Persoa: Gumersindo Busto

Persoa: Gumersindo Busto [4]

Data Material Ver
Data Material Ver
Gumersindo Busto Villanueva, gran filántropo compostelán (Santiago de Compostela 1872 - Bos Aires 1937)
Ver

Transcripción da Gumersindo Busto Villanueva, gran filántropo compostelán (Santiago de Compostela 1872 - Bos Aires 1937)

Fillo de María Manuela Busto y Villanueva, este compostelán naceu en 1872, na parroquia de San Martiño de Laraño. Pouco se sabe sobre a súa infancia e preadolescencia en Galicia, agás que ingresou no Seminario de Santiago e cursou os tres primeiros anos de Latinidade. Como moitos galegos da época, Gumersindo non escaparía á tentación de emprender a súa propia aventura migratoria. En 1887, con tan só 15 anos, embarcou cara a Uruguai, o seu o primeiro destino migratorio e onde desempeñou varias ocupacións, como telegrafista no Ferrocarril Central de Uruguai, mestre dunha escola rural en Tacuarembó e asistente nunha notaría en Montevideo. Esta última experiencia marcou o seu ingreso na Facultade de Dereito da Universidad de Montevideo en 1892. Nese mesmo ano Gumersindo marchou para Arxentina e volveu exercer de telegrafista no Ferrocarril de Bos Aires e Rosario. Coa intención de continuar cos seus estudos, decide solicitar traballo no Rexistro da capital ata conseguir o grao de escribán público da cidade de Bos Aires, en 1898. Dende entón a súa carreira profesional consolidouse cada vez máis. O 11 de maio de 1896 contrae matrimonio coa arxentina Felisa Gallardeo e forman unha familia numerosa de oito fillos varóns, dos que o segundo, chamado Julio César, seguiu os seus pasos profesionais e rexeu con el a notaría dende 1933.
O seu crecemento intelectual e profesional non fixo que emocionalmente se desligase da súa terra, senón todo o contrario. Coa mente sempre nela, Gumersindo Busto promoveu unha serie de iniciativas para estreitar lazos entre América e España, entre as que destacou o seu proxecto de creación da Universidad Libre Hispanoamericana, nado en 1904. Finalmente, só puido levar a cabo un dos elementos que complementaban ese grande ideal e que consistía na organización e fundación da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, froito de grandes esforzos e unha incansable persistencia e dedicación persoal, a cal foi inaugurada 22 anos despois, en 1926.


De emigrante común a distinguido letrado da cidade de Bos Aires
Ver

Transcripción da De emigrante común a distinguido letrado da cidade de Bos Aires

Gumersindo Busto chegou a América en plena adolescencia, con todos os cambios físicos e cognitivos inherentes a esa etapa da vida. Como a moitos rapaces da época que embarcaron cara a América, tocoulle madurar dun xeito case repentino e acelerado. A súa interpretación da contorna social foi rápida, e integrouse ao mundo laboral a unha idade temperá. Desenvolveu oficios pouco comúns, tendo en conta as características da maioría dos emigrantes galegos da época. En Bos Aires, no seu segundo e definitivo destino migratorio, Gumersindo Busto exerceu o notariado como rexente do Rexistro de Contratos nº 125 e chegou a ser docente no Instituto de Aspirantes ao Notariado. No quefacer diario da súa profesión, o seu despacho destacaba polo impecable manexo de xestións referidas a contratos civís e comerciais, préstamos hipotecarios, tramitacións testamentarias e administración de propiedades.


1924-08-24
Defensa de Gumersindo Busto da doutrina do hispanoamericanismo
Ver

Transcripción da Defensa de Gumersindo Busto da doutrina do hispanoamericanismo en 24/08/1924

Baixo o título «¿Qué es el Hispanoamericanismo?» Gumersindo Busto avoga neste artigo pola cooperación entre os pobos hispanos, a nivel tanto cultural e educativo como económico.
Non se podería entender a creación da Biblioteca América sen coñecer as correntes ideolóxicas que dominaban a finais do século XIX e primeiras décadas do XX na vida cultural americana e española. O rexeneracionismo —doutrina protagonizada polas clases medias profesionais que loitaban pola modernización de España defendendo a acción privada fronte á pública— e o hispanoamericanismo —coa reafirmación do hispano fronte ao mundo anglosaxón e unha valorización da influencia española na cultura dos países americanos— estaban moi presentes nos escritos da época. Home culto e progresista, Busto participou activamente en varias institucións que defendían esta ideoloxía. Foi socio da Unión Ibero-Americana e de asociacións galegas en América como a Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor, que destacou polos seus logros instrutivos e culturais. Neste contexto cobra sentido o seu soño de levar a cultura e o saber americanos ao centro do saber de Galicia, a USC.


1937-06-21
Triste noticia para a colectividade galega emigrada: o pasamento de Gumersindo Busto
Ver

Transcripción da Triste noticia para a colectividade galega emigrada: o pasamento de Gumersindo Busto en 21/06/1937

Gumersindo Busto morre en Bos Aires o 21 de xuño de 1937 sen chegar a ver fisicamente o proxecto da súa vida, a Biblioteca América. A noticia do seu pasamento tivo unha gran repercusión na prensa arxentina e galega. A maioría dos xornais da colectividade emigrada en América rendéronlle unha última homenaxe ao filántropo compostelán que dedicou gran parte da súa vida e da súa fortuna persoal a apoiar o desenvolvemento da universidade da súa terra como un medio de progreso para Galicia. Neste artigo da revista Galicia, órgano oficial do Centro Galego de Bos Aires, do que fora socio e directivo, podemos ler: «El fallecimiento de don Gumersindo Busto enluta, no solo a Galicia, [...] sino también a toda la América hispánica, ya que casi toda su vida fue consagrada a difundir el conocimiento y los valores de los países nacidos de la madre patria». A título póstumo a USC concedeulle un vítor como recoñecemento ao seu labor de impulsor e alma mater da Biblioteca América.


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: García Naveira, JuanGarcía Naveira, JesúsBusto, GumersindoGarcía Barbón, JoséMurias Rodríguez, PedroCordo Boullosa, ManuelFernández, ElsaBlanco de Lema, FernandoCastelao, Rodríguez Murias, JesúsSerra Fernández, AgapitoCouto Pulido, CarlosKiro, AnaCandia López, ManuelGonzález López, EmilioFernández Montenegro, José MaríaVidal Carrera, RamiroMaseda Villamil, FranciscoCastro, Rosalía deGonzález Fernández, Ramón Temáticas: Historias de ida e voltaremesasasociaciónsA pegada indiana na Mariña lucenseeducaciónGalegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de LisboaemigraciónO labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos acción socioculturalA emigración galega nos Estados UnidostraballoensinoMulleresA Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo BustoO indiano José García Barbón e a súa acción filantrópicaAres en Cuba: unha emigración mariñeiraarquitecturaMemoria e voces femininas da diáspora galegaidentidade culturalO indiano Pedro Murias e o seu legado na DevesacomercioexilioO navío Santa Maria e a Operación Dulcineamúsica popularartes escénicasartistaspoesíaagriculturamúsica tradicionaldeportesfilosofíaO indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópicacorosempresasprensa escrita

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0