Terceira entrega (20´ 07´´) da serie audiovisual #Nosoutras, as mulleres da revista Nós, producida por Nós Televisión e presentada por Eira Losada.
Nesta ocasión a protagonista é a filóloga alemá Margot Sponer, que a finais de 1926 percorre a cabalo as vilas e aldeas galegas para completar as súas investigacións sobre a lingua galega. Parte destas pescudas serían publicadas na revista Nós, no número do 15 de xaneiro de 1927, nun artigo que levaba por título “Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega”. Uns anos máis tarde, concretamente en 1930, presenta a súa tese de doutoramento titulada Altgalizische Urkunden (Documentos antigos de Galicia), na que transcribe e anota unha cantidade importante de documentos medievais datados entre os anos 938 e 1494.

