Vidas paralelas é o título do novo proxecto co que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa pretenden recuperar a memoria das semellanzas entre personalidades galegas e portuguesas nos diferentes eidos culturais. Trátase dunha iniciativa bianual que afondará en aspectos como a literatura, a arquitectura, o cinema ou o teatro nun formato dobre: web e presencial. A proposta inaugúrase cunha revisión cruzada das figuras de José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923), dous pioneiros dos estudos filolóxicos en ambos os países. Hoxe publícanse no web do CCG os vídeos que permiten coñecer estas figuras e ábrese a inscrición do coloquio presencial, que terá lugar o vindeiro día 11 de abril en Lisboa. Nel participarán a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto a Ivo Castro e Henrique Monteagudo, que afondarán na relación epistolar cruzada entre Vasconcelos e Martínez Salazar.
Ler máis
Amosando noticias 481 a 500 de 1451


