Xestión forestal
A ciencia que evita o desastre

As vagas de calor cada vez máis temperás e intensas, as secas prolongadas e o abandono do rural son algunhas das causas principais dunha ameaza que nos desafía todos os veráns: os incendios forestais. Ultimamente moito máis grandes, rápidos, perigosos e capaces de crear as súas propias condicións meteorolóxicas, poñen en risco as zonas habitadas e demostran que a capacidade de resposta dos servizos de emerxencia ten un límite ante fenómenos desta dimensión. O problema é complexo e non está exento de controversia, mais hai unha evidencia que os/as expertos/as levan tempo poñendo enriba da mesa: non chega con apagar as lapas despois de que aparezan; hai que transformar o territorio para que estas non cheguen a producirse, e neste punto é onde a xestión forestal se presenta como a ferramenta máis eficiente e rendible.

Partindo desta problemática concreta que está de triste actualidade, neste primeiro especial do curso propoñémosche indagar sobre a ciencia dos incendios e, sobre todo, convidámoste a reflexionar sobre as posibles solucións, descubrindo todo o potencial ecolóxico, económico e social que pode ter para Galicia a xestión e aproveitamento sustentable dos nosos montes.

[Imaxe da portada: Wikimedia Commons]

A ciencia dos incendios forestais

Vídeo (8´ 16´´) de divulgación científica, difundido na canle SciShow, no que Michael Aranda nos explica as reaccións químicas que se producen nos incendios forestais, que cada vez son máis rápidos e grandes, e as consecuencias que teñen para os ecosistemas.

Tradución e subtítulos da Asociación de Tradutores Galegos.

Contralume

Curta documental (13´ 49´´) sobre os incendios forestais en Galicia, realizada en 2019 por Borja Casal e filmada durante o seu último ano de grao (Comunicación audiovisual) na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña (UDC). Na peza ofrécense os testemuños de implicados na xestión forestal (bombeiro forestal, enxeñeiro agrómono, bióloga, cooperativista de Amarelante e concelleira de Medio Ambiente da Coruña), e achéganse ideas para a prevención e a extención dos incendios.

Pasado e presente dos montes galegos

Xesús Balboa López, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, trata nesta entrevista (32´ 21´´) diferentes cuestións relacionadas coa xestión dos montes galegos: os seus usos tradicionais; a diferenza entre o uso histórico do lume e os actuais incendios forestais; o papel das mulleres nos traballos ou a historia dos montes en man común.

A peza, elaborada por Mazarelos Coop, forma parte do ciclo de entrevistas divulgativas Baixa á praza, onde diferentes expertas reflexionan, desde distintas prazas de Santiago de Compostela, sobre elementos da historia e a memoria de Galicia.

Sistemas agroforestais, incendios e innovación

Vídeo (35´ 19´´) de divulgación científica no que Rosa Mosquera, profesora no  Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, nos explica en que consiste un sistema agroforestal, cales son as diferentes tipoloxías e como este tipo de sistemas produtivos poden axudar a reducir o risco de incendios forestais.

A sesión desenvolveuse no marco do Divulgaterra 2018.

Silvicultura activa de futuro

Dos case tres millóns de hectáreas do territorio de Galicia, dous millóns están declaradas como superficie forestal. Isto quere dicir que dúas terceiras partes do territorio galego están destinadas a monte. Neste vídeo divulgativo (8´ 30´´), elaborado pola Asociación Forestal de Galicia, ponse de relevo o gran potencial ecolóxico, económico e social que pode ter para Galicia a xestión e aproveitamento sustentable dos nosos montes.

O aproveitamento do monte

Neste vídeo didáctico (8' 54'') Beatriz Rodríguez-Morales explícanos que o monte nos pode achegar moito máis que madeira: lecer, espazos comunitarios ou identidade son oportunidades que nos pode ofrecer un monte ben xestionado.

A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.

O monte é noso: o país das comuneiras

Os montes veciñais en man común ocupan o 22% de todo o territorio de Galicia e 1/3 da superficie forestal. Neste vídeo divulgativo (3´ 29´´) descubrirás en que consiste esta forma de propiedade colectiva que ademais de ser un sinal da nosa identidade cultural, constitúe tamén unha fonte de recursos económicos, sociais e ambientais.

A peza forma parte da serie Ciencia á Feira, o proxecto de ciencia comunitaria interxeracional do Grupo XuvenCiencia (USC).

Os servizos ecosistémicos dos montes

Os montes son fonte de diferentes recursos económicos, pero tamén nos proporcionan outros importantes servizos ecosistémicos: bens non comerciais relacionados co uso social e a biodiversidade. Neste vídeo divulgativo (4´ 09´´) a Asociación Forestal de Galicia fálanos dos servizos ecosistémicos que fornecen os montes veciñais en man común, poñendo como exemplo o monte veciñal de Castelo, situado no monte Xalo, no concello coruñés de Culleredo.

A certificación forestal e a comunidade de montes

Emilio Carral Vilariño, profesor na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, preséntanos neste vídeo (2´ 43´´) o proxecto de aprendizaxe e servizo (ApS) que está a desenvolver co alumnado da materia “Xestión do medio natural”. Neste proxecto traballouse cos criterios de sustentabilidade (social, económico e ambiental) da norma de Certificación Forestal do FSC (Forest Stewardship Council), en colaboración coas comunidades de montes en man común de Froxán e Entrimo.

Mercados de carbono: unha adicionalidade na xestión forestal

Sabías que o carbono que capturan os sistemas forestais pode comercializarse? Neste vídeo divulgativo (5´ 43´´) cóntannos como os mercados de carbono poden converterse nun incentivo económico para as comunidades de montes ou para os particulares que xestionan masas forestais.

A peza forma parte da serie Ciencia á Feira, o proxecto de ciencia comunitaria interxeracional do Grupo XuvenCiencia (USC).

Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Neste vinculo externo poderas ver
Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Vídeo (41' 53'') que recolle a intervención de Ramón Lourido no Curso de Extensión Universitaria: "Avanzando na dinamización local con recursos propios: o monte", organizado pola Universidade de Vigo. Nel tratouse de facer partícipe á cidadanía de experiencias dinamizadoras no monte que empreguen recursos locais e formar a emprendedores mediante a adquisición de competencias básicas para a posta en marcha de iniciativas dinamizadoras dirixidas ao aproveitamento do monte en distintos ámbitos económicos.

Optimización para a xestión forestal

Manuel Arias Rodil fala nesta charla (11´ 45´´) do DivulgaTerra 2016 da súa investigación sobre métodos que permiten xestionar de forma óptima as explotacións forestais a nivel de rodal, tendo en conta tamén as restricións que se poden establecer a nivel de monte, xa que decisións óptimas para a primeira destas unidades poden non selo para a segunda.