Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
A crise económica de 1929 marca o punto final da emigración masiva cara a América. Tras a Guerra Civil e a pesar das medidas restritivas do réxime franquista, comezan de novo as saídas cara ao continente americano grazas á reactivación das cadeas e as redes migratorias existentes nos países tradicionais de acollida.Isto obriga a que en 1946 o Goberno poña de novo en vigor a Lei de emigración de 1924. Nesta fase convive unha emigración de chamada xunto cunha emigración asistida e organizada en función das normas emanadas de organismos internacionais como o Comité Internacional para as Migracións Europeas (CIME) e as necesidades de man de obra dos países receptores, cos que se asinan convenios bilaterais.
Na década dos 50 e 60, catro países absorben a gran maioría dos e das emigrantes galegas cara a América: Arxentina, Uruguai, Brasil e Venezuela. Estes países vivían un momento de crecemento económico e de desenvolvemento industrial que demandaba obreiros cualificados e técnicos especializados, na construción e nas obras de infraestruturas, e traballadores agrícolas. Activouse así unha política selectiva que só permitía entrar nos países a todo aquel que fose reclamado ou levase un contrato de traballo. Numerosos familiares e veciños asentados alí envían cartas de chamada ou contratos laborais, facilitando, deste xeito, todo o proceso burocrático para poder emigrar. Nestas décadas, aínda que continúa o predominio da emigración masculina, hai un aumento considerable da feminina, resultado da política de reagrupación familiar.
Cómpre destacar a importancia de Venezuela como un novo destino a causa do seu rápido crecemento económico, baseado na explotación e exportación das súas grandes reservas petrolíferas, que estimulou a expansión doutras actividades industriais, a construción de infraestruturas e o desenvolvemento do sector servizos.
Nos anos finais deste período aparecen novos destinos en Europa (Alemaña, Francia, Suíza ou Inglaterra), que acabarán por convertese nunha nova realidade migratoria para os galegos e galegas, pero este proceso será analizado noutro especial.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


