A través da presente publicación o Consello da Cultura Galega intenta achegarnos a un dos mellores músicos da nosa contemporaneidade.
Ata o momento non existía unha biografía tan ampla de José Baldomir e menos un estudo completo da súa obra. Margarita Viso fai unha investigación exhaustiva presentando neste libro en orde cronolóxica os datos xa coñecidos e os extraídos de arquivos e das hemerotecas dixitais, tratando de tecer algunhas consideracións de diversa índole acerca da vida e da obra do compositor.
Coméntanse todas as obras de Baldomir localizadas hoxe en día, se ben esta publicación céntrase nas melodías galegas de Baldomir, xénero que el levou ao máximo nivel artístico e que alcanzaron unha difusión universal na súa época, perdurando na memoria colectiva a través do tempo. Esta transcendencia, xunto coa doutras obras como Negra Sombra de Montes, Un adiós a Mariquiña e Cantiga de Chané ou a Alborada de Veiga, entre unha infinidade de títulos máis, fai delas o emblema musical de Galicia.
Esta foi a razón principal que conduciu á autora, como ela mesma explica nestas páxinas, a centrar esta edición nas súas melodías galegas exclusivamente, co fin de restablecer o acceso público a elas, do que careciamos desde que en 1985 pechou Puig y Ramos, sucesores de Canuto Berea.
Preséntase nesta obra a integridade das nove cancións publicadas por Canuto Berea y Compañía, a publicada anteriormente por A. Romero (O últemo adiós) e as que chegaron a nós en autógrafo. Como anexos danse as variantes dalgunhas delas e as conservadas en manuscritos.
Polo que respecta á orde en que se presentan as melodías galegas de Baldomir neste libro, seguiuse a orde cronolóxica que dan as fontes, que non ten por que corresponderse necesariamente coa orde cronolóxica de composición.
Título Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez
Autoría Margarita Viso
Limiar María Pilar García Negro
Música. Composición José Baldomir
Obxecto de estudo José Baldomir
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2018
Edición 1ª edición
Descrición física 231 p.: br.e n., il.; 30 cm.
Notas Partituras: p.156-214
ISBN 978-84-92923-91-5
Depósito Legal C 619-2018
Url externa Catálogo RBG
Colección Autores & textos
Materias
Áreas
Código QR