150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
Neste ano celébrase o 150 aniversario fundacional da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia da Habana. O Consello da Cultura Galega, con este especial, quere conmemorar esta efeméride coa difusión de parte dos fondos documentais da sociedade que se conservan no AEG e poñer en valor o seu legado a prol da colectividade galega asentada en Cuba.A creación desta lonxeva entidade respondeu a unha crecente demanda e necesidade dos integrantes da colonia galega na illa, cada vez máis numerosa no último terzo do século XIX, que reclamaban unha solución para os milleiros de emigrantes que, por problemas de saúde ou de falta de traballo e recursos económicos, se vían abocados á indixencia e ao desamparo. Para evitar que se convertesen nun problema de orde pública ou que quedasen no máis completo abandono, un pequeno grupo de emigrantes de gran renome no sector das finanzas, o comercio ou a empresa, secundados por numerosos compatriotas solidarios, decidiu agruparse e crear unha sociedade benéfica seguindo o exemplo da colectividade catalá, que en 1840 creara a Sociedad de Beneficencia Catalana.
Así, o 31 de decembro de 1871 fundouse a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (en diante SBNG). No seu primeiro regulamento definíase como unha institución benéfica, caritativa, protectora e asistencial, con tres prioridades básicas: socorrer con doazóns mensuais os paisanos galegos desvalidos e que estaban sen traballo, facilitarlles asistencia sanitaria en caso de enfermidade e asumir a repatriación para os que tivesen que retornar. Co paso do tempo as súas actividades iranse ampliando no campo cultural e de axuda mutua, sendo moi importante a construción dun gran panteón no cemiterio Colón da capital cubana, onde descansan miles de socios da entidade.
Os fundadores pretendían tamén dignificar o papel dos galegos e galegas na illa ante os cubanos e os emigrantes doutras nacionalidades. Comezan, así, a reivindicar a cultura galega como algo distintivo, organizando festivais de música, conferencias e homenaxes a grandes escritoras como Rosalía de Castro, Virginia Felicia Aubert ou Juana Mª de Vega, ás que nomearon como socias de honra da sociedade. Anualmente, cada 25 de xullo, celebraban a festividade do Día de Galicia cunha gran festa e un desfile polas rúas habaneiras.
Ao longo do século XX o prestixio da entidade mantívose na colectividade. A SBNG estivo moi vinculada ao Centro Galego da Habana, en cuxo palacio dende 1922 pasou a ocupar un despacho, onde aínda hoxe atende, na medida das súas posibilidades, as necesidades dos e das socias. As circunstancias tras a revolución cubana cambiaron e os seus bens foron expropiados, pero a entidade permaneceu activa, conservando e xestionando o panteón social e mantendo a chama de Galicia nas súas actividades.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


