A literatura galega da posguerra en Ámerica
Este ano o Día das Letras Galegas está dedicado ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. A súa condición de galeguista e de exiliado en México foi determinante na súa obra. Coma el, moitos e moitas galegas, escritores, xornalistas, poetas, mestres, artistas... tiveron que fuxir da represión durante a Guerra Civil e tras a derrota da República. Como homenaxe a todos eles, este especial mostra algunhas das obras máis destacadas da nosa literatura creada e/ou editada no continente americano.Na posguerra a literatura galega mantívose vixente grazas á colectividade emigrada e aos intelectuais exiliados que conseguiron acubillo alén mar. Bos Aires converteuse no principal centro da actividade editorial en galego e as e os escritores e poetas galegos alí asentados difundiron as súas ideas de loita a prol da defensa dos ideais republicanos e galeguistas nas revistas e libros que se publicaban. Un dos seus referentes foi Luís Seoane, que destacou pola súa actividade emprendedora na creación de editoriais e na publicación de varias revistas como Galicia Emigrante. Traballou, xunto con outros exiliados como Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste, José Otero Espasandín, Xosé Núñez Búa, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos ou Ramón Suárez Picallo, na defensa e afirmación da identidade cultural galega. Contaron co apoio da colectividade emigrada como Ramón Rey Baltar, Eduardo Blanco-Amor, Emilio Pita, Manoel D. Varela Buxán, Antón Zapata, Avelino Díaz e tantos outros, que contribuíron nesta tarefa coas súas obras e o seu compromiso. Tamén hai que destacar a grande influencia que tiveron Castelao e a súa obra como símbolo e guieiro do galeguismo tras a guerra.
Outro foco cultural galego de relevo deuse en México, arredor da Irmandade Galeguista e o grupo Saudade, que editou a revista homónima. Destacaron polo seu labor cultural os poetas Florencio Delgado Gurriarán, Ramón Cabanillas e Luís Soto, que crearon, xunto co xornalista Ramiro Illa Couto, a revista Vieiros. En Montevideo instaláronse intelectuais de gran valía como Lois Tobío, Miguel Vázquez Valiño, Pedro Couceiro, Arturo Carril ou Eduardo Dieste, moitos deles participaron no Padroado da Cultura Galega, que realizou un destacado labor editorial. En Caracas pódese citar a Xosé Velo, Silvio Santiago ou Celso Emilio Ferreiro; na Habana, a Xerardo Álvarez Gallego ou Fuco Gómez, e nos Estados Unidos, a Ernesto Guerra da Cal, Ramón Martínez López, José Rubia Barcia e Emilio González López, por citar algúns dos máis coñecidos.
Co paso dos anos as relacións entre a Galicia do exterior e o grupo de intelectuais do chamado “exilio interior” vanse facendo máis estreitas e fluídas. Aínda que con diferenzas ideolóxicas, primou o interese na defensa da nosa cultura e a amizade de moitos deles. En América publicábanse obras en galego que estaban prohibidas ou censuradas aquí; dende alí chegaban remesas que impulsaban iniciativas culturais e publicacións de revistas e obras literarias.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


