Ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación de Letrados da Xunta de Galicia, e por iniciativa de ambas as dúas partes, con especial interese do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do CCG, resolveuse crear unha Comisión Técnica Temporal para a elaboración do informe sobre a arquitectura indiana, coa finalidade de deitar luz sobre un fenómeno tan omnipresente e aludido nas ciencias sociais e patrimoniais como pouco coñecido nas súas contornas precisas e manifestacións concretas: o das casas de indianos legadas pola emigración de retorno dende as Américas entre finais do século xix e os anos centrais do século xx, ben como a súa posíbel e recomendábel protección patrimonial. Algunhas voces de alarma xurdidas nos medios de comunicación puñan o acento na falla de catalogación exhaustiva destes elementos arquitectónicos (sobre todo os de carácter residencial privado; non así os de carácter comunitario e colectivo, como as chamadas escolas de indianos ou de americanos) e na necesidade de estabelecer uns criterios tipolóxicos que permitisen tanto a súa identificación e clasificación como tamén a súa debida protección xurídica.

Por acordo da Xunta Executiva do Consello da Cultura Galega do 5 de decembro de 2023, a comisión técnica temporal, presidida polo vicepresidente do CCG e director do AEG, Xosé M. Núñez Seixas, reuniu un grupo de expertos procedentes de diversos ámbitos, dende as ciencias do patrimonio e a arquitectura ata a historia contemporánea e os estudos xurídicos do patrimonio cultural. Despois da primeira xuntanza en xaneiro de 2023 decidiuse dividir o traballo en tres partes: unha análise sobre o estado da cuestión histórica e historiográfica da arquitectura indiana (a cargo de Raúl Soutelo Vázquez e Xosé M. Núñez Seixas); unha análise patrimonial e arquitectónica que delimitase os elementos tipolóxicos mínimos para que se puidese definir un inmóbel como arquitectura indiana (elaborada por Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Táboas Veleiro), e un estudo xurídico no que se revisasen as posibilidades normativas e as propostas en materia de protección patrimonial que fosen aplicábeis ao caso concreto da arquitectura indiana de Galicia (a cargo de María Isabel Novo Castro, Carmen M. Salgueiro Moreira e Santiago Valencia Vila). Logo de varias xuntanzas ao longo do ano 2023, presentamos o resultado do noso estudo e as propostas concretas para fixar uns principios recoñecíbeis da arquitectura indiana en Galicia e para mellorar e ampliar a súa protección xurídica.

[Data da nota de prensa: xaneiro 2024]

Título Informe sobre a arquitectura indiana en Galicia
: Propostas para a súa definición e protección patrimonial
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2023
Edición 1ª edición
Descrición física 49 p.: fot., cor. (Edición dixital)
Notas Non hai edición en papel.
Colección Informes
Evento Difusión.
Informe sobre a Arquitectura Indiana en Galicia:. Propostas para a súa definición e protección patrimonial
22/1/2024. Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela
Materias
Áreas
Código QR