Temática: educación

Temática: educación [14]

Data Material Ver
Data Material Ver
Figuras representativas dunha vila: os irmáns García Naveira, Betanzos
Ver

Transcripción da Figuras representativas dunha vila: os irmáns García Naveira, Betanzos

En 1983 trasládase a escultura marmórea dos filántropos García Naveira ata a praza que leva o seu nome, con motivo do cincuentenario do falecemento de Juan. Trátase dunha estatua que estaba situada orixinalmente na parte baixa do parque do Pasatempo. A escultura representa a Jesús sinalando os edificios do asilo e as escolas creadas por ambos os benfeitores, mentres que Juan escoita polo auricular dun teléfono. Sospéitase que a realización do monumento correu a cargo da Federación de Sociedades Obreiras de Betanzos (agricultores, canteiros e carpinteiros, entre outros oficios), en sinal de agradecemento aos irmáns García Naveira, e tamén que foi unha obra encargada ao artista S. Sbricoli.


Escola e asilo García Hermanos, a protección dos máis vulnerables
Ver

Transcripción da Escola e asilo García Hermanos, a protección dos máis vulnerables

A vontade filantrópica dos indianos García Naveira vén ilustrada principalmente a través da creación do asilo e as escolas García Hermanos. Con ese obxectivo quedou constituída unha fundación benéfica de «patronato particular perpetuo», por escritura pública do 23 de agosto de 1908. O capital de base, achegado a partes iguais polos dous irmáns, foi de 500 000 pesetas. O predio para a construción de ambos os edificios anexos foi cedido polos dez concellos do partido xudicial de Betanzos. No artigo primeiro dos estatutos do Patronato Benéfico-Docente García Hermanos recóllese a súa natureza e finalidade xeral:
«Los Sres. D. Juan y D. Jesús García Naveira constituyen en favor de los pobres del partido judicial de Betanzos, bajo la denominación de Asilo García Naveira y Escuela García Naveira, una doble institución benéfica de Patronato particular, con el respectivo fin de proporcionar albergue, alimento, vestido y asistencia médica á los ancianos sexagenarios, y alimento, educación y enseñanza á la juventud».
Ademais dos seus fundadores, a Xunta do padroado estaba constituída por Juan J. García Iribarne, fillo de Juan; Eduardo González García, sobriño de ambos; o párroco Jesús Leiceaga Bernat, e Joaquín López Folla, veciño de Betanzos.


A perenne pegada de Pedro Murias (Santalla da Devesa, 1840 - A Habana, 1906) na Devesa
Ver

Transcripción da A perenne pegada de Pedro Murias (Santalla da Devesa, 1840 - A Habana, 1906) na Devesa

Como xa destacamos no especial de Historias de ida e volta dedicado á figura de Pedro Murias, este indiano devesán non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado que deixou na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino pioneiro, co claro obxectivo de achegar o adianto agrícola a toda a comunidade de orixe. A escola levaría o seu nome: Escola Agrícola Pedro Murias. Este indiano foi unha das figuras máis representativas no mundo da manufactura tabaqueira e destinou parte do seu capital hereditario á construción da dita escola, como consta detalladamente no testamento outorgado o 22 de maio de 1892. Nel manifestou que estaba «deseoso del mayor adelantamiento agrícola de mi patria».
A Escola Agrícola Pedro Murias foi un centro pioneiro, enfocado a facilitar o acceso e abrir o abano de posibilidades para os rapaces da súa comunidade de orixe, aínda que quedaron algúns puntos do proxecto sen desenvolver. O ingreso na escola garantía a experiencia directa do alumnado nos labores do agro pois os coñecementos prácticos ían unidos de xeito directo cos teóricos. Actualmente é un Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de referencia nacional.


Carmen Iravedra, mestra da escola de Burela coas súas alumnas, ca. 1950
Ver

Transcripción da Carmen Iravedra, mestra da escola de Burela coas súas alumnas, ca. 1950

Non só de Cuba chegaron as remesas para construír escolas na Mariña luguesa. Tamén os mariñaos residentes na Arxentina enviaron cartos para fomentar e promover a educación e a cultura nos seus veciños e veciñas. Ademais dalgúns persoeiros que contribuíron a crear e dotar centros educativos e dos que xa falamos, a sociedade Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires, creada en 1908, tivo un destacado papel neste eido. Grazas ao seu labor a prol da educación e a cultura da comarca construíronse as escolas de Burela, Xove e Cervo; neste último concello tamén axudou na edificación do Grupo Escolar José M. Fernández Montenegro, na localidade de San Cibrao. Por todo isto o Goberno español outorgoulle a Gran Cruz de Beneficencia.
A escola de Burela foi dedicada a centro de ensino primario dende a súa inauguración. Alí formáronse centos de nenos e nenas da localidade. Nos anos 40 a profesora Carmen Iravedra obtivo o seu posto de mestra e encargouse de educar as nenas que alí acudían. Aínda hoxe é lembrada con cariño polas numerosas xeracións que pasaron polas súas aulas.


1910-00-00
Retrato do filántropo Jesús García Naveira, ca. 1910
Ver

Transcripción da Retrato do filántropo Jesús García Naveira, ca. 1910 en 00/00/1910

Nacido en Betanzos o 11 de setembro de 1852 no seo dunha familia humilde de labradores, emigrou con apenas 18 anos a Arxentina, reclamado polo seu irmán maior, Juan María, quen, instalado no país, comezaba a ter unha posición desafogada. Os dous irmáns convertéronse en socios en diversos negocios relacionados co comercio téxtil e de importación. Jesús tamén desenvolveu unha intensa actividade financeira e na banca: foi director do Banco Español de Río da Prata, vicepresidente da Cámara Española de Bos Aires e conselleiro-delegado de varias compañías de seguros.
Xa na elite económica do país, casou con Carmen Echevarría y Olaverri, dama arxentina de orixe vasco-francesa, coa que non tivo descendencia.
Na década de 1890 regresa a España e instala a súa residencia en Madrid, aínda que fai frecuentes viaxes a Arxentina para xestionar os seus negocios. Mantén unha íntima relación co seu irmán, a quen visita a miúdo en Betanzos e con quen deseña un amplo abano de actividades filantrópicas a prol dos seus veciños e veciñas a través da creación en 1908 do Patronato Benéfico-Docente García Hermanos, co que financiaron a construción e o mantemento dun asilo e do edificio escolar do mesmo nome.
O 24 de marzo de 1912, nunha das súas viaxes a San Nicolás de los Arroyos, perde a vida vítima dun accidente de tráfico.


1912-00-00
Jesús Rodríguez Murias e a escola de Rinlo, Ribadeo, 1912
Ver

Transcripción da Jesús Rodríguez Murias e a escola de Rinlo, Ribadeo, 1912 en 00/00/1912

O ribadense Jesús Rodríguez Murias emigrou moi novo a Cuba, onde conseguiu facer fortuna ao dedicarse ao negocio do tabaco na illa. Foi un dos promotores e benfeitores da sociedade Unión Rinlega da Habana. Como lles acontecía ás veces a moitos emigrantes tras o seu retorno á terra natal, Jesús caeu enfermo e faleceu en 1909. O seu legado debía ir destinado á realización de obras benéficas e educativas, como a construción dun edificio escolar en Rinlo. O testamento que deixa dá conta dos seus desexos de contribuír ao benestar da súa comunidade de orixe, concretamente dos máis pequenos e desvalidos, os nenos e nenas da súa parroquia. A escola será cedida á sociedade habaneira Unión Rinlega para o seu mantemento económico. As rendas xeradas polo seu patrimonio tamén serviron para o mantemento do hospital de Ribadeo, así como para os habitantes máis pobres da vila.
O servizo de traída de auga potable no concello de Ribadeo foi financiado co patrimonio de Jesús. As obras remataron en 1916 e tiveron un custo de 50 000 pesetas.
A coñecida como vella escola de Rinlo alberga na actualidade o centro sociocultural para o desfrute da veciñanza da parroquia.


1927-00-00
Escola de Xove, 1927
Ver

Transcripción da Escola de Xove, 1927 en 00/00/1927

A constitución de sociedades étnicas na emigración galega en América está intimamente ligada á idea de proliferación de escolas repartidas por toda a xeografía de Galicia. Co corpo alí e a mente aquí, moitos galegos e galegas vivían pensando na mellora e prosperidade dos familiares e veciños que quedaban nos lugares de orixe. Aínda que non se trata dunha pegada estritamente «indiana» no sentido de filantropía «particular», podemos amosar tamén a pegada colectiva que deixou a colectividade de emigrantes nas súas zonas de procedencia, froito dun traballo en equipo. Moitas veces, lonxe de grandes fortunas pero con grande esforzo e sacrificio, lograban os case os mesmos resultados que calquera indiano de gran renome.
Na Arxentina moitas das sociedades microterritoriais de emigrantes continúan en pé, aínda que os tempos viraron e hoxe cumpren o único obxectivo de manter viva a identidade cultural que une os seus socios á nosa Galicia.
Nesta imaxe apreciamos o edificio da entón escola de nenos e nenas, hoxe ocupada polo alumnado da escola infantil de Xove. Foi construída grazas á intervención do Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires. Segue o modelo arquitectónico doutras escolas fundadas nos concellos veciños de Burela e Cervo pola mesma sociedade. Na fachada principal hai un frontón curvo de granito con pináculos e parapeto e nel aparece a seguinte inscrición: «Centro / Hijos del Partido de Vivero / Buenos Aires». Este edificio escolar foi cedido ao Concello de Xove o 11 de outubro de 1925, tras o remate das obras. Dous anos despois foi a súa inauguración oficial.


1930-08-06
A instrución como superación persoal e laboral, Pinar del Río, 1930
Ver

Transcripción da A instrución como superación persoal e laboral, Pinar del Río, 1930 en 06/08/1930

Na imaxe podemos ver un grupo de alumnos, varios deles son galegos, cos seus diplomas, conseguidos tras finalizar os estudos de Contabilidade na Escola Nacional Mercantil de Pinar del Río. O segundo pola esquerda é Antonio Geada, natural de Alfoz, que emigrara a Cuba na década dos anos 20 do pasado século. A maioría dos emigrantes mariñaos e do resto de Galicia contaban con pouca formación académica. Sabían ler, escribir e as catro regras grazas moitas veces ao gran labor no eido educativo das escolas creadas polos emigrantes por todo o noso país e que na Mariña eran numerosas. Unha vez que chegaban ao país de acollida, o desexo de mellorar as súas condicións laborais lévaos a seguir formándose. Algunhas das principais entidades galegas na illa de Cuba, como o Centro Galego da Habana, crearon escolas para a formación dos seus socios, por exemplo o centro Concepción Arenal, no que se ofrecían cursos de contabilidade, idiomas, prácticas mercantís etc. e que tiveron unha grande acollida na colectividade. Conseguir unha maior formación académica supoñía un gran reto de tempo e esforzo. Vaise creando, así, na mentalidade da colectividade emigrada, unha asimilación clara entre progreso e educación, o que leva a realizar un inxente labor no eido educativo na terra nai.


1931-00-00
Inauguración do grupo escolar José María Fernández Montenegro, Cervo, 1931
Ver

Transcripción da Inauguración do grupo escolar José María Fernández Montenegro, Cervo, 1931 en 00/00/1931

José María Fernández Montenegro naceu en 1860 nunha parroquia do concello de Cervo chamada Lieiro. Sendo moi novo escolleu o camiño da emigración cara á Arxentina, país onde conseguiu alcanzar un notable éxito económico. O legado deste indiano foi de 60 000 pesetas, que foron destinadas á construción do edificio para albergar o grupo escolar que leva o seu nome, na súa parroquia de orixe. Este legado materializouno a súa viúva, Manuela Goñi Maíste.
A escola construíuse en San Cibrao, sobre un terreo cedido polo Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires. A solicitude para a realización do proxecto foi aceptada en 1929, ano do pasamento de José María. O 26 de xullo de 1931 tivo lugar a inauguración da escola, completamente equipada, e ao acto asistiu a viúva de José María e unha representación destacada da sociedade bonaerense. Na actualidade o edificio serve como sede do Museo Provincial do Mar de San Cibrao.


2008-00-00
A escola de Adelán en Alfoz, un dos exemplos do proxecto educativo dos emigrantes do Valadouro en Cuba, 2008
Ver

Transcripción da A escola de Adelán en Alfoz, un dos exemplos do proxecto educativo dos emigrantes do Valadouro en Cuba, 2008 en 00/00/2008

Este edificio foi inaugurado en 1933 grazas ás remesas enviadas pola sociedade Hijos del Valle de Oro en La Habana, tal como figura en grandes letras na súa fachada en lembranza do seu labor a prol da educación dos nenos e nenas desta parroquia lucense. Esta sociedade habaneira foi fundada en 1907 co obxectivo prioritario de axudar moral e materialmente a súa terra natal a alcanzar prosperidade a través da educación coa creación de escolas. Ademais desta escola, contribúen na construción de varios edificios escolares nas parroquias de Bacoi, Vilacampa, O Cadramón e Moucide.
A sociedade dá máis prioridade á utilidade e ás prestacións dos centros educativos e menos á suntuosidade. Son construcións sinxelas, de planta rectangular, con cuberta a dúas augas, sen case elementos ornamentais e unha clara simetría baseada no esquema de dobre aula a partir dun eixe central, aínda que neste caso concreto contaba cunha soa aula e a vivenda do mestre no lado oposto. As indicacións pormenorizadas tanto da construción como do proxecto educativo eran enviadas pola sociedade dende A Habana.


2008-00-00
A escola de Magazos, unha das moitas escolas financiadas pola sociedade habaneira Vivero y su Comarca, 2008
Ver

Transcripción da A escola de Magazos, unha das moitas escolas financiadas pola sociedade habaneira Vivero y su Comarca, 2008 en 00/00/2008

Unha sociedade de emigrantes que destaca polo elevado número de centros educativos creados na súa terra natal é a Ilustrísima Sociedad de Vivero y su Comarca na Habana. Este título de honra concedeullo o Goberno de España en 1919, ademais da Cruz de Beneficencia de primeira clase.
Esta senlleira entidade foi creada en 1910 por iniciativa dos emigrantes viveirenses Justo Taladrid Catá, Tomás Ramos Riguera, Amando Cora e Antonio Pernas entre outros, que levaron a bo porto o obxectivo prioritario da súa fundación: a creación de escolas en todas as parroquias do partido xudicial de Viveiro. Temos constancia da súa intervención económica na construción, arranxo e mantemento de 57 escolas distribuídas por toda a zona mariñá, ademais da súa contribución á compra de material docente e de doazóns para casos puntuais de necesidade tanto das escolas como dos seus veciños e veciñas.
Esta escola, na parroquia de Santa María de Magazos, é un exemplo do modelo arquitectónico que implantaron na construción de case todos os seus centros educativos. Eran edificios dunha soa planta, de forma rectangular, con escasa ornamentación e nos que primaban as numerosas fiestras, que achegaban luminosidade ás aulas, que normalmente eran dúas pois o alumnado separábase por sexos.


2008-00-00
Escola do Canteiro, Barreiros, 1906
Ver

Transcripción da Escola do Canteiro, Barreiros, 1906 en 00/00/2008

A escola do Canteiro funcionou no pasado como centro de ensino primario e como local de reunión do sindicato agrario. Foi fundada en 1906 e promovida por unha sociedade instrutiva de emigrantes procedentes, na súa maioría, da parroquia de San Pedro de Benquerencia e denominada Centro de Benquerencia, Sociedad de Instrucción y Recreo, con sede na Habana.
O edificio que albergaría os alumnos e alumnas da parroquia comezou a construírse en 1906. O 31 de agosto do ano seguinte xa estaba en pleno funcionamento e contaba cuns 65 alumnos. Esta escola foi deseñada seguindo características da arquitectura ecléctica de principios do século XX, coa fachada principal como protagonista, subliñada por unha grande escalinata. Foi un centro escolar gratuíto e de carácter laico ata 1922, ano en que pasou a mans do Estado para que funcionase como escola pública. Na actualidade a edificación está destinada a local sociocultural da Asociación de Veciños de San Pedro de Benquerencia.


2008-00-00
Escola de San Román de Vilaestrofe, no concello de Cervo, 2008
Ver

Transcripción da Escola de San Román de Vilaestrofe, no concello de Cervo, 2008 en 00/00/2008

Esta escola debe a súa existencia ao labor filantrópico do indiano Manuel Candia (Cervo 1850-1930), natural de San Román de Vilaestrofe e que fixo fortuna na Arxentina. Retornou en 1889 e mandou construír esta escola para educar os nenos e nenas da parroquia; ademais das aulas, contaba tamén con vivenda para o profesorado. A súa inauguración data de 1913. Nesta vistosa edificación destaca a fachada principal, cunha escalinata de acceso, moitos elementos decorativos xeométricos nas numerosas fiestras e un frontón curvo con reloxo. Nunha das placas conmemorativas de mármore pódese ler: «Los vecinos de esta parroquia, al filántropo Don Manuel Candia. Año 1913». Nun acto de homenaxe a Manuel Candia ondearon as bandeiras da Arxentina e de Galicia. A el asistiron a corporación municipal, mestres, médicos, párrocos, gardas civís, ademais dos veciños da parroquia de Vilaestrofe e das de Viveiro e Xove, e ofreceuse un banquete para un centenar de comensais nunha das aulas do grupo escolar.
O legado de Manuel Candia López superou as 60 000 pesetas, que serviron tanto para a construción desta escola como para a dotación de material escolar e mobiliario, ademais de para o seu mantemento e o pagamento do persoal docente. Este ilustre indiano tamén colaborou na construción do cemiterio e a estrada que une Vilaestrofe e Burela.
Entre 2001 e 2006 o edificio pasou por un proceso de rehabilitación promovido polo Concello de Cervo.


2008-00-00
Retrato de Fernando Blanco de Lema, o filántropo de Cee
Ver

Transcripción da Retrato de Fernando Blanco de Lema, o filántropo de Cee en 00/00/2008

Poucos retratos se coñecen deste indiano e todos foron feitos despois da súa morte. En 1880 os testamenteiros encárganlle a Federico Madrazo, un dos máis grandes pintores retratistas do século XIX, a realización de varios retratos do filántropo. Para a súa execución envían unha fotografía súa dende Cuba.
O retrato reproducido é un óleo (205 x 120 cm) no que Fernando Blanco de Lema aparece de corpo enteiro, cun xesto de meditación e lixeiro sorriso e coa súa man esquerda pousada sobre unha mesa en que hai un libro e varios documentos –nun deles pódese ler: «S. D. Fernando Blanco de Lema y Suárez Prieto, fundador del Colegio y Escuela de Niñas de Sta. María de Cee»–. Nunha esquina aparece a sinatura do pintor e a data da obra (1884). Estaba colocado presidindo o salón de actos do colexio-instituto, baixo un baldaquino para enxalzar a súa importancia como guía da institución. Na Fundación tamén conservan outro de menores dimensións, cun fondo máis difuso e tamén aparece a súa man apoiada nuns documentos; e outros retratos que o pintor fixo dos primeiros testamenteiros do padroado e de Vicente Vázquez Queipo, apoderado en Galicia da Fundación, que dirixiu nos primeiros anos e levou a bo fin os desexos do filántropo.
Outra imaxe moi coñecida do indiano é unha litografía realizada en 1892 polo recoñecido pintor e gravador Bartolomé Maura i Montaner.
Estas pinturas forman parte da magnífica colección artística da Fundación, agora custodiada no Museo que leva o nome do indiano para desfrute dos seus visitantes.


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: García Naveira, JuanGarcía Naveira, JesúsBusto, GumersindoGarcía Barbón, JoséMurias Rodríguez, PedroCordo Boullosa, ManuelGonzález López, EmilioFernández Montenegro, José MaríaVidal Carrera, RamiroMaseda Villamil, FranciscoCastro, Rosalía deGonzález Fernández, RamónFernández, ElsaBlanco de Lema, FernandoCastelao, Rodríguez Murias, JesúsSerra Fernández, AgapitoCouto Pulido, CarlosKiro, AnaCandia López, Manuel Temáticas: Historias de ida e voltaremesasasociaciónsA pegada indiana na Mariña lucenseeducaciónGalegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de LisboaemigraciónO labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos acción socioculturalA emigración galega nos Estados UnidostraballoensinoMulleresA Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo BustoO indiano José García Barbón e a súa acción filantrópicaAres en Cuba: unha emigración mariñeiraarquitecturaMemoria e voces femininas da diáspora galegaidentidade culturalO indiano Pedro Murias e o seu legado na DevesacomercioexilioO navío Santa Maria e a Operación Dulcineamúsica popularartes escénicasartistaspoesíaagriculturamúsica tradicionaldeportesfilosofíaO indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópicacorosempresasprensa escrita

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0