O galeguismo en América
Unha das características da colectividade emigrante galega foi a creación dun imaxinario colectivo e dunha identidade propia e definida. Os primeiros centros galegos e as máis de catrocentas asociacións de ámbito local ou parroquial tiñan entre os seus obxectivos acadar o progreso de Galicia e preservar a identidade cultural galega nas novas sociedades cosmopolitas. Entre as súas iniciativas está a creación e pulo dos símbolos nacionais de Galicia ou a constitución da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega.A colectividade galega non permaneceu allea aos cambios políticos que acontecían na Galicia peninsular. O agrarismo, sobre todo tras a viaxe en 1913 do seu líder Basilio Álvarez a Cuba e a Arxentina, imponse no ideario de moitas das asociacións, que converten a loita anticaciquil e antiforal no seu referente ideolóxico.
A fundación da primeira Irmandade da Fala en 1916, que se considera como o xermolo do nacionalismo galego, ten unha importante repercusión alén mar. De América chegan cartos para a publicación de libros e folletos e para a organización de mitins a prol dunha nacionalidade propia, pero sobre todo para a constitución de asociacións cun marcado carácter galeguista. En Cuba créanse, entre outras, a Irmandade da Fala da Habana (1917), a Xuntanza Nazonalista Galega da Habana (1920) ou o Comité Revolucionario Arredista Galego (1921), liderado por Fuco Gómez. En Bos Aires destacan neses anos a Asociación Regionalista “A Terra” e a primeira Casa de Galicia. O galeguismo da Irmandade da Fala na Arxentina significou a aparición dunha nova xeración de activistas políticos e intelectuais que serán o foco de inspiración do futuro político da colectividade emigrada: Eduardo Blanco-Amor, Ramiro Isla Couto, Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Pedro Campos Couceiro, Lino Pérez… integran este núcleo galeguista. Todos eles forman parte da Irmandade Nacionalista Galega (1923) e da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales (FSGAyC) (1921), que apoiará economicamente as súas actividades de difusión política. Dende as páxinas da revista Céltiga (1924) e doutros xornais étnicos publícanse artigos que defenden a súa ideoloxía cunha gran repercusión.
Co remate da ditadura de Primo de Rivera hai unha reactivación da actividade política nacionalista. Fúndase na Coruña a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), que consegue unificar varias vertentes ideolóxicas nacionalistas e de esquerdas, e que axiña recibe apoios dende A Arxentina. A ORGA bonaerense, baixo o patrocinio da FSGAyC, realiza campañas de propaganda nas páxinas do seu voceiro Galicia a prol da República e do Estatuto de autonomía, e organiza numerosos actos para recadar fondos que enviar a Galicia. Moitas asociacións microterritoriais progresistas (como as de Meira, A Fonsagrada, Meaño, Salvaterra…) publican manifestos a favor da República e da autonomía de Galicia que mandan ás súas vilas de orixe. A participación dos emigrantes tivo o seu principal logro no envío dunha delegación para participar na campaña electoral ás Cortes constituíntes, que acadou un grande éxito que se viu reflectido na elección de Suárez Picallo como deputado.
A constitución do Partido Galeguista en decembro de 1931 recibiu o apoio de gran parte dos emigrantes de alén mar e tivo como eixe máis significativo a intensa campaña a prol do Estatuto e da autonomía de Galicia por todo o continente. O seu triunfo nas eleccións de 1936 foi acollido con grande entusiasmo. Tras o plebiscito do 28 de xuño de 1936, no que se aproba por maioría o Estatuto de Galicia, comezan os trámites para a súa presentación ante as Cortes, pero o estalido da Guerra Civil paraliza o proceso. A guerra tivo un grande impacto na colectividade galega, pois xerou unha forte división nela e unha importante loita polo control político das institucións representativas da emigración. Cómpre destacar as iniciativas de axuda aos refuxiados como precedente da importancia que terán as colectividades emigradas e exiliadas na actividade cultural e política durante a «longa noite de pedra» que se estaba a vivir na Península.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


