O Consello da Cultura Galega (CCG), a través da Comisión técnica de xestión e políticas culturais e a Sección de Pensamento, abre este martes (2 de xuño, 16:45 horas) a primeira sesión do ciclo “A cultura como refuxio”, unha iniciativa que nace coa vontade de abrir un espazo de reflexión compartida arredor do papel que desempeña a cultura nun contexto marcado pola aceleración tecnolóxica, a crecente dixitalización da vida cotiá e a sensación de exposición permanente que caracteriza as sociedades contemporáneas. “Sociedades da vixilancia” é o titulo desta xornada inaugural que analiza, da man de especialistas como Marta Peirano, o papel da cultura fronte ás lóxicas de control e monitorización. A sesión pode seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.
01/06/2026
01/06/2026
O 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente. Con motivo desta efeméride, o Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Asociación Ecoloxista Galega (ADEGA), celebra este luns, ás 16:40 horas, na sede do CCG, unha sesión na que se presentará un novo módulo de historia desta asociación ecoloxista. A continuación, terá lugar un debate arredor do movemento ecoloxista e dos novos e complexos problemas ambientais. O debate poderá seguirse en directo a través da web do CCG e da súa canle de YouTube.
29/05/2026
Pancartas, fotografías, publicacións, cartaces, obxectos, accións simbólicas e materiais documentais permiten reconstruír as principais loitas feministas desenvolvidas en Galicia desde os anos setenta ata a actualidade. Conforman o relato discursivo de Eu tamén navegar. As ondas do feminismo galego, o novo proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG). A mostra conmemora medio século de feminismo organizado en Galicia e propón unha reflexión sobre a fonda pegada social, política e cultural do movemento feminista no país. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana; máis Montse Fajardo e Carme Adán, comisarias da mostra, inauguraron na tarde deste venres a mostra, que se poderá visitar no Claustro Alto do Colexio de Fonseca en Santiago ata o vindeiro 9 de xullo.
28/05/2026
“Eu tamén navegar” é o lema co que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismo (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora medio século de feminismo organizado en Galicia e reflexiona sobre a súa pegada social, política e cultural. Faino a través de dúas actividades que arrincan este venres en Santiago de Compostela. Pola mañá ábrese o congreso “Eu tamén navegar. Cincuenta anos de feminismo galego” que reunirá en varios espazos da cidade a investigadoras, escritoras, docentes, activistas, xornalistas e representantes do movemento feminista galego para analizar as distintas etapas, debates e transformacións producidas desde os anos setenta ata a actualidade. O congreso, que inaugura a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto con María Xosé Agra e Carme Adán, pode seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución. Pola tarde terá lugar a inauguración da exposición “Eu tamén navegar. As ondas do feminismo galego” que visibiliza materiais de diferente tipo producidos e xerados por este movemento ao longo da súa traxectoria.
28/05/2026
Entre outubro do 1921 e xaneiro de 1922, un grupo de emigrantes naturais do concello lugués de Abadín decidiron crear na Habana unha asociación, seguindo o modelo de moitos emigrantes que foron creando sociedades alén mar nas primeiras décadas do século XX. Chamáronse “Hijos del ayuntamiento de Abadín” e máis dun século despois continúa activa. Material desa sociedade sóbese hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG). Un material para por en valor estes fondos documentais e ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.
27/05/2026
Dolores Vilavedra (Vigo, 1963), catedrática de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi elixida esta tarde presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) por unanimidade. Vilavedra formaba parte do Plenario como representante do Instituto da Lingua Galega e releva a Rosario Álvarez tras a fin do seu mandato. Na sesión tomaron posesión os novos membros: Eduardo Corbelle, Ramón Nicolás, Susana Reboreda e a nova reitora da USC, Rosa Crujeiras.
25/05/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu a presentación da edición facsimilar do libro Árbol de Julio José Casal (Montevideo, 1889 -1954). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou no acto a figura de Julio José “que chega a Galicia como cónsul e desenvolve un labor extrarodinario como promotor da revista Alfar que é unha xoia mire por onde se mire”. Unha idea na que tamén afondou Ramiro Rodríguez Bausero, cónsul xeral do Uruguai. Pablo Eguren, neto do poeta, leu varios dos poemas da obra, que vén de cumprir 100 anos da súa saída ao prelo; Pilar Cagiao, historiadora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), situou a acción de Casal no marco da actividade cultural desenvolvida desde os equipos consulares e, nomeadamente, nos vínculos entre Galicia e Uruguai.
21/05/2026
“A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende poñer en valor o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta. O proxecto continúa a súa itinerancia este venres, 22 de maio, no Edificio Multiusos de Rois. A mostra ábrese cunha sesión de relatorios (18:00horas) arredor dos usos e das técnicas deste instrumento e a transmisión usando como exemplo as pandeireteiras de Rois. Despois, Rosario Álvarez, presidenta do CCG; o alcalde de Rois, Ramón Tojo; máis os comisarios da exposición, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, inaugurarán a mostra que se pode visitar ata o 11 de xuño.
21/05/2026
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, unha selección de exemplares da revista Vida Gallega, publicación editada na Habana entre 1938 e 1954 pola Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia de Cuba.
18/05/2026
O Centro Social A Nubeira de Vigo acollerá mañá martes, 19 de maio (17:00 horas) o terceiro dos encontros participativos centrados nas migracións e nos dereitos culturais, organizado pola Comisión Técnica da Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) no marco do programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz”. Trátase dunha xornada de reflexión e traballo colectivo que reunirá máis de trinta persoas e proxectos culturais, artísticos, sociais e institucionais vinculados ás migracións e á interculturalidade da provincia de Pontevedra. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; unha das coordinadoras da sesión, Marián Fernández; máis a concelleira de Benestar Social, Yolanda Aguiar, inaugurarán esta sesión de traballo pechada ao público.
17/05/2026
“Festexamos a vida e a obra de Begoña Caamaño, pero tamén a todas as mulleres indómitas: ás que abriron camiños, ás que decidiron o seu destino, ás que resisten e ás que veñen detrás”, apuntou Paula Cabaleiro, secretaria do Consello da Cultura Galega (CCG), na apertura da 16ª edición do Concerto das Letras Galegas. O Auditorio Mar de Vigo acolleu esta proposta musical organizada polo Consello da Cultura Galega, co apoio do Concello de Vigo, e interpretada por Uxía, que reuniu sobre o escenario máis dunha ducia de artistas para render homenaxe á escritora Begoña Caamaño e ás mulleres libres, rebeldes e creadoras que atravesan a súa obra. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto con membros da familia da homenaxeada e unha ampla representación da cultura e da sociedade viguesa, asistiron a esta proposta, antesala do Día das Letras Galegas. O concerto poderá verse tamén este 17 de maio na G2 da Televisión de Galicia.
15/05/2026
Wöyza, Su Garrido Pombo, Raquel Domínguez, Quim Fariña, As Mosas, Malvela, Margarida Mariño mais as nenas do CEIP de Petelos (Alba Alonso, Alba Lago, Adela, Ariana, Martina e Carla) acompañarán a Uxía no escenario do Auditorio do Mar de Vigo (sábado 16, 20:30 horas) na 16ª edición do Concerto das Letras Galegas. Organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello de Vigo, esta proposta percorre a traxectoria literaria de Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras Galegas, pero tamén os seus gustos musicais. O concerto, de entrada libre e gratuíta, poderá seguirse en directo a través da web do CCG e o Día da Letras na G2 da Televisión de Galicia, no marco da programación do Día das Letras Galegas.
13/05/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Associação Portuguesa dos Jardins Históricos (AJH) estableceron este martes en Compostela as bases para impulsar unha colaboración galego-portuguesa para fixar estratexias de protección e promoción dos xardíns históricos. Entre as primeiras medidas acordadas figura a celebración dun encontro anual, a elaboración dunha axenda común de traballo e o deseño de iniciativas compartidas como a conexión entre as rutas existentes, o desenvolvemento de proxectos de investigación e o intercambio de modelos sostibles de xestión.
12/05/2026
O vindeiro 22 de maio conmemórase o Día Internacional da Diversidade Biolóxica. Unha efeméride que centra a nova entrega de “Proxector”, iniciativa de divulgación en galego que promove o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha ducia de vídeos que reflexionan sobre o concepto de diversidade ao tempo que convidan a coñecer mellor o patrimonio natural galego: Porta de Lobios, o Parque Natural das Illas Atlánticas de Galicia, a ribeira do río Mandeo, a contorna da Torre de Hércules ou as microrreservas de flora de Fisterra.
11/05/2026
“O algoritmo non xoga nin a favor da ciencia nin do galego” asegura Manuel Vicente, coordinador xunto con Iolanda Casal do Documento de Traballo “A divulgación científica en Galego nas redes sociais”. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a anterior coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, Elena Vázquez Cendón, máis os dous autores presentaron o estudo que constata un devalo da proxección e difusión de ciencia en galego nun contexto en que as evolución das redes esixe un maior esforzo de produción. O documento, de carácter propositivo, sintetiza 15 ideas para mellorar a situación e que demanda máis recursos e o impulso de colaboracións con perfís de gran potencial comunicativo. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web da institución.
06/05/2026
A nova sesión do ciclo “Pensarmos”, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves 7 de maio (na sede da institución, ás 18:00 horas) convida a unha reflexión sobre as guerras actuais da man do escritor e pensador Carlos Taibo (Madrid, 1956). Baixo o título “A guerra como elección” ofrecerá unha intervención en formato diálogado con Celia Pereira, coordinadora do ciclo e tamén da Sección. A xornada poderá seguirse en directo desde o web institucional e a súa canle de YouTube.
04/05/2026
O uso turístico masificado está provocando danos na autenticidade e na integridade do noso patrimonio cultural e natural. Dende os diferentes trazados do Camiño de Santiago ata a praia das Catedrais, pasando polos Entroido en Xinzo son algúns exemplos de patrimonio. A quinta sesión dos “Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural” que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais convida a profesionais de diferentes ámbitos para propor ferramentas e medidas de control dos fluxos turísticos sobre o territorio, de modo que se garanta a súa conservación. Os encontros ábrense martes 5 (17:00 horas) cunha intervención de Ana María Salem, especialista en planificación e ordenación do territorio. Seguirán mércores 6 (17:00 horas) cun debate a cargo de profesionais que traballan no ámbito galego sobre este asunto. A cita, coordinada por Teresa Nieto, Rebeca Blanco-Rotea e Carlos Amoedo, é presencial e pode seguirse en directo a través do web do CCG e a súa canle de YouTube.
30/04/2026
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer a disposición da cidadanía diferentes actas da sociedade venezolana “Hermandad Gallega de Venezuela”. Concretamente as que fan referencia á creación do Colexio Castelao, un referente da emigración galega que continúa activo. Este material difúndese no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que ten como obxectivo poñer en valor estes fondos documentais para ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.
28/04/2026
O papel de liderado das mulleres na Idade Media foi máis complexo, diverso e relevante do que transmiten as fontes convencionais. “As fontes narrativas borraron sistematicamente os perfís e as figuras das mulleres”, apuntou a profesora Nora Berend, da University of Cambridge, no marco da xornada “Liderado feminino na Idade Media: os diálogos de Urraca” que se desenvolveu este martes no Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta CCG, Rosario Álvarez, abriu a sesión xunto con Simon Doubleday e Diana Pelaz, situando o debate no ronsel da celebración do noveno centenario da morte da raíña Urraca, conmemorado o pasado mes de marzo. “Urraca ten a capacidade de impresionar a todo o mundo, traspasando os límites da historia e detrás dela viñeron moitas outras que quedaron agochadas”, sinalou Diana Pelaz.
27/04/2026
Especialistas recoñecidas como Nora Berend, Therese Martin ou Janna Bianchini participan este martes 28 (a partir das 10:00 horas) na xornada “Liderado feminino na Idade Media: os diálogos de Urraca” que oganiza o Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada por Simon R. Doubleday e Mariña Bemúdez, toma como punto de partida a figura de Urraca I de León, raíña de Galicia, León e Castela, para reconsiderar o peso social, cultural e político dunha serie de mulleres na Europa medieval. A presidenta, Rosario Álvarez, xunto con Simon Doubleday e Diana Pelaz, abren esta xornada presencial que se pode seguir en directo desde o web e canle de YouTube da institución.
27/04/2026
A Sección de Arte e Creación Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) acaban de relanzar Atalaia, unha plataforma web da creación contemporánea galega. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Paula Cabaleiro; o coordinador editorial do proxecto, Rosendo Cid; e o responsable da Unidade de Divulgación e Contidos Dixitais do CCG, Manuel Gago, presentaron a nota etapa deste proxecto que, en palabras de Paula Cabaleiro, “pretende ser de utilidade para a cidadanía, investigadores e creadores”. Ana Gesto, Andrea Costas, Carla Andrade, Jesús Madriñán e Soledad Penalta incorpóranse nesta nova etapa que inclúe tamén novos vídeos, revisión dos espazos e outros formatos de difusión para contribuír a dar a coñecer a plástica galega.
23/04/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou esta tarde unha sesión plenaria na que foron elixidos os novos membros cos que se completa a renovación do Pleno. Eduardo Corbelle (Santiago, 1979), Ramón Nicolás (Vigo, 1966) e Susana Reboreda (Vigo, 1962) entran no pleno mentres que recuncan no posto Alejo Amoedo (Redondela, 1966), Celia Pereira (Rotterdam, 1971) e Cristina Domínguez (Pontevedra, 1965). Anúnciase a apertura do prazo de presentación de candidaturas para a renovación de Presidencia, dado que Rosario Álvarez non continuará por cumprir o tempo máximo de permanencia. A elección terá lugar o mércores 27 de maio. Ademais, fíxose balance de actividade do primeiro trimestre da institución no que se realizaron 27 actividades, 8 informes, dúas publicacións e sete exposicións en nove itinerancias.
21/04/2026
O Kiosko Alfonso da Coruña será escenario do segundo dos encontros participativos centrados nas migracións e nos dereitos culturais, organizado pola Comisión Técnica da Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) no marco do programa “Migracións e Dereitos Culturais. Comunicación e Cultura de Paz”. Este escoitadoiro forma parte dun ciclo de catro encontros provinciais máis unha xornada final que buscan afondar, desde a escoita activa e o diálogo horizontal, na realidade cultural das comunidades migrantes en Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; o director da Área de Cultura do Concello da Coruña, Uxío Novo; máis a concelleira de Benestar social, Nereida María Canosa Domínguez, inaugurarán esta sesión pechada ao público.
17/04/2026
Un obradoiro dirixido a público familiar, dúas visitas guiadas e a presentación dun catálogo complementan o relato da mostra Emigrantas. Emerxer do silencio, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración do concello da Coruña. A exposición, que pecha as súas portas o vindeiro 3 de maio no Kiosco Alfonso, desenvolverá nas vindeiras semanas un completo programa de actividades paralelas dirixidas a público familiar e xeral co obxectivo de afondar nos contidos da mostra desde unha perspectiva participativa e de mediación cultural.
17/04/2026
A sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o luns, 20 de abril (a partir das 10:30 horas) a xornada “Corenta anos de voces e pantallas multiplicando o galego: e agora que?” coordinada por Benigno Fernández Salgado e Ana Luna Alonso. Figuras relevantes da dobraxe como Luís Iglesia, Charo Perna, Miguel Pernas, Antón Dobao, Paulino Novo, entre outros, reflexionan sobre a traxectoria da dobraxe e o uso do galego nos medios públicos, pero tamén sobre as necesidades de futuro: políticas lingüísticas máis asentadas, profesionais con recursos, modelos de produción creativos e unha aposta decidida pola diversidade lingüística e cultural. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.
17/04/2026
Os cineastas Jorge Coira, Jaione Camborda e Anxos Fazáns, representantes de tres xeracións do audiovisual galego, protagonizaron unha das conversas centrais das “II Xornadas Cine e educación: olladas para compartir”, celebradas no Consello da Cultura Galega (CCG), na que puxeron o foco na formación, o acceso ao cinema e a necesidade de construír unha mirada crítica desde as aulas. Na inauguración da sesión, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou a importancia de “consolidar espazos de encontro que permitan afondar na relación entre cinema e educación máis alá dos marcos tradicionais”. Pola súa banda, José Manuel Sande, coorganizador da xornada xunto con Ana Moreiras e Beli Martínez, incidiu na necesidade de construír novas formas de aproximación ao audiovisual, afastadas dos modelos tradicionais de ensino e apostando pola creación de novos públicos e pola alfabetización audiovisual.
16/04/2026
Galicia foi a publicación semanal editada pola Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina como continuación da cabeceira El Despertar Gallego. A cabeceira, do que xa puxeron en rede un centenar de números dos primeiros anos suma agora outros 155 exemplares. A incorporación destes fondos faise no marco do “Repertorio da prensa da emigración galega”, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG).
16/04/2026
“Olladas para comprender” é o título da xornada coa que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Asociación Cultural Olloboi e AO NORTE - Associação de Produção e Animação Audiovisual amosan este venres 17 de abril (a partir das 10:00 horas) experiencias singulares que empregan o cinema como ferramenta pedagóxica. Unha conversa entre os directores Jorge Coira, Jaione Camborda e Anxos Fazáns abre esta sesión coordinada por Beli Martínez, Ana Moreiras e José Manuel Sande. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta sesión que se pode seguir en directo desde o web institucional e a canle de YouTube.
14/04/2026
A entrega de abril de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega que elabora o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunta dúas efemérides – o Día das Artes Galegas e o Día Mundial da Arte-, para achegarse ás artes plásticas e visuais. Baixo o título “A arte ten a súa ciencia. Ollada ás artes plásticas e visuais” escólmanse unha ducia de vídeos sobre diferentes disciplinas artísticas pero tamén para amosar que pode ser unha ferramenta de divulgación do coñecemento científico.
10/04/2026
Este venres, 10 de abril, cúmprense 50 anos do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888–1976), profesor, ensaísta, novelista, xeógrafo e xornalista, e unha das figuras máis completas e influentes da cultura galega. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra con novos materiais arredor da figura do polígrafo ourensán. Hoxe póñense na rede seis rexistros sonoros inéditos preservados no Arquivo Sonoro de Galicia que recollen intervencións do autor durante a súa viaxe que realizou en 1959 convidado polo Centro Galego de Bos Aires.


