Noemí Díaz e Xacobo de Toro, docentes de Bioloxía e Xeoloxía no ensino secundario, fálannos neste vídeo didáctico (8´ 08´´) dunha problemática ambiental: as especies invasoras. Cando unha especie alóctona (que non é orixinaria do lugar) causa unha alteración no novo hábitat e ten capacidade para dispersarse, falamos de especie invasora. Algúns exemplos no ámbito galego serían a Vespa velutina, o cangrexo americano, o mexillón cebra, o sargazo, o visón americano, a tartaruga de Florida, a herba do coitelo, a acacia negra ou o eucalipto. Un exemplo á inversa sería o do toxo, unha especie autóctona galega que se converteu en invasora en outros territorios, como as Illas Canarias, Colombia ou Chile.