Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1 a 20 de 3181

Presentado o documento de recomendacións para unha observación segura da eclipse total de sol

Non mirar ao sol sen anteollos homologados, evitar desprazamentos innecesarios, planificar as viaxes e prever retencións ou organizar puntos de observación seguros e accesibles con servizos e control de aforo. Son algunhas das propostas do documento “Esperando a eclipse total de sol. Recomendacións para as administracións públicas e a cidadanía” que un grupo de expertos en astronomía, meteoroloxía, divulgación científica e saúde visual elaboraron para unha visualización segura da eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o coordinador desa comisión de expertos que elaborou o documento, Jorge Mira, destacaron na presentación as medidas para “vivir con seguridade un fenómeno que traerá desprazamentos masivos xa que é unha oportunidade única”. Ademais, lembraron que o vindeiro 30 de abril o sol se situará nunha posición semellante á do día da eclipse, o que permitirá realizar probas e ensaios previos.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Hijas de Galicia

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer a disposición da cidadanía material documental dixitalizado dunha das institucións máis relevantes e pioneiras da colectividade galega en Cuba e do asociacionismo galego no exterior: Hijas de Galicia. Sociedad de Asistencia Sanitaria y Protección a la Mujer y al Niño. A acta fundacional, estatutos, regulamentos, memorias, recibos de pagamento de cotas, libros de actas… son algúns dos documentos que se soben á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que ten como obxectivo poñer en valor estes fondos documentais para ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

Ler máis

A enxeñaría aeronática e do espazo centran a terceira sesión dos "Diálogos interxeracionais"

O lanzamento ao espazo do satélite Xatcobeo ou o establecemento do Polo Aeroespacial de Galicia son algúns dos pequenos fitos no ámbito da enxeñería da aeronáutica e do espazo en Galicia. Sobre eles falarase na terceira edición dos “Diálogos Interxeracionais”, programa promovido pola Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) para promover vocacións científicas. Javier Méndez Zunzunegui coordina este proxecto que xuntará este xoves no IES de Nigrán á primeira enxeñeira aeronáutica española, Isaura Clavero Paradiñeiro, coa cofundadora e directora executiva de UARX Space; Yanina Hallak Fiorenza; e a exalumna da primeira promoción do Máster en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, e Claudia Álvarez Souto. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón; o coordinador do proxecto e a, dinamizadora da biblioteca do IES Val Miñor, Susana Díaz abrirán a sesión.

Ler máis

O ciclo “Pensarmos” aborda o impacto da desinformación na democracia con Víctor Sampedro

Víctor Sampedro Blanco (Viveiro, 1965) leva anos analizando a propaganda e a desinformación na democracia. É o protagonista da sesión do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves 25 de marzo (na sede da institución, ás 18:00 horas). Baixo o título “O poder da mentira: como combater a pseudocracia”, ofrecerá unha intervención en diálogo co xornalista e especialista en comunicación política Marcos S. Pérez Pena. A cita está coordinada por Celia Pereira Porto e poderá seguirse en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.

Ler máis

O ciclo “Revisando a nosa arte” achégase á figura de Amparo Segarra

Amparo Segarra converteuse, nos últimos anos, nunha referencia da reconstrución do discurso feminino dende o período de entreguerras, o exilio e o retorno a España. Xunto co seu home, Eugenio Granell, configuraron unha das máis destacadas coleccións de arte de vangarda e un dos legados máis importantes do país. Sobre a dimensión da súa figura falarán Susana Cendán Caaveiro, Carmen Gaitán Salinas, Lorena Rodríguez e Rosario Sarmiento Escalona na xornada “Amparo Segarra. Corpos de papel”. A cita está coordinada por Eduardo Valiña e insírese no ciclo “Revisando a nosa arte”. A presidenta, Rosario Álvarez, a coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Paula Cabaleiro; xunto co coordinador da sesión inauguran a cita que terá lugar este mércores 25 de marzo (17:00 horas). Pode seguirse en directo a través do web e da canle de YouTube do CCG.

Ler máis

Comeza en Friol un programa que analizará as migracións e os dereitos culturais

A Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes no Museo Etnográfico de San Paio de Narla en Friol (a partir das 17:00 horas) a primeira sesión do programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz”. É a posta en marcha dun proxecto que pretende estudar a situación real do acceso á cultura na nosa comunidade. A primeira das cinco sesións programadas contará cunha vintena de iniciativas que contribuirán a dar a coñecer a situación real das migracións e o dereito de acceso á cultura. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; unha das tres coordinadoras do programa, Encarga Lago; máis a deputada de Cultura na Deputación de Lugo, Iria Castro; abren esta sesión de traballo que é pechada ao público.

Ler máis

Voces do xornalismo e da literatura reivindican a figura de Begoña Caamaño

A xornada “Non hai fronteiras (ou si?): xornalismo e literatura nas Letras Galegas”, organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) reuniu en Santiago de Compostela a destacadas voces do ámbito literario e xornalístico galego para reflexionar sobre as conexións entre ambos campos. “Poderíamos falar destes temas en calquera momento, pero quixemos facelo coincidir tamén coa figura de Begoña Caamaño, homenaxeada nas Letras Galegas 2026, que transitou ambos universos” apuntou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, na inauguración xunto con Dolores Vilavedra, coordinadora da sección; e con Marta Veiga, coordinadora da xornada.

Ler máis

Unha xornada afonda na conexión entre xornalismo e literatura a propósito de Begoña Caamaño

Que pode ter de literario unha columna de opinión ou unha reportaxe? Existe unha escrita novelesca atravesada polo estilo xornalístico? Son algunhas das cuestións que pretende responder a xornada “Non hai fronteiras (ou si?): xornalismo e literatura nas letras galegas” que organiza este luns 23 de marzo (19:45 horas) a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Dolores Vilavedra. Marta Veiga Izaguirre é a responsable desta sesión que contará coa presenza de Manuel Rivas, Ledicia Costas, Ismael Ramos, María Solar e Santiago Jaureguízar, entre outros nomes de literatura e do xornalismo. A xornada, que se pode seguir en directo desde o web e a canle de YouTube, aborda a conexión entre literatura e xornalimo a partir da figura de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas.

Ler máis

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora Cénit, publicación de Hijas de Galicia

Cénit é unha das publicacións xurdidas no marco da sociedade de Hijas de Galicia na Habana, activa entre 1938 e 1960. Preto dunha vintena de números desta cabeceira incorpóranse neste mes de marzo ao “Repertorio da prensa da emigración galega”, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

Un acordo para recuperar o fondo musical de Javier Méndez, crego renovador da liturxia en galego

Javier Méndez Pérez-Fanego (Neda, 1937 – Santiago, 1983) foi un sacerdote e músico relevante que contribuíu a consolidar o galego como lingua de expresión relixiosa e elaborou un repertorio musical cristián que continúa a interpretarse na actualidade. O seu fondo musical foi doado pola súa familia ao Consello da Cultura Galega (CCG) nun acto realizado este mércores no Casino Ferrolano. O sobriño do sacerdote, Pedro Landeira, asinou o acordo de cesión xunto coa presidneta do CCG, Rosario Álvarez, quen destacou que “queremos facilitar unha memoria viva”. No acto estiveron presentes Benito Méndez, teólogo, profesor e canónigo catedralicio; o concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far; e tamén o director do Departamento de Música do Secretariado da Comisión para a Liturxia da Conferencia Episcopal Española, Óscar Valado.

Ler máis

Peche das XVIII Xornadas do Peregrino dedicadas a Andrea López Chao

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta mañá unha xuntanza que serviu de peche das XVIII Xornadas do Peregrino, centradas na figura de Andrea López Chao (Mondoñedo, 1874 – A Habana, 1954), destacada mestra do galeguismo na emigración. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, recibiu a comisión e destacou a importancia deste tipo de homenaxes. Tamén interviron Alberto García, concelleiro de Cultura de Mondoñedo, e Luís Fernández Ansedes, membro da asociación Abrindo Camiño, quen destacaron o carácter transdisciplinar das actividades que se desenvolveron en Mondoñedo, Cuba e Madrid.

Ler máis

Os Encontros Temáticos Transversais co Patrimonio Cultural analizan a situación do litoral

A arquitecta Verónica Sánchez, cofundadora do colectivo n’UNDO, promove unha arquitectura ética, social e humanitaria centrada nas necesidades reais das persoas. Estará este martes (17:00 horas) na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) para abrir a cuarta sesión dos “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural” que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais e que analiza a situación do litoral. Os encontros continúan mércores 18 (17:00 horas) co debate a cargo de profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita, coordinada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Amoedo, é presencial e pode seguirse en directo a través do web do CCG e a súa canle de YouTube.

Ler máis

O Plenario renova a súa composición na quenda de personalidades representativas

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou na tarde deste xoves, 12 de marzo, unha sesión plenaria ordinaria na que se produciron cambios na súa composición. Nesta ocasión tomaron posesión os membros designados polas institucións que conforman o CCG e entran no Plenario Marilar Aleixandre, Pilar Bermejo, Miguel Fernández Cid, César Llana e Paula Pita. Ademais, abriuse e o prazo para a presentación de candidaturas na quenda de personalidades electivas da cultura galega. Na sesión fíxose avance da actividade do segundo trimestre.

Ler máis

Unha xornada aborda a política cultural local na xornada “Cultura e Concellos”

As políticas culturais municipais son fundamentais para o desenvolvemento da cultura en Galicia. As administracións locais son as máis próximas á cidadanía, manteñen as infraestruturas e programacións básicas e garanten o acceso da cidadanía á cultura. A V xornada “Cultura e concellos” da Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Alberto García, aborda a situación da cultura municipal a través da exposición dunha serie de retos, ferramentas e casos prácticos para coñecer a súa situación a día de hoxe. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; máis o responsable da sesión, Alberto García, inauguran esta sesión que tamén se seguir en directo desde o web corporativo e a nosa canle de YouTube.

Ler máis

Emigrantas: emerxer do silencio achégase ao relato invisibilizado das mulleres da emigración galega

Emigrantas: emerxer do silencio é o novo proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Xunta de Galicia e do Concello da Coruña. A través do diálogo entre materiais procedentes de arquivos, instalacións artísticas, fotografías, cartas, materiais audiovisuais e obxectos persoais, a mostra achégase ás historias das mulleres galegas silenciadas polos relatos oficiais da emigración. Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o emprego; máis Antía Pérez Caramés, comisaria xunto con Keina Espiñeira e María Alonso, inauguraron a mostra no serán do mércores no Kiosko Alfonso onde se pode visitar ata o 3 de maio. Uqui Permui é a responsable do deseño expositivo que visibiliza historias como as de Cruz Risco, Ana Kiro, Fina Mantiñá, Luz Fandiño, Mimina e moitas outras voces anónimas que constrúen un relato da emigración galega nunca antes explorado.

Ler máis

“Proxector” escolma unha ducia de vídeos sobre a perspectiva de xénero na investigación

A entrega de marzo de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega que elaboran o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), céntrase na “Perspectiva de xénero na investigación: cara a unha ciencia de calidade”. No ronsel do 8M, Día Internacional da Muller, ofrece “unha escolma de recursos nos que a muller é o centro do estudo e debate, co ánimo de reivindicar unha ciencia de vangarda que corrixa os puntos cegos da investigación tradicional e achegue unha foto completa da realidade”.

Ler máis

Constituída a Comisión de Proxeción institucional de Galicia no eido da lusofonía

A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu na mañá deste martes a constitución da Comisión de Proxección institucional de Galicia do Observatorio da Lusofonía. A entidade constitúese no marco do cumprimento do regulamento de funcionamento interno do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, creado polo decreto 134/2023, do 28 de setembro.

Ler máis

Presentadas no Día do Nauralismo Galego dúas obras que amosan o carácter innovador de Martín Sarmiento

«Probaré que en sola la seixebra se tiene abreviada una botica», apunta Martín Sarmiento (1695-1772) na súa obra Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego Seixebra, unha publicación inédita do frade. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o editor da publicación e coordinador do Proxecto Sarmiento, Henrique Monteagudo; e Rafael Loureiro, transcritor do catálogo, presentaron esta publicación xunto coa edición dixital do Catálogo da biblioteca de Martín Sarmiento, realizada a partir do manuscrito autógrafo. Ambas publicacións déronse a coñecer no cuarto Día do Naturalismo Galego, fixado na data do nacemento do frade. Segundo explicou Rosario Álvarez, «permiten avanzar no coñecemento e na difusión dun precursor do pensamento moderno e dunha das figuras máis avanzadas da Ilustración».

Ler máis

Fondos documentais, proxeccións e unha exposición ao fío do 8M

O Consello da Cultura Galega (CCG) traballa arredor do movemento feminista e da situación das mulleres de xeito permanente e continuado ao longo de todo o ano. Con todo, arredor da data 8 de marzo, Día Internacional da Muller, desenvólvense algunhas accións concretas para reforzar e visibilizar esta liña de traballo. Coma vén sendo habitual; en colaboración coa Filmoteca de Galicia, prográmanse audiovisuais producidos ou dirixidos por mulleres no ciclo “Olladas de muller” que cumpre 14 edicións e, durante os venres do mes de marzo, o CDIF incorporará ao web novos fondos documentais e hemerográficos. Ademais, o CCG inaugurará o día 11 de marzo a mostra “Emigrantas. Emerxer do silencio” que visibiliza a emigración galega desde unha perspectiva de xénero, nunca antes abordada en profundidade.

Ler máis

Dúas publicación e un obradoiro no Día do Naturalismo Galego

O vindeiro luns, 9 de marzo, é o Día do Naturalismo Galego por coincidir no día do nacemento Martín Sarmiento, primeiro estudoso da natureza de Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra esta data coa presentación (luns, sede do CCG, 11:00 horas) de dúas obras de Sarmiento, a edición en volume do Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego "Seixebra" e a edición dixital do Catálogo da biblioteca de Martín Sarmiento. Ademais, o CCG e a Delegación del CSIC en Galicia, a través da Unidade de Cultura Científica, e en colaboración con el INCIPIT-CSIC, organizan o obradoiro “Observando a vida nos parques de Compostela”. A actividade, prevista inicialmente para este sábado 7 de marzo, adíase para o 25 de abril por mor da previsión meteorolóxica.

Ler máis