao e a todos eses irmáns que padecen pola xusticia e viven sedentos de bicar as paredes da chouza en que naceron. Con eles en corpo e alma, como eles vivo tamén axoellado ós pés de Nosa Señora da Espranza. (Alonso Montero 1988: 6)


3. A EDICIÓN DAS CARTAS

Publícanse as cartas manuscritas e tamén as súas transcricións. Fixéronse as seguintes modificacións gráficas consonte a normativa vixente:

a) Cambiouse v por b en “Baleira” (I) e b por v en “vogando” (V), e y por i en “lira” (I), “raiolar” (I) e “maio” (I); e suprimiuse o h en “Maía” (I), “Astra” (II) e “irmás” (III)7.

b) Eliminouse o acento gráfico en formas como “embrulloume” (I), “ti” (I, II, III), “femia” (I), “podia” (II), “tes” (II), “eu8” (II, IV, V), “bruidar” (III), “voa” (V) etc.; e acentuouse “roínas” (I), “máis puro” (I), “túa” (I, II), “país” (II), “vén” (II), “dúas” (IV), “deténdose” (IV) etc.

c) Cambiouse o acento circunflexo por agudo en “Quintá” (I) e “ás irmás” (I) e borrouse en “tebra” (I).

d) Eliminouse o apóstrofo no encontro das preposicións de, en e por con artigo e pronome: “dise” (I), “na” (I), “nun” (II), “nisa” (I), “nelas” (II) e “polos” (I); e mantívose nos demais casos: “diant’os ouros qu’alumea” (I), “n’Academia” (I), “com’o liño” (I), “n’hai” (II), “c’axuda” (II) etc. Por outra parte, en contra da normativa vixente, déixanse formas en que se mantén a preposición: “de un novo” (IV), “de un auditorio” (V), “de isto” (II), “de outros” (IV) e “de algunha” (V).

e) Elimináronse do comezo da frase os signos de interrogación e de exclamación: “—pensando: será a miña derradeira?” (I); “Sempre Cabanillas, mastro egueito da nosa nau!” (III).

f) Cambiouse a maiúscula inicial por minúscula en “maio” (I), “setembre” (II) e “primadeira” (I) e noutros termos como “ría” (I) e “relox” (I).

Deixouse o uso do guión na forma “Sant-Iago” (I, II) e nos casos da conxunción “e” asilábica, como “i-o brial” (I), “i-a cidá” (I), “i-a preguiza” etc.; por outra parte, os títulos de obras, que aparecen en redonda entrecomiñada, puxéronse en itálica: Samos (IV), Vento mareiro (V) etc.

No demais, respectouse a lingua oteriana das cartas, inzadas de hiperenxebrismos léxicos, como “hourizonte” (I, II), “outos” (I), “aspeitos” (II), “craustros” (II), “craras” (V), “groria” (V), “aprausos” (V), “consoo” (V), “regoados” (IV), “brilo” (I), “lumioso” (I), “montanas” (IV) etc. e otras creacións como “fieldá9” (I). Deixáronse diferencialismos da fala popular como catredal (I), “unidá” (II), “esprito” (II, IV) ou “espranza” (II, IV) e outros como “ademirado” (II, IV) no encabezamento das cartas, con moita tradición no galego literario desde Lamas Carvajal, e “ademirador” (II, IV), na despedida, con moito menos emprego na historia do galego escrito.

Tamén se respectaron castelanismos léxicos como “archipiélago”(II) e os escasos castelanismos morfosintácticos: “teus xogos” (II), sen artigo; teísmo en “facerte ben” (II) e “faríate moito ben” (II); preposición “a” co complemento directo en “recibire á leda primadeira” (I) e “consoar ás irmás” (I).

Con todo, fixéronse algunhas correccións por considerarmos que se debe tratar de lapsus cálami do autor: o sintagma “as beiras” das frases “Fun con Pedret as beiras do Sarela” (I) e “axuntados […] as beiras das ‘ondas do mar’ de Vigo” (III), na transcrición aparece como “ás beiras”; e “as mancheas” (V) cambiouse a “ás mancheas”, pois nos textos literarios de Otero Pedrayo rexístrase a expresión coa forma contracta. En “sentas á mesa” (IV) corrixiuse “a mesa” por considerar que tamén debeu ser outro lapsus cálami, pois neste caso en galego e en castelán emprégase a preposición “a” con artigo.

Nunca lera páxinas manuscritas de D. Ramón Otero Pedrayo polo que, de entrada, pensei que me resultaría máis laborioso o traballo de transcrición das cartas. Así e todo, acudín a Antón Santamarina, bo coñecedor da lingua literaria oteriana, para resolver algunhas dúbidas; e, no caso das sinaturas da carta III, foime de moita axuda Malores Villanueva para descifrar unhas cantas. A Antón e a Malores o meu agradecemento.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alonso Montero, Xesús [1988]: “Don Ramón Cabanillas confésase con don Ramón Otero Pedrayo”, en Ramón Cabanillas camiño adiante. Extra de A Nosa Terra. Vigo, 4-10.
Méndez Ferrín, Xosé Luís (2026): “Cabanillas na literatura galega do século XX”, A Trabe de Ouro, 131, 33-49.
Rei, Luís (2009): Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades, Vigo, Galaxia.
TILG = Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (Versión 4.1), Santiago de Compostela, Instituto da Lingua galega (https://ilg.usc.gal/TILG/) [Consultado: 26/10/2026].


Notas

1 Sobre estas palabras Alonso Montero (1988: 5) di: “Nada refiren as páxinas biográficas coñecidas”.

2 A sesión da RAG que tivo lugar o 4 de marzo do 1945 e para a que Otero Pedrayo levaba o voto delegado de Cabanillas. Elixiuse como académico numerario a Juan Rodríguez Cabrero (15 votos), e non a Victoriano Taibo (8 votos); e como académica numeraria a Francisca Herrera Garrido (19 votos), e non a Aquilino Iglesia Alvariño (4 votos). Este entraría na Academia o 16 de abril do 1949, con discurso de resposta de Otero Pedrayo, que xa respondera o de Taibo o 15 outubro do 1948. Na mesma sesión do 4 de marzo do 1945 nomeáronse, entre outros, os seguintes correspondentes: Manuel Rodrigues Lapa, de Lisboa; Julio Sigüenza, de Vigo; Dionisio Gamallo Fierros, de Madrid; Teixeira de Pascoaes, de Amarante; Enrique Chao Espiña, de Viveiro; e Manuel Chamoso Lamas, de Madrid.

3 O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, adscrito ó CSIC, creouse en Santiago de Compostela no 1944, e viña substituír o Seminario de Estudos Galegos (SEG), creado tamén en Compostela no 1923. Otero Pedrayo, que fora elixido presidente do SEG o 30 de maio do 1936, non foi dos fundadores do Instituto Padre Sarmiento, pero incorporouse máis tarde, igual que Risco e Cuevillas, e nese Instituto dirixiu a sección de Xeografía, da área de Xeografía e Historia.

4 Cabanillas publicaría Versos de alleas terras e de tempos idos (1955). Son paráfrases dos seus poetas: Anacreonte, Marcial, Ovidio, Goethe, Baudelaire, Heine, Tennyson, Christina Rossetti etc. Levaba moito tempo con este libro, “posibelmente desde os comezos da posguerra e con seguridade desde mediados dos anos corenta, cando Ramón acompañaba nestes quefaceres a tarefa literaria de amigos como Crecente Vega e Aquilino Iglesia Alvariño” (Rei 2009: 513).

5 Publicada no 1951 por Galaxia co título Antífona da cantiga, foi a obra inaugural desta editorial.

6 O incendio produciuse o 24 de setembro do 1951 por un accidente na destilaría de licor. Cabanillas deixara a abadía a semana anterior.

7 O número romano fai sempre referencia a unha das cinco cartas.

8 Escribe “eú”.

9 No TILG só hai tres ocorrencias deste termo, as tres en obras do século XIX. Non se rexistra na obra literaria e ensaística de Otero Pedrayo do século XX.

TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Seoane, Luís;  Seoane, Maruxa;  Fernández del Riego, Francisco;  Otero Pedrayo, Ramón;  Carballo Calero, Ricardo;  Díaz Pardo, Isaac;  Dieste, Rafael;  García-Sabell, Domingo;  Varela Vázquez, Lorenzo;  Piñeiro López, Ramón;  Paz-Andrade, Valentín;  Hervella Nieto, Evelina;  Cela, Camilo José;  Maside, Carlos;  Cunqueiro, Álvaro;  Castelao, ;  Cuadrado, Arturo;  Ferreiro Míguez, Celso Emilio;  Colmeiro, Manuel;  Laxeiro, ;  Fole, Ánxel;  Cabanillas, Ramón;  Murguía, Manuel;  Ledo, Xohán;  Lapa, Manuel Rodrigues;  Blanco Amor, Eduardo;  Martínez López, Ramón;  Iglesia Alvariño, Aquilino;  Bouza Brey, Fermín;  Magariños Negreira, Xulián;  Delgado Gurriarán, Florencio;  Valle-Inclán, Ramón María del;  Picasso, Pablo;  Arias “Mimina”, Carmen;  Castro, Rosalía de;  Cabana, Darío Xohán;  Prada, Rodolfo;  Álvarez Blázquez, Xosé María;  Rei, Luís;  Neira Vilas, Xosé;  Porteiro García, María Xosé;  Valcárcel, Marcos;  Campos Álvarez, Xesús “Chichi”;  Scheimberg, Simón;  Núñez Búa, Xosé;  Fariña Cobián, Herminia;  Rónai Pal, Paulo;  Pondal, Eduardo;  Muñoz Manzano, Carmen;  Dónega, Marino;  Temáticas: artes;  Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. ;  Álbum de Galicia;  artes visuais;  asuntos particulares;  migracións;  emigración;  autores/as;  medios de comunicación;  historia;  política;  Colección: Otero Pedrayo e Carballo Calero ;  prensa escrita;  espazos artísticos;  Mulleres;  Fondo: Arquivo da Fundación Pública Galega Camilo José Cela;  exilio galego;  Colección: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane;  axentes culturais;  lingua;  A nova Sargadelos;  poesía;  Fondo: Valentín Paz-Andrade no seu arquivo persoal;  Fondos de Radio Nacional de España en Galicia;  Álbum Nós;  exilio;  radio;  “cartografías” do Álbum de mulleres;  dereito;  nacionalismo;  Lingua. Literatura;  Mulleres no Álbum de Galicia;  Colección: Paulo Rónai con Paz-Andrade;  ensino;  Historia da Literatura Galega Contemporánea;  música;  premios;  Colección: Manuel Rodrigues Lapa con Ramón Piñeiro;  etnografía;  Fondo: Ramón Piñeiro na Fundación Penzol;  Libro de Tapas;  Fardel d’eisilado;  sociedade;  Galería Bonino;  artes escénicas;  teatro;  novela;  edición;  entrevista;  patrimonio; 

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0