A investigadora Ana Campos Ríos preséntanos neste vídeo divulgativo (2´ 28´´) as principais liñas de investigación que se están a desenvolver no Grupo de Neurofisioloxía da Universidade de Vigo, centrado en estudar o funcionamento de determinadas canles iónicas na modulación da excitabilidade neuronal. Os seus estudos e achados teñen grande incidencia na sociedade, pois axudan a entender o funcionamento de enfermidades nas que as canles iónicas están alteradas, como por exemplo a epilepsia, as arritmias, a fibrilación auricular ou determinados tipos de autismo.
A peza forma parte da serie audiovisual "Que facemos?", na que a Área de Cultura Científica da Universidade de Vigo nos presenta diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

