A cultura galega alén mar
A necesidade de sobrevivir cunha personalidade propia fai precisa a reivindicación dunha identidade cultural galega fronte ao crisol de culturas asentadas en América.A difusión e defensa da cultura galega, tanto en América como en Galicia, pasa a ser un obxectivo prioritario para moitas das entidades de emigrantes. O envío de remesas de cartos para homenaxear a grandes figuras da nosa literatura, da nosa música, mesmo para axudas puntuais en caso de necesidade ou para fomentar a creación e mantemento de institucións culturais en Galicia como a Real Academia Galega ou a Universidade galega, é de todos e todas coñecido. Tamén dende América se impulsan e apoian iniciativas de carácter galeguista como as Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos.
Danse a coñecer ou publícanse as obras literarias nacidas no Rexurdimento: Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal pasan a ser símbolos da patria; e mesmo numerosas asociacións de emigrantes van tomar o seu nome como homenaxe. E, ao tempo, algunhas das figuras máis destacadas da nosa cultura, como Curros, Ramón Cabanillas, Roberto Blanco Torres, Antón Villar Ponte, Eduardo Blanco-Amor, Ramón Suárez Picallo, entre outros, viviron en primeira persoa o proceso migratorio, e será en América onde crean e publican a súa obra.
Tras a Guerra Civil, América, coa chegada do exilio, convértese no baluarte cultural galego. Mentres Galicia estaba reprimida polo réxime franquista, obrigada ao silencio, as manifestacións culturais en galego frutifican en América –revistas, xornais, audicións de radio, editoriais, compañías de teatro, exposicións de arte, cine...–, o que provoca un renacemento da nosa cultura a partir dos anos 50. Figuras como Luís Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Manuel Meilán ou Lois Tobío vertebran a produción artística e cultural deses anos e inflúen nas novas xeracións.
Neste especial presentamos algunhas das iniciativas culturais que se fixeron dende América por e para a Galicia.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


