Temática: Historias de ida e volta [27]
| Data | Material | Ver |
|---|---|---|
| Data | Material | Ver |
Antía Cal. Mestra e pedagoga vocacional |
Ver
Transcripción da Antía Cal. Mestra e pedagoga vocacionalNacida na Habana o 18 de abril de 1923, Antía Cal Vázquez era filla de emigrantes galegos orixinarios de Muras. Os seus nomes eran: Vicenta Vázquez e Xosé Cal. Viviu alí cos seus pais ata os nove anos. Sempre comentaba que nesta etapa foi moi feliz en Cuba. Estivo escolarizada no Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana. Preocupado pola educación dos fillos, Xosé decide enviar a Galicia á súa muller con eles no barco Cristóbal Colón en 1932, mentres que el permanecería na illa durante 15 anos máis. Tras a chegada a Galicia, o seu fogar foi a casa dos avós maternos, no Mesón Muras, da que conserva moi gratas lembranzas. Antía continuou cos seus estudos no Colexio Dequidt da Coruña, no que tivo boa adaptación. Santiago de Compostela, a onde se mudaron en 1939, sería o seu novo destino familiar. Antía estudou alí, primeiro, Comercio e Maxisterio e, logo, Xeografía e Historia. En 1944, con 21 anos de idade, coñece o que sería o seu marido, o Dr. Antón Beiras, oftalmólogo de Vigo que estaba realizando unha investigación sobre o estrabismo. Deciden casar en 1947 e Antía pon unha condición: ela tamén tiña que atopar traballo. Mentres o dito traballo non aparecía, Antía acompañou a Antón nunha viaxe de estudos por varios países europeos. A estadía que tiveron en Xenebra marcou profundamente a visión de futuro de Antía. Asistiu a un acto do recoñecido pedagogo Pestalozzi, no que descubriu as novas tendencias no desenvolvemento da metodoloxía pedagóxica expostas pola UNESCO. Eses novos coñecementos serían de grande utilidade, tanto para o seu desenvolvemento profesional como para aplicalos na educación dos seus fillos. Despois da citada experiencia, o matrimonio decidiu enviar os seus fillo a cursar a Educación Primaria no Reino Unido. Ela chegou a cumprir o soño de fundar a Escola Rosalía de Castro en Vigo en 1962, na que aplicou todos os coñecementos adquiridos cunha perspectiva educativa revolucionaria, avanzada e un tanto cosmopolita. En 1968 morreu Antón Beiras e Antía quedou viúva con catro fillos e coa responsabilidade de dirixir a súa escola. A metodoloxía aplicada no seu centro educativo rompía co ensino tradicional, sendo unha escola bilingüe, co inglés como segunda lingua, e mixta. O uso do galego normalizouse, sobre todo nas zonas comúns, a pesar da prohibición franquista do seu uso nas aulas. Foi galardoada con varios premios e no 2006 a editorial Galaxia publicoulle as súas memorias: Este camiño que fixemos xuntos.
|
|
Alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias posan diante do edificio principal, sen data |
Ver
Transcripción da Alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias posan diante do edificio principal, sen dataA construción do primeiro edificio, que estamos a ver na imaxe, comezou en 1920. Trátase do inmoble principal, onde estaban situadas as aulas e demais dependencias para o ensino e o profesorado. Edificio de grandes dimensións, estaba formado por un corpo central de planta baixa, primeiro andar e faiado e dúas ás a cada lado. Na planta baixa, á esquerda estaban as aulas, os servizos e unha estancia para o profesorado; na dereita, as dependencias da Dirección da escola, a cociña, o comedor e un almacén de víveres. A súa ornamentación é moi sobria, con numerosos vans e ocos resaltados con molduras. Na fachada destaca a dobre escalinata, que lle dá monumentalidade ao conxunto, cunha fonte central con cabeza de dragón e unha araucaria que lle achega un eixe simétrico.
|
|
Figuras representativas dunha vila: os irmáns García Naveira, Betanzos |
Ver
Transcripción da Figuras representativas dunha vila: os irmáns García Naveira, BetanzosEn 1983 trasládase a escultura marmórea dos filántropos García Naveira ata a praza que leva o seu nome, con motivo do cincuentenario do falecemento de Juan. Trátase dunha estatua que estaba situada orixinalmente na parte baixa do parque do Pasatempo. A escultura representa a Jesús sinalando os edificios do asilo e as escolas creadas por ambos os benfeitores, mentres que Juan escoita polo auricular dun teléfono. Sospéitase que a realización do monumento correu a cargo da Federación de Sociedades Obreiras de Betanzos (agricultores, canteiros e carpinteiros, entre outros oficios), en sinal de agradecemento aos irmáns García Naveira, e tamén que foi unha obra encargada ao artista S. Sbricoli.
|
|
Escola e asilo García Hermanos, a protección dos máis vulnerables |
Ver
Transcripción da Escola e asilo García Hermanos, a protección dos máis vulnerablesA vontade filantrópica dos indianos García Naveira vén ilustrada principalmente a través da creación do asilo e as escolas García Hermanos. Con ese obxectivo quedou constituída unha fundación benéfica de «patronato particular perpetuo», por escritura pública do 23 de agosto de 1908. O capital de base, achegado a partes iguais polos dous irmáns, foi de 500 000 pesetas. O predio para a construción de ambos os edificios anexos foi cedido polos dez concellos do partido xudicial de Betanzos. No artigo primeiro dos estatutos do Patronato Benéfico-Docente García Hermanos recóllese a súa natureza e finalidade xeral:
|
|
A educación como fin primordial: o pasado e o presente das escolas da Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor (1914-2014) |
Ver
Transcripción da A educación como fin primordial: o pasado e o presente das escolas da Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor (1914-2014)A sociedade promotora deste centro educativo tivo como obxectivo principal, desde a súa fundación en 1905, a creación de escolas na súa comarca natal. Na primavera de 1909 fundou unha escola na parroquia da Ramallosa, que chegou a ter máis de 180 alumnos. Esta escola funcionaba baixo os postulados pedagóxicos de Ignacio Ares de Parga, baseados no modelo educativo arxentino. O éxito en toda a comarca foi enorme e a gran demanda por parte do alumnado para asistir ás súas clases obrigounos a construír un novo edificio escolar, cuxos planos foron deseñados por Jacobo Esténs Romero. |
|
Clase de mecanografía no Plantel Concepción Arenal, A Habana, ca. 1950 |
Ver
Transcripción da Clase de mecanografía no Plantel Concepción Arenal, A Habana, ca. 1950O desexo dos e das emigrantes galegas por mellorar a súa formación foi unha constante na colectividade de alén mar. Pese á loita das sociedades instrutivas que tantos esforzos fixeron no primeiro terzo do século XX para fundar centros escolares en Galicia e paliar os altos niveis de analfabetismo que existían nas vilas galegas da época, moitos dos emigrantes chegaban aos países de acollida con escasa cualificación. Despois dunha dura xornada laboral, asistían a estas clases de formación profesional organizadas en horario nocturno no Plantel do Centro Galego para poder acceder a traballos máis especializados que lles posibilitarían ascender socialmente e gozar dunha mellor posición económica. Alí recibían cursos de mecanografía e taquigrafía, aritmética, contabilidade, cálculo mercantil, xeografía e historia comercial, álxebra, prácticas de oficina, caligrafía e ortografía ou inglés, entre outras materias. As clases nocturnas eran mixtas e contaban con todos os medios metodolóxicos e técnicos para obter un título que acreditase a súa formación nas empresas e negocios nos que querían traballar.
|
|
Escola Curros Enríquez, Montevideo, ca. 1970 |
Ver
Transcripción da Escola Curros Enríquez, Montevideo, ca. 1970O 1 de outubro de 1917 uns cincocentos galegos e fillos de galegos, «con entusiasmo indescriptible», botaron os cimentos da Casa de Galicia de Montevideo, fundada polo baionés José María Barreiro e outros galegos con ideais, para un bo futuro da colectividade alí residente. A Escola Curros Enríquez foi creada pola Sección de Instrución desta sociedade de emigrantes no Uruguai, un gran labor desenvolvido co fin de poder ofrecer formación educativa aos seus socios e socias, á marxe do carácter mutualista e benéfico da entidade. Ao chamado polos asociados «Instituto Social» podían asistir tanto os pais como os fillos dos socios. Entre as materias principais que se impartían na escola constaban as seguintes: dactilografía, aritmética, cálculos mercantís, levanza de libros, taquigrafía, caligrafía e ortografía. O ensino foise ampliado co paso dos anos, coa introdución do curso de inglés. A media de alumnos e alumnas matriculadas nesta escola, co fin de recibir coñecementos para aprender habilidades certificadas que lles permitisen lograr certa mobilidade no futuro ámbito laboral superaba con creces o centenar anual.
|
|
Pura Vázquez nunha aula de «Kinder», Caracas, ca. 1955 |
Ver
Transcripción da Pura Vázquez nunha aula de «Kinder», Caracas, ca. 1955En 1955 Pura Vázquez, con 37 anos de idade, apuntouse á aventura migratoria rumbo a Venezuela. Desde o principio mantivo unha estreita relación cos centros galegos creados en Caracas e sempre estivo de acordo coa súa fusión, que finalmente tivo lugar coa creación da emblemática Hermandad Gallega de Venezuela.
|
|
Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires |
Ver
Transcripción da Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos AiresO 18 de decembro de 1996 constituíuse o Padroado da Fundación Galicia-América, creada grazas á achega do Centro Galicia de Bos Aires e o apoio material da Xunta de Galicia. A súa principal finalidade é a administración e guía do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol. Este proxecto educativo supuxo o afianzamento dos valores que leva consigo a galeguidade, a través dos e das descendentes de emigrantes galegos residentes en Bos Aires. Os obxectivos do Instituto son o fomento do ensino en todos os niveis educativos e a consecución do seu ideario, centrado en «propagar y sostener una educación basada en los principios biculturales argentino-gallegos», a través do coñecemento dos valores culturais do pobo galego, así como da súa lingua, historia e tradicións culturais.
|
|
Aula de informática do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, ca. 2015 |
Ver
Transcripción da Aula de informática do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol, Bos Aires, ca. 2015O estudantado deste centro educativo ten acceso a un ambicioso plan de estudos no que se imparten as materias curriculares marcadas pola Dirección General de Educación Privada do Ministerio de Educación da República Arxentina. Por outra banda, teñen materias extracurriculares obrigatorias: lingua galega —que aprenden os nenos e nenas desde os catro anos—, literatura galega, e xeografía e historia de Galicia, ademais doutras optativas, como música, teatro, baile galego etc. Deste xeito, cúmprese tamén o obxectivo de seguir un plan o máis parecido posible ao que se imparte na Galicia territorial. As súas instalacións contan con salas de concerto, bibliotecas para cada nivel, aulas de informática, laboratorio de física e química, comedores e salas para conferencias e actos multitudinarios, como a representación de obras teatrais. O ximnasio, as canchas deportivas e a piscina son compartidos co Centro Galicia de Bos Aires.
|
|
| 1906-00-00 | Poñendo en marcha un soño: sinatura da escritura de compra do solar para construír o edificio escolar en Ares, 1906 |
Ver
Transcripción da Poñendo en marcha un soño: sinatura da escritura de compra do solar para construír o edificio escolar en Ares, 1906 en 00/00/1906Na imaxe aparecen os directivos da Alianza Aresana de Instrucción tras a sinatura da compra do solar na vila de Ares para edificar un centro escolar da súa propiedade.
|
| 1909-00-00 | Mestres e mestras do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1909 |
Ver
Transcripción da Mestres e mestras do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1909 en 00/00/1909A sección de instrución do Centro Galego ocupábase de todos os aspectos relacionados coa creación e mantemento das aulas en que se impartía a ensinanza aos socios da entidade. Desde o primeiro momento unha das súas preocupacións foi a contratación dun corpo de profesorado do máis alto nivel educativo. No artigo 14 do seu regulamento aparecían especificadas as esixencias e responsabilidades dos mestres do Plantel. As prazas outorgábanse por concurso de méritos, elixindo sempre os mellores expedientes con acreditación documental da súa formación profesional, ademais de ter en conta a súa boa consideración no seo da colectividade. Aínda que non era unha condición principal, «tendrán derecho preferente a ser profesores de esta sociedad, los gallegos y oriundos de Galicia, y a falta de estos, los de cualquier otra provincia de España». Nos seus programas educativos vemos como se impartía unha ensinanza moderna e participativa do alumnado, seguindo os plans de estudos cubanos. Ao longo da historia desta entidade houbo unha extensa nómina de docentes destacados, como o pedagogo Vicente Fraiz Andión, o escritor Eduardo Núñez Sarmiento ou as mestras Elisa Losada e Andrea López Chao, quen chegou a ser directora do colexio.
|
| 1915-00-00 | Regulamento das escolas García Hermanos, Betanzos, 1915 |
Ver
Transcripción da Regulamento das escolas García Hermanos, Betanzos, 1915 en 00/00/1915Ao parecer, a dirección do centro de ensino era responsabilidade de Juan García Naveira. A finalidade era aplicar un modelo educativo progresista nun contorno académico agradable e estimulante para o alumnado. Tratábase dun modelo pedagóxico que xa se viña empregando naquelas escolas que se atopaban baixo o patrocinio da Institución Libre de Ensinanza, dirixida por Giner de los Ríos. |
| 1917-09-02 | Escolas García Hermanos, por unha escola aberta que amplíe horizontes para os brigantinos máis novos (inauguradas o 2 de setembro de 1914) |
Ver
Transcripción da Escolas García Hermanos, por unha escola aberta que amplíe horizontes para os brigantinos máis novos (inauguradas o 2 de setembro de 1914) en 02/09/1917Os irmáns García Naveira, como outros indianos enriquecidos, aproveitaron a prosperidade propia para promover o desenvolvemento educativo, cultural, social e material do seu lugar de orixe. Un exemplo ben representativo foi a construción e o mantemento das escolas para os nenos e nenas das clases máis desfavorecidas de Betanzos. As escolas García Hermanos eran coñecidas como escolas do asilo, pois estaban a carón deste. O edificio tiña instalacións independentes para cada sexo, tanto as aulas como os espazos de recreo. Os horarios tamén estaban diferenciados e procurábase que os varóns saísen con media hora de antelación con respecto ás rapazas.
|
| 1931-00-00 | Homenaxe ao filántropo Agapito Serra Fernández, 1931 |
Ver
Transcripción da Homenaxe ao filántropo Agapito Serra Fernández, 1931 en 00/00/1931Agapito Serra foi un de tantos emigrantes galegos que tivo que marchar cara a Portugal en busca de novas oportunidades. Nado no concello pontevedrés de Covelo, a elección do país de emigración vénlle dada polas fortes cadeas migratorias dos seus veciños e familiares en Portugal. Grazas ao seu esforzo chegou a ser un importante home de negocios no sector da hostalaría e da alimentación. Con todo, non esqueceu a súa terra natal e mandou construír na súa aldea natal unha escola «con capacidad para setenta alumnos y casa habitación correspondiente para el maestro con todas las comodidades». A Casa-escola San José foi inaugurada en 1923 e hoxe en día continúa a funcionar como un centro de verán para os e as veciñas do lugar.
|
| 1933-06-30 | Premio ao esforzo: diploma do Plantel Concepción Arenal, A Habana, curso 1932-33 |
Ver
Transcripción da Premio ao esforzo: diploma do Plantel Concepción Arenal, A Habana, curso 1932-33 en 30/06/1933Ao rematar o curso escolar, o Plantel celebraba un festival en que se entregaba ás alumnas e alumnos o diploma conforme adquiriran os coñecementos necesarios para superar o curso. Na imaxe podemos ver a acreditación da alumna Margarita Senra, coa cualificación de sobresaínte no seus estudos de taquigrafía, o que lle permitiría obter un posto laboral nunha empresa ou negocio.
|
| 1934-00-00 | Grupo de alumnas coas súas profesoras, A Habana, curso escolar 1933-34 |
Ver
Transcripción da Grupo de alumnas coas súas profesoras, A Habana, curso escolar 1933-34 en 00/00/1934Co paso do tempo e en paralelo á modernización da sociedade, foise ampliando o programa de estudos para as nenas e mulleres. As fillas dos emigrantes galegos nacidas na illa de Cuba comezaban os seus estudos de primaria no Plantel e moitas emigrantes acudían aos seus cursos de alfabetización ou mecanografía. Acadaban así unha formación que, segundo os casos, ampliaban ou lles servía para ter unha educación e cultura básicas para o seu futuro. O acceso laboral das mulleres cubanas ao sector do comercio, da pequena empresa ou dos servizos era bastante maior que en Galicia, e as galegas aspiraban a ocupar eses postos de maior remuneración e mellor consideración social, máis aló do sector doméstico, principal nicho laboral para as nosas emigrantes.
|
| 1941-00-00 | Colegio Madrid, Cidade de México, 1941 |
Ver
Transcripción da Colegio Madrid, Cidade de México, 1941 en 00/00/1941Varios miles de españois, entre os que figuraban moitos galegos, foron obrigados a abandonar a súa patria tras o estoupido da Guerra Civil polo feito de permanecer fieis ao Goberno republicano legalmente constituído. Países como Francia e Portugal serviron principalmente como lugares de tránsito dos exiliados galegos cara a varios destinos americanos de acollida, entre os que destacaron México e A Arxentina. A experiencia migratoria —provocada por factores que escapaban á propia vontade persoal— non lles impediu alcanzar unha integración efectiva e desenvolver iniciativas de moi diversa índole, dada a súa notable formación académica e o seu previo desempeño laboral como profesionais tanto liberais como do corpo de docentes con certa actividade política. O apoio recibido polo Goberno mexicano foi fundamental para lograr o ascenso nos círculos sociais e económicos do país. O presidente Lázaro Cárdenas e o Partido Revolucionario Institucional (PRI) foron pezas claves. Os exiliados españois e galegos crearon institucións de carácter político (Alianza Nazonal Galega), societario, cultural, recreativo etc.
|
| 1946-00-00 | Plantel Rosalía de Castro, Nova York, 1946 |
Ver
Transcripción da Plantel Rosalía de Castro, Nova York, 1946 en 00/00/1946A Sección de Instrucción y Cultura da Casa de Galicia de Unidad Gallega tiña unha intensa actividade cultural, que favorecía a formación educativa dos membros da colectividade galega residentes en Nova York. Entre os numerosos conferenciantes invitados ás charlas organizadas pola dita sección figuran intelectuais como Emilio González López, Federico de Onís, Pedro Dacal ou Leocadio Lobo. As veladas teatrais desta sociedade eran moi coñecidas entre os membros da colectividade. A entidade sempre amosou a súa pretensión de crear un verdadeiro centro cultural de referencia para a comunidade galega e hispana en xeral.
|
| 1954-00-00 | Autobús do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1954 |
Ver
Transcripción da Autobús do Plantel Concepción Arenal, A Habana, 1954 en 00/00/1954A Sección de Instrución e Cultura do Centro Galego ocupábase de que o alumnado do centro escolar obtivese a mellor e máis moderna formación académica posible facilitando todo o mobiliario e material pedagóxico necesarios para obter os mellores resultados. Tamén poñía á disposición do alumnado medios de transporte para poder acceder ao colexio. Así aparece reflectido na memoria escolar do curso 1954-1955, na que se congratulaba de ter «un magnífico e insuperable servicio de ómnibus nuevos para la mayor comodidad en el transporte de sus alumnos». Este servizo tamén era empregado nas numerosas excursións educativas e festivas que se organizaban durante o curso escolar.
|
| 1960-00-00 | Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago, Salvador de Bahia, 1960 |
Ver
Transcripción da Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago, Salvador de Bahia, 1960 en 00/00/1960Esta sociedade de emigrantes galegos e galegas residentes en Salvador de Bahia foi fundada o 27 de novembro de 1960 co firme compromiso de manter e difundir a identidade galega a través do desenvolvemento de actividades de formación sobre cultura e lingua galegas entre os asociados e todas aquelas persoas interesadas no seu coñecemento, independentemente da súa procedencia.
|
| 1962-07-28 | Inauguración da Escuela Galicia, Montevideo, 28 de xullo de 1962 |
Ver
Transcripción da Inauguración da Escuela Galicia, Montevideo, 28 de xullo de 1962 en 28/07/1962A presenza da colectividade galega emigrada no Uruguai foi moi destacada, así como o seu apoio ás numerosas actuacións a prol da cultura e o desenvolvemento de Galicia. Figuras sobresaíntes foron os irmáns Canabal —con Xesús como benfeitor e pioneiro na defensa do galeguismo e da cultura galega alén mar—, Manuel Meilán, Antón Crestar, Pedro Couceiro, Xosé Fernández Seivane e tantos outros.
|
| 1962-07-28 | Grupo de alumnos e alumnas da Escuela Galicia, Montevideo, 1962 |
Ver
Transcripción da Grupo de alumnos e alumnas da Escuela Galicia, Montevideo, 1962 en 28/07/1962Vemos na imaxe un grupo do alumnado máis pequeno desta escola no seu acto de inauguración. Nenos e nenas co seu uniforme portan a bandeira de Galicia. É curiosa a anécdota de que nos actos públicos o estudantado cantaba o himno galego xunto co do Uruguai. Como non era un himno oficial, o consello escolar, do que formaban parte Antón Crestar, Xesús Canabal e Pepe Fernández, buscou a maneira de manter este costume: anunciábase como a interpretación da Canción dos piñeiros e así todo o público asistente honraba a Galicia e a súa cultura. Todos os galeguistas e persoeiros que visitaban a cidade eran convidados a visitar o centro educativo como un símbolo máis da pegada da galeguidade no país. E durante moitos anos os galegos e galegas do Uruguai apoiaron economicamente este centro educativo.
|
| 1965-00-00 | Unidade Educativa Colexio Castelao, Instituto Educacional da Hermandad Gallega de Venezuela, Caracas, 1965 |
Ver
Transcripción da Unidade Educativa Colexio Castelao, Instituto Educacional da Hermandad Gallega de Venezuela, Caracas, 1965 en 00/00/1965O 17 de maio de 1962 o profesor Amancio Peleteiro presentou —ante a asemblea de socios convocada polo Comité Executivo da Hermandad Gallega de Venezuela— o anteproxecto e informe preliminar para a fundación do Instituto Educacional da Hermandad Gallega. Peleteiro contaba cunha ampla traxectoria docente e desenvolvera un efectivo labor de xestión en Santiago de Compostela. Foi o creador do Colegio e Instituto Minerva en Caracas. O centro impartía clases diúrnas a rapaces de todos os niveis educativos, desde preescolar ata bacharelato. Pola noite o centro atendía as necesidades educativas dos adultos, con clases de bacharelato e contabilidade.
|
| 2008-00-00 | Aula de cuarto grao de educación primaria da Unidad Educativa Colegio Castelao, Caracas, 2008 |
Ver
Transcripción da Aula de cuarto grao de educación primaria da Unidad Educativa Colegio Castelao, Caracas, 2008 en 00/00/2008Nun principio, as actividades académicas iniciáronse sen unha sede propia, e impartíanse clases desde educación infantil, coñecida popularmente como «Kinder», ata os primeiros cursos de educación primaria. Pouco a pouco foise ampliando a cobertura educativa e a partir do curso 1987-1988 acada a etapa de bacharelato. En 1999-2000 o Colegio Castelao estrea nova sede nas instalacións da propia Hermandad Gallega de Venezuela, e nese ano académico conta cunha poboación escolar de máis de catrocentos alumnos. Hoxe esta institución educativa leva 58 anos de andaina e está perfectamente consolidada como tal, cun prestixio crecente na comunidade de acollida.
|
| 2008-00-00 | «Somos Castelao, somos Hermandad». Alumnado formando fila para entrar ás aulas do Colegio Castelao, Caracas, 2008 |
Ver
Transcripción da «Somos Castelao, somos Hermandad». Alumnado formando fila para entrar ás aulas do Colegio Castelao, Caracas, 2008 en 00/00/2008Un dos obxectivos principais da Unidad Educativa Colegio Castelao é o de brindar unha educación integral e de calidade aos fillos e fillas dos socios, como forma de apoiar as familias, nun contexto en que se difundan e defendan a lingua e a cultura galegas, ademais de ofrecer un coñecemento profundo dos valores, a cultura e as tradicións de Venezuela.
|
| 2009-00-00 | Un magnífico edificio para as escolas municipais Jesús García Naveira, 2009 |
Ver
Transcripción da Un magnífico edificio para as escolas municipais Jesús García Naveira, 2009 en 00/00/2009No testamento de Jesús García Naveira aparece especificado o legado de 50 000 pesetas para a construción dun novo edificio educativo para a vila. Debía ser unha escola municipal de ensino primario para os nenos e nenas da localidade. A única condición para construíla era a cesión por parte do Concello do soar no Picardel, preto da igrexa de San Francisco.
|


