Arquivo de noticias do CCG

XXVII Encontros para a Normalización
XXVII Encontros para a Normalización
Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
Amosando noticias 1 a 20 de 3328

Pecha o foro sobre o patrimonio edificado cunha sesión centrada na regulación das intervencións

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra mañá, 23 de novembro, a terceira e última sesión do foro "Intervir no patrimonio edificado, incorporar o pasado ao futuro", dedicada nesta ocasión á regulación das intervencións sobre o patrimonio edificado de Galicia. Baixo o título "Entre as regras legais e a aplicación discrecional", a xornada reune especialistas en Dereito Administrativo e representantes das administracións públicas, da arquitectura, do ámbito académico e da conservación-restauración para analizar o marco normativo e a súa aplicación práctica en Galicia.. O programa está coordinado por Carlos A. Amoedo Souto, Rosa Benavides García, Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Nieto Freire. A sesión pode seguirse en directo desde o web da institución e a canle de YouTube.

Ler máis

Aberta a exposición En negro contra as violencias

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) inaugurou no serán deste xoves a exposición EEn negro contra as violencias, unha proposta que recupera e pon en valor a traxectoria dunha das iniciativas colectivas de sensibilización e denuncia da violencia machista máis recoñecibles de Galicia. No acto de apertura participaron a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Marilar Aleixandre, máis a responsable da mostra, a deseñadora Uqui Permui. O proxecto pódese visitar ata o 3 de decembro na sede do CCG.

Ler máis

O galego está presente no 3,4% das resolucións xudiciais nos órganos colexiados segundo un informe do Observatorio da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este venres “O galego nas resolucións xudiciais. Análise do fondo documental do CENDOJ (1990-2025)”, que analiza a presenza do galego nas resolucións xudiciais de órganos con sede en Galicia publicadas no Dentro de Documentación Judicial (CENDOJ). “Só o 3,4% da documentación rexistrada está en lingua galega” apuntou a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, que destacou o dobre obxectivo do informe “ter información para poder identificar os problemas e crear accións que axuden a mellorar esa situación. Na rolda participaron tamén Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega e Xesús Palmou, académico da Academia Galega de Xurisprudencia e representante desa entidade no Plenario do CCG, que apuntou que “malia os datos, podemos mirar o futuro con certo optimismo”. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web corporativo.

Ler máis

A institución expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Xosé Luís Méndez Ferrín

O Consello da Cultura Galega (CCG) manifesta o seu fondo pesar polo pasamento do escritor e profesor Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938 – Vigo, 2026), unha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea. A súa traxectoria intelectual e creativa deixou unha pegada fundamental na literatura, nos estudos literarios e no xornalismo, así como na proxección exterior da cultura e das letras galegas.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Antonio Pérez Prado

Antonio Pérez Prado (Bos Aires, 1926 – 2009) foi, ademais de fillo de galegos, un médico hematólogo e divulgador científico e cultural da colectividade galega en Arxentina. “Combinou a sensibilidade e fidelidade á terra de orixe familiar coa pulsión na realización profesional, integración cultural e a vangarda de difusión científica no país onde nacera" afirma Afonso Vázquez-Monxardín, autor da entrada que se incorpora hoxe coincidindo co centenario do seu nacemento - ao Álbum de Galicia, colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG). Xunto coa entrada biográfica difúndense tres audios con dúas conferencias e unha entrevista.

Ler máis

O “Repertorio da prensa da emigración galega” incorpora a publicación El Heraldo Gallego

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede, no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, os 209 exemplares editados de “El Heraldo Gallego”, publicados en Arxentina entre 1925 e 1932.

Ler máis

A formación e a colaboración entre profesionais, clave para mellorar as intervencións no patrimonio edificado

A formación especializada e a colaboración efectiva entre as distintas disciplinas que interveñen no patrimonio edificado son dous dos grandes retos para avanzar cara a intervencións máis completas, rigorosas e respectuosas coa historia dos edificios. Esta foi unha das principais reflexións da segunda xornada do foro "Intervir no patrimonio edificado, incorporar o pasado ao futuro", organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), que reuniu profesionais de diferentes ámbitos para abordar a integración dos coñecementos e das competencias de cada especialidade ao longo de todo o proceso de intervención. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, salientou na apertura a complexidade que supón avanzar cara a unha verdadeira cultura de traballo compartido. "Non chega con sumar axentes de distintos ámbitos, senón que o que se require é unha maneira de pensar, de enfocar os problemas, transdisciplinar", apuntou.

Ler máis

Unha xornada reivindica o papel da performance na transformación das institucións culturais

A performance naceu para moitas das súas protagonistas sen sequera saber que estaban facendo performance. Facían "cousas moi raras", como lembrou a artista Nieves Correa, nun contexto no que estas prácticas apenas tiñan recoñecemento institucional nin espazos propios. Desde aquelas primeiras experiencias ata os actuais debates sobre a súa presenza nos museos e nas institucións culturais, a xornada "Sacar o corpo. A performance galega", celebrada polo Consello da Cultura Galega (CCG), propuxo un percorrido pola historia, as transformacións e os desafíos das artes de acción. A cita, organizada pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, coordinada por Paula Cabaleiro, reuniu as reflexións de Nieves Correa, Ana Gesto, Andrea Mosquera, María Roja e Mónica Maneiro, baixo a coordinación de Eduardo Valiña.

Ler máis

Especialistas abordan a importancia da interdisciplinidade nas intervencións dos bens culturais

A segunda sesión do foro de debate “Intervir no patrimonio edificado, incorporar o pasado ao futuro” que organiza A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) busca este luns (16 de novembro, a partir das 9:30 horas) reflexionar sobre os criterios, as metodoloxías e os retos que presenta a conservación, restauración e rehabilitación dos bens arquitectónicos. Nesta ocasión, da man dunha ducia de especialistas, pon o foco en mecanismos como a multidisciplinariedade ou a transdisciplinariedade para analizar como avanzar na mellora da conservación e rehabilitación do patrimonio construído. A sesión coordinada por Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Nieto é presencial pero pode seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.

Ler máis

Vilalba acolle unhas xornadas para reflexionar sobre a diversidade e os retos da integración

O Consello da Cultura Galega e o Instituto de Estudos Chairegos, (IESCHA) coa colaboración do Concello de Vilalba, celebran desde mañá ata o sábado as “Xornadas sobre inmigración”. Dous días de relatorios, exposicións e música que converterán a Casa da Cultura do concello lucense nun espazo de reflexión e diálogo arredor dos procesos migratorios, a diversidade cultural e os desafíos da convivencia e da integración social.

Ler máis

Os museos reivindican a investigación como motor e como ferramenta para dialogar coa sociedade

Crear redes estables de investigación entre museos, universidades, e centros especializados é unha das ideas centrais que se apuntaron este martes na xornada “Construír museo. A investigación como núcleo da institución”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Galego de Museos. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra Fernández, destacou na inauguración a importancia da investigación como “o corazón dos museos” e incidiu que o labor investigador precisa cooperación, diálogo e innovación. Pola súa banda, Ramón Yzquierdo Peiró, presidente do Consello Galego de Museos, reivindicou a utilidade e necesidade dos museos para a sociedade. M.ª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra, destacou que “o museo debe ser capaz de producir coñecemento, un lugar onde se investiga, se documenta, se formulan preguntas e se constrúen interpretacións sobre os bens culturais que conservamos”.

Ler máis

Artistas e especialistas analizan nunha xornada a evolución da performance galega

O corpo entendido como ferramenta de creación, como espazo de experimentación e como vehículo de reflexión e reivindicación. Sobre estas premisas constrúese “Sacar o corpo. A performance galega”, a xornada que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este xoves (12 de novembro, 16:45 horas) baixo a coordinación de Edu Valiña. A proposta busca achegarse á evolución desta disciplina, con especial atención ao caso galego, da man de figuras de referencia nesta disciplina como a madrileña Nieves Correa ou as galegas María Rojas, Ana Gesto, Mónica Maneiro. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde a canle de YouTube do CCG.

Ler máis

A presidenta visita a Escola Mestre Mateo

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, visitou a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, onde foi recibida polo seu director, Juan Adrio. Durante o percorrido polas instalacións puido coñecer de primeira man o funcionamento do centro, os seus ámbitos de formación e os proxectos que desenvolve o alumnado nas distintas especialidades.

Ler máis

O coñecemento dos edificios e o diálogo entre disciplinas, claves para unha intervención rigorosa no patrimonio edificado

A Sección de Patrimonmio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega reuniu este luns na súa sede profesionais da arquitectura, a historia da arte e a conservación-restauración para reflexionar sobre os criterios e as metodoloxías de intervención no patrimonio arquitectónico de Galicia. Na sesón falouse da importancia do coñecemento rigoroso dos edificios, da identificación dos seus valores materiais e inmateriais e a colaboración entre profesionais de distintas disciplinas entre outros elementos como medidas fundamentais para garantir intervencións respectuosas coa historia e adaptadas ás necesidades actuais. Foi a primeira sesión dun ciclo dedicado analizar como se interven no patrimonio edificado que terá novas sesións os días 16 e 23 de novembro.

Ler máis

Proxector dedica o especial de novembro ao solo e á figura do científico galego Francisco Díaz-Fierros

A entrega de novembro de Proxector, proposta elaborada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega, co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achégase ao solo e á figura dun dos seus estudosos máis recoñecidos, o científico galego Francisco Díaz-Fierros. Baixo o título “O solo: un mundo por descubrir baixo os nosos pés”, unha ducia de recursos audiovisuais permiten achegarse ao coñecemento científico dos solos e á súa importancia para a vida e o equilibrio dos ecosistemas.

Ler máis

A xornada “Criar en galego” permitiu identificar as necesidades da crianza en galego

O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua), coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, reuniron o pasado 7 de novembro a vinte familias nunha xornada de traballo chamada “Criar en galego”. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra; xunto con Ramón Varela, presidente de a lingua e a alcaldesa de Santiago de Compostela abriron a sesión que permitiu detectar carencias e boas prácticas na oferta de produtos, contidos e servizos en lingua galega e recoller propostas para trasladar ao sector empresarial.

Ler máis

Unha xornada aborda a importancia da investigación nos museos

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Consello Galego de Museos celebran este martes (10 novembro, a partir das 9:30 horas) en Santiago de Compostela a xornada “Construír museo. A investigación como núcleo da institución”, un encontro que reunirá responsables e profesionais de museos galegos e do conxunto do Estado para reflexionar sobre o papel da investigación na actividade museística contemporánea. A iniciativa propón reivindicar o labor investigador como unha función esencial dos museos, máis alá da conservación e exhibición das coleccións, e como fundamento do coñecemento, dos discursos expositivos e da relación destas institucións coa sociedade. Dolores Vilavedra Fernández, presidenta do CCG; Ramón Yzquierdo Peiró, director do Museo da Catedral de Santiago de Compostela e presidente do Consello Galego de Museos; e M.ª Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra inauguran esta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web e a canle de Youtube do CCG.

Ler máis

Postas en rede cinco epístolas conservadas de Ramón Otero Pedrayo a Ramón Cabanillas

Son só cinco cartas, pero abondan para revelar a amizade duradeira entre dúas figuras destacadas da cultura galega: Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) e Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976). Nelas afloran a fonda conexión intelectual e humana que os uniu durante décadas, así como as viaxes, as soidades, os desterros e os silencios que marcaron as súas vidas. O Consello da Cultura Galega (CCG), no día en que morreu Cabanillas, pon en rede este breve epistolario, acompañado de edición e estudo a cargo de Francisco Fernández Rei, do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Ler máis

A institución reforza a cooperación cultural con Portugal cun acordo coa Universidade de Lisboa

O Consello da Cultura Galega (CCG) reforza a súa presenza e as relacións culturais con Portugal cunha viaxe institucional da súa presidenta, Dolores Vilavedra, a Lisboa. Durante a súa estadía, a responsable da institución asinará un protocolo de cooperación coa Universidade de Lisboa (ULisboa), a través da súa Facultade de Letras e da Cátedra de Estudos Galegos, co obxectivo de consolidar e desenvolver novas vías de colaboración académica, científica e cultural entre ambas institucións.

Ler máis

Abre un foro sobre a intervención no patrimonio edificado cunha xornada dedicada aos criterios de intervención

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura este luns 9 de novembro o foro “Intervir no patrimonio edificado. Incorporar o pasado ao futuro”, unha iniciativa que reúne en tres sesións (9, 16 e 23 de novembro) a profesionais da arquitectura, especialistas en patrimonio e representantes de institucións e entidades para reflexionar sobre os retos que presentan a conservación, a restauración e a rehabilitación dos bens arquitectónicos. A primeira das citas está dedicada aos “criterios e metodoloxías de intervención sobre o patrimonio edificado de Galicia: conservar, restaurar e rehabilitar”. O foro está coordinado por Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Nieto.

Ler máis