Temática: A pegada educativa da emigración galega en América

Temática: A pegada educativa da emigración galega en América [16]

Data Material Ver
Data Material Ver
Clase de mecanografía no Plantel Concepción Arenal, A Habana, ca. 1950
Ver

Transcripción da Clase de mecanografía no Plantel Concepción Arenal, A Habana, ca. 1950

O desexo dos e das emigrantes galegas por mellorar a súa formación foi unha constante na colectividade de alén mar. Pese á loita das sociedades instrutivas que tantos esforzos fixeron no primeiro terzo do século XX para fundar centros escolares en Galicia e paliar os altos niveis de analfabetismo que existían nas vilas galegas da época, moitos dos emigrantes chegaban aos países de acollida con escasa cualificación. Despois dunha dura xornada laboral, asistían a estas clases de formación profesional organizadas en horario nocturno no Plantel do Centro Galego para poder acceder a traballos máis especializados que lles posibilitarían ascender socialmente e gozar dunha mellor posición económica. Alí recibían cursos de mecanografía e taquigrafía, aritmética, contabilidade, cálculo mercantil, xeografía e historia comercial, álxebra, prácticas de oficina, caligrafía e ortografía ou inglés, entre outras materias. As clases nocturnas eran mixtas e contaban con todos os medios metodolóxicos e técnicos para obter un título que acreditase a súa formación nas empresas e negocios nos que querían traballar.


Escola Curros Enríquez, Montevideo, ca. 1970
Ver

Transcripción da Escola Curros Enríquez, Montevideo, ca. 1970

O 1 de outubro de 1917 uns cincocentos galegos e fillos de galegos, «con entusiasmo indescriptible», botaron os cimentos da Casa de Galicia de Montevideo, fundada polo baionés José María Barreiro e outros galegos con ideais, para un bo futuro da colectividade alí residente. A Escola Curros Enríquez foi creada pola Sección de Instrución desta sociedade de emigrantes no Uruguai, un gran labor desenvolvido co fin de poder ofrecer formación educativa aos seus socios e socias, á marxe do carácter mutualista e benéfico da entidade. Ao chamado polos asociados «Instituto Social» podían asistir tanto os pais como os fillos dos socios. Entre as materias principais que se impartían na escola constaban as seguintes: dactilografía, aritmética, cálculos mercantís, levanza de libros, taquigrafía, caligrafía e ortografía. O ensino foise ampliado co paso dos anos, coa introdución do curso de inglés. A media de alumnos e alumnas matriculadas nesta escola, co fin de recibir coñecementos para aprender habilidades certificadas que lles permitisen lograr certa mobilidade no futuro ámbito laboral superaba con creces o centenar anual.


Pura Vázquez nunha aula de «Kinder», Caracas, ca. 1955
Ver

Transcripción da Pura Vázquez nunha aula de «Kinder», Caracas, ca. 1955

En 1955 Pura Vázquez, con 37 anos de idade, apuntouse á aventura migratoria rumbo a Venezuela. Desde o principio mantivo unha estreita relación cos centros galegos creados en Caracas e sempre estivo de acordo coa súa fusión, que finalmente tivo lugar coa creación da emblemática Hermandad Gallega de Venezuela.
A capital caraqueña converteuse nun lugar onde Pura Vázquez desenvolveu o seu labor como docente dos escolares máis pequenos, pois estudara Maxisterio na Escola Normal de Mestres da Coruña e tiña xa un notable percorrido profesional non só en Galicia, senón tamén en Segovia, Madrid e outros lugares de España. Traballou nun dos colexios máis modernos de Venezuela e alí coñeceu a verdadeira diversidade racial dos cativos e as distintas procedencias do profesorado. Esta curta experiencia como mestra do xardín de infancia durou un ano e medio, pois axiña se lle presentou unha oportunidade nova relacionada co mundo das letras e o xornalismo en Caracas, onde se publicou parte da súa obra literaria. Pasou a traballar na Escuela de Periodismo da Universidad Central de Venezuela baixo a dirección do seu fundador, o profesor Héctor Mujica. Alí coñeceu presidentes e expresidentes das repúblicas latinoamericanas así como embaixadores de moitos países, e tamén chegou a reencontrarse co seu amigo o escritor e hispanista irlandés Walter Starkie. A súa presenza en Caracas foi intermitente, pois estivo tres veces alí ata a súa volta definitiva a Galicia en 1969.
Recollemos as seguintes palabras sobre Pura, que foron escritas por José Luis López Cid para o xornal compostelán La Noche tras un dos retornos da escritora a Galicia en 1960: «Ruedan los discos de canciones llaneras, álbumes con fotografías, recortes de periódicos, libros; la labor de Pura en Venezuela y sus recuerdos de cinco años nebulosamente confundidos en el baho del trópico. Ella no sabe bien si ha vuelto o si estuvo siempre aquí».


Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires
Ver

Transcripción da Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires

O 18 de decembro de 1996 constituíuse o Padroado da Fundación Galicia-América, creada grazas á achega do Centro Galicia de Bos Aires e o apoio material da Xunta de Galicia. A súa principal finalidade é a administración e guía do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol. Este proxecto educativo supuxo o afianzamento dos valores que leva consigo a galeguidade, a través dos e das descendentes de emigrantes galegos residentes en Bos Aires. Os obxectivos do Instituto son o fomento do ensino en todos os niveis educativos e a consecución do seu ideario, centrado en «propagar y sostener una educación basada en los principios biculturales argentino-gallegos», a través do coñecemento dos valores culturais do pobo galego, así como da súa lingua, historia e tradicións culturais.


Aula de informática do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, ca. 2015
Ver

Transcripción da Aula de informática do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, ca. 2015

O estudantado deste centro educativo ten acceso a un ambicioso plan de estudos no que se imparten as materias curriculares marcadas pola Dirección General de Educación Privada do Ministerio de Educación da República Arxentina. Por outra banda, teñen materias extracurriculares obrigatorias: lingua galega —que aprenden os nenos e nenas desde os catro anos—, literatura galega, e xeografía e historia de Galicia, ademais doutras optativas, como música, teatro, baile galego etc. Deste xeito, cúmprese tamén o obxectivo de seguir un plan o máis parecido posible ao que se imparte na Galicia territorial. As súas instalacións contan con salas de concerto, bibliotecas para cada nivel, aulas de informática, laboratorio de física e química, comedores e salas para conferencias e actos multitudinarios, como a representación de obras teatrais. O ximnasio, as canchas deportivas e a piscina son compartidos co Centro Galicia de Bos Aires.


1909-00-00
Mestres e mestras do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1909
Ver

Transcripción da Mestres e mestras do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1909 en 00/00/1909

A sección de instrución do Centro Galego ocupábase de todos os aspectos relacionados coa creación e mantemento das aulas en que se impartía a ensinanza aos socios da entidade. Desde o primeiro momento unha das súas preocupacións foi a contratación dun corpo de profesorado do máis alto nivel educativo. No artigo 14 do seu regulamento aparecían especificadas as esixencias e responsabilidades dos mestres do Plantel. As prazas outorgábanse por concurso de méritos, elixindo sempre os mellores expedientes con acreditación documental da súa formación profesional, ademais de ter en conta a súa boa consideración no seo da colectividade. Aínda que non era unha condición principal, «tendrán derecho preferente a ser profesores de esta sociedad, los gallegos y oriundos de Galicia, y a falta de estos, los de cualquier otra provincia de España». Nos seus programas educativos vemos como se impartía unha ensinanza moderna e participativa do alumnado, seguindo os plans de estudos cubanos. Ao longo da historia desta entidade houbo unha extensa nómina de docentes destacados, como o pedagogo Vicente Fraiz Andión, o escritor Eduardo Núñez Sarmiento ou as mestras Elisa Losada e Andrea López Chao, quen chegou a ser directora do colexio.


1933-06-30
Premio ao esforzo: diploma do Plantel Concepción Arenal, A Habana, curso 1932-33
Ver

Transcripción da Premio ao esforzo: diploma do Plantel Concepción Arenal, A Habana, curso 1932-33 en 30/06/1933

Ao rematar o curso escolar, o Plantel celebraba un festival en que se entregaba ás alumnas e alumnos o diploma conforme adquiriran os coñecementos necesarios para superar o curso. Na imaxe podemos ver a acreditación da alumna Margarita Senra, coa cualificación de sobresaínte no seus estudos de taquigrafía, o que lle permitiría obter un posto laboral nunha empresa ou negocio.
É interesante coñecer que a formación educativa deste centro era recoñecida a nivel oficial polo ministerio correspondente do Goberno cubano.


1934-00-00
Grupo de alumnas coas súas profesoras, A Habana, curso escolar 1933-34
Ver

Transcripción da Grupo de alumnas coas súas profesoras, A Habana, curso escolar 1933-34 en 00/00/1934

Co paso do tempo e en paralelo á modernización da sociedade, foise ampliando o programa de estudos para as nenas e mulleres. As fillas dos emigrantes galegos nacidas na illa de Cuba comezaban os seus estudos de primaria no Plantel e moitas emigrantes acudían aos seus cursos de alfabetización ou mecanografía. Acadaban así unha formación que, segundo os casos, ampliaban ou lles servía para ter unha educación e cultura básicas para o seu futuro. O acceso laboral das mulleres cubanas ao sector do comercio, da pequena empresa ou dos servizos era bastante maior que en Galicia, e as galegas aspiraban a ocupar eses postos de maior remuneración e mellor consideración social, máis aló do sector doméstico, principal nicho laboral para as nosas emigrantes.
Na imaxe vemos as alumnas vestidas co uniforme escolar oficial do colexio. Estes retratos facíanse ao remate do curso como unha lembranza do seu paso pola institución. Moitas delas quedaban vinculadas ao centro, ben traballando como mestras, ben participando nos festivais e actividades que se organizaban para difundir e apoiar o labor educativo do Centro Galego. As súas fillas tamén serán alumnas do centro.


1941-00-00
Colegio Madrid, Cidade de México, 1941
Ver

Transcripción da Colegio Madrid, Cidade de México, 1941 en 00/00/1941

Varios miles de españois, entre os que figuraban moitos galegos, foron obrigados a abandonar a súa patria tras o estoupido da Guerra Civil polo feito de permanecer fieis ao Goberno republicano legalmente constituído. Países como Francia e Portugal serviron principalmente como lugares de tránsito dos exiliados galegos cara a varios destinos americanos de acollida, entre os que destacaron México e A Arxentina. A experiencia migratoria —provocada por factores que escapaban á propia vontade persoal— non lles impediu alcanzar unha integración efectiva e desenvolver iniciativas de moi diversa índole, dada a súa notable formación académica e o seu previo desempeño laboral como profesionais tanto liberais como do corpo de docentes con certa actividade política. O apoio recibido polo Goberno mexicano foi fundamental para lograr o ascenso nos círculos sociais e económicos do país. O presidente Lázaro Cárdenas e o Partido Revolucionario Institucional (PRI) foron pezas claves. Os exiliados españois e galegos crearon institucións de carácter político (Alianza Nazonal Galega), societario, cultural, recreativo etc.
No ámbito educativo os exiliados fundaron centros docentes coñecidos como «colexios do exilio», un dos cales foi o emblemático Colegio Madrid, fundado na Cidade de México en 1941 e exemplo de desenvolvemento do proxecto educativo da Segunda República española, que seguía os valores republicanos de democracia, xustiza e equidade. Durante todas estas décadas de funcionamento logrou consolidarse como unha institución de excelencia académica e innovación pedagóxica.
Nesta imaxe atopamos a María Concepción Pazo Álvarez, profesora estradense, que tivo que deixar o seu traballo como agregada de Inspección en Santiago de Compostela en 1946 para reunirse co seu home, Celestino López López, quen xa levaba dez anos esperándoa na Cidade de México. Alí traballou como mestra de educación primaria no Colegio Madrid ata que retornou a Galicia en 1971.


1954-00-00
Autobús do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1954
Ver

Transcripción da Autobús do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1954 en 00/00/1954

A Sección de Instrución e Cultura do Centro Galego ocupábase de que o alumnado do centro escolar obtivese a mellor e máis moderna formación académica posible facilitando todo o mobiliario e material pedagóxico necesarios para obter os mellores resultados. Tamén poñía á disposición do alumnado medios de transporte para poder acceder ao colexio. Así aparece reflectido na memoria escolar do curso 1954-1955, na que se congratulaba de ter «un magnífico e insuperable servicio de ómnibus nuevos para la mayor comodidad en el transporte de sus alumnos». Este servizo tamén era empregado nas numerosas excursións educativas e festivas que se organizaban durante o curso escolar.


1960-00-00
Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago, Salvador de Bahia, 1960
Ver

Transcripción da Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago, Salvador de Bahia, 1960 en 00/00/1960

Esta sociedade de emigrantes galegos e galegas residentes en Salvador de Bahia foi fundada o 27 de novembro de 1960 co firme compromiso de manter e difundir a identidade galega a través do desenvolvemento de actividades de formación sobre cultura e lingua galegas entre os asociados e todas aquelas persoas interesadas no seu coñecemento, independentemente da súa procedencia.
A Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago mantén unha estreita relación co Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galega - CELGA. Trátase dunha institución cultural creada o 30 de marzo de 1995, a través dun convenio entre a Xunta de Galicia e a Universidade Federal da Bahia, no que tamén participa a Universidade de Santiago de Compostela. A súa finalidade é estimular o intercambio cultural entre Salvador de Bahia e Galicia coa organización de cursos de lingua, literatura e cultura galegas, entre outras actividades. Ademais, a entidade funciona como centro de referencia para a aprendizaxe da lingua española na cidade, pois é un dos centros examinadores do Diploma de Español como Lingua Estranxeira, outorgado polo Instituto Cervantes. Organiza os cursos con grande afluencia de alumnado, o que leva a que moitos asistentes se animen a dar un paso máis e realizar tamén os cursos de lingua galega que alí se imparten.
Nesta imaxe aparece o grupo folclórico de baile de Caballeros de Santiago cos seus certificados de asistencia ao Seminario de Baile Tradicional Galego que tivo lugar en Salvador de Bahia, impartido polo profesor Miguel Sotelo Vidal no ano 2018.


1962-07-28
Inauguración da Escuela Galicia, Montevideo, 28 de xullo de 1962
Ver

Transcripción da Inauguración da Escuela Galicia, Montevideo, 28 de xullo de 1962 en 28/07/1962

A presenza da colectividade galega emigrada no Uruguai foi moi destacada, así como o seu apoio ás numerosas actuacións a prol da cultura e o desenvolvemento de Galicia. Figuras sobresaíntes foron os irmáns Canabal —con Xesús como benfeitor e pioneiro na defensa do galeguismo e da cultura galega alén mar—, Manuel Meilán, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xosé Fernández Seivane e tantos outros.
En 1961 o galeguista Antón Crestar, coñecido da mestra da aula de sexto grao do centro —un colexio público que, segundo o costume do país, era coñecido como Escuela nº 43—, foi invitado a dar unha conferencia. Tras impartir unha charla sobre Galicia e a súa cultura con grande éxito, no peche do acto o alumnado asistente cantou a canción A rianxeira como homenaxe á terra galega e á colectividade emigrada. Nunha reunión posterior coa Comisión de Fomento comentouse que a escola aínda non tiña nome e Crestar propuxo que se lle dese o nome de «Galicia». Era habitual que os centros educativos do Uruguai levasen o nome dun país, mais non así dunha rexión. Tras numerosos contactos coas autoridades, a Asemblea Xeral do Poder Lexislativo aprobou esta denominación. A partir de aí manifestouse a unión de toda a colectividade para mellorar as condicións da citada escola. Xesús Canabal, á fronte do Banco de Galicia, achegou fondos para levar a cabo obras de acondicionamento, mercar materiais educativos e mobiliario, etc.
O acto de inauguración foi presidido por Maravilla Pérez, esposa de Xesús Canabal, que estaba de viaxe, e a el asistiron numerosas autoridades e unha representación importante da colectividade, orgullosa de que unha escola uruguaia levase o nome da súa terra.


1962-07-28
Grupo de alumnos e alumnas da Escuela Galicia, Montevideo, 1962
Ver

Transcripción da Grupo de alumnos e alumnas da Escuela Galicia, Montevideo, 1962 en 28/07/1962

Vemos na imaxe un grupo do alumnado máis pequeno desta escola no seu acto de inauguración. Nenos e nenas co seu uniforme portan a bandeira de Galicia. É curiosa a anécdota de que nos actos públicos o estudantado cantaba o himno galego xunto co do Uruguai. Como non era un himno oficial, o consello escolar, do que formaban parte Antón Crestar, Xesús Canabal e Pepe Fernández, buscou a maneira de manter este costume: anunciábase como a interpretación da Canción dos piñeiros e así todo o público asistente honraba a Galicia e a súa cultura. Todos os galeguistas e persoeiros que visitaban a cidade eran convidados a visitar o centro educativo como un símbolo máis da pegada da galeguidade no país. E durante moitos anos os galegos e galegas do Uruguai apoiaron economicamente este centro educativo.
Hoxe en día continúa a funcionar como colexio para os nenos e nenas uruguaias, aínda que noutro edificio.


1965-00-00
Unidade Educativa Colexio Castelao, Instituto Educacional da Hermandad Gallega de Venezuela, Caracas, 1965
Ver

Transcripción da Unidade Educativa Colexio Castelao, Instituto Educacional da Hermandad Gallega de Venezuela, Caracas, 1965 en 00/00/1965

O 17 de maio de 1962 o profesor Amancio Peleteiro presentou —ante a asemblea de socios convocada polo Comité Executivo da Hermandad Gallega de Venezuela— o anteproxecto e informe preliminar para a fundación do Instituto Educacional da Hermandad Gallega. Peleteiro contaba cunha ampla traxectoria docente e desenvolvera un efectivo labor de xestión en Santiago de Compostela. Foi o creador do Colegio e Instituto Minerva en Caracas. O centro impartía clases diúrnas a rapaces de todos os niveis educativos, desde preescolar ata bacharelato. Pola noite o centro atendía as necesidades educativas dos adultos, con clases de bacharelato e contabilidade.
Así chegou a creación do Colegio Castelao, con data fundacional do 7 de agosto de 1965, despois dun arduo labor do Comité Pro-escuelas Castelao e coa colaboración activa da directiva e do conxunto de socios e socias da entidade. A misión do Colegio Castelao consistía en ofrecer unha educación integral e de calidade ás novas xeracións.


2008-00-00
Aula de cuarto grao de educación primaria da Unidad Educativa Colegio Castelao, Caracas, 2008
Ver

Transcripción da Aula de cuarto grao de educación primaria da Unidad Educativa Colegio Castelao, Caracas, 2008 en 00/00/2008

Nun principio, as actividades académicas iniciáronse sen unha sede propia, e impartíanse clases desde educación infantil, coñecida popularmente como «Kinder», ata os primeiros cursos de educación primaria. Pouco a pouco foise ampliando a cobertura educativa e a partir do curso 1987-1988 acada a etapa de bacharelato. En 1999-2000 o Colegio Castelao estrea nova sede nas instalacións da propia Hermandad Gallega de Venezuela, e nese ano académico conta cunha poboación escolar de máis de catrocentos alumnos. Hoxe esta institución educativa leva 58 anos de andaina e está perfectamente consolidada como tal, cun prestixio crecente na comunidade de acollida.
Na imaxe aparece a profesora Meilán, que tivo unha longa traxectoria como docente do alumnado de primaria. O seu pai, Eduardo Meilán, foi un dos galegos que participaron activamente na iniciativa de creación do Colegio Castelao, do que foi profesor de cultura galega e tamén presidente da Hermandad Gallega en varias ocasións.


2008-00-00
«Somos Castelao, somos Hermandad». Alumnado formando fila para entrar ás aulas do Colegio Castelao, Caracas, 2008
Ver

Transcripción da «Somos Castelao, somos Hermandad». Alumnado formando fila para entrar ás aulas do Colegio Castelao, Caracas, 2008 en 00/00/2008

Un dos obxectivos principais da Unidad Educativa Colegio Castelao é o de brindar unha educación integral e de calidade aos fillos e fillas dos socios, como forma de apoiar as familias, nun contexto en que se difundan e defendan a lingua e a cultura galegas, ademais de ofrecer un coñecemento profundo dos valores, a cultura e as tradicións de Venezuela.
Esta institución proxecta, mediante o seu exitoso funcionamento, os obxectivos perseguidos desde a súa creación: «Educar, promover, investigar y ejecutar la pedagogía de los saberes en los valores, impartiendo la ciencia, la moral y lo humanístico en niñas, niños, adolescentes y jóvenes […] con una filosofía centrada en una educación moderna».


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Agra Romero, María XoséVidal Martínez, AuroraMontero Díaz, SantiagoVazquez, AbelardoVazquez, LuisGonzalez, MalenaBrey Guerra, PedroCaneiro, HoracioAlonso Montero, XesúsCores Trasmonte, BaldomeroFernández Paz, AgustínGarcía Naveira, JesúsCabanas, ConstantinoPeña, Marina de laVeiga, ManuelCastelao, Ferradáns, MíriamPerez, CarlosGarcía Naveira, JuanRico Verea, ManuelFilgueira Valverde, XoséSánchez Arévalo, JoséVara, AlfredoTrillo, FedericoCorral, Jose CarlosVázquez Iglesias, PuraBlanco Campaña, Xose LuísPita, LuisGarcía Martín, ManuelGonzalez, FranciscoTorres Ferrer, SabinoVega, AgustínMini, Santamarina, AntónPrado Freire1, CamiloBlanco Santiago, CarlosCela, Camilo JoséLopez Taboada, CarmelaGarcía Ramos, DanielLopez Iglesias, Jose LuisOtero Pedrayo, RamónNúñez Seixas, Xosé M.González, FlorSánchez Cantón, Francisco JavierFraga, ManuelCosta Rico, AntónFariña Cobián, HerminiaAlvarez, EduardoBarbeito Diaz, XuliaPesegueiro, Alfonso Temáticas: MullerespolíticafilosofíafeminismoxustizaMulleres no Álbum de GaliciaFondo Miguel Gutiérrez. Propaganda política na TransiciónFondos de Radio Nacional de España en GaliciaÁlbum de Galiciaacción políticaAcción sindicalorganizaciónsliteraturanacionalismosociedadeemigraciónHistorias de ida e voltauniversidadeasociaciónsensaiomovementos sociaisDefensa da lingualinguaentrevistaA pegada educativa da emigración galega en América“cartografías” do Álbum de mulleresidentidade culturalGalegosocioloxíafotografíaetnografíateatroEconomía. Dereito. PolíticaremesasemigrantesO labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos entroidofestastradiciónpedagoxíaliteratura española do s. XXProcesos electoraiseducaciónAsociacións culturaismúsicaidiomasinglésLa familia de Pascual Duartepolítica institucionalOTAN

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0