A arte ten a súa ciencia. Ollada ás artes plásticas e visuais

A Real Academia Galega de Belas Artes instituíu en 2015 o Día das Artes Galegas, que se celebra cada 1 de abril (data inscrita nos linteis do Pórtico da Gloria como día da súa finalización en 1188) para divulgar e exaltar a vizosa creación artística galega. Neste 2026 o artista homenaxeado é José Suárez (Allariz, 1902 - A Guarda, 1974), que pasou á historia como o fotógrafo que soubo retratar a dignidade do ser humano.

Abrindo o foco ao ámbito internacional, tamén neste mes de abril (concretamente o día 15), conmemórase o Día Mundial da Arte, unha data na que cada ano a UNESCO quere poñer de relevo a contribución dos/as artistas ao desenvolvemento da humanidade.

Co ánimo de sumármonos a ambas as dúas celebracións, desde Proxector elaboramos esta pequena escolma de recursos didácticos e divulgativos sobre as artes plásticas e visuais. Desde a fotografía, o ámbito de traballo de José Suárez, pasando pola pintura, o debuxo, a arquitectura, a escultura ou a creación audiovisual. Para poñer o ramo, pechamos a selección demostrando que a creación artística pode ser tamén unha ferramenta útil para o coñecemento científico, con tres exemplos concretos do eido das matemáticas, a saúde pública e a bioloxía.

[Imaxe da portada: mural no pombal dos Xardíns de Vicenti, en Pontevedra, elaborado por Miguel Peralta e Xoana Almar (“Cestola na Cachola”). Autor da fotografía: Lameiro. Fonte: Wikimedia]

José Suárez. Uns ollos vivos que pensan

Vídeo divulgativo (4´ 07´´) sobre a traxectoria profesional e a obra do fotógrafo galego José Suárez (Allariz, 1902 - A Guarda, 1974), a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedica neste 2026 o Día das Artes Galegas.

A reportaxe foi realizada por Miramemira con motivo da exposición "José Suárez. Uns ollos vivos que pensan", que se puido visitar na Cidade da Cultura do 13 de novembro de 2015 ao 27 de marzo de 2016.

Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX

Entre os anos 1843 e 1900 popularizouse na cidade de Pontevedra unha nova linguaxe artística: a fotografía. Neste vídeo divulgativo (4´ 11´´) faise un percorrido pola obra dos fotógrafos profesionais e afeccionados que traballaron na "Boa Vila" durante estes anos, poñendo o foco no importante papel que desenvolveron como documentalistas gráficos dos cambios sociais e urbanos que tiveron lugar na cidade durante a segunda metade do século XIX.

O vídeo elaborouse no marco da exposición "Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX", que pode visitarse no Museo de Pontevedra ata o vindeiro 5 de abril de 2026.

Museo a ceo aberto

Vídeo de presentación (4´ 43´´) da serie documental Museo a ceo aberto, que che permitirá achegarte á arte urbana en Galicia, unha revolución que está a transformar a paisaxe, a atraer turismo e a converter cidades e vilas en auténticos museos ao aire libre.

Trátase dunha iniciativa de O Cable Inglés Sociedade Cooperativa Galega que foi realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.

Outras entregas da mesma serie.

A obra artística de Yoseba Muruzábal

Tradicionalmente as mulleres eran representadas nas obras de arte como obxectos que non protagonizaban a acción, xogando o papel de modelos ou musas do artista. Neste vídeo divulgativo (3´ 56´´) terás ocasión de achegarte á obra do artista galego contemporáneo Yoseba Muruzábal, que reivindica nos seus murais o papel protagonista da muller rural.

Este recurso, con aproveitamento didáctico para o currículo de artes visuais, forma parte da serie audiovisual Catro + Catro, elaborada pola Asociación Cultural Urbana Taller Abierto, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Outros vídeos da mesma serie.

A vida e a traxectoria artística de Maruja Mallo

Nesta reportaxe da TVG (4´ 15´´) María Victoria Carballo-Calero, catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e académica de número da Real Academia Galega de Belas Artes, comenta a obra e a traxectoria artística da pintora galega Maruja Mallo (Viveiro, 1902 - Madrid, 1995), unha das máximas representantes do surrealismo en España.

A peza foi emitida en maio de 2025 no programa "No foco", con motivo da homenaxe que lle rendeu á pintora galega o Centro Botín e o Museo Reina Sofía para conmemorar o 30 aniversario da súa morte.

A banda deseñada

Vídeo didáctico (10´ 52´´), elaborado por Noemí Díaz Vázquez, sobre a linguaxe visual e os recursos empregados na banda deseñada. Aprenderás que función teñen as viñetas, as carteleiras, os globos, as onomatopeas, as metáforas visuais e as liñas cinéticas na linguaxe dos cómics. Tamén descubrirás cales son os diferentes tipos de planos (plano xeral, plano americano, plano medio, primeiro plano ou plano de detalle) e enfoques (ángulo natural, ángulo picado, ángulo contrapicado) que se poden empregar para narrar as historias.

Os contidos están dirixidos a alumnado de 1º curso da ESO, da materia de EPVA (Educación Plástica, Visual e Audiovisual).

Aprendo con Olloboi 4. Arte e estética

Vídeo didáctico (25´ 03´´), dirixido a alumnado de secundaria, no que Fany Bello (xefa de estilismo) e Ángel Amaro (director de arte) nos explican cal é a función do Departamento de Arte e Estética nun proxecto audiovisual. Nesta “olloclase” descubrirás a importancia dos decorados, os aderezos, o vestiario, a maquillaxe ou o peiteado no proceso de elaboración dunha película.

Esta peza elaborouse ao abeiro do proxecto "Aprendo con Olloboi", unha iniciativa didáctica deseñada para difundir o audiovisual galego nas aulas.

Material complementario: introdución para profes, actividades e prácticas.

Os mosteiros da Ribeira Sacra

Neste vinculo externo poderas ver
Os mosteiros da Ribeira Sacra

Vídeo didáctico (12´ 32´´) no que o profesor de ensino medio Félix Longueira Fafián presenta as características arquitectónicas e artísticas dos seguintes mosteiros da Ribeira Sacra: o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, o mosteiro de San Paio de Abeleda e o mosteiro de San Pedro de Rocas.

A capital do Gótico: claves para entender o calendario agrícola de Santa María do Azougue

O calendario agrícola medieval está representado nun dos capiteis da igrexa de Santa María do Azougue, en Betanzos, e foi realizado entre os anos 1380 e 1390 por un taller que traballou baixo o mecenado de Fernán Pérez de Andrade. Neste vídeo divulgativo (3´ 36´´) o historiador José Ángel Paz Quintana dános as claves para entendelo.

A peza forma parte da serie audiovisual Betanzos Capital, elaborada pola cooperativa Marma ao abeiro do II Certame de Fondos do Reino de Galicia organizado pola Deputación de Coruña.

Infectarte

Neste vídeo didáctico (11´ 26´´) móstrase como artistas de diferentes épocas históricas representaron nas súas obras pictóricas e escultóricas diferentes enfermidades infecciosas (lepra, sífilis e peste).

A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.

Proporción áurea: mito ou realidade

Neste vídeo didáctico (8´ 16´´) Elena Vázquez Abal, catedrática da USC na área de Xeometría e Topoloxía, convídanos a reflexionar sobre canto pode haber de mito arredor da proporción áurea e o seu uso na arte, tratando de responder unha pregunta previa de David Miranda.

Esta peza forma parte da serie audiovisual “Consultorio VídeoMatemático”, unha iniciativa do CITMAga que ten como obxectivo achegar o coñecemento matemático á cidadanía.

Tecedeiras de duplas hélices: arte e ciencia

Vídeo divulgativo (14´ 47´´) no que a bióloga Joana Magalhães nos fala do que ela chama as "tecedeiras de duplas hélices", mulleres que se achegaron á bioloxía desde diferentes campos artísticos para desenvolver as súas creacións, demostrando que a arte pode ser tamén un fonte válida de coñecemento científico. Concretamente, na súa charla fálanos da obra das artistas Marta de Menezes, Kathy High, Ionat Zurr e Jennifer Willet, cuxas obras influíron de xeito decisivo no traballo que a propia Joana desenvolve como científica.

A charla tivo lugar o 12 de febreiro de 2023 no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do programa de divulgación científica "A foto 51", organizado polo Concello de Pontevedra, en colaboración co xornal GCiencia e o programa Efervesciencia (Radio Galega).