As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
A creación de asociacións étnicas de diversa tipoloxía (mutualistas, benéficas, recreativas, instrutivas, agraristas…) vén dada pola solidariedade e empatía dos e das nosas emigrantes, sobre todo cos compatriotas máis desfavorecidos, fronte ás adversidades que atopaban nos países de acollida. A partir do último terzo do século XIX, alén da fundación dos grandes centros asistenciais e benéficos, comezan a aparecer na prensa da colectividade noticias e anuncios de grupos de veciños asentados alén mar que solicitaban axuda e apoio en forma de subscricións económicas a prol da súa localidade natal. Fomentábase así a unión da emigración orixinaria dun determinado lugar, parroquia, municipio ou comarca para enviar remesas coas que cubrir necesidades puntuais ou mellorar algúns aspectos da vida cotiá dos seus paisanos.Nas primeiras décadas do século XX prodúcese a eclosión do movemento asociativo galego en todos os países de acollida, especialmente en Arxentina e na illa de Cuba. A primeira sociedade de ámbito local constituída como tal foi a Alianza Aresana de Instrucción, fundada na Habana en 1904. O seu exemplo espallouse axiña e, así, foise establecendo unha mesta rede de asociacións microterritoriais baixo as denominacións «Hijos de» ou «Naturales de», co obxectivo principal de mellorar as condicións de vida da veciñanza e familiares que quedaran aquí. Querían fomentar o progreso do terruño e para iso dedicáronse a construír e manter centros de ensino, promover melloras na atención sanitaria ou nas redes de comunicación e saneamento…, sen esquecer o apoio ao agrarismo e á loita anticaciquil. Nos países de acollida a axuda mutua entre socios e socias, as actividades recreativas e a defensa da cultura e da identidade galegas tamén tiveron unha ampla cobertura.
Este novo especial de Historias de ida e volta amosa algúns dos fitos acadados por estas asociacións creadas en Cuba. O Arquivo da Emigración Galega (AEG) ten contabilizadas preto de 200 sociedades de ámbito local fundadas na illa principalmente entre 1904 e 1918, o que nos dá idea da súa relevancia. Hoxe en día 43 destas asociacións continúan a traballar a prol dos seus socios, unidas baixo a denominación de Agrupación de Sociedades Representativas de Municipios y Parroquias de Galicia. Algunhas manteñen a súa propia singularidade, como é o caso de Naturales de Ortigueira, Monterroso y Antas de Ulla ou La Aurora de Somozas. Todas elas contan co recoñecemento da galeguidade outorgado pola Xunta de Galicia.
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, leva realizado numerosas actividades de difusión da memoria histórica deste fenómeno, como a organización das exposicións Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración ou Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia. Dende a súa creación, unha das prioridades do AEG é a recuperación e salvagarda da documentación xerada por estas asociacións (libros de actas, regulamentos e estatutos, fotografías sociais, folletos e publicacións periódicas…), que nos permite estudar e dar a coñecer todo o seu legado. Gran parte destes fondos están dixitalizados e poden ser consultados, ben de maneira presencial, ben na nosa páxina web.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


