“Foi un home dotado dun excepcional talento empresarial e comercial que puxo ao servizo da prosperidade de Galicia” asegura o historiador Xosé Luís Pastoriza sobre Fidel Isla Couto (Cambados, 1902-Vigo, 1989). O empresario incorpórase hoxe ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG).
10/09/2025
07/09/2025
Os veciños e as veciñas de Veigas de Camba abandonaron en 1974 a aldea que, pouco despois, quedou asolagada baixo as augas do encoro das Portas. A memoria daquel acontecemento regresou na tarde deste domingo 7 de setembro á casa da Viúva na Gudiña da man dos antigos veciños e veciñas así como de diferentes especialistas. Foi no marco da xornada “A memoria asolagada: Veigas de Camba e a Lama no encoro das Portas” que organizou a sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) baixo a coordinación de Nieves Amado. Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Néstor Ogando, alcalde da Gudiña e Teresa Nieto, coordinadora da sección de Patrimonio e Bens Culturais inauguraron a xornada que foi gravada e subirase ao web do CCG.
06/09/2025
A sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este domingo 7 de setembro na Casa da viúva na Gudiña a xornada “A memoria asolagada: Veigas de Camba e a Lama no encoro das Portas”. A cita, coordinada por Nieves Amado, pretende reflexionar sobre o territorio, a memoria e o patrimonio no val do río Camba, un lugar hoxe asolagado polas augas do encoro das Portas. A citá reunirá a investigadoras, veciñanza e representantes institucionais para reflexionar arredor das características técnicas da construción do encoro, dos elementos do patrimonio cultural que quedaron asolagados e dos procesos xudiciais que mantiveron as veciñas e veciños das vilas asolagadas coa empresa construtora e, sobre todo, para rescatar a súa memoria. A sesión non se emite en directo pero será gravada.
05/09/2025
O gasto en cultura dos concellos galegos non depende do seu tamaño nin da súa densidade de poboación, senón das prioridades que cada entidade lle concede a este ámbito. Así se desprende do estudo O gasto en cultura na Administración local en Galicia, elaborado polo Observatorio do Consello da Cultura Galega (OCG), servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración metodolóxica e técnica do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela. O informe constata que concellos de tamaño desigual poden ter o mesmo gasto por habitante en cultura. Este estudo, que analiza por primeira vez o gasto executado polas entidades municipais, foi presentado esta mañá pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou a necesidade de “poñer números ao esforzo que fan os concellos en cultura”. Canda ela, o responsable do OCG, Håkan Casares, subliñou a importancia de contar cunha “imaxe precisa do gasto real en cultura que fai a administración local”. Pola súa parte, Melchor Fernández Fernández e Pedro Rey Araujo, integrantes do IDEGA, salientaron que o informe contribúe á necesaria reflexión sobre a relación que debe existir entre a actividade cultural e a fixación de poboación nos territorios despoboados.
03/09/2025
Tal día como hoxe, pero de 1950, arrincaba en Montevideo a primeira emisión do programa de radio Sempre en Galicia. Setenta e cinco anos despois daquel fito, o director Xan Leira presentou no Consello da Cultura Galega (CCG) o documental Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración que recupera a historia deste programa de radio que continúa en emisión. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; máis catro dos participantes no filme: Mónica Rebolo, Manuel Suárez, Carlos Sixirei e Yolanda Díaz Gallego xunto co autor presentaron este proxecto que se estreará no vindeiro mes de outono tanto en Galicia como en Uruguay.
03/09/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar ao seu Álbum de Galicia -colección biobibliográfica que visibiliza personalidades senlleiras da historia e cultura galegas- unha nova entrada dedicada ao empresario galeguista Ramiro Isla Couto (A Estrada-1896, Vigo, 1987). A biografía, elaborada polo historiador Xosé Luís Pastoriza, rescata unha vida marcada polo compromiso político, a emigración e o exilio, e a quen o intelectual galeguista Ramón Piñeiro definiu como “peleriño do galeguismo polo mundo galego”.
26/06/2025
A construción da casa escola da parroquia de Santa María de Vilacampa (no Valadouro), a de Bacoi máis a de Adelán así como numerosas achegas para o funcionamento de escolas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz son algunhas das contribucións que realizou en Galicia a sociedade "EL Valle de Oro, Sociedad de instrucción, protección y recreo" constituída en 1907 en Cuba por un grupo de emigrantes naturais dos concellos lucense de O Valadouro e Alfoz. Libros de actas, estatutos, a contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación desta sociedade que aínda está activa e que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
26/06/2025
Ver o galego como unha oportunidade comercial, avanzar na regulamentación do etiquetado do produto na nosa lingua e promover programas de xestión empresarial en galego son algunhas das medidas concretas que se abordaron no marco da xornada “Empresa, turismo e deporte”, coordinada por Jackson R. Soáres, profesor da Universidade da Coruña. É a quinta sesión de Un país coa súa lingua. Foro participativo que promove o Consello da Cultura Galega (CCG) e que pilota Dolores Vilavedra. Priorizar o galego nas accións turísticas e nas comunicacións públicas da actividade deportiva federada son outras das medidas que se apuntaron na sesión. A última xornada do foro terá lugar o vindeiro 8 de xullo coa celebración da mesa “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” a cargo de Rosalía Fernández Rial.
25/06/2025
Carteis das manifestacións do Primeiro de maio cos seus diferentes lemas; da campaña en contra da integración de España na OTAN; un de 1976 co retrato do vigués Xosé Humberto Baena, fusilado con 24 anos en 1975, son algúns exemplos dos materiais que recolle o Fondo Miguel Gutiérrez. O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Grupo de investigación HISPONA da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaban de poñer en rede máis de 3.500 carteis, pasquíns, pósteres e outros materiais de propaganda política relacionados con Galicia. “Un fondo valioso para coñecer a transición política española e o proceso de construción da democracia” tal e como apunta o historiador e membro de HISPONA, Emilio Grandío. “É fundamental que a cidadanía coñeza este patrimonio, que queda dispoñible para consulta” apuntou o coleccionista Miguel Gutiérrez, que facilitou a difusión do maior fondo de Galicia desta temática aberto e en acceso libre.
25/06/2025
José María Castroviejo (Santiago de Compostela, 1909 - Pontevedra, 1983) foi un escritor, poeta e xornalista, pioneiro da ecoloxía e da defensa da natureza. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos e publicou varios traballos na revista Nós. A súa entrada, elaborada por María Castroviejo, vén de incorporarse ao Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega.
25/06/2025
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega que coordina Celia Pereira, celebra este xoves (9:45 horas) a xornada titulada "Votar ao inimigo", unha proposta de análise e debate sobre os fenómenos sociais e culturais que están a favorecer o avance das posicións extremistas e autoritarias no marco democrático actual. Jesús Ceberio, ex director de EL País, Carme Adán, Leonor Parcero e Montse Fajardo participan neste encontro que afondará na polarización política, no papel da ultradereita nas aulas, a desinformación e o uso propagandístico da historia.
24/06/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra mañá mércores, 25 de xuño (16:30 horas), a quinta mesa do proxecto Un país coa súa lingua. Foro Participativo, coordinado por Dolores Vilavedra e que pretende ofrecer medidas propositivas para recuperar o vigor do galego. A xornada titúlase “Economía, turismo e deporte”, está a cargo do profesor Jackson R. Soares, e reflexionará sobre a situación do idioma nestes tres eidos. A sesión ten abertas vías de participación da cidadanía e tamén se poderá seguir en liña. As mesas do foro rematan o martes 8 de xullo cunha análise á situación do galego na sociedade, crenzas e participación comunitaria coordinada por Rosalía Fernández Rial.
20/06/2025
O plenario da Real Academia Galega acordou esta mañá que Begoña Caamaño (1964-2014) fose a figura homenaxeada nas Letras Galegas 2026. Nada en Vigo e finada en Santiago de Compostela, narradora, xornalista, activista incansable foi unha voz imprescindible do feminismo galego. A súa biografía está dispoñible no Álbum de Galicia, colección de biobliografías do Consello da Cultura Galega, nunha entrada escrita por Amanda Álvarez.
20/06/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o alcalde do concello de Ribeira, Luis Antonio Pérez Barral, asinaron este xoves un protocolo de colaboración para a realización de actividades conxuntas. Esta colaboración institucional facilitará a realización de actividades relacionadas co patrimonio marítimo e coa memoria democrática. No acto estiveron tamén estiveron presentes o tenente de alcalde Vicente Mariño de Bricio e o xerente do CCG, Marcelino Fernández.
19/06/2025
O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de maio do boletín oficial informativo do Consello de Galiza. Son cinco números que van de 1963 a 1967, que se corresponden co intento de refundación da entidade orixinal que fora creada en 1944 en Montevideo por Castelao.
18/06/2025
Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ que se celebra cada 28 de xuño, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega celebra este xoves 19 (9:45 horas) unha nova xornada do ciclo Pensar con Orgullo. Co título “As violencias LGBTIfóbicas: armarios, biopoderes e formas de resistencia” expertas en filosofía, dereito, activismo, comunicación e creación artística debaterán nas eivas na lexislación e as dificultades para presentar as denuncias que sofren as persoas cando son obxecto dunha agresión. Ademais, ese mesmo día, a hemeroteca feminista A Saia, incorpora o fanzine Galicia Nazón Cuir á súa colección.
18/06/2025
O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Manuela Cambronero (Lugo, 1821- Santiago de Compostela, 1853). Unha das primeiras mulleres dramaturgas en castelán, escritora tamén de prosa e poesía, adscrita á corrente literaria do romanticismo. Iris Iglesias Segade é a autora da entrada que está dispoñible no web do CCG.
17/06/2025
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, participou este luns na constitución oficial do Consello de Transferencia, un órgano chamado a canalizar, fortalecer e facer máis bidireccional a conexión entre o coñecemento xerado no centro e os retos da contorna. O acto, celebrado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, contou coa participación da presidenta, do equipo directivo do centro e os representnates da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, da Fundación Juana de Vega, da Caixa Rural Galega, da Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN Galicia), da Fundación RIA e do Consello Económico e Social de Galicia.
17/06/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o vindeiro mércores, 25 de xuño (16:30 horas), a quinta mesa do proxecto Un país coa súa lingua. Foro Participativo, coordinado por Dolores Vilavedra e que pretende ofrecer medidas propositivas para recuperar o vigor do galego. A xornada titúlase “Economía, turismo e deporte”, está a cargo do profesor Jackson R. Soares, e reflexionará sobre a situación do idioma nestes tres eidos. A mesa ten abertas as vías de participación e que tamén se poderá seguir en liña. As mesas do foro rematan o martes 8 de xullo cunha análise á situación do galego na sociedade, crenzas e participación comunitaria coordinada por Rosalía Fernández Rial.
17/06/2025
O Museo Pazo de Tor, en Monforte, acolle este mércores (a partir das 10:00 horas) a última sesión do ciclo “Acceso á cultura”, co que a Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Paula Cabaleiro, revisa a situación deste dereito en Galicia. Nesta ocasión prestarase atención ao acceso á cultura desde a multiperspectiva da interseccionalidade das desigualdades. Encarna Lago coordina esta cita na que se amosarán diferentes experiencias para amosar como o xénero, a etnia, a clase social, a procedencia, a diversidade funcional, os ciclos de vida ou mesmo o territorio se cruzan e crean barreiras complexas. A xornada non se emite en directo pero será gravada e os vídeos subiranse ao web da institución.
16/06/2025
A nova xornada do ciclo Revisando a nosa arte aborda o legado do renovador descoñecido, Manuel Torres (Marín, 1901-1995). Carlos L. Bernárdez, Antón Sobral e Ángeles Tilve participan neste encontro coordinado por Ramón Rozas e organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG). A sesión, que se celebra no museo que leva o nome do homenaxeado (martes 17 de xuño, 17:00 horas), non se emite en directo pero será gravada e subirase ao sitio web da institución.
11/06/2025
O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Ángel Brage Villar (Santiago de Compostela, 1903 – 1983). Foi director de orquestra teatral, profesor de piano e director da Escola Municipal de Música de Santiago. Loitou porque se recoñecera a música como disciplina universitaria e mantivo activa a Escola durante a Guerra Civil e Posguerra. David Ferreiro Carballo asina a entrada que está dispoñible para consultar no web do CCG.
11/06/2025
O wolframio, os mártires de Carral, a Federación de Sociedades Galegas, o dolmen de Dombate, o castro de Santa Tegra ou a Porta de Carlos V son lugares significativos da memoria colectiva galega. Son tamén as seis entradas que abren o proxecto Lugares de memoria co que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende profundar no coñecemento da nosa historia. Estará conformado por 75 entradas que poñerán o acento nas interpretacións, permanencias e legado na memoria colectiva do país. “Pretende ser unha viaxe polo noso patrimonio e pola nosa historia” apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración da xornada “Lugares de Memoria de Galicia: historia e lembranza” coa que se abriu publicamente este proxecto. Xunto con ela, Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e coordinador do proxecto, destacou que este catálogo virtual irá incorporando novas entradas progresivamente.
11/06/2025
“Pensamento visual e fotografía” é o nome da xornada coa que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) afonda desde o MARCO de Vigo (xoves 12 e venres 13 a partir das 11:00 horas), sobre o estado da fotografía contemporánea. Manuel Vilariño e Rosendo Cid coordinan esta sesión na que participarán durante dous días investigadores, escritores e figuras representativas da fotografía e das artes visuais como Mar Caldas, Paco Gómez, Rebecca Mutell ou Andrea Costas, entre outros. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o director do MARCO, Miguel Fernández Cid, abren esta xornada que se emite en directo desde o web e a canle de YouTube da institución.
10/06/2025
O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 11 de xuño (10:00 horas) a xornada “Lugares de Memoria de Galicia: historia e lembranza”. Xosé M. Núñéz Seixas, Ramón Villares, Xurxo Ayán, Ana Cabana e Emilio Ínsua participan nesta sesión que serve de presentación do proxecto “Lugares de memoria”, un catálogo virtual que contará con 75 entradas que profundan no coñecemento histórico do país a través de espazos, conceptos, prácticas, obxectos ou outro tipo de elementos revestidas dun significado particular e cambiante por parte dunha comunidade ao longo do tempo. A sesión pode seguirse en directo desde o web do CCG e da canle de YouTube da institución.
10/06/2025
“Arqueoloxía: un bo plan para coñecer Galicia este verán” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación en lingua galega, promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC). Con esta entrega, que fai un percorrido polo noso patrimonio arqueolóxico, o catálogo xeral do proxecto supera os 2.000 recursos audiovisuais de divulgación en galego.
09/06/2025
A delegación da organización estoniana URALIC Centre for Indigenous Peoples, ONG con base en Estonia que promove os dereitos lingüísticos das comunidades indíxenas, especialmente do ámbito urálico, visitou o Consello da Cultura Galega. Foron recibidos por Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente da institución. Na xuntanza tamén participou marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización lingüística, dado que ambas entidades pertenecen á Rede Europea de Linguas Minorizadas, ELEN.
06/06/2025
A Rianxeira, Lela e outras cancións populares resoaron nas voces do medio milleiro de nenos e nenas que, por mor da chuvia, tiveron que desprazarse ao pavillón municipal Jose Abuín “Chema” de Rianxo na novena edición de No bico un cantar. “Esta é unha actividade pensada para a rapazada, auténticos protagonistas, para que sexa unha experiencia rica e inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade que o CCG organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia mais a colaboración do Concello de Rianxo. O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou que a iniciativa “leva tempo poñendo en valor aos persoeiros da nosa cultura entre a mocidade e que, como non podía ser doutro xeito, este ano é especial ao sumarse á celebración do Ano Castelao”. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass con Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a vindeira edición terá lugar en Vilalba cos poetas da Terra Chá como protagonistas.
05/06/2025
500 nenos e nenas de toda Galicia, aos que se lle suma a colaboración especial do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, participarán este venres en Rianxo na novena edición de No bico un cantar. O proxecto pon música á tradición literaria galega e está organizado polo Consello da Cultura Galega coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia máis a colaboración do concello de Rianxo. O concerto terá lugar ás 18:00 horas na praza Rafael Dieste (en caso de chuvia trasladarase ao pavillón municipal, José M. Abuin "Chema"). O 75º aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao centra o programa desta edición na que destaca a estrea absoluta de Daniel, peza composta para a ocasión por José Luís do Pico Orjais con arranxos musicais de Juan Durán.
04/06/2025
O Álbum de Galicia, colección de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora hoxe a entrada de Elsa Sánchez de Oesterheld (Bos Aires, 1925-2015), defensora dos dereitos humanos, integrante da Asociación Civil Avoas de Praza Maio. Dedicou a súa vida a procurar aos seus netos, nados en cativerio, despois do golpe militar de 1976 en Arxentina, co que perdeu á maior parte da súa familia. Carme Vidal é a autora da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.


