Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Limpar
Resultados da busca para: 'Manuel María'
Amosando noticias 1 a 20 de 60

A poesía da Terra Chá resoou en Vilalba na décima edición de “No bico un cantar”

Un gran coro formado por 400 nenas e nenos chegados de toda Galicia cantou esta tarde en Vilalba as verbas dos poetas da Terra Chá no concerto “No bico un cantar”. “Esta é unha actividade pensada para a rapazada, auténticos protagonistas, nunha experiencia que esperemos sexa inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade esta institución organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia máis a colaboración do Concello de Vilalba. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a iniciativa “na que cada ano se implican centos de persoas dando mostra dun importante traballo colectivo a prol da nosa cultura que é especialmente relevante pola implicación das xeracións máis novas”. Unha idea na que incidiron a alcaldesa de Vilalba e a directora xeral de Educación Profesional, Eugenia Pérez, nas súas intervencións. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass, con Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a vindeira edición homenaxeará a Xosé Neira Vilas.

Ler máis

Catrocentos nenos e nenas cantan a Terra Chá en Vilalba na décima edición de No bico un cantar

A Terra Chá protagoniza a décima edición de No bico un cantar, actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Vilalba. “Unha actividade que percorre todo o país e que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical”, apuntou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na presentación desta edición. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que se trata “dun proxecto moi querido que resulta dun esforzo colectivo que ten por detrás moitas entidades”. Unha idea na que incidiu o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez, ao destacar “a colaboración como un piar fundamental para achegar a cultura galega á cativada de toda Galicia”. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, salientou a implicación do Concello, que xuntará este venres (5 de xuño, ás 17:30 horas) 400 nenas e nenos chegados de toda Galicia. O director do concerto, Maximino Zumalave, apuntou que se “trata dunha xornada especial que permite facer música con xente moi nova”. Por último, Alejo Amoedo, membro da Comisión Executiva, destacou a excelencia musical que caracteriza o programa, “desde a dirección do concerto polo mestre Zumalave ata os arranxos realizados por Juan Durán”.

Ler máis

A 16ª edición do Concerto das Letras Galegas homenaxea a Begoña Caamaño

A 16ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega celebrarase este ano en Vigo, lugar de nacemento, formación e primeiros pasos profesionais de Begoña Caamaño, homenaxeada neste Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto coa intérprete encargada da proposta musical, Uxía; Bea Caamaño, irmá de Begoña; e Alejo Amoedo, membro da Comisión Executiva, presentaron en rolda de prensa o programa desta cita, que “será unha festa musical con moitas sorpresas”, na que se mestura a tradición galega con sonoridades atlánticas e lusófonas. O concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo a través da web do CCG e na Televisión de Galicia, no marco da programación do Día das Letras Galegas.

Ler máis

Kathleen March e a Francisco Díaz-Fierros, medallas da institución

A filóloga estadounidense Kathleen March (Rochester, Nova York, 1949) e o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (Vilagarcía de Arousa, 1941) recibiron este martes as medallas do Consello da Cultura Galega (CCG) en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento das actividades da institución. As laudatios estiveron a cargo, respectivamente, da filóloga Ana Luna e do historiador e expresidente do CCG Ramón Villares, que destacaron as súas traxectorias profesionais, así como o seu papel en proxectos do CCG como Seara ou o Álbum da Ciencia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, abriu o acto, ao que asistiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outras personalidades da sociedade e da cultura galega.

Ler máis

Publicado en rede o fondo Siro López no Día da ilustración

O 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración, que nesta edición se lle dedica a Siro López (Ferrol, 1943), referente da caricatura en Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) súmase á efeméride convocada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) coa posta na rede do fondo Colección Siro López. No propio día da celebración publicaranse no web institucional o fondo doado polo autor á institución, que contén 61 caricaturas de persoeiros da cultura, así como unha entrevista en profundidade realizada por Xermán Hermida para culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do CCG.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora novos exemplares da cabeceira Lugo

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de novembro un novo lote de exemplares do xornal Lugo: Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Nesta ocasión súbense 210 números que se corresponden co período comprendido entre 1951 e 1968, cos que se completa a posta na rede dos números dispoñibles no AEG.

Ler máis

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora a cabeceira Lugo

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de setembro un lote de números do xornal Lugo: Órgano oficial del Centro Lucense de Buenos Aires. Nesta ocasión súbense noventa exemplares que se corresponden co período comprendido entre maio de 1943 e decembro de 1950.

Ler máis

A institución apoia aos editores galegos no seu simposio anual

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, participou esta mañá na sede da institución na inauguración da 22ª edición do simposio anual sobre o libro e a lectura que organiza a Asociación Galega de Editores (AGE). Alí destacou o apoio do CCG á entidade e ofreceu a “dispoñiblidade para desenvolver nos vindeiros meses calquera acción complementaria”. Canda ela estaban Anxo Lorenzo, Secretario xeral de Cultura, que incidiu na “colaboracion coa asociación a través do convenio que manteñen coa AGE e recordou a importancia da distribución e da exportación no sector do libro. Miguel Toval, que era o seu primeiro simposio como presidente da AGE, destacou a importancia da distribución nun momento que “aínsa que somos optimistas pola certa estabilidade, estamos nunha situación moi dificultosa”. O simposio titulado “A distribución do libro galego” analizou os modelos de distribución do libro galego e as liñas de apoio á exportación do libro.

Ler máis

Carballo acolle este venres o Concerto das Letras Galegas coas entradas esgotadas

O Pazo da Cultura de Carballo acolle este venres (20:30 horas) a 15ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG). Comparsas, xotas, pasodobres e outros cantos tradicionais conforman un programa que homenaxea ás cantareiras e á literatura popular oral. Será unha ocasión única xa que o concerto correo a cargo de once artistas que conforman Do Bertau, unha formación efémera creada expresamente para este concerto e que fusionará o legado tradicional cunha envoltura contemporánea. As entradas están esgotadas pero poderá seguirse en directo en streaming desde o web do CCG (consellodacultura.gal) e o Día das Letras Galegas na G2.

Ler máis

A 15ª edición do Concerto das Letras Galegas homenaxea en Carballo o canto tradicional

A 15ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrarase este ano en Carballo en recoñecemento á riqueza que o canto tradicional ten tanto neste concello coma na comarca bergantiñá. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto co alcalde da localidade, Evencio Ferrero, presentaron en rolda de prensa o programa desta cita, que fai un percorrido pola xeografía galega a través das melodías tradicionais cunha posta en escena contemporánea. Na rolda tamén participaron o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo; a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez. Entre as novidades desta edición destaca que o concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación coordinada por Richi Casás, creada expresamente para esta ocasión e integrada por 11 artistas de distintos eidos musicais. O concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo desde o web do CCG e o Día das Letras Galegas na G2.

Ler máis

A vida do compositor Antonio Paz Valverde incorpórase ao Álbum de Galicia

Antonio Paz Valverde (O Porriño, 1937-2022) foi un destacado compositor e director de coros. É autor de máis de 158 pezas, entre música relixiosa e cancións que partían de poemas de autores como Manuel María, X. M.ª Álvarez Blázquez, Cunqueiro ou Pimentel. As súas composicións asentábanse na idea de crear unha música contemporánea cunha identidade galega manifestada basicamente na lingua. Fundou a Coral Polifónica do C.R.C. do Porriño e o Orfeón Porriñés, cuxas gravacións tiveron gran repercusión internacional. A biografía, elaborada polo músico Xosé Ramón Paz Antón, súmase ao Álbum de Galicia, colección de biobibliografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

A biografía do poeta e tradutor guitiricense Díaz Castro súmase ao Álbum de Galicia

Xosé María Díaz Castro (Os Vilares, Guitiriz, 1914 – Lugo, 1990) foi un poeta e tradutor autor, entre outras obras en galego, de Nimbos (1961) e Nascida d’un soño (1947). Este persoeiro foi tamén tradutor ao castelán de autores como Rimbaud, Chesterton, Eliot, Whitman e Schiller. Cando se cumpren 34 anos do seu pasamento, a súa entrada incorpórase ao Álbum de Galicia, colección de biografías de figuras destacadas de Galicia promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG). O autor do seu texto biográfico é o crítico literario e investigador Armando Requeixo.

Ler máis

Música e palabra conflúen no Concerto das Letras Galegas que homenaxeou a Luísa Villalta

Música e palabra conflúen no Concerto das Letras Galegas que homenaxeou a Luísa Villalta

A celebración do Día das Letras Galegas arrincou coa décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, proposta musical e sonora do Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano contou co apoio do Concello da Coruña. Un concerto que conciliou a faceta musical e literaria de Luísa Villalta e no que se estreou a ópera de cámara Concerto para un home só a partir da obra teatral homónima da homenaxeada e composta por Federico Mosquera. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a familia Villalta Gómez e unha ampla representación da sociedade e da cultura galegas encheron o Teatro Colón. O concerto poderá verse este venres na segunda canle da TVG (23:13 horas), no marco da programación especial para o Día das Letras.

Ler máis

O Concerto das Letras Galegas estrea mañá a ópera Concerto para un home só sobre texto Luísa Villalta

Literatura e música son dúas facetas vencelladas á escritora e violinista Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. As dúas conflúen no programa da décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano conta co apoio do Concello da Coruña. O Teatro Colón acolle mañá (xoves 16, 20:30 horas) esta cita, que corre a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi. No programa, alén dos compositores preferidos da homenaxeada, estrearase a peza Concerto para un home só, baseada na obra homónima de Luísa Villalta, que o CCG lle encargou a Federico Mosquera (A Coruña, 1986) para a ocasión. O concerto, de entrada libre ata completar a capacidade, tamén se poderá seguir en directo no web do CCG e nas plataformas da CRTVG.

Ler máis

O Concerto das Letras Galegas evoca a faceta musical de Luísa Villalta

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) foi, ademais dunha grande escritora, unha recoñecida violinista. Por iso, no programa desta edición do Concerto das Letras Galegas teñen unha presenza moi destacada os violíns e os compositores favoritos da homenaxeada este 17 de maio. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro Pardo; a irmá de Luísa, Susana Villalta, e o director do Grupo Instrumental Siglo XX, Florian Vlashi, presentaron esta mañá o programa da décimo cuarta edición que busca, en palabras da presidenta, “unir literatura e música, dous fíos que están na propia biografía e actividade cultural de Luísa”. O concerto celebrarase na Coruña, cidade natal da homenaxeada (Teatro Colón, 20:30 horas), o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas. A entrada é libre ata completar a capacidade.

Ler máis

Paula Carballeira e Sofia Santos Silva protagonizan a sexta edición do ciclo Dramaturxias itinerantes

O Consello da Cultura Galega (CCG), a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, en colaboración co Camões-Centro Cultural Português de Vigo, presentan unha nova edición de Dramaturxias itinerantes. O ciclo, que busca promover un maior coñecemento sobre a escrita teatral feminina máis contemporánea de Galicia e Portugal, xunta nesta edición ás creadoras Paula Carballeira e Sofia Santos Silva. A cita arrinca hoxe (18:00 horas), no Teatro Helena Sá e Costa (Porto), e repite mañá, mércores 22 (17:30 horas) na ESAD de Vigo.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Pablo Pérez Costanti

Pablo Pérez Costanti (Santiago de Compostela, 1857-1938) foi arquivista, paleógrafo, xornalista e historiador. Desde 1885, estivo á fronte do Arquivo Municipal de Santiago, onde desenvolveu un importante labor de ordenación dos protocolos que alí se custodiaban. A título persoal, rexistrou durante lustros unha gran parte dos arquivos notariais de Galicia. Froito dese traballo é o seu Diccionario de artistas que florecieron en los siglos XVI y XVII (1930), un libro considerado como unha das grandes obras galegas do século XX pola crítica especializada. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Xosé Ramón Fandiño.

Ler máis

A biografía de Isabel Martínez-Barbeito entra no Álbum de Galicia

Con motivo da conmemoración do Día das Bibliotecas, o Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada da bibliotecaria e arquiveira Isabel Martínez-Barbeito (A Coruña, 1918-2007). Intelectual comprometida coa preservación e difusión do patrimonio cultural, amosou ao longo de toda a súa vida unha preocupación constante por “contribuír ao acceso á cultura”, sobre todo “á relacionada coa promoción e a historia da Coruña”. Así o subliña a autora da súa biografía, Susana Guitar Novo.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Manuel Soto Freire

Manuel Soto Freire (Lugo, 1826 – Goián, Ferreira de Pantón, Lugo, 1897) foi un impresor de gran sona da cidade lucense. No seu negocio tipográfico publicáronse algunhas obras de Manuel Murguía, Rosalía de Castro ou Juan Antonio Saco Arce, así como o calendario agrícola Gaiteiro de Lugo e os populares Almanaques. Con Soto Freire, Lugo inaugurou “o seu máis estreito vencello co Rexurdimento das letras galegas”, afirma Xurxo Martínez González. El é o autor da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Marcial Valladares

A Marcial Valladares Núñez (Vilancosta, Berres, A Estrada, 1821-1903) “o nome viñéralle dado en lembranza da batalla de San Marcial contra os franceses en que saíra vitorioso o pai, o avogado don José Dionisio Valladares, que desenvolveu unha intensa vida militar e política”. Así o Xosé A. Fernández Salgado, autor da entrada que hoxe se incorpora no Álbum de Galicia, colección de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis