Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Celebrando o valor do diverso

A diversidade biolóxica, ou biodiversidade, é a variedade de organismos vivos de todo tipo existentes na Terra, e fai referencia á diversidade dentro de cada especie, entre especies distintas e entre ecosistemas. A preservación desta biodiversidade é un dos piares fundamentais nos que debe apoiarse un desenvolvemento sustentable comprometido co futuro do planeta, pois da saúde dos ecosistemas depende a existencia de alimentos, auga, medicinas, un clima estable e mesmo o noso benestar económico. Non debemos esquecer, tal e como nos lembra o Banco Mundial, que máis da metade do PIB mundial depende da natureza.

Os expertos categorizan a perda da biodiversidade como un dos nove "límites planetarios" e alertan de que xa foi gravemente superado, polo que definen a época actual como “a sexta grande extinción”. Neste contexto e conscientes do desafío, a ONU conmemora cada 22 de maio o Día Internacional da Diversidade Biolóxica, co obxectivo de divulgar o valor duns ecosistemas sans e diversos, e alertar sobre a ameza que supón a actividade humana para a súa conservación. Neste especial terás oportunidade de coñecer algunhas das xoias do noso rico patrimonio natural, como poden ser a Porta de Lobios, o Parque Natural das Illas Atlánticas de Galicia, a ribeira do río Mandeo, a contorna da Torre de Hércules ou as microrreservas de flora de Fisterra. Para pechar, incluímos tres recursos de carácter máis teórico que convidan á reflexión sobre o propio concepto de biodiversidade, así como sobre as ameazas presentes e futuras que condicionan a súa preservación.

[Imaxe da portada: ribeira do río Mandeo, en Aranga. Autor da fotografía: Miguel Branco. Fonte: Wikimedia]

Que é un ecosistema? Ecosistemas: Biótopo e Biocenose.

Vídeo didáctico (2´ 39´´) que che axudará a entender cales son os elementos esenciais que compoñen un ecosistema. O profesor Xacobo de Toro explícanos que é o biótopo e a biocenose, e cales son os parámetros bióticos e abióticos que condicionan a vida dos seres que habitan neses lugares.

O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Porta de Lobios

Na fronteira con Portugal e formando parte do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, atopamos o concello de Lobios, unha zona na que conviven preto de 850 especies de plantas, representando practicamente a biodidiversidade completa do territorio galego. Neste vídeo divulgativo (5´ 48´´), elaborado pola Deputación de Ourense no marco do proxecto europeo “Valor Gerês-Xurés”, poderás coñecer mellor a “Porta de Lobios”, onde se atopa o Centro de Interpretación da Flora deste Parque Natural.

Bosque de ribeira

Vídeo didáctico de realidade virtual (12´ 34´´) no que Xacobo de Toro e Noemí Díaz, docentes de Xeoloxía e Bioloxía no ensino medio, te convidan a adentrarte nun bosque de ribeira, nome co que denominamos a vexetación que medra á beira dos ríos, regatos e lagoas. Neste caso concreto, terás a oportunidade de facer un percorrido en 360º polas fragas do río Mandeo, para descubrir as súas especies máis emblemáticas, tanto animais como vexetais.
Para gozar plenamente da paisaxe podes poñer unhas gafas de realidade virtual ou usar o xiroscopio do teu móbil.

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada son os catro arquipélagos situados nas Rías Baixas que conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Neste vídeo divulgativo (10´) amósannos as principais características xeográficas, morfolóxicas e biolóxicas de todas estas illas e mais do espazo marítimo que as rodea.

Material complementario: Recursos didácticos sobre o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Retirando invasoras, recuperando ecosistemas

Ecosistemas mariños atlánticos, colonias de aves mariñas, acantilados, matogueiras, sistemas de dunas… conforman a riqueza natural e paisaxística do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, un espazo ameazado tamén por flora exótica invasora. Neste documental (22´ 51´´) amósannos o traballo de eliminación de especies invasoras e de recuperación de hábitats realizado neste Parque Nacional.

Sabes todo o que temos no mar?

Vídeo divulgativo (7´ 37´´) que amosa, a partir de imaxes reais, a rica diversidade biolóxica e lingüística que agocha o noso fondo mariño. Coñecerás os diferentes fondos que hai ao longo das nosas costas e as especies mariñas que os habitan, así coma os seus nomes en galego.

Esta iniciativa foi realizada por Jaime Beiro Formoso, co asesoramento da divulgadora científica Bibiana García, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.

A riqueza das charcas intermareais da Ría de Vigo

A través das imaxes gravadas na Praia de Fechiño (Vigo), Antía Lago amósanos neste vídeo divulgativo (51´´) o rico ecosistema que se crea nas charcas intermareais formadas en zonas rochosas. Tamén nos explica cal é o motivo de que a biodiversidade sexa diferente entre unhas charcas e outras.

Este foi un dos traballos finalistas da primeira edición do concurso "Petiscos de ciencia" (2022), organizado pola Facultade de Ciencias e o Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Os xardíns descoñecidos da Costa da Morte

Despois da catástrofe do Prestige, o Grupo de Investigación de Análise e de Conservación da Biodiversidade da USC elaborou un mapa de microrreservas de flora ameazada ao longo de toda a Costa da Morte. Neste vídeo divulgativo (7´ 44´´) preséntase un proxecto de voluntariado ambiental para a conservación das zonas húmidas e a flora, impulsado por ADEGA e o Concello de Fisterra, co obxectivo de poñer en valor e preservar as cinco microrreservas de flora que hai na actualidade neste concello.

Flora litoral. Matogueira e cantil. Introdución

A contorna da Torre de Hércules (A Coruña) é un dos espazos de maior biodiversidade da cidade da Coruña e está declarado como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), unha figura de protección ambiental que outorga a Xunta de Galicia a aqueles espazos con especiais valores naturais integrados nun termo municipal. Este vídeo didáctico (2´ 12´´) serve de introdución dunha serie de recursos audiovisuais sobre dous ecosistemas existentes neste espazo: a motogueira e o cantil.

A serie, dirixida a alumnado de educación secundaria, foi elaborada polos profesores Adán Gonçalves García e Belén Lorenzo Arenal.

Abandono do rural e perda da biodiversidade en Galicia

Charla divulgativa (32´ 15´´) na que María Losada Cuquejo, bióloga e investigadora do grupo EcoPast da USC, nos explica como o abandono da agricultura tradicional e as mudanzas na xestión do monte galego foron factores determinantes na perda da biodiversidade en Galicia.

Esta charla tivo lugar en Pontevedra o 28 de novembro de 2020, no marco das IV Xornadas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, organizadas pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

Biodiversidade: moito máis ca xenes e especies

Adolfo Cordero, catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, fálanos nesta conferencia (44´ 22´´) das orixes e o significado do concepto de biodiversidade, reflexionando sobre o seu impacto tanto na bioloxía como noutras áreas do coñecemento. Partindo do carácter multidimensional do termo, o profesor Cordero céntrase nunha das principais liñas de investigación nas que está a traballar: a diversidade de comportamento como un elemento da biodiversidade.

A charla tivo lugar na Casa das Campás de Pontevedra o día 8 de maio de 2023, no marco dos eventos organizados dentro do primeiro Bioblitz da Universidade de Vigo.

Bosques mariños, unha paisaxe en regresión

Vídeo divulgativo (25´ 42´´) no que Cristina Piñeiro Corbeira, membro do grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña, nos alerta sobre a desaparición dos bosques mariños de Galicia. Na súa exposición fálanos da diversidade de especies de macroalgas que forman os bosques mariños e, centrándose concretamente nos bosques formados por especies laminariais, explica cales foron os cambios observados nos últimos tempos, cales serían as potenciais causas da regresión observada e que perspectivas de futuro temos.

A charla tivo lugar o 27 de novembro de 2021 en Pontevedra, no transcurso das V Xornadas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, organizadas pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).