As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
Por moitos é coñecida a grande influencia que tivo Arxentina como país de acollida de milleiros de emigrantes galegos, ademais dun considerable número de exiliados que, desde a outra beira do océano, participaron activamente na propia configuración social e política de Galicia e axudaron a consolidar a nosa identidade cultural.Podemos observar como as estatísticas migratorias arxentinas proporcionan cifras asombrosas referidas ao volume de galegos e galegas que arribaron á terra porteña, ben temporalmente ou ben para permanecer nela o resto dos seus días. Entre 1857 e 1930 máis de dous millóns de españois chegaron a territorio arxentino e máis da metade eran naturais de Galicia. Na segunda vaga migratoria, entre 1946 e 1960, a cifra de galegos que chegaron ao país austral superaba os 100 000. Tras a súa chegada ao novo destino esperábaos unha ardua tarefa de procura de vivenda e traballo en terra descoñecida, o que os levaba a utilizar as redes de apoio e solidariedade constituídas por aqueles paisanos que simplemente se apresuraran máis aínda na súa aventura migratoria.
O asociacionismo étnico desempeñou un papel crucial na integración social dos e das emigrantes na sociedade de acollida e no exercicio da preservación da identidade cultural galega, en contraposición coa arxentina e coa doutras colectividades estranxeiras residentes no país. Os emigrantes galegos utilizaron todas as modalidades de procedencia territorial —rexional, provincial, comarcal, local e mesmo parroquial— á hora de crear asociacións étnicas espalladas polo territorio arxentino. Os obxectivos eran comúns aos do resto de entidades societarias alí creadas, é dicir, de beneficencia e de carácter mutualista, cultural, recreativo, deportivo etc. Este tipo de asociacións servían de guía aos que acababan de chegar e descubrían o mundo urbano, no que se vían multiplicadas as posibilidades de mobilidade social.
Nesta ocasión o especial está dedicado a aquelas sociedades de emigrantes que proliferaron en Arxentina como representantes dun partido xudicial, concello ou parroquia galegos, das que poñemos varios exemplos. Polo seu carácter microterritorial, este tipo de entidades sufrían, con certa frecuencia, procesos complicados de escisión e unión con outras homólogas. Moitas delas ingresaron na Federación de Sociedades Gallegas ou quedaron diluídas no Centro Galego de Bos Aires, segundo os seus intereses e ideais políticos. Ademais de procurar o benestar das súas comunidades de orixe, a maioría delas foron partícipes en proxectos de moita repercusión en Galicia, como a construción das primeiras escolas na súa parroquia, cemiterios, lavadoiros públicos etc.
Foi notoria tamén a participación das asociacións microterritoriais nas iniciativas de carácter político, como a campaña solidaria pola defensa da España republicana, o apoio a refuxiados etc. A distancia oceánica non impediu que diversos avances chegasen ao seu destino. O asociacionismo microterritorial tivo partidarios e detractores, pois tamén foi tachado de «pauperismo minifundista» polos que pedían o «apartamiento de las cosas menudas y finalidades sin trascendencia». De calquera xeito, non hai dúbida sobre a súa importancia e transcendencia como axentes que marcaron parte da historia da emigración galega en Arxentina.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


