O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
Na serie de especiais de Historias de ida e volta que vimos desenvolvendo desde o Arquivo da Emigración Galega (AEG), presentamos a continuación a vixésima entrega, dedicada á figura de Pedro Murias, emigrante destacado pola súa acción filantrópica no eido educativo, que repercutiu directamente sobre a súa comunidade de orixe e que segue vixente no tempo.Fillo do matrimonio formado por Xoán e Casimira, Pedro Murias y Rodríguez naceu o 20 de maio de 1840, na parroquia da Devesa, concello de Ribadeo (Lugo). Coma tantos outros galegos, emigrou a América con tan só 16 anos de idade. Cuba sería o destino elixido, no que lle esperaba un futuro próspero e florecente. Alí descubriu un mundo cheo de posibilidades, que lle permitiron desenvolver o seu talento como home de negocios, e mesmo chegou a ser unha figura distinguida no sector da industria do tabaco, un dos motores máis importantes da economía da illa. Se atendemos aos seus inicios, vemos que foron comúns ao resto dos emigrantes galegos procedentes de familias humildes, que seguían os pasos dalgúns familiares predecesores na aventura migratoria.
A súa vida, coma un lenzo en branco, foise enchendo de coñecementos e experiencias que nada tiñan que ver coas anteriormente vividas no seu lugar de orixe. Na Habana iniciouse no mundo tabaqueiro como aprendiz de oficio nos “chinchales” ‒talleres artesáns con poucos operarios‒, ata se converter nun experto torcedor de tabaco. Durante os anos oitenta do século XIX, na capital había máis de cen establecementos comerciais de tabaco e cigarros, con marcas acreditadas a nivel internacional. Pedro Murias chegou a ser fabricante e propietario de varias desas marcas, que formarían parte da gran manufactura de exportación por excelencia (La Meridiana, La Devesa, Pedro Murias etc.). Ademais de ser propietario de grandes extensións de terra dedicadas ao cultivo de tabaco, minas de ferro e cría de gando, Pedro Murias diversificou os seus investimentos en diferentes sectores como, por exemplo, o transporte marítimo costeiro, o ferrocarril, inmobiliario, fabricación de cervexa e xeo, prensa e actividades financeiras vinculadas cos seguros e a banca.
A figura de Pedro Murias non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado deixado na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino pioneiro, co claro obxectivo de achegar o adianto agrícola a toda a comunidade. Trátase dunha escola que levaría o seu nome, Escola Agrícola Pedro Murias. A parte do seu capital hereditario destinada á construción da dita escola consta, con todo detalle, no testamento pechado outorgado con data do 22 de maio de 1892. Este adiñeirado benfeitor devesán faleceu na Habana o 9 de novembro de 1906, solteiro e sen descendencia directa.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


