Entidade: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa

Entidade: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa [17]

Data Material Ver
Data Material Ver
Un trisco de Galicia en Lisboa
Ver

Transcripción da Un trisco de Galicia en Lisboa

O conxunto coral e artístico denominado Anaquiños da Terra foi creado en 1955, formado por un grupo de rapaces e rapazas entusiastas e amantes da música e do baile tradicional galego. Foi a primeira agrupación coral galega existente en Portugal. As súas representacións musicais atenden a unha reafirmación da identidade cultural da colectividade galega residente en Lisboa.
Nesta imaxe aparecen os compoñentes do grupo acompañados polo seu director, Artemio Lage Carracedo, no seu debut o 6 de xaneiro de 1956. Desde a súa consolidación o grupo comezou a participar na Rádiotelevisão Portuguesa e na Emissora Nacional.Tamén actuou no Coliseo, o maior teatro de Portugal, e en moitos outros espazos da cidade de certa relevancia.
Os seus alalás, pandeiradas e muiñeiras gustan tamén aos portugueses, amantes das variadas e harmónicas expresións folclóricas galegas.


Un palacio do século XIX, refuxio dos emigrantes galegos en Lisboa
Ver

Transcripción da Un palacio do século XIX, refuxio dos emigrantes galegos en Lisboa

O Salón Nobre da sede social de Xuventude de Galicia, localizado na rúa Júlio de Andrade da capital portuguesa, leva o nome da nai de Manuel Cordo Boullosa, chamada Leocadia Boullosa Muñoz. A súa maxestade e beleza asombra a calquera visitante. Trátase dun espazo destinado a exposicións de distinta índole (pintura, fotografía, escultura etc.) e outro tipo de actividades, como presentacións de publicacións, conferencias...
As dependencias desta entidade teñen espazos reservados para a biblioteca, salón de festas, sala de reunións, restaurante ou salóns para as distintas clases impartidas no centro: percusións tradicionais, baile galego, lingua galega, cantaría etc.


Expresións de afecto das visitas máis esperadas
Ver

Transcripción da Expresións de afecto das visitas máis esperadas

Este libro de visitantes de Xuventude de Galicia está cheo de sorpresas. Numerosos intelectuais galegos foron sempre recibidos con agarimo e entusiasmo por parte da colectividade residente en Lisboa. Á sede social de Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa achegáronse destacados persoeiros que deixaron neste libro as súas expresións de afecto e agradecemento pola boa acollida percibida.
Esta entidade organiza, desde os seus inicios, actos de diversa índole, nos que sempre fixo partícipe a membros da elite intelectual galega, ben para renderlle homenaxe ao seu importante labor como fonte de coñecemento e repercusión social, ben para participar na celebración daqueles acontecementos importantes, sempre relacionados coa cultura e lingua galegas.
Podemos atoparnos coa dedicatorias de Lugrís Freire, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Manuel María, Filgueira Valverde ou Carlos Casares, entre moitos outros.


Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, sede de manifestacións culturais de vangarda
Ver

Transcripción da Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa, sede de manifestacións culturais de vangarda

Esta asociación de emigrantes galegos en Lisboa mantense conectada coa sociedade galega e portuguesa e manifesta unha continua e mutua consonancia co seu interese polas artes plásticas, a música, a danza ou as conferencias de distinta índole, entre outras actividades. Froito dese interese pola difusión cultural, adoita organizar diversas e variadas exposicións. Nesta fotografía vemos como os visitantes gozan con atención da mostra titulada Só 4, pintura con outra arte, acollida no Salón Nobre Leocadia Boullosa.


1908-12-00
Carné de socio número 1, 1908
Ver

Transcripción da Carné de socio número 1, 1908 en 00/12/1908

Ramiro Vidal Carrera foi un dos principais promotores da nova entidade, tal como aparece publicado na prensa do momento, e tiña o orgullo de ser o seu socio número 1. En palabras do propio Ramiro publicadas en La Voz de Breogán (decembro 1958, nº 8), «tratamos de formar ambiente adecuado para llevar a feliz término la fundación de un Centro en que pudiéramos recordar la amada terriña, levantando una bandera de cultura y amor entre todos los gallegos, cultivando la música y el canto regional y en fin, limar en lo posible, las densas aristas de orden social y cultural con que nuestros Gobiernos nos dejaban emprender el quizá provechoso, pero siempre triste camino de la emigración».
Nos primeiros estatutos sociais consta a condición de ser galego como requisito fundamental para formar parte da agrupación. Só poderían ser socios os «individuos mayores de 18 años nacidos en las cuatro provincias españolas y son: Coruña, Lugo Orense y Pontevedra; los hijos de estos nacidos en el extranjero […]. Para ser admitido, es indispensable gozar de buena conducta […]». Entre as obrigas, debían pagar a cota social para o mantemento económico da entidade, e tanto eles como as súas familias tiñan dereito a gozar das actividades festivas e culturais que se organizasen.


1909-00-00
Directiva fundacional de Xuventude de Galicia, 1909
Ver

Transcripción da Directiva fundacional de Xuventude de Galicia, 1909 en 00/00/1909

Os fundadores desta sociedade de emigrantes galegos residentes en Lisboa, creada en novembro de 1908, elixen unha directiva que se encargará de poñela en funcionamento. Axiña comeza unha campaña de difusión entre a colectividade para atraer novos integrantes e acadar o apoio dos seus membros máis destacados.
Na imaxe vemos a primeira directiva de Xuventude de Galicia. De esquerda a dereita, sentados: José Lorenzo Cuevas, que ocupaba o cargo de vicepresidente; Manuel Álvarez Cobas, como presidente; e Ramiro Vidal Carrera, primeiro secretario. De pé: Francisco Sánchez, xornalista e correspondente de Vida Gallega en Lisboa; Marcelino Outerelo Rocha, contador; Emilio Mobilla Rodríguez, tesoureiro, e Ramiro Martín y Martín, segundo secretario. Todos eles eran emigrantes cunha posición consolidada na vida económica e cultural do país veciño.


1909-00-00
Rondalla social, 1909
Ver

Transcripción da Rondalla social, 1909 en 00/00/1909

Nun primeiro momento o desexo dos fundadores da nova entidade de emigrantes era organizar unha rondalla para actuar nas diversas reunións festivas que se facían no seo da colectividade galega en Lisboa. Así, no número 3 da revista Vida Gallega dáse información da fundación de Xuventude de Galicia con estas palabras: «Aquellos paisanos nuestros han levantado una bandera de cultura. Van a consagrarse a las tareas artísticas. Van a hacer música gallega, a recordar a la patria entonando sus canciones amadas, las que nos siguen fuera de la terriña como himnos de amor a lo que jamás podemos olvidar […]». Nos primeiros anos este orfeón estivo dirixido polo compositor e pianista de orixe galega, Alfredo Motta, que aparece retratado no centro da fotografía. Portando a bandeira galega, no centro da imaxe, vemos a Ramiro Vidal. Outros compañeiros da agrupación musical e socios do centro eran Domingo Ribas, Indalecio García Eiró, Benigno Fernández Pérez, Ramón Carrera Carballo, José Lorenzo Cuevas, José Bermúdez Ramírez, Albino Lorenzo Cuevas, Evaristo Besada Santos ou Domingo Fernández Pereira.
Foron famosas as súas actuacións na vida cultural lisboeta, que aparecen referenciadas na prensa galega e portuguesa da época.


1910-05-17
Primeiros Estatutos sociais, 17 de maio de 1910
Ver

Transcripción da Primeiros Estatutos sociais, 17 de maio de 1910 en 17/05/1910

Un ano despois da fundación da entidade, os socios, cada vez máis numerosos, reunidos en asemblea en maio de 1910 aproban os estatutos regulamentarios cos que se debía rexer a entidade. Aínda que nun primeiro momento a idea era crear unha sociedade recreativa para fomentar a irmandade e solidariedade entre os membros da colectividade galega asentada na capital portuguesa, axiña se amplía o seu radio de acción á instrución como un medio para acadar a integración social e obter mellores oportunidades laborais dos seus membros no país de acollida. Así, no artigo 3 sinálase: «Para cumplir su objeto, la Sociedad contribuirá con todas sus fuerzas morales e intelectuales para que la colonia gallega en Lisboa alcance, en no lejano tiempo, el mayor grado posible de cultura y progreso, facilitando a sus miembros aquí asociados cuantos medios legales de ilustración, distracción y recreo estime conveniente para ese fin, así como también para estrechar entre sí los vínculos de amistad, paisanaje y protejer moralmente a todos aquellos que sean víctimas de arbitrariedades e injusticias».


1914-05-17
Xornada de camaradaría dos socios de Xuventude de Galicia, 17 de maio de 1914
Ver

Transcripción da Xornada de camaradaría dos socios de Xuventude de Galicia, 17 de maio de 1914 en 17/05/1914

Na imaxe podemos ver un grupo de emigrantes galegos gozando dunha xornada de lecer nunha excursión pola contorna de Lisboa. Non esquecen os seus costumes e a música da gaita, do tambor e do tamboril axuda a que a reunión sexa do máis festiva. Unha das prioridades da entidade é acadar a solidariedade e unión entre os galegos residentes na capital portuguesa e a organización deste tipo de reunións contribuía a fomentar a amizade entre os seus membros.


1935-11-23
Banquete polo aniversario da fundación de Xuventude de Galicia, 23 de novembro de 1935
Ver

Transcripción da Banquete polo aniversario da fundación de Xuventude de Galicia, 23 de novembro de 1935 en 23/11/1935

Nos anos 30 a asociación estaba plenamente integrada na vida social e cultural de Lisboa. Era moi recoñecida polos propios portugueses e as súas reunións aparecían referenciadas non só na prensa da colectividade española senón tamén na nacional. Contaba con numerosos asociados, entre os que estaban os membros máis destacados da colectividade. Aínda que mantiña a súa acción solidaria cos máis necesitados, primaba a súa finalidade recreativa como medio para manter os lazos de unión de todos os emigrantes galegos que alí residían. Periodicamente organizaba festas, xantares e homenaxes a intelectuais e persoeiros destacados, tanto galegos como portugueses, como podemos ver nesta imaxe.


1956-00-00
Nadal entre parentes e paisanos, Lisboa, 1956
Ver

Transcripción da Nadal entre parentes e paisanos, Lisboa, 1956 en 00/00/1956

Como o resto das sociedades de emigrantes galegos no exterior, Xuventude de Galicia vén organizando desde a súa configuración as celebracións máis tradicionais e emotivas sinaladas cada ano. As festas do Nadal en compañía de familiares e paisanos alivian a distancia da terra de orixe e reforzan os lazos de confraternidade dentro da colectividade. Este tipo de celebracións adoitaban ser amenizadas pola agrupación coral e artística Anaquiños da Terra, con representacións teatrais e bailes para o divertimento dos socios e socias de todas as idades.


1956-06-13
Representación deportiva de Xuventude de Galicia, 13 de xuño de 1956, Campo da Aliança, Campolide, Lisboa
Ver

Transcripción da Representación deportiva de Xuventude de Galicia, 13 de xuño de 1956, Campo da Aliança, Campolide, Lisboa en 13/06/1956

Esta fotografía foi tomada un día moi sinalado para os mozos galegos residentes en Lisboa. Trátase do primeiro partido oficial do Deportivo Juventud de Galicia, equipo de fútbol representante da asociación Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. Festexaban o día de santo Antón e entre as actividades programadas atopábase o partido de fútbol contra o equipo do Instituto Espanhol de Lisboa para disputar a Taça Juventud de Galicia.


1956-07-06
Paseo fluvial nocturno, Lisboa, 6 de xullo de 1956
Ver

Transcripción da Paseo fluvial nocturno, Lisboa, 6 de xullo de 1956 en 06/07/1956

A bordo do vapor Lisbonense os mozos e mozas de Xuventude de Galicia pasan divertidos momentos durante o paseo fluvial organizado pola entidade. O embarque realizouse no molle da Ribeira das Naus e, nesta ocasión, o baile estivo amenizado pola orquestra Costa Rita, grupo musical asiduo na maioría das festas da colectividade galega en Lisboa.


1957-00-00
Perpetuando a lembranza a Rosalía, Padrón, 1957
Ver

Transcripción da Perpetuando a lembranza a Rosalía, Padrón, 1957 en 00/00/1957

A colectividade galega residente en Lisboa participou no acto de inauguración do monumento erixido polos padroneses emigrados a Uruguai en recordo a Rosalía de Castro, poeta inmortal para o pobo galego. Foi un acto moi concorrido, no que tamén estivo presente a comisión delegada de Xuventude de Galicia, xunto ás autoridades e o resto de personalidades representativas da elite cultural galega. O presidente do Centro Galego de Lisboa depositou o escudo floral ao pé do monumento da escritora, realizado polo escultor José Mateos.


1957-00-00
Merecida homenaxe a Manuel Cordo Boullosa, Lisboa, 1995
Ver

Transcripción da Merecida homenaxe a Manuel Cordo Boullosa, Lisboa, 1995 en 00/00/1957

O 18 de xuño de 1995 o socio honorario Manuel Cordo Boullosa foi homenaxeado por Xuventude de Galicia, entidade que tanto lle debe a este benfeitor. El foi o promotor e artífice da compra da actual sede social, adquirida en propiedade en 1988. É unha figura venerada por todos os socios e socias, considerada por moitos como o «patriarca» dos galegos de Lisboa. Socio número 1 benemérito e honorario, a grandeza da súa obra filantrópica sería relembrada de maneira simbólica a través dun busto de granito galego acompañado dunha placa que atribúe o seu nome ao edificio.
O acto estivo cargado de emocións, tanto para os socios e autoridades participantes como para o propio homenaxeado. Boullosa afirmou: «O Centro Galego continua a mostrar a grandeza das letras galegas ao mundo, e para que Portugal conheça o alto valor intelectual do povo galego».
O insigne filántropo manifestou un profundo sentimento que atendía á súa orixe e que reproducimos seguidamente: «O respeito e gratidão a meus antepassados, a lembrança saudosa da gente boa da minha aldeia, dão a explicação do oferecimento desta casa do Centro Galego».


1958-02-01
Celebración infantil no luns de Entroido, 1958
Ver

Transcripción da Celebración infantil no luns de Entroido, 1958 en 01/02/1958

A organización de festas tradicionais era unha das actividades que desde os seus inicios serviron para manter a unión dos socios. O Entroido foi unha delas. Cada ano organizábanse na súa sede, durante unha semana, distintos actos en que os socios se disfrazaban, comían orellas e filloas e bailaban ao son da música tradicional. O luns estaba dedicado aos máis pequenos, as novas xeracións deses emigrantes, nacidos en Portugal pero con Galicia e os seus costumes sempre presentes.
Nesta imaxe vemos os nenos premiados na celebración do ano 1958. Vestidos co traxe tradicional, nuns casos galego, noutros portugués e incluso andaluz, os nenos seguro que gozaban da festa.


1988-00-00
Prensa da colectividade galega en Lisboa, 1988
Ver

Transcripción da Prensa da colectividade galega en Lisboa, 1988 en 00/00/1988

O Galego é unha revista societaria creada en 1988, coincidindo co oitenta aniversario da fundación da sociedade Xuventude de Galicia-Centro Galego de Lisboa. Toma o seu nome da primeira publicación en Lisboa escrita en galego e dirixida por Gumersindo la Rosa en 1881. Como o seu voceiro oficial, recolle noticias sobre as súas actividades, incluída a reprodución da memoria social dese ano. Así mesmo, ten un contido claramente cultural, nun intento de difundir a nosa cultura entre os galegos emigrados, polo que abundan os artigos sobre Galicia, a súa música, literatura, lingua, xeografía ou historia. Está escrita en castelán e portugués con algunhas colaboracións en galego.
Ao longo dos seus 114 anos de existencia Xuventude de Galicia tivo unha intensa actividade editorial. Publicou numerosas revistas con cabeceiras como Juventud de Galicia, Heraldo de Galicia, La Voz de Breogán, Boletín de Xuventude de Galicia ou Galicia ó Lonxe. Pódense consultar datos sobre elas e mesmo ver exemplares no Repertorio da Prensa da Emigración Galega no web do Consello da Cultura Galega.


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Valcárcel, MarcosCela, Camilo JoséSixto Seco, AgustínDíaz, AvelinoVázquez-Monxardín, AfonsoVidal Carrera, RamiroCordo Boullosa, ManuelCastro, Rosalía deCastelao, Casares, CarlosConde Picavea, María del RosarioLópez Romero, PerfectoDios, Xosé Luís deCastaño, MarinaLugrís, UrbanoÁlvarez, BautistaCaballero Bonald, Jose ManuelTacholas, Fernando IglesiasGuede, ManuelLosada, BenitoAcuña, José MaríaGamallo Fierros, DionisioTudela, MarianoFerreiro, Celso EmilioCruces, Fortunato Temáticas: Fondo Miguel Gutiérrez. Propaganda política na TransiciónHistorias de ida e voltaemigraciónsociedadeacción socioculturalensinoprensa escritaAs asociacións microterritoriais da emigración galega en CubaremesasGalegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de LisboaVoceiros da colectividade galega na emigracionemigrantesidentidade culturaleducaciónacción políticaA pegada educativa da emigración galega en AméricaÁlbum de Galiciamovemento obreiroAs asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentinaliteratura100º Aniversario da ABC del Partido de CorcubiónAres en Cuba: unha emigración mariñeiraFondo: Arquivo da Fundación Pública Galega Camilo José CelahistoriaA pegada indiana na Mariña lucensemovementos sociaisMulleresnacionalismoDefensa da linguaAsociacións culturaisA emigración galega nos Estados Unidoscorosartes plásticaslinguaAcción sindicalocioO galeguismo en AméricaÁlbum da Emigraciónxornalismoautores/aspoesíaarquitecturamúsicamúsica tradicionaldeportesProcesos electoraisOTANpolíticarevoluciónaxentes culturais

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0