Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
Este novo especial vai dedicado a difundir a corrente migración dos pescadores e mariñeiros da ría de Ares asentados na illa de Cuba desde mediados do século XIX. Os veciños de Redes, de Caamouco, da mesma vila de Ares e tamén de Mugardos, Narón, Miño… dominaron neste tempo o sector da pesca na badía da Habana e mesmo no golfo de México, traballando na frota pesqueira e no transporte de mercadorías e pasaxeiros, nos estaleiros ou en empresas subsidiarias do naval. Todos eles viviron e prosperaron co seu duro traballo no mar; os de maior éxito chegaron a ser propietarios de barcos ou a fundar empresas como a Compañía Cubana de Pesca y Navegación, S. A., que chegou a ser unha das máis importantes do sector na primeira metade do século XX.As cadeas migratorias foron o principal factor que posibilitou a emigración masiva dos naturais da comarca de Ferrol á illa. Funcionaron ademais como un mecanismo de inserción laboral que confluíu na construción de «economías étnicas», caracterizadas pola adscrición maioritaria dos traballadores dunha comarca ou dun concello a uns oficios ou negocios específicos que controlaron na economía cubana ata o triunfo da Revolución. Os emigrantes aresáns, unha vez instalados no país, grazas á chamada e apoio dos seus veciños e familiares, e convertidos xa en propietarios de barcos ou dun pequeno negocio, reclaman pola súa vez outros familiares e coñecidos, aos que axudan a instalarse e conseguir traballo. Así vemos como se repiten os apelidos Casteleiro, Vizoso, Bello, Amado, Cancela, Prego, Ríos, López, Martínez, Blanco, Naveiras, Deus, Veiga…
Estes homes, emigrados moi novos pero coñecedores xa das artes de pesca na súa terra natal, comezan a traballar para os seus paisanos nos viveiros que faenaban na badía habaneira e nas costas de Iucatán, Campeche ou Florida; instálanse no barrio habaneiro de Casa Blanca, no que chegou a existir un enclave de barracas chamado «O Peixiño», cuxo nome evoca a colonia galega que alí vivía. Aínda que a pesca foi o sector maioritario, tamén destacaron no comercio, na hostalería e na explotación do carbón.
Estes emigrantes, con maior ou menor éxito, non esqueceron as necesidades da súa terra. Foron pioneiros na creación de asociacións de ámbito local en Cuba, coa fundación en 1904 da Alianza Aresana de Instrucción, que tiña como obxectivo principal fundar escolas no seu concello de orixe e contribuír ás necesidades dos seus paisanos. Pódense ver algúns dos seus logros na web As Escolas da Emigración do Consello da Cultura Galega.
A súa memoria tamén a percibimos nas rúas das vilas e aldeas da comarca nas casas indianas construídas polos emigrantes retornados, algunhas das cales podemos admirar no especial do CCG Ares Indiano feito en colaboración co Concello de Ares. Con este nome celébrase alí unha festa cultural e lúdica, e xa van cinco edicións, que pretende poñer en valor e gozar do legado histórico dos emigrantes desta vila mariñeira. Non queremos rematar sen recoñecer o meritorio labor cultural e divulgativo da Agrupación Instrutiva de Caamouco e dun dos seus fundadores, Ernesto López Naveiras, alma mater da publicación de A Tenencia, revista de historia local senlleira na cultura galega.
- Os inicios do proceso migratorio: A viaxe
- Centro Galego da Habana. Presenza de Galicia en Cuba
- De Galicia a América: A chegada a un novo mundo
- Traballando en América
- Vida social e tempo de lecer
- Mulleres galegas na emigración
- As iniciativas educativas da emigración galega
- A cultura galega alén mar
- Novas realidades migratorias a América nos anos centrais do século XX
- O exilio galego
- No centenario da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina
- A emigración galega a Europa
- Outros destinos da emigración galega
- Galicia onde todo retorna
- 150º Aniversario da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia
- O navío Santa Maria e a Operación Dulcinea
- Memoria e voces femininas da diáspora galega
- O indiano José García Barbón e a súa acción filantrópica
- A literatura galega da posguerra en Ámerica
- O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
- 100º Aniversario da ABC del Partido de Corcubión
- Galegos na canle de Panamá, os mellores europeos da Silver Roll (1904-1914)
- Ares en Cuba: unha emigración mariñeira
- Galegos en Portugal: Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa
- A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto
- O labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Cuba
- As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina
- Voceiros da colectividade galega na emigracion
- A pegada indiana na Mariña lucense
- O indiano Fernando Blanco de Lema e a súa acción filantrópica
- A emigración galega nos Estados Unidos
- O galeguismo en América
- A pegada educativa da emigración galega en América
Galicia é un país no que a emigración é inherente ao devir da súa realidade social, económica, política e cultural. Trátase dun fenómeno que está moi imbricado na identidade dos galegos. Nestes especiais preténdese relatar o proceso migratorio. Difundir o noso pasado e presente como emigrantes é unha das tarefas do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Para iso, empregando todo tipo de documentación e fotografías que se custodian no arquivo, queremos dar a coñecer e poñer en valor o papel determinante que tiveron os emigrantes no desenvolvemento da nosa sociedade e da nosa cultura.
Arquivo da Emigración Galega (CCG)


