Noticias

Gabinete de Comunicación (CCG). Rexistros301 a 330 de 445
16/05/2024

Música e palabra conflúen no Concerto das Letras Galegas que homenaxeou a Luísa Villalta

A celebración do Día das Letras Galegas arrincou coa décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, proposta musical e sonora do Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano contou co apoio do Concello da Coruña. Un concerto que conciliou a faceta musical e literaria de Luísa Villalta e no que se estreou a ópera de cámara Concerto para un home só a partir da obra teatral homónima da homenaxeada e composta por Federico Mosquera. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a familia Villalta Gómez e unha ampla representación da sociedade e da cultura galegas encheron o Teatro Colón. O concerto poderá verse este venres na segunda canle da TVG (23:13 horas), no marco da programación especial para o Día das Letras.
15/05/2024

O Concerto das Letras Galegas estrea mañá a ópera Concerto para un home só sobre texto Luísa Villalta

Literatura e música son dúas facetas vencelladas á escritora e violinista Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. As dúas conflúen no programa da décimo cuarta edición do Concerto das Letras Galegas, iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que este ano conta co apoio do Concello da Coruña. O Teatro Colón acolle mañá (xoves 16, 20:30 horas) esta cita, que corre a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX, dirixido por Florian Vlashi. No programa, alén dos compositores preferidos da homenaxeada, estrearase a peza Concerto para un home só, baseada na obra homónima de Luísa Villalta, que o CCG lle encargou a Federico Mosquera (A Coruña, 1986) para a ocasión. O concerto, de entrada libre ata completar a capacidade, tamén se poderá seguir en directo no web do CCG e nas plataformas da CRTVG.
15/05/2024

O Álbum de Galicia incorpora a biografía da escritora e tradutora Xohana Torres

Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1929 – Vigo, 2017) consolidouse como unha figura fundamental da literatura galega contemporánea. Escritora e tradutora pioneira, cultivou diferentes xéneros, como a poesía, a narrativa, a literatura infantil ou o teatro. A través das súas obras foi quen de crear unha “voz propia, que se uniu á súa fonda defensa da lingua e da cultura galegas, así como do papel da muller na sociedade, en xeral, e na arte, en particular”, subliña Ana Abad de Larriva. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
15/05/2024

Alejo Amoedo é nomeado membro do Instituto de Estudios Vigueses

O pianista e doutor Alejo Amoedo acaba de ser nomeado membro de número do Instituto de Estudios Vigueses (IEV), institución dedicada á recuperación, divulgación e estudo de diversos temas relacionados coa cidade olívica e a súa contorna. O ingreso tivo lugar no serán deste 14 de maio nun acto desenvolto no Museo MARCO de Vigo. Amoedo é membro do Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG), vogal da súa Comisión Executiva e director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG).
14/05/2024

A publicación das Letras homenaxea a diversidade creativa de Luísa Villalta

Luísa Villalta: entender para vivir é a obra coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe á celebración da figura homenaxeada nesta edición do Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou esta publicación, que “naceu como un espazo para o diálogo entre a obra de Luísa e un monllo selecto de persoas que, sendo referentes no sistema cultural galego, mantiveron en vida vínculos coa autora e a súa obra”. Pola súa parte, Dolores Vilavedra, coordinadora do volume, destacou que son unha colección de textos que “amosan ben a natureza intrinsecamente dinámica e expansiva dun corpus precursor e versátil como poucos na nosa historia”. A publicación foi presentada nun acto ao que asistiu a familia de Luísa Villalta, representada na mesa pola súa irmá Susana, quen agradeceu a homenaxe, e Margarita Ledo, secretaria da Real Academia Galega (RAG), quen destacou que “este volume coincide coa achega diversa e comprometida da autora”. A obra xa está dispoñible para descarga no web do CCG.
13/05/2024

O CDIF presenta o seu manual contra as violencias machistas

As violencias machistas maniféstanse de formas diferentes e en contextos variados. Estímase que en España máis de 1,3 millóns de nenas e mulleres maiores de dezaseis anos sufriron violencia sexual. “Aínda que levamos moitos anos traballando en contra das violencias machistas, e hai moitos documentos, era necesaria unha guía na nosa lingua que funcionase a modo de manual básico”, explicou Carme Adán, directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación de Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que “o manual permite ter todas as claves necesarias dunha maneira comprensiva e con diferentes niveis de lectura”. O documento, elaborado por unha comisión coordinada pola propia Carme Adán, xa está dispoñible para a súa descarga desde o web do CCG e distribuirase en centros de ensino, así como en concellos e en espazos orientados á muller.
13/05/2024

A presidenta recibe a visita do arcebispo da diocese de Santiago

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita institucional de monseñor Francisco José Prieto Fernández, arcebispo da diocese de Santiago de Compostela. É a primeira visita do arcebispo á institución desde o seu nomeamento e asinou no libro de honra da institución.
13/05/2024

Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira abordan a situación da arqueoloxía na segunda sesión de Vidas paralelas

O Museu Arqueológico do Carmo (Lisboa) é o escenario elixido para a segunda sesión de Vidas paralelas, formato que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Lisboa puxeron en marcha para poñer en valor figuras destacadas con traxectorias similares en Galicia e Portugal. Nesta ocasión, falarase de arqueoloxía con Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira, dúas figuras representantes dunha nova xeración de arqueólogos, con sólidas carreiras investigadoras arredor do patrimonio cultural fronteirizo. Xa se poden consultar no web do CCG as entrevistas previas que lles fixeron Xosé A. López Silva e Ana Tarrío, nas que ambos repasan as súas traxectorias profesionais. O coloquio presencial será o luns 13 de maio ás 17:00 horas.
12/05/2024

O CDIF presenta o manual contra as violencias machistas

Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas é o título dun documento que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega, dirixido por Carme Adán, presenta este luns 13 de maio (18:30 horas). Faino no marco dunha xornada co mesmo título, na que se ofrecerá unha panorámica actual da situación das violencias da man de expertas como Ana Belén Puñal Rama, Concha Fernández ou Laura Seara.
08/05/2024

As entradas dos trobadores Johan de Cangas, Martín Codax e Meendinho incorpóranse ao Álbum de Galicia

Os trobadores Johan de Cangas, Martín Codax e Meendinho desenvolveron a súa actividade artística na área suroccidental de Galicia durante o período medieval. Cunha produción poética que se enmarca nas cantigas de amigo, cultivaron, dentro desta, a modalidade de santuario ou de romaría, ben no total da súa obra poética, ben nalgunhas composicións en particular. O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora as entradas destes tres compositores da man de Xosé Bieito Arias Freixedo.
07/05/2024

Especialistas abordan nunha xornada a divulgación científica nos novos espazos

Existen comunidades virtuais de divulgación científica en galego? Que valoran as persoas que crean contido á hora de escolleren a lingua en que se expresan? Cal é a resposta da audiencia? Como se poden apoiar as iniciativas en galego en novos espazos? Existe conexión entre esas esferas e a divulgación científica tradicional? Estas son algunhas das cuestións que se abordarán na xornada “A divulgación científica en galego nos novos espazos”, que se desenvolve este martes 7 de maio (16:30 horas) e na que participan, entre outros, Xurxo Mariño, Tamara Pazos Cordal ou Andrea Camacho Manzaneda. Manuel Vicente e Yolanda Casal organizan esta xornada, que busca abrir o debate e contribuír dalgún xeito a promover a presenza do idioma propio de Galicia nos novos formatos, ao tempo que facer unha reflexión sobre a situación en Cataluña e País Vasco. A xornada é presencial e pode seguirse en directo no web e nas redes sociais da institución.
02/05/2024

A biografía de Jenaro de la Fuente, arquitecto clave en Vigo, entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, colección biobibliográfica que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de incorporar a entrada de Jenaro de la Fuente Domínguez (Villa de Torquemada- Palencia, 1851 - Vigo, 1922). Xosé Ramón Fandiño é o autor da entrada deste arquitecto que foi unha peza fundamental na configuración da fisionomía arquitectónica do ensanche de Vigo.
02/05/2024

Un encontro analiza a arquitectura fortificada da Raia

As fortificacións históricas construídas tras a independencia de Portugal, no século XVII, son hoxe un rico patrimonio cultural que se estuda desde diferentes ámbitos académicos. Co obxectivo de explorar e promover o coñecemento e a conservación das paisaxes defensivas transfronteirizas, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade do Minho organizan este venres a xornada A arquitectura fortificada da Idade Moderna como construto da fronteira miñota. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta sesión, que se enmarca no ciclo “Conversas na Raia”, e que nesta ocasión se desenvolve en Vila Nova de Cerveira.
30/04/2024

Profesionais defenden en Casaio a sostibilidade do modelo de xestión comunitaria do territorio

Os espazos de xestión comunal teñen unha longa historia en territorios como Galicia. Porén, malia a súa importancia en termos tanto cuantitativos como cualitativos, a dificultade para encadralos dentro do modelo de explotación actual do territorio rural provoca que sexan tamén un foco de conflitos. Así o subliñaron os diferentes expertos e expertas que participaron esta mañá en Casaio na nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, titulada A materialidade dos espazos comunais. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, destacou na inauguración a importancia de abordar este tema por primeira vez e que debe ser tido en conta á hora de abordar a xestión do territorio. Canda ela, interviñeron as tres persoas coordinadoras da sesión, Lara Barros Alfaro, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Tejerizo, quen subliñou que os espazos de xestión comunal “se conservan mellor en Galicia que noutros sitios de Europa” e que Casaio “é unha zona onde estes espazos foron e son moi importantes a día de hoxe como exemplo de xestión comunitaria do territorio”.
30/04/2024

Especialistas destacan a influencia que a Revolución dos Caraveis tivo en Galicia

“A revolución dos Caraveis sentiuse en Galicia máis perto que noutras zonas do Estado” apuntou Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega no marco da xornada “O 25 de abril e máis nós. Unha ollada galega” que el mesmo coordinou. Unha cita na que historiadores como Ramón Villares e Emilio Grandío (ambos da Universidade de Santiago) e Manuel Loff (Universidade de Braga) incidiron nas diferenzas e semellanzas entre os procesos de transición democrática en Galicia e Portugal. A xornada pechou coas lembranzas de Margarita Ledo e Arturo Reguera, protagonistas e testemuñas directas da revolución que cumpriu neste 2024 cincuenta anos.
29/04/2024

O ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural analiza en Casaio a materialidade dos espazos de xestión comunal

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Asociación Científica Sputnik Labrego e a Comunidade de Montes de Casaio e Lardeira, organiza unha nova sesión do ciclo In Situ dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. A cita, que leva como título “A materialidade dos espazos comunais: pasado, presente e futuro das comunidades rurais do noroeste peninsular”, terá lugar este martes, 30 de abril (ás 10:00 horas), nas Antigas Escolas da localidade ourensá de Casaio (Carballeda de Valdeorras). No acto de inauguración intervirá a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con Lara Barros Alfaro, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Tejerizo, coordinadores da xornada. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida á hemeroteca do CCG.
25/04/2024

O Arquivo da Emigración Galega publica os fondos documentais de tres sociedades creadas por emigrantes dodrenses na Arxentina

A colectividade de emigrantes do concello de Dodro e dunha das súas parroquias, Lestrobe, residentes na Arxentina agrupáronse en diferentes sociedades co obxectivo de apoiar a loita contra o caciquismo e promover a instrución e o desenvolvemento dos seus lugares de orixe. A Sociedad Cultural Hijos de las Tres Parroquias de Dodro, a Sociedad Hijos de Lestrove e a Unión Residentes de Dodro foron tres das asociacións creadas para tal fin. A nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega, iniciativa que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), publica nestes mes de abril os fondos documentais destas sociedades microterritoriais, entre os que se inclúen os libros de actas, o rexistro dos asociados e asociadas ou a correspondencia enviada e recibida.
25/04/2024

O Concerto das Letras Galegas evoca a faceta musical de Luísa Villalta

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) foi, ademais dunha grande escritora, unha recoñecida violinista. Por iso, no programa desta edición do Concerto das Letras Galegas teñen unha presenza moi destacada os violíns e os compositores favoritos da homenaxeada este 17 de maio. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro Pardo; a irmá de Luísa, Susana Villalta, e o director do Grupo Instrumental Siglo XX, Florian Vlashi, presentaron esta mañá o programa da décimo cuarta edición que busca, en palabras da presidenta, “unir literatura e música, dous fíos que están na propia biografía e actividade cultural de Luísa”. O concerto celebrarase na Coruña, cidade natal da homenaxeada (Teatro Colón, 20:30 horas), o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas. A entrada é libre ata completar a capacidade.
24/04/2024

A entrada do poeta Francisco Añón incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Añón (Boel, Outes, 1812 – Madrid, 1878) acadou un gran recoñecemento público como poeta de Galicia no século XIX cunha produción lírica que oscilou entre o costumismo ou tipismo e o compromiso patriótico, social e político. Premiado nos primeiros Xogos Florais da Coruña, erixiuse como “unha voz inaugural do Rexurdimento”, subliña Xurxo Martínez González. El é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
13/04/2024

A exposición Inventio Mundi chega a Castelló

A cidade de Castelló acolle unha nova itinerancia de Inventio Mundi, un proxecto expositivo producido polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia que documenta as consecuencias que o éxito da expedición Magalhães/Elcano tivo para Galicia. A mostra, comisariada por Ofelia Rey, inaugúrase este domingo, 14 de abril, ás 19:30 horas. O acto terá lugar na sala de exposicións do Edificio Moruno de El Grau, onde a exposición permanecerá ata o vindeiro 12 de maio.
10/04/2024

Unha xornada aborda os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza este xoves, 11 de abril (16:30 horas) a xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura. Nela daranse a coñecer unha parte dos documentos sonoros que se atopan depositados no ASG, ao tempo que se analizará a importancia que estes teñen para enriquecer o coñecemento sobre a cultura e identidade galegas. Alejo Amoedo e Cristina Pujales, director e coordinadora-técnica do ASG, inaugurarán esta cita presencial, que se poderá seguir en directo desde o web e as redes sociais da institución.
10/04/2024

Vidas paralelas arrinca en Lisboa cunha revisión das traxectorias de Leite de Vasconcelos e Martínez Salazar

José Leite de Vasconcelos (1858-1941) e Andrés Martínez Salazar (1846-1923) foron dous pioneiros dos estudos filolóxicos en Galicia e Portugal, destacados polo seu compromiso, valía e legado, aínda que tiveron recoñecementos diferentes. Mentres o primeiro é ben coñecido, o segundo pasou desapercibido. Estiveron conectados a través dunha relación epistolar que foi analizada por outros dous recoñecidos filólogos contemporáneos, Ivo Castro e Henrique Monteagudo. Sobre estas semellanzas e concomitancias falarán este xoves en Lisboa (Faculdade de Letras, 18:00 horas —de Portugal—) na sesión inaugural de Vidas paralelas, proxecto que poñen en marcha o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Lisboa. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará en Lisboa este ciclo, que terá carácter bianual.
10/04/2024

A entrada de Antonio Naveyra incorpórase ao Álbum de Galicia

Antonio Naveyra (Santiago de Compostela, 1909 – A Coruña, 1976) desenvolveu unha longa traxectoria vinculada ao teatro, unha disciplina en que sobresaíu como actor, director, escritor e adaptador. Ademais, realizou un destacado labor a prol da posta en valor do folclore galego a mediados do século XX. A súa entrada incorpórase hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), cun texto asinado por Ana Abad de Larriva.
08/04/2024

O Álbum de Galicia incorpora a entrada da fotógrafa María Cardarelly

María Cardarelly (Zaragoza, 1845 – ?, ca. 1915) foi unha fotógrafa pioneira ao erixirse como a primeira muller en ter un estudio propio en Galicia. Malia que só se dedicou tres anos á práctica fotográfica e que a obra que dela se coñece non supera a media ducia de orixinais, sobresaíu por capturar coa súa cámara “unha das personaxes máis relevantes da literatura e a sociedade do noso país como Rosalía de Castro”. Así o subliña Vítor Vaqueiro, o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.
06/04/2024

Unha xornada divulga os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza o próximo 11 de abril (16:30 horas) a xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura. Nela daranse a coñecer unha parte dos documentos sonoros que se atopan depositados no ASG, ao tempo que se analizará a importancia que estes teñen para enriquecer o coñecemento sobre a cultura e identidade galegas. A cita, que terá lugar de xeito presencial na sede do CCG, ten aberto o seu prazo de inscrición.
05/04/2024

A mostra Luces de alén mar inaugúrase este sábado en Devesos

O proxecto expositivo Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia, promovido polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, inaugúrase este sábado, 6 de abril (19:00 horas), en Devesos (Ortigueira). O acto terá lugar no local da Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana. Nel participarán José Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira; Emilio Castro, presidente da Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana; Marcelino Fernández, coordinador técnico do Arquivo da Emigración Galega do CCG, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra, quen após a inauguración pronunciará a conferencia Luces de Porvir para Devesos. O refulxir escolar abafado pola intolerancia. A exposición permanecerá aberta para a súa visita ata o próximo 30 de abril.
22/03/2024

O Barómetro da cultura galega aprecia unha leve desaceleración do sector cultural en 2023

“A cultura está sufrindo unha minoración na súa velocidade de crecemento”, apunta o Barómetro da cultura galega 2024, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do último ano no noso país e que foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Håkan Casares Berg, presentaron en rolda de prensa os resultados deste informe, no que o 40 % das entidades enquisadas afirma que tiveron un 2023 mellor que o ano anterior. “Trátase dun proxecto importante da institución que comezou na pandemia e que permite ver a evolución do sector con información directa” afirmou a presidenta. Entre os resultados do estudo destaca que en 2023 aumentaron as dificultades para atopar profesionais cualificados e produciuse un descenso nas actividades realizadas para incrementar a presenza internacional (dous puntos menos). O sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural, aínda que mellora a puntuación do Goberno central e baixa a da Xunta.
21/03/2024

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora 15 números da revista Airiños

A cabeceira Airiños foi o voceiro da asociación Casa de Galicia de Buenos Aires. Editada na capital da Arxentina, tiña como obxectivo informar sobre as actividades da institución editora. Tamén incluía colaboracións de tipo literario e cultural. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de marzo catorce números da cabeceira publicados entre 1944 e 1955, mais un número extraordinario editado para conmemorar o 50º aniversario da asociación.
21/03/2024

Unha xornada analiza o cinema galego na Transición

“Cinema galego e Transición” é o título da xornada que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), coa colaboración do Cineclube de Compostela, organizan este 21 de marzo no Museo do Pobo Galego. A actividade, coordinada por Beli Martínez e José Manuel Sande, ten como obxectivo contextualizar a Transición, afondar en diversos aspectos vinculados coas producións cinematográficas da época e analizar como este período histórico se está a representar no cine galego contemporáneo. A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través das redes sociais do Museo do Pobo Galego. Os vídeos coas intervencións estarán tamén dispoñibles proximamente na hemeroteca do CCG.
20/03/2024

A entrada da actriz Cruz Comesaña incorpórase ao Álbum de Galicia

A actriz Cruz Comesaña (Vigo, 1960 – Madrid, 1989) iniciou unha prometedora traxectoria na escena teatral galega e estatal durante os anos 80, que se viu truncada polo seu prematuro falecemento. Ademais de actuar en varias montaxes, foi docente e desenvolveu labores de dirección teatral, un campo en que destacou por saber sacar o mellor de cada intérprete. O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, suma hoxe a súa entrada da man de Ana Abad de Larriva. Así mesmo, actualízase a biografía que Antonio Reigosa escribiu sobre a tamén actriz de teatro Manuela Rey con novos documentos e materiais.