A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) retoma este xoves 26 de setembro (18:00 horas) o seu ciclo Pensarmos. Esta sección, coordinada por Celia Pereira Porto, porá o foco no actual conflito entre Israel e Palestina baixo a pregunta “é posible a paz?”. Contará cun coloquio entre o xornalista Josep Gisbert e o investigador e profesor universitario Juan Manuel Trillo, ambos moderados polo analista político e avogado Xoan Antón Pérez Lema. A sesión é presencial na sede da institución, pero tamén se pode seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais do CCG.
26/09/2024
25/09/2024
O 26 de setembro é o Día Europeo das Linguas. Unha iniciativa que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra no marco da colaboración co Instituto Cervantes, o Euskal Etxepare Institutua e o Institut Ramon Llull. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, participa este mércores, 25 de setembro (18:30 horas) no acto que acolle o Instituto Cervantes de Lisboa. No propio día da celebración, xoves 26 (16:00 horas), a presidenta asiste ao acto conmemorativo que terá lugar en Madrid no Congreso dos Deputados.
24/09/2024
A Sección de Creación de Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) comeza un novo ciclo de xornadas encamiñado a coñecer o estado actual da arte no noso país. Chámase Arte en tempo real e comeza este mércores 25 (17:00 horas) cunha revisión á situación dos artistas. Suso Fandiño, Tono Carbajo, Mónica Alonso e Diego Santomé participan nesta cita coordinada por Carmen Díaz Cacheda. A xornada é presencial e pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.
20/09/2024
O ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade promovido pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), recala en Tui na sexta edición. Desta volta para prestar especial atención á memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal. O ciclo desenvolverase dos días 26 ao 28 de setembro no teatro municipal da localidade pontevedresa e achegará recoñecidas producións galegas e portuguesas. Ademais, contará coa presenza do Coronel Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril. A entrada é libre ata completar a capacidade.
19/09/2024
A creación de políticas específicas para a menopausa, máis información e o incremento de recursos para a investigación biomédica son algunhas das demandas das profesionais que participaron este xoves na xornada “Feminismos: a menopausa a debate” organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do CDIF, Carme Adán, destacaron na inauguración que esta actividade se sitúa nunha liña de traballo da institución que presta atención a temas relevantes para a sociedade desde unha óptica feminista. Os relatorios foron gravados e están a disposición da cidadanía desde a canle de Youtube da institución.
19/09/2024
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, mantivo unha xuntanza co presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, por mor da celebración do 75 aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950) que terá lugar en 2025. No marco da reunión acordáronse diferentes vías de colaboración e futuras actividades para conmemorar a efeméride.
18/09/2024
“Feminismos: a menopausa a debate” é o título da nova xornada organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do CDIF, Carme Adán, inauguran mañá xoves, 19 de setembro (10:00 horas) esta cita que busca reflexionar sobre esta etapa da vista desde o punto de vista da medicina e da antropoloxía ademais de ver como se aborda desde espazos de creación e difusión cultural. A bioquímica Inés Pineda i Torra, que investiga o risco cardiovascular das mulleres durante a menopausa, ou a antropóloga Guadalupe Jiménez, son algunhas das relatoras que participan neste encontro. A actividade pódese seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.
18/09/2024
Fernando Daniel Cortezón (Ribadeo, 1927- Lugo, 2009), foi un prolífico escritor galego que cultivou a narrativa, o ensaio e a literatura dramática e que destacou pola súa recuperación e revisión da historia de Galicia e a identidade galega dende unha abordaxe crítica. Así o define Ana Abad de Larriva, autora da súa entrada no Álbum de Galicia, colección de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.
18/09/2024
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, deu a benvida aos membros da Asociación Galega de Editores que hoxe celebran na nosa sede o XXI Simposio o libro e a lectura: o libro galego nas librarías. O presidente da asociación, Henrique Alvarellos, e Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta de Galicia, foron os encargados de inaugurar este encontró que contou con representantes da Federación de Librarías de Galicia e de librarías de Euskadi e de Catalunya.
13/06/2024
O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), suma a entrada do escritor galeguista e activista cultural Xosé Manuel López Gómez (Logrosa, Negreira, 1944 – Ferrol, 2007). Máis coñecido como “Pepe Ardeiro” ou “O Ardeiro”, tivo na literatura unha das súas grandes afeccións. Malia publicar traballos en prosa, destacou como poeta cunha obra marcada polo “intimismo, o compromiso social e patriótico, as viaxes, as lembranzas familiares e da terra matricial, as evocacións aos grandes poetas, a recreación da paisaxe, a soidade, o amor e desamor...”. Así o subliña o autor da entrada, Xosé Amancio Liñares Giraut.
13/06/2024
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, presenta este venres (20:00 horas) no Instituto de Estudos Miñoráns, en Gondomar, dúas novas publicacións que permiten afondar no coñecemento da lingua galega medieval. Documentos medievais de Santa María de Baiona (1274-1531) , autoría de Xulián Maure (Vigo, 1941), e Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media. Estudo histórico e colección documental, de Víctor Rodríguez Muñiz (Ramirás, 1982), son os novos títulos que se integran na colección Gallaeciae Monumenta Historica.
12/06/2024
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o presidente por delegación de Exponav, Ignacio Frutos inauguran este xoves en Ferrol (19:00 horas) unha nova itinerancia de As xeracións do Montserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido. A mostra, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, pretende recuperar a memoria daquelas persoas que tiveron que emigrar a Reino Unido na segunda metade do século XX e, a través dela, documentar non só ese tránsito entre países e culturas, senón o contexto social, económico e afectivo que rodeaba aos que buscaban unha vida mellor. O comisario é Xesús Fraga e conta co deseño Pepe Barro, que será o encargado de facer unha visita guiada trala inauguración.
11/06/2024
Francisco Llanos Mas (Valencia, 1865 – Vigo, 1928) foi o fundador do estudio fotográfico Llanos, un negocio familiar que se estableceu na cidade olívica a finais do século XIX e que continuou da man do seu fillo Francisco Llanos Trápaga e do seu neto Ángel Llanos González durante máis dunha centuria. As tres xeracións cultivaron a fotografía de exteriores e de gabinete, aínda que destacaron no ámbito da foto-reportaxe e do documento. “Chegaron a construír unha das coleccións máis amplas das que hoxe dispón o patrimonio fotográfico histórico galego”, subliña Vítor Vaqueiro. El é o autor da entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
10/06/2024
“Xardíns históricos: a protección dun patrimonio cultural” é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC). A cita, organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), reunirá este martes, 11 de xuño (16:00 horas), diferentes especialistas para abordar os problemas de conservación e valoración dos xardíns históricos como bens culturais. Ricardo Varela é o coordinador desta actividade, que se desenvolverá presencialmente na sede institucional do CCG e que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.
06/06/2024
“Estamos en crise enerxética, que se debe á non-adaptación do sistema enerxético aos límites da biosfera. E esta crise provoca pobreza nas economías domésticas e no ámbito empresarial”, apuntaba a profesora e investigadora Rosa Regueiro no relatorio que abriu a xornada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade”, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). Durante dous días especialistas e investigadores, xunto con representantes de colectivos cidadáns implicados en procesos de implantación de enerxías renovables, defenderon a necesidade de definir un modelo de transición enerxética que respecte as comunidades locais, o territorio, a paisaxe, a biodiversidade e o patrimonio. A creación dunha zona franca para atraer a cadea de valor da enerxía, un sistema de tributación especial, a constitución dunha empresa pública de enerxía ou unha mellor planificación da ordenación do territorio son algunhas das medidas que se puxeron sobre a mesa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, incidiu na inauguración en que esta xornada se insire nunha liña de traballo continuada da institución, “preocupada pola perda da diversidade, a situación real do clima e as consecuencias que pode ter o modelo enerxético sobre o patrimonio e os valores culturais do pobo galego”.
05/06/2024
Con música, baile e palabra o Consello da Cultura Galega (CCG), o Museo do Pobo Galego e o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG-USC) celebrarán o vindeiro 12 de xuño un acto de homenaxe para lembrar a figura de Dorothé Schubarth (Basilea, Suíza, 1944-2023). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a directora do ILG-USC, Elisa Fernández Rei, destacaron na súa presentación do programa o papel central que esta musicóloga e compositora suíza representou para o folclore galego. “É unha homenaxe que o pobo galego lle brinda a Dorothé polo seu traballo titánico e xeneroso”, apuntou Rosario Álvarez. Concha Losada destacou a importancia deste legado, que inspirou e contribuíu á música actual e que “todas as que colaboran neste inmenso agradecemento de todo o país o fan voluntariamente”. Pola súa parte, Elisa Fernández Rei engadiu que “o programa é unha festa na que lembraremos a muller, pero tamén escoitaremos a súa música”. Ademais, hoxe incorporouse a súa entrada biográfica ao Álbum de Galicia, a colección de biografías do CCG, escrita polo musicólogo Sergio de la Ossa.
04/06/2024
A enerxía solar, a eólica…, en resumidas contas, as enerxías renovables son o futuro ante a crise do actual sistema enerxético. Sobre o seu modo de implantación e as diferenzas entre o que acontece en España e no resto de Europa, así como sobre a necesidade de conciliar o impacto a nivel económico, social, patrimonial e ambiental, falarán desde mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) unha ducia de expertos e expertas. A xornada titulada “A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade” está organizada polas seccións de Pensamento, de Patrimonio e Bens Culturais e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do CCG. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará esta cita presencial, que poderá seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución.
04/06/2024
“Arquivos: conservar a memoria para mellor difundila” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os doce recursos audiovisuais que se escolman nesta ocasión buscan dar a coñecer algúns dos arquivos de referencia en Galicia, profundar nas súas funcións e nos servizos que prestan, así como pór en valor os documentos que neles se custodian. Con este especial o CCG súmase ao Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora anualmente o 9 de xuño para promover a importancia deste tipo de institucións.
03/06/2024
Aborto. Corenta anos de mobilizacións é o título do recurso que se acaba de incorporar á Sextina, proxecto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) que divulga semestralmente documentos pouco coñecidos pola súa antigüidade, tipoloxía ou procedencia. A publicación presenta unha achega cronolóxica e documental sobre as actividades que levaron a cabo diferentes agrupacións feministas para reclamar a legalización e gratuidade do aborto desde a década dos setenta ata o ano 2014. Carteis, pancartas, adhesivos, fotografías e referencias documentais son algúns dos materiais recompilados nesta monografía, que xa está dispoñible para a súa descarga no sitio web corporativo.
31/05/2024
As palabras de Otero Pedrayo, Risco e Álvaro de las Casas resoaron nas voces dos trescentos cincuenta nenos e nenas que encheron o Castelo de Ribadavia na oitava edición de No bico un cantar. “Esta é unha actividade moi querida por nós. Programámola pensando nas nenas e nenos que son os protagonistas do día, para que sexa unha experiencia rica e inesquecible”, apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, no inicio desta actividade que a institución organiza xunto coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e mais coa colaboración do Concello de Ribadavia. O conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou que este concerto, que pecha unha xornada de convivencia e o traballo de todo un ano, “adobía con acerto música, lecer e patrimonio”. Maximino Zumalave dirixiu este gran coro acompañado da formación de metais Hércules Brass. Ademais, anunciouse que a vindeira edición terá lugar en Rianxo con Castelao como protagonista, cando se fan 75 anos do seu pasamento.
31/05/2024
O patrimonio sonoro centra este venres, 31 de maio, a xornada titulada “Transformando a música en patrimonio” da Biblioteca de Galicia, institución cabeceira do sistema de bibliotecas da nosa comunidade. Na cita, dirixida a profesionais e persoas interesadas en saber como funcionan as institucións da memoria, analizarase a situación actual deste tipo de patrimonio. O Arquivo Sonoro de Galicia participa cun relatorio titulado “Arquivo Sonoro de Galicia: fonte para o estudo da nosa identidade”.
30/05/2024
Máis de trescentos cincuenta nenos e nenas participan este venres na oitava edición de No bico un cantar. Unha cita que xunta música, literatura e mocidade nun encontro que arrinca pola mañá, coa chegada do alumando procedente dos conservatorios de música profesional de Galicia xunto coas escolas de música da zona, e remata co concerto (18:00 horas) no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia. Maximino Zumalave dirixe esta actuación organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), as consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Ribadavia. A escritora Rosa Aneiros é a mantedora deste acto ao que asiste a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o Conselleiro de Cultura, José López Campos; e o alcalde de Ribadavia, César Fernández. No programa destaca a estrea absoluta de Vos nova, peza composta para a ocasión por Aaron Siebert sobre texto de Otero Pedrayo.
30/05/2024
A ciencia e a tecnoloxía ocupan o noveno lugar entre os asuntos de interese para a cidadanía galega. A evolución deste indicador nas dúas últimas décadas é positiva, aínda que decae con respecto a 2018 e Galicia está 2,3 puntos por debaixo da media española na evolución histórica. Son algúns dos achados do documento de traballo Percepción social da ciencia e da tecnoloxía en Galicia, que acaba de facer público o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O documento xa está dispoñible para a súa descarga.
29/05/2024
O Álbum de Galicia, a colección biobibliográfica do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada de Ramón Piñeiro (Armea de Abaixo, Láncara, 1915 – Santiago de Compostela, 1990) no ronsel do aniversario do seu nacemento, que se conmemora este venres 31. Filósofo, ensaísta, publicista e académico, o seu compromiso co dereito ao autogoberno do pobo galego e coa defensa da lingua e cultura propias erixírono como un dos principais referentes do galeguismo do século XX. Xosé Luís Pastoriza Rozas asina a entrada, na que destaca o seu papel na Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade en 1983, ano en que foi elixido primeiro presidente do CCG.
27/05/2024
O centenario da publicación do primeiro número de Nós, voceiro da histórica entidade, centra o programa da oitava edición de No bico un cantar, unha actividade organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que pon música á tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia. Máis de trescentos cincuenta nenos e nenas participarán neste encontro, que terá lugar no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia o vindeiro 31 de maio (18:00 horas). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na presentación “a recuperación deste proxecto que se tivo que suspender por mor da pandemia, que xunta música, literatura e mocidade e co que contribuímos a crear un corpus musical coa encarga dunha composición, que nesta ocasión recae en Aaron Siebert e leva por título Vos nova sobre texto de Otero Pedrayo”. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas, Rubén Vázquez destacaron na rolda os traballos de preparación previos levados a cabo desde os conservatorios, mentes que o alcalde de Ribadavia, César Fernández, agradeceu a escolla desta localidade para lembrar a Xeración Nós. Maximino Zumalave, director do concerto destacou que “a música sempre se asocia aos días de festa, e precisamente isto é o que imos desenvolver este venres, unha gran festa que xunta a mocidade cantando na nosa lingua coa nosa música”.
23/05/2024
A nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega , iniciativa que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), divulga a documentación pertencente á Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires. A sociedade foi creada pola colectividade de salvaterrenses na Arxentina co fin de axudar as e os compatriotas emigrados, así como de promover o desenvolvemento do seu concello natal. Entre os fondos documentais que se difunden neste mes de maio inclúense a acta de fundación da entidade, os libros de actas das reunións societarias, algúns dos seus balances e memorias, así como a correspondencia enviada e recibida.
22/05/2024
Migracións, asistencia social e igrexas na Europa da posguerra é o título da xornada que o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza os días 23 e 24 de maio na sede institucional. A cita, que ten como obxectivo analizar a axuda que prestaron as diferentes confesións para velar polo coidado das persoas emigradas e refuxiadas, reunirá diferentes especialistas de Italia, Francia, Portugal, Suíza e España. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará a xornada xunto cos seus coordinadores, Luís Domínguez Castro e José Ramón Rodríguez Lago. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.
22/05/2024
Genoveva Vázquez Calviño (Ponte Barxes, Bande, 1896 – Xinzo de Limia, 1971) exerceu como parteira nas zonas rurais de Ourense durante medio século, un labor polo que chegou a ser coñecida e respectada en toda a provincia. O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de incorporar a súa entrada cun texto asinado pola Asociación Escola Rural de Saúde da Limia.
20/05/2024
A complexa e fecunda personalidade de Béla Bartók (1881-1945) centra a conferencia que Rogelio Groba pronunciou a principios dos anos oitenta na Coruña, con ocasión do centenario do nacemento do compositor húngaro. Esta intervención, que forma parte do Fondo Ramiro Cartelle, é a nova entrega do proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que recupera bimestralmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego. A conferencia estivo acompañada de intervencións musicais e nela Groba destaca os trazos máis destacados da personalidade, biografía e carreira musical de Bartók.
16/05/2024
A Unión Progresista del Distrito de Salvatierra de Miño en Buenos Aires, posteriormente renomeada como Asociación Residentes de Salvatierra de Miño en la República Argentina, puxo en marcha en 1946 unha revista para celebrar os seus vinte e cinco anos de existencia. Tras esta primeira época, retomouse a súa publicación en 1997 cunha cabeceira que mantiña os mesmos obxectivos que a súa predecesora: conmemorar os aniversarios sociais da entidade editora. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), suma aos seus fondos neste mes de maio un número da primeira época (1946) e cinco da segunda, publicados entre os anos 1999 e 2010.


