O Simposio Internacional de Antropoloxía en lembranza de Fermín Bouza Brey, eminente etnógrafo e folklorista, ademais de erudito nos máis diversos saberes e importante poeta, tivo lugar en Compostela os días 10, 11 e 12 de setembro de 1992. A Ponencia de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega programou o encontro co fin de que xirara arredor de tres temas específicos, que foron os dos enfoques teóricos no tempo de Bouza e a análise da súa obra, a relación entre Antropoloxía e Folclore e, finalmente, a literatura oral, tema este último cultivado con asiduidade polo homenaxeado.