Temática: A cultura galega alén mar [20]
| Data | Material | Ver |
|---|---|---|
| Data | Material | Ver |
Retrato de Luís Seoane diante dunha das súas obras, ca. 1950 |
Ver
Transcripción da Retrato de Luís Seoane diante dunha das súas obras, ca. 1950Luís Seoane é unha das figuras máis sobresaíntes da cultura e da arte galegas do século XX. Foi un destacado intelectual e artista comprometido coa realidade social e cultural do país. Nacido en Bos Aires en 1910, de pais emigrantes, retornou á terra en 1916. Estudou Dereito na USC e integrouse nos circuítos culturais e artísticos, participando ademais nos movementos a prol da república e da autonomía de Galicia. En 1936 tivo que exiliarse e regresou a Arxentina. Alí realizou un inmenso traballo como divulgador da cultura galega con carácter multidisciplinar: como pintor, editor, escritor ou xornalista. Entre outras, fundou e dirixiu a revista cultural Galicia Emigrante e a emisión radiofónica do mesmo nome; tamén creou as editoriais Nova (1943) e Citania (1957). Xunto con Isaac Díaz Pardo participou en 1956 na fundación da fábrica La Magdalena na Pampa arxentina, que sería o xerme do Laboratorio de Formas de Galicia.
|
|
Anuncio da colección Dorna da editorial arxentina Emecé, ca. 1940 |
Ver
Transcripción da Anuncio da colección Dorna da editorial arxentina Emecé, ca. 1940Xa antes do seu exilio, Luís Seoane tivera unha intensa actividade como ilustrador de revistas e libros, traballando tamén no obradoiro tipográfico da Editorial Nós, para a que deseñou as cubertas dalgúns libros. En 1939 comezou a colaborar na editorial arxentina Emecé. Entre 1940 e 1942 dirixiu, xunto co seu amigo Arturo Cuadrado, dúas das súas coleccións dedicadas a temas e escritores galegos. "Dorna" estaba centrada na poesía e baixo o seu cuño publicáronse obras como Rojo farol amante (1940) de Rafael Dieste, Queixumes dos pinos (1940) de Eduardo Pondal, Cantigas de Macías o namorado (1941) e Cancionero popular gallego (1942) de José Pérez Ballesteros. A outra colección denominábase "Hórreo" e publicou sobre todo títulos de autores dos séculos XVIII e XIX, como o Padre Feijoo, Frei Martín Sarmiento ou Enrique Gil y Carrasco.
|
|
| 1880-00-00 | Cuberta do libro Follas Novas de Rosalía de Castro, editado por primeira vez na Habana, 1880 |
Ver
Transcripción da Cuberta do libro Follas Novas de Rosalía de Castro, editado por primeira vez na Habana, 1880 en 00/00/1880En 1880 a editorial habaneira La Propaganda Literaria edita este libro de poemas en galego de Rosalía de Castro. A súa obra xa era coñecida en Cuba e a poetisa convértese nun dos símbolos da emigración. No limiar, a autora dedícalles o libro á xunta directiva e membros da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, da que era socia honoraria dende 1872. Rosalía contou co apoio económico dos emigrantes galegos en Cuba en diversas ocasións, como en 1883, cando se creou unha subscrición popular para axudala e lle mandaron 1732 pesos ouro. A súa morte provocou unha gran conmoción en toda América. Os galegos de alén mar apoiaron e fomentaron todo tipo de homenaxes á súa figura e obra, sendo os promotores da creación da Casa-Museo de Rosalía en Padrón.
|
| 1905-06-25 | Creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega na Habana, 1905 |
Ver
Transcripción da Creación da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega na Habana, 1905 en 25/06/1905Por iniciativa do ferrolán José Fontenla Leal creouse na Habana esta asociación co propósito fundamental de "promover la creación en Galicia de una ‘academia’ encargada de velar por la conservación y perfección de nuestra lengua, publicar la ‘Gramática’ y ‘Diccionario’ de la misma (...)". O seu primeiro presidente foi Manuel Curros Enríquez, acompañado na directiva por Ángel Barros e Nan de Allariz. Tras a súa fundación, a asociación iniciou unha campaña na prensa da colectividade para dar a coñecer os seus obxectivos, tal e como vemos neste artigo publicado no xornal Galicia. No mes de xullo dese mesmo ano envíalles cartas a diversos intelectuais das catro provincias galegas instándoos á creación da Academia Galega, que foi constituída o 4 de setembro de 1905 baixo a presidencia de Manuel Murguía. A Academia contou dende os seus inicios e ata ben avanzado o século XX co apoio económico dos emigrantes galegos. |
| 1933-07-25 | Ramón Suárez Picallo dando un discurso diante do monumento a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, 1933 |
Ver
Transcripción da Ramón Suárez Picallo dando un discurso diante do monumento a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, 1933 en 25/07/1933O 25 de xullo de 1933 foi asinado en Santiago o Pacto de GALEUZCA polas tres nacionalidades históricas da Península. Pola mañá tivo lugar un acto de homenaxe a Rosalía de Castro no que tamén falaron Castelao e Eduardo Blanco-Amor.
|
| 1940-00-00 | Coral Os Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires, 1940 |
Ver
Transcripción da Coral Os Rumorosos do Centro Betanzos de Bos Aires, 1940 en 00/00/1940A gran maioría das sociedades de emigrantes galegos creaban, nas súas filas, corais e grupos de música tradicional galega, integrados polos socios. Algúns destes grupos alcanzaban moita sona e participaban nas numerosas festas e reunións culturais e artísticas organizadas polas distintas entidades e asociacións. Recreábase así a tradición musical da patria e difundíanse moitas das obras musicais feitas en Galicia e na emigración.
|
| 1947-00-00 | Audición Recordando a Galicia. 1947 |
Ver
Transcripción da Audición Recordando a Galicia. 1947 en 00/00/1947Este programa radiofónico fundárono en Bos Aires en 1945, baixo os auspicios de Castelao e do Centro Betanzos, Maruxa Boga, o actor Fernando Iglesias "Tacholas" e o xornalista Alfredo Aróstegui. Todos eles aparecen fotografados xunto co gaiteiro Manuel Dopazo, os acordeonistas Moreiras, o poeta Avelino Díaz e membros da Coral "Terra Nosa" do Centro Orensano durante unha emisión.
|
| 1952-00-00 | Celebración dun acto cultural no Teatro Avenida de Bos Aires, 1952 |
Ver
Transcripción da Celebración dun acto cultural no Teatro Avenida de Bos Aires, 1952 en 00/00/1952A colectividade emigrante era convocada ao longo do ano polas asociacións para asistir aos diversos actos culturais organizados a prol da cultura galega. Neses actos destacaban as actuacións musicais dos diversos grupos societarios, así como representacións teatrais de obras escritas en galego ou con temática popular galega, festivais de poesía, etc.
|
| 1953-09-18 | Díptico do Ateneo Cultural Curros Enríquez co programa da celebración dun acto artístico-cultural en homenaxe ao poeta, 1953 |
Ver
Transcripción da Díptico do Ateneo Cultural Curros Enríquez co programa da celebración dun acto artístico-cultural en homenaxe ao poeta, 1953 en 18/09/1953A figura de Manuel Curros Enríquez permaneceu ao longo do tempo como un dos símbolos identitarios da cultura galega. Numerosas asociacións e agrupacións levaron o seu nome e arredor da súa figura celebráronse numerosos actos de homenaxe e difusión da súa obra entre a colectividade. |
| 1955-07-00 | Díptico das actividades organizadas polos Centro Orensano e o Centro Pontevedrés para conmemorar o Día de Galicia, xullo 1955 |
Ver
Transcripción da Díptico das actividades organizadas polos Centro Orensano e o Centro Pontevedrés para conmemorar o Día de Galicia, xullo 1955 en 00/07/1955A celebración do Día de Galicia era unha data moi especial para a comunidade emigrada, que participaba en gran número nas diversas actividades organizadas polas asociacións e centros de emigrantes. Aquí vemos un exemplo dos diversos actos que tiñan lugar: ciclos de conferencias de destacados intelectuais da colectividade e tamén de escritores chegados de Galicia, exposicións de pintura galega etc. |
| 1956-00-00 | Recital de poesía galega organizado polo Centro Galego de Bos Aires, 1956 |
Ver
Transcripción da Recital de poesía galega organizado polo Centro Galego de Bos Aires, 1956 en 00/00/1956Este recital foi dirixido por Eduardo Blanco-Amor, á esquerda, e nel participaron Fernando Iglesias “Tacholas”, Lita Soriano, Anita Fontas, Pilar Lebón e Lito López coa lectura de diversas obras de autores galegos.
|
| 1957-08-10 | Homenaxe a María Casares da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) en Bos Aires (1957) |
Ver
Transcripción da Homenaxe a María Casares da Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) en Bos Aires (1957) en 10/08/1957A Asociación Gallega de Universitarios, Escritores y Artistas (AGUEA) homenaxeou a esta actriz galega durante a súa visita a Arxentina, como integrante da compañía Théâtre National Populaire. En Bos Aires representou varias obras no Teatro Colón con grande éxito. Para os emigrados galegos e do exilio a súa presenza supuxo unha fonda afirmación colectiva de defensa dos ideais republicanos e galeguistas e provocou diversas homenaxes á súa persoa.
|
| 1959-00-00 | Visita de Ramón Otero Pedrayo a Bos Aires, 1959 |
Ver
Transcripción da Visita de Ramón Otero Pedrayo a Bos Aires, 1959 en 00/00/1959Ademais de impartir varias conferencias no Centro Galego e asistir a diversas homenaxes que as entidades galegas lle ofreceron durante a súa visita a Arxentina, D. Ramón participou na Feira do Libro Galego, organizada pola editorial e librería Follas Novas, que fora creada por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda en 1957 co obxectivo de difundir a produción literaria e intelectual galega nas terras americanas.
|
| 1959-00-00 | Revista Vieiros publicada polo Padroado da Cultura Galega de México, 1959 |
Ver
Transcripción da Revista Vieiros publicada polo Padroado da Cultura Galega de México, 1959 en 00/00/1959Esta revista cultural, de orientación galeguista, pretendía recoller nas súas páxinas "calquera idea literaria artística, filosófica, sempre que fose antifascista e non se apoiase na ditadura". Dirixida polos exiliados galegos en México Luís Soto Fernández, Carlos Velo e Florencio Delgado Gurriarán, colaboraron nela importantes personalidades da Galicia interior e exterior, que abordaban a realidade galega nos seus diferentes ámbitos: cultural, político, económico e social. Tiña un deseño moi coidado, con numerosas ilustracións, entre as que destacan as reproducións artísticas e debuxos reivindicativos de Castelao, Arturo Souto, Maside, Jaime Quesada, Ledo, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane etc. |
| 1959-07-19 | Conferencia de Emilio González López na Casa de Galicia de Caracas, 1959 |
Ver
Transcripción da Conferencia de Emilio González López na Casa de Galicia de Caracas, 1959 en 19/07/1959Emilio González López participou na Feira do Libro Galego realizada en Caracas nese ano cunha conferencia sobre o libro galego. Na mesa, ademais de varios directivos da entidade, podemos ver a escritora galega Pura Vázquez, quen emigrara había pouco tempo a Venezuela, onde participou na puxante vida cultural da colectividade galega alí asentada.
|
| 1962-00-00 | Manuel Puente e Xesús Canabal diante do escaparate de Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1962 |
Ver
Transcripción da Manuel Puente e Xesús Canabal diante do escaparate de Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1962 en 00/00/1962Manuel Puente e Xesús Canabal foron dous empresarios galegos de éxito que apoiaron economicamente moitas das iniciativas da colectividade a prol da cultura galega. Xa en vida de Castelao, Manuel Puente defendera o seu desexo da publicación dunha "Historia de Galicia". Na visita de Ramón Otero Pedrayo a Arxentina en 1947, este comprometeuse a levar a cabo esta ansiada obra, vello proxecto do Seminario de Estudos Galegos. Tras numerosos atrancos con editoriais e autores, finalmente en 1960 retomouse o proxecto. Otero Pedrayo foi o director da obra e Lois Tobío encargouse da súa coordinación técnica, mentres que Manuel Puente financiou a edición. Colaboraron na obra figuras tan senlleiras como Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Xaquín Lorenzo ou Taboada Chivite. En 1962 saíron publicados os dous primeiros tomos, que son presentados neste lugar emblemático.
|
| 1964-05-31 | Cartel deseñado por Luís Seoane para o Festival Céltico celebrado en Bos Aires, 1964 |
Ver
Transcripción da Cartel deseñado por Luís Seoane para o Festival Céltico celebrado en Bos Aires, 1964 en 31/05/1964Este festival, organizado polos centros provinciais e o Centro Galego de Bos Aires, contou con numerosas colaboracións de delegacións dos países que teñen a cultura celta como referencia, tales que Escocia, Gales, Irlanda e Portugal. O xerme céltico da nosa cultura, xa defendido por Manuel Murguía, continuaba a ser un referente. O espectáculo tivo un grande éxito de público e nel participaron grupos de música e coros das entidades galegas en Arxentina, como o coro "Brétemas e Raiolas" do Centro Coruñés de Bos Aires e os grupos folclóricos "Breogán", "Residentes de Vigo", "Rosalía de Castro", "Arrieiros de Mos" e "Airiños".
|
| 1972-00-00 | Socios de Casa de Galicia. Unidad Gallega de Nova York, desfilando pola Quinta Avenida, 1972 |
Ver
Transcripción da Socios de Casa de Galicia. Unidad Gallega de Nova York, desfilando pola Quinta Avenida, 1972 en 00/00/1972A celebración anual do Día da Hispanidade en Nova York convocaba a todas as colectividades de emigrantes dos diferentes países asentados en Estados Unidos. A Casa de Galicia, representando a comunidade galega, participaba activamente co seu grupo folclórico e cos socios, levando a bandeira e a música galega polas rúas desta populosa cidade americana.
|
| 1974-00-00 | Díptico de actividades do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, 1974 |
Ver
Transcripción da Díptico de actividades do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, 1974 en 00/00/1974O Patronato da Cultura Galega foi fundado en xuño de 1964 por un grupo de galegos, entre os que destacaban Manuel Meilán e Xesús Canabal. O seu obxectivo principal era a difusión e defensa da cultura galega en Uruguai. Neste díptico podemos ver as diversas actividades realizadas no seu décimo aniversario: conferencias, exposicións do libro galego e de pintura, ciclo de cine galego e diversas homenaxes a persoeiros da colectividade. Esta entidade publica dende os seus inicios como voceiro social a revista Guieiro. Na actualidade continúa co seu labor cultural. |
| 2000-00-00 | Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, ca. 2000 |
Ver
Transcripción da Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela, ca. 2000 en 00/00/2000A súa creación foi iniciativa de Gumersindo Busto, quen emigrou moi novo, primeiro a Montevideo e logo a Bos Aires, cidades en que se formou como avogado e escribán público. En 1904 tivo a idea de crear en Galicia unha Universidad Libre Hispanoamericana, que contase cunha gran biblioteca, co obxecto de difundir o coñecemento en Europa de todo o referente ao continente americano. A través da prensa espallou o seu proxecto en todos os países americanos con presenza galega destacada. E axiña comezou a recibir doazóns de materiais bibliográficos, cartográficos, bandeiras, moedas e medallas, bustos de próceres americanos e todo tipo de obxectos da cultura popular americana. Esta colección multidisciplinar foi enviada a Santiago e inaugurada na súa Universidade en 1909.
|


